O festival suma novas actividades paralelas á programación de concertos, nas que se inclúen o paseo ‘Illario Pantasma’, as conversas con integrantes da asociación Amarturmar ou o roteiro ‘Descubre San Simón’, un itinerario ideado para coñecer a memoria da illa
Sinsal ofrecerá ás asistentes de todas as idades participar no taller ‘Caderno de bitácora’, un obradoiro creativo para dialogar coa paisaxe e a historia de San Simón e que contará con dúas sesións cada xornada
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia segue a presentar as actividades paralelas á programación dos concertos do evento cultural, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo en San Simón e cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa. Tal e como vén sendo habitual nestes últimos anos, Sinsal ofrecerá toda unha amplia programación, enmarcada na liña Descubre San Simón, para dar a coñecer a memoria e patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago conformado polas illas de San Simón e Santo Antón. Roteiros, conversas e obradoiros para todas as idades e públicos formarán parte deste eixe.
O itinerario independente Descubre San Simón, que dá nome a esta liña de actividades, é un roteiro ideado por Sinsalaudio coa intención de divulgar a memoria do arquipélago entre as e os asistentes ao festival. A través de distintos paneis -elaborados con materiais sostibles e que se reutilizan en cada edición-, o roteiro dá a coñecer diferentes episodios da historia da illa. O itinerario conta con sete estacións, cada unha co seu panel correspondente e, a través dun código QR, o público pode consultar a información en galego, español e inglés. As estacións son A roca de San Simón, Proxecto Trobadores, A avenida de Teruel, A paisaxe de Alejo Yáñez Andrade, O aeroporto marítimo de San Simón, A conexión de San Simón e o Pórtico da Gloria e, por último, a engadida no 2024, que pon en relación as vivencias de dous membros dunha mesma familia: os éxitos do músico ponteareán Reveriano Soutullo coa crueldade e represión vivida polo escritor Diego San José de la Torre como preso en San Simón.
Durante as tres xornadas do Sinsal SON Estrella Galicia, o público asistente poderá participar (tanto o venres, coma o sábado ou domingo) no laboratorio Caderno de Bitácora, impartido polo taller vigués Arte & Garabato (dirixido por Cristina González Larriba). Estes obradoiros pretenden favorecer a exploración de linguaxes artísticas a través de espazos inclusivos e interxeracionais -ao ser unha actividade aberta a todas as idades, a partir dos 7 anos- á vez que fan uso de materiais recuperados e respectuosos co medio ambiente. Nesta edición do Sinsal, Arte & Garabato propón crear un libro obxecto a partir do percorrido que o público fai para chegar á illa e as súas vivencias durante a estancia na mesma. Así, nese metafórico ‘caderno de bitácora’, as e os participantes do obradoiro poden descubrir e rexistrar diferentes diálogos e experiencias estéticas a partir do valor paisaxístico, patrimonial e histórico de San Simón. Cada xornada celebraranse dous sesións diferentes do obradoiro e a inscrición poderase realizar na mesma xornada na propia illa.
Outra das actividades paralelas que terán lugar o sábado 26 será xa habitual paseo polo arquipélago co investigador Xosé Lois G. Faílde, quen presentará Illario pantasma, un roteiro con tres estacións: Espectros botánicos, onde coñecer o corpo fitolóxico da paisaxe; Pantasmas literarios, sobre a pegada difusa do imaxinario da escrita da illa; e Pa(i)saxes esquecidxs, arredor da xenealoxía política soterrada no lugar. Xa de cara ao domingo 27, Sinsal contará de novo coa colaboración da asociación de turismo mariñeiro Amarturmar. As e os integrantes da entidade darán a coñecer polo miúdo, a través dunha andaina e ampla conversa, os recursos naturais e industriais da contorna da illa.
SINSAL SON ESTRELLA GALICIA
Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. Para poder acceder ao festival o público debe coller os barcos que Sinsal pon á súa disposición no porto de Vigo e no Centro de Interpretación de Rande (Meirande). Os abonos da edición de 2025 están esgotados, ao igual que as entradas do venres 25 e do sábado 26; mais aínda é posible adquirir, en Enterticket, as últimas entradas para o domingo 27 de xullo.
Sinsal SON Estrella Galicia é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, que conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, e co apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.
O XIII Festival Atlántica da narración oral continúa a espallar historias por toda Galicia e chega con forza ao sur da provincia de Pontevedra cunha programación diversa que se estenderá desde hoxe, 2 de xullo, ata o domingo 6. Os municipios de Caldas de Reis, Sanxenxo, Cuntis e A Estrada converteranse durante eses días en escenarios para a palabra viva, acollendo contos para todas as idades, en distintos idiomas e con voces de dentro e fóra do país. A través desta programación, o Festival Atlántica continúa a levar a narración oral a espazos públicos, naturais e patrimoniais, tecendo unha rede de encontros onde a palabra é protagonista e a comunidade volve reunirse ao redor da tradición máis viva que temos: contar e escoitar.
A esencia napolitana e a poesía robótica desembarcan no Malecón de Caldas de Reis
A programación en Caldas de Reis abrirase este mércores 2 de xullo ás 21.00 h no fermoso entorno do Parque-Xardín Botánico, con Fare le corna do actor e narrador Simone Negrin (Italia-Galicia), un espectáculo que viaxa entre culturas e crenzas, afondando nas conexións sorprendentes entre Galicia e Nápoles. Cun ton irónico, afectuoso e sempre teatral, Negrin mergúllase na relación co infortunio, co máis alá e coa presenza constante dos mortos na vida cotiá. A partir da súa experiencia persoal —italiano con sangue napolitano e unha década vivida en Galicia—, o artista constrúe unha proposta que mestura lingua, identidade e superstición, revelando similitudes inesperadas entre as dúas culturas: dende o léxico ata o relativismo existencial, pasando pola convivencia íntima cos espíritos dos devanceiros.
En Nápoles, os mortos volven nos soños para darche os números da lotería. En Galicia, quizais simplemente escoitan. E Negrin, entre risos e reflexión, invítanos a escoitar tamén. Fare le corna é un espectáculo para público adulto que conxuga humor, tradición oral e teatro narrativo, ofrecendo unha ollada orixinal e divertida sobre o que non sempre nos atrevemos a contar.
O venres 4 ás 11.00 h, o mesmo espazo acollerá Artiloxios, de Oswaldo Pai (Aragón), unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai é o artífice dun espectáculo que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.
Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.
Sanxenxo: rock, humor e fantasía para toda a familia
O xoves 3 de xullo ás 11.00 h, o CEIP A Florida de Sanxenxo acollerá As máis molonas de Pakolas, un concerto divertido e cheo de enerxía no que o músico Pakolas repasa os grandes éxitos da súa discografía pensada para os máis pequenos. Coa súa guitarra, a súa voz e moito humor, Pakolas crea un espectáculo cheo de ritmo e participación cunha posta en escena tan espontánea como eficaz. As máis molonas de Pakolas é un concerto que conxuga música, narración e xogo, ideal para familias que queren compartir un intre de alegría e movemento ao ritmo do galego máis molón.
O venres 4 ás 21.30 h, Artiloxios de Oswaldo Pai repetirá función en Sanxenxo, desta volta na Casa Mariñeira Don Fernando, cunha sesión aberta a público adulto e cativada maior de 8 anos, para gozar da poesía feita obxecto e da palabra que vibra entre trebellos fantásticos.
Cuntis: contos entre pedras e natureza
O máxico Castro de Castrolandín será o escenario da proposta que o Festival Atlántica achega a Cuntis: o venres 4 de xullo ás 12.00 h, Pablísimo presentará Cavicibai, un espectáculo sobre rodas pensado para público a partir de 3 anos, onde cada pedalada abre a porta a un novo conto. A protagonista é unha bicicleta máxica que transporta historias por camiños reais e imaxinarios. A bordo dela viaxa tamén un Kamishibai —teatriño xaponés de papel— e tres caixóns cheos de sorpresas, dos que poden saír contos, obxectos, cancións ou lembranzas inesperadas. Cabicivai é unha proposta lúdica e participativa que une movemento, narración e xogo escénico para facer medrar a curiosidade e a fantasía dos máis pequenos. Unha viaxe única, a golpe de pedal, onde todo pode acontecer.
A Estrada: contos ao sol e ao son dun vermú
A xornada do domingo 6 de xullo ás 13.00 h, Riobó (A Estrada) será escenario dun dos encontros máis festivos de Atlántica que opera tamén como clausura oficiosa: o Vermú de contos, unha sesión aberta e informal onde diferentes artistas participantes desta edición compartirán historias en galego, portugués e castelán. A actividade require inscrición previa no correo festivalatlantica@gmail.com e está dirixida a público adulto.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en terras pontevedresas é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña así como ao patrocinio dos concellos de Caldas de Reis e Sanxenxo e á colaboración da Fundación Terra Termarum Castrolandín e da asociación Amigos dos Castros. Estes catro concellos de Pontevedra forman así parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
Simone Negrin presenta ‘Fare le corna’ – ESTREA ABSOLUTA Atlántica 2025Oswaldo Pai presenta ARTILOXIOS
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O Festival Atlántica continúa a súa celebración da narración oral cunha intensa xornada o xoves 3 de xullo nas localidades de Santiago de Compostela e Teo. Contos para todas as idades, con acento galego e tamén internacional, daranse cita ao longo do día en diferentes espazos, tanto urbanos como naturais. O Festival Atlántica continúa a celebrar a forza da palabra contada, conectando públicos e culturas a través de historias que emocionan, divirten e fan pensar.
A programación en Santiago arrincará pola mañá con tres funcións simultáneas ás 11.30 e 12.00 horas, dirixidas a campamentos de verán e público familiar (+4 anos), todas en galego. Trátase de Procúrase Pepa a Loba, de Cris Collazo, no CSC Fontiñas (11.30 h), unha proposta chea de humor e retranca; Andar aos biosbardos, de Charo Pita, no CSC da Gracia (12.00 h), un paseo por contos que mesturan tradición e fantasía; e para rematar, Na punta do pé, co dúo formado por Luís Prego e Samuel Soto, no CSC de Figueiras (12.00 h), onde música e palabra se dan a man.
Revivir a pegada de Castelao
Xa pola tarde, ás 19.00 h, as rúas de Compostela acollerán unha das actividades estrela do día: A pegada de Castelao, un paseo narrado pola historia e a memoria da man de Carme Varela e Quico Cadaval. Esta proposta convida a revivir a Compostela que coñeceu e amou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nun roteiro literario e emocional que percorre a cidade a través da súa pegada máis humana.
Durante nove anos, Castelao viviu en Compostela, entre viños na Casa de Lea, callos nas Crechas e cantos de serenos nas noites compostelás. Anos que el mesmo evocaría no exilio como tempos de “ledicias no corazón” sen tristuras. Esta actividade, pensada para público adulto, propón un paseo narrado entre pedras, prazas e campás. A pegada de Castelao non é só un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.
Contar como quen bebe da fonte
A xornada compostelá rematará cun toque internacional ás 21.00 h nos xardíns do CSC Maruxa Coralia, coa actuación do narrador portugués Miguel Gouveia e o seu espectáculo Vénme ao bico un conto, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.
Desde a súa vila natal, Figueira da Foz, Gouveia chega con palabras vivas que brotan coma auga fresca dunha fonte. A súa voz, clara e cadenciosa, convida ao público a entrar nun espazo onde a empatía, a memoria e a imaxinación se tecen en cada historia. Inspirado nun dito popular —”veume á bica un conto”—, o narrador propón un intre de encontro no que as tramas se constrúen a medias entre quen conta e quen escoita, nun diálogo tan antigo como humano.
Porque contar é compartir, é crear comunidade e lembrar que seguimos precisando, máis ca nunca, historias que nos expliquen e que nos fagan sentir acompañados. Cun estilo fresco, próximo e profundamente humano, Miguel Gouveia ofrécenos unha experiencia única de narración oral que nos lembra que os contos, como a esperanza, sempre volven á boca.
Teo: contos para os máis pequechos
A programación en Teo tamén se une á festa da oralidade con Garavanciña, de Bea Campos, unha historia tenra e divertida para público infantil (ata 8 anos) e familiar. Terá lugar ás 12.00 h no CRA de Casalonga-Calo, dentro da programación para campamentos de verán.
Nesta adaptación fresca e coidada, a historia de sempre —recoñecible pola súa estrutura tradicional e o seu universo simbólico— presenta unha visión renovada dos roles e dos costumes populares, sen perder a fantasía nin a musicalidade que fan destes contos unha ferramenta esencial para medrar. Garavanciña é un convite a escoitar, soñar e descubrir a través da palabra dita en voz alta. Un espectáculo que conxuga tradición, aprendizaxe e imaxinación, perfecto para dar os primeiros pasos no marabilloso mundo dos contos contados.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O XIII Festival Atlántica continúa a súa celebración o mércores 2 de xullo cunha intensa programación que combina contos para os máis pequechos, paseos fantásticos por Compostela, historias que conectan culturas atlánticas e un espectáculo poético e tecnolóxico en Teo. Ao longo do día, un total de sete propostas converterán Santiago e Teo en territorios para a palabra viva.
Santiago: contos para cativos e camiños máxicos para adultos
A mañá arrincará ás 12:00 h con tres propostas simultáneas pensadas para público familiar e campamentos urbanos. No CSC de Marrozos, Paula Carbonell (Valencia) e Nuria Vázquez (Galicia) presentan Un neno, un can, un gato e un pito, un espectáculo tenro e participativo para maiores de 3 anos. No CSC de Vite, Dani Blanco trae o seu Circo de contos, cheo de ritmo, narración e fantasía, mentres que no CSC de Santa Marta, Lorena Pinheiro ofrece o divertido e musical Cucú tapa o cu, para público a partir de 4 anos.
Pola tarde, o público adulto poderá gozar dunha andaina polas rúas de Compostela guiada polo xornalista e escritor Manuel Gago e o antropólogo Rafael Quintía sobre o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia seguida dunha presentación do propio mapa no CSC Maruxa Coralia. As prazas para o roteiro xa están esgotadas pero o acceso á presentación terá entrada libre ata completar a capacidade (19.15 h).
Unha vez remate a actividade, será o momento de escoitar Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país con Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une. Canda ela estará tomando a alternativa unha nova voz da narración oral galega: Dani Lago. O espectáculo, que mestura galego e castelán, contará con interpretación en lingua de signos, reafirmando o carácter inclusivo e plural do festival.
Teo: poesía e robótica con ‘Artiloxios’ no parque dos Tilos
Tamén ás 12:00 h, no Parque dos Tilos, o concello de Teo acolle Artiloxios, un espectáculo único de Oswaldo Pai (Aragón) que combina poesía, narrativa e dispositivos mecánicos nunha proposta escénica pensada para público a partir de 8 anos. Participarán nenas e nenos dos campamentos municipais, pero tamén o público xeral que queira achegarse a descubrir estes aparellos que fan soar os versos coma se fosen música.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
FOTO PORTADA| De esq a dereita: Paula Carbonell, Nuria Vázquez, Dani Blanco, Lorena Pinheiro, Manuel Gago, Rafael Quintía, Inés Álvarez, Dani Lago e Oswaldo Pai
Desde o pasado luns, 30 de xuño, e até o domingo 13, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín e actor galego Bal Castro galego traballará na Costa da Morte na súa proposta Instinto Desexo
Trátase dun proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio
Unha vez finalizada a súa residencia, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar en outubro no Pazo da Cultura de Carballo, no marco do 34º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT
Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O artista Bal Castro iniciou esta semana en Carballo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura acolle, desde onte e até o domingo, 13 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta do actor e bailarín galego Bal Castro que ten por título Instinto desexo, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Bal Castro ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro, no marco da celebración do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Instinto desexo é o primeiro traballo en solitario de Bal Castro, un proxecto de corte autobiográfico no que fala da capitalización do seu corpo e do seu erotismo, da utilización da súa imaxe como principal medio para conseguir ser validado, sendo o sexo a súa moeda de cambio.
En Instinto desexo, Bal Castro nos achega a unha proposta na que reflexiona sobre a proxección da súa imaxe nos outros, proxección que pode suscitar un desexo dependendo da persoa que a mire. Ese desexo convértese no motor que o move cara ao seu último obxectivo: a procura insaciable de amor.
Bal interpela ao espectador afirmando que todos temos un capital sexual que utilizamos consciente ou inconscientemente, que todos temos algo que nos fai desexables, e proponnos unha viaxe imaxinaria polos diferentes contextos nos que se inscribe esta búsqueda, explorando os distintos códigos de comunicación non verbais empregados, apuntando que calquer erro á hora de ler ditos sináis pode acarrear riscos de intensidades variables.
A través de Instinto desexo, Bal quere adentrarnos nas distintas sensacións físicas e pensamentos gardados na súa memoria corporal presentes neses encontros furtivos, onde o feito de camiñar e camiñar nos sitúa nunha búsqueda incesante no que descubrir diferentes corporalidades e calidades de movemento, convidándonos a reflexionar sobre a hipersexualización e a mercantilización da nosa imaxe e dos nosos corpos no noso contexto social actual.
SOBRE O ARTISTA
Bal Castro é un actor e bailarín formado en interpretación xestual na ESAD de Galicia. Tamén formado en danza contemporánea en Oficina Zero da man da coreógrafa e artista Mafalda Deville, Porto. Complementa a súa formación en danza contemporánea da man de Olga Cameselle. Actualmente forma parte do proceso creativo de danza contemporánea da man do colectivo ICODACO.
No 2023 realiza as Residencias Paraíso xunto a Inés Santos co proxecto “TRANSPARENTAR”. Con este mesmo proxecto, no 2024 realiza a segunda residencia artística do mesmo proxecto nas Residencias Artísticas y Acción Cultural El Palacio, en Xixón.
Forma parte do elenco “Afectos” unha coprodución do Centro Coreográfico Gallego coa compañía Kirenia Danza. Non ano 2022 traballa no proxecto europeo “Antibullyng movement
series erasmus” na cidade de Hildeshiem, Alemaña. Tamén formou parte da producción teatral do Centro Dramático Galego (CDG) 2020/2021 “Serva me, Servabote”.
Forma parte da compañía do estectáculo “Agro 5G”, gañador do primeiro premio na categoría de teatro do Xuventude Crea 2021 coa compañía de teatro físico Mevadeus. En outubro de 2022 estrea “Outora Nós” coa mesma compañía onde gañan o terceiro premio ao espectáculo mellor valorado polo público na categoría público adulto no ano 2022 na programación VigoCultura.
Xunto a Inés Santos crea ENÉSIMA, unha compañía compañía centrada nas artes do movemento que nace como un espacio de libertade creativa no que poder expresar as súas inquedanzas artísticas.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
O FESTIVAL BOTOU A CANCELA COAS ACTUACIÓNS DE CARLOS NÚÑEZ E ANTÍA MUÍÑO
A ORGANIZACIÓN PONSE A TRABALLAR PARA GARANTIR DE NOVO GRANDES NOMES Á ALTURA DO PARQUE DO PASATEMPO E BETANZOS NA PRÓXIMA EDICIÓN
O Festival do Pasatempo botou a cancela a súa edición deste ano tras dúas xornadas nas que Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño mantiveron vivo o espírito musical dun espazo idílico, o Parque do Pasatempo en Betanzos. Un festival que se alonxa do formato convencional para ofrecer ao público unha experiencia diferente, marcada pola calidade artística, a cercanía coas persoas asistentes e o valor engadido dun recinto único e histórico.
Este pasado sábado pechou o Festival do Pasatempo cunha xornada marcada pola emoción e o sentimento, da man do histórico Carlos Núñez e unha das revelacións da música en galego, Antía Muíño. a de Santiago de Compostela abriu día ofrecendo un espectáculo no que as melodías e o rexistro vocal foi protagonista. Acto seguido, e para pechar outra gran edición do festival, foi o turno de Carlos Núñez, que amosou por que é un dos artistas galegos más históricos, repasando as súas cancións máis recoñecidas. O punto álxido do día viviuse no momento no que converxeron no escenario os dous protagonistas da xornada, interpretando en conxunto a recoñecida “Lela”, mesturando a voz de Antía Muíño coas melodías de frauta de Carlos Núñez. Desta maneira, e por todo o alto, puxo fin Festival do Pasatempo a unha nova edición.
Segundo palabras do director do festival, Jordi Lauren, é un orgullo celebrar unha nova edición do Festival nun lugar tan especial como este parque histórico, que significa tanto para Betanzos e para Galicia. Jordi apunta que este festival naceu co soño de unir música e patrimonio, pero tamén para xerar actividade cultural, social e económica en Betanzos e a súa contorna. Concretou tamén que estes días se puido ver como a hostelaría, comercio e servicios foron dinamizados pola chegada de visitantes de diferentes puntos de Galicia, impactando cun retorno económico relevante, xunto co retorno social de prestixio e orgullo que xera o dar a coñecer esta contorna histórica.
O director do festival quixo incidir en que ver como o público responde, asiste, goza dos concertos e valora o espazo e a proposta é o que lles da forzas para seguir traballando. Todo o equipo de PlayPlan e do festival busca consolidar Festival do Pasatempo como unha cita anual imprescindible non só pola calidade artística, senon polo valor cultural dun proxecto que visibiliza, reinterpreta e devolve a vida ao noso patrimonio.
O festival fecha as portas por este ano, e comeza a traballar xa na seguinte edición, para ofrecer unha programación única e de calidade a un recinto histórico, así como un dos emblemas patrimoniais da Comarca de Betanzos.
A xornada do venres estivo marcada pola actuación dos artistas máis punteiros na actualidade da música en galego e euskera: Tanxugueiras, ZETAK e Caamaño&Ameixeiras. A xornada comezou coa maxia e emoción de Caamaño&Ameixeiras, que coa súa reinterpretación da ritoloxía popular caldeou o ambiente. O prato forte chegou con Tanxugueiras, que cun potente directo amosaron por que son un dos grupos máis importantes da música galega. O fin de festa correu a cargo do navarro ZETAK, que coa súa enérxica electrónica pechou por todo o alto un día memorable.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, así como coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, e o patrocinio de El Águila.