O sábado 16 de abril de 2022, ás 20:00, no Auditorio Municipal de Vilalba, terá lugar a proxección da película documental “A VIRXE ROXA”, de Marcos Nine, gañadora do Premio Mestre Mateo-2022 ao mellor documental.Esta é a segunda proxección das oito previstas correspondentes ás finalistas nos XX PREMIOS MESTRE MATEO, e que se irán proxectando ao longo do ano 2022, en senllos actos organizados polo Instituto de Estudos Chairegos colaborando nesta ocasión coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugoe co Concello de Vilalba.
A estrea será no Teatro Jofre este venres, 8 de abril, ás 20.30 h, e as entradas pódense adquirir na web ferrol.es/jofre
A compañía volve apostar pola mestura de teatro físico e danza en Alma de tigre, interpretada por María Torres, Pablo Sánchez, Julia Laport e Mario Domínguez
O director, Gonçalo Guerreiro, mergúllase nunha historia cotiá e universal para dar forma a un espectáculo onírico no que conviven o cómico e o tráxico
A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea mañá venres, 8 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica:Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. As entradas para o espectáculo, que comezará ás 20:30 horas, pódense mercar na web ferrol.es/jofre a un prezo de 5 €.
Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo. Mergúllanos nunha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.
A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro apuntalan esta nova creación de teatro sen palabras que parte da premisa de que a vida é un soño que se pode transformar, doadamente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable.
A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.
“Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.
Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.
O teatro físico e a danza, trazos singulares de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.
Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).
ELEFANTE ELEGANTE
Elefante Elegante é unha compañía de teatro de orixe galego-portugués que produce espectáculos visuais baseados na xestualidade e no movemento, tanto para público familiar coma público adulto. As súas creacións buscan a universalidade a través da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.
Gonçalo Guerreiro e María Torres iniciaron en Bélxica a súa andaina como proxecto experimental, no que formaban parte intérpretes de diferentes países europeos. A proposta baseábase no xogo corporal e na súa relación co espazo. Estes anos de investigación foron fundamentais para establecer as liñas actuais de traballo da compañía.
O obxectivo principal de Elefante Elegante é desenvolver unha linguaxe teatral propia que permita tratar cuestións sociais, existenciais e ambientais que determinan a vivencia humana. O seu labor foi recoñecido con varios Premios María Casares nos últimos anos polos seus espectáculos Dreaming Juliet, Patapatum, Danza da choiva,Kassa e Nuncabunga.
O vindeiro 29 de abril volven os grandes plans do Museo Estrella Galicia cunha experiencia única de música e cervexa da man de Leonor Watling e Alejandro Pelayo, cunha degustación a outro nivel a ritmo de jazz, pop e blues en directo
MEGA Museo Estrella Galicia presenta unha velada exclusiva na súa Sala de Degustación que combina gastronomía galega, música e cervexa, coa maridanza, ás 21.00h, de dúas variedades singulares de Estrella Galicia con mexilóns e empanada viaxeira e. a continuación, ás 21.45h, o concerto de Marlango
A apertura de portas realizarase ás 20.30h para que os asistentes poidan desfrutar maridanza exclusiva con dúas cervezas da casa. A primeira, a nosa favorita e todo un clásico, Estrella Galicia del Camino, acompañada de mexilóns de Galicia ao estilo belga. A segunda, unha novidosa variedade de Estrella Galicia, con empanada de cocido galego de Pablo Pizarro (si, a famosa Empanada Viaxeira). Ás 21.45h dará comezo o directo do dúo de culto que conforman Leonor Watling e Alejadro Palayo, a ritmo do mellor pop, jazz e blues da escena musical española.
A compañía Elefante Elegante convida aos medios a un pase gráfico de Alma de tigre previo á estrea absoluta deste venres en Ferrol.
Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, están ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico.
Data: xoves 7 de abril do 2022
Hora: 10.30 horas
Lugar: Teatro Jofre | Praza de Galicia, s/n – Ferrol
Acto: Pase gráfico da obra Alma de tigre de Elefante Elegante
Este sábado, día 9 de abril, á 17 horas, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes músicos, o guitarrista Virxilio da Silva e a acordeonista e voz Sonsoles Penadique.
Eles veñen estrear un espectáculo familiar (crianzas entre catro e doce anos), Café, Dorothé, co que poderemos cantar, bailar e xogar coas lindas cancións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth deixou escritas nos seus libros.
E cales eran esas cancións?
Aquelas que foi recollendo desde finais dos setenta por toda Galiza e que compoñen, coa colaboración de Antón Santamarina, a máis extensa e minuciosa compilación da música popular de tradición oral galega.
Pois ben, Virxilio e Sonsoles van presentar unhas versións moi persoais destas melodías do Cancioneiro Popular Galego, que Dorothé compilou e escribiu, para escoitar, facer e vivir a música en familia.
Rachel Carson (1907-1964) é unha das tantas autoras, esquecidas ou non tratadas co rigor que merece á súa obra, á que unha ten a sensación de chegar tarde. Así a todo, cómpre agradecer que unha editorial coma Catro Ventos, baixo a magnífica tradución de Patricia Buxán Outeiro, nos achegue na nosa lingua este ensaio, que se publicou por primeira vez, de maneira póstuma, en 1965.
O sentido do abraio toma como contexto o condado de Lincoln do estado de Maine, na zona de Southport, onde a bióloga construíu a súa cabana, preto do mar, nunha especie de refuxio para observar a natureza e escribir.
A priori, poderiamos considerar que o libro vai dirixido a familias e crianzas, xa que a propia Carson, impulsora do ecoloxismo moderno, sérvese da experiencia de aprendizaxe que realizou co seu sobriño Roger, fomentando a percepción, a observación e o gozo pola contorna natural. Porén, ao meu xuízo, diría que ninguén está excluído desta lectura, xa que se hai algo que podemos cultivar durante toda a vida é, precisamente, a curiosidade que nos vai encamiñando cara o sentido do abraio. En palabras da autora:
“O mundo dun pequeno é fresco, novo, fermoso, está cheo de sorpresa e entusiasmo. É unha desgraza que, na maioría de nós, esa visión lúcida, ese instinto natural que temos polo que é fermoso e impresionante, se debilite ou mesmo se perda antes de chegarmos á idade adulta. Se tivese cuña coa fada que supostamente está encargada de abeizoar todas as crianzas, pediríalle que escollese de agasallo para cada unha delas un sentido do abraio tan indestrutible que lles durase toda a vida, como un antídoto infalible contra o aborrecemento e o desencanto que han vir cos anos, contra a preocupación estéril por cousas que son artificiais, contra a alienación das orixes da nosa fortaleza”.
Nestas páxinas, Rachel Carson pon o foco, moi acertadamente, na importancia de acompañar e manter unha relación entre iguais coas nenas e nenos, despoxada de prexuízos, sen termos medo a evidenciar a nosa ignorancia e deixando fluír de xeito espontáneo a conversa –e o silencio-. Sen dúbida, escoller a inocencia entre as infinitas artimañas deste mundo fainos algomellores.
Lean, pois, e non deixen de abraiarse e celebrar a natureza.