O ‘Orgullo do Norte’ coruñés bota a andar esta fin de semana cunha xornada inaugural que se celebrará o domingo na Praza de Pontevedra, das 20.00 ás 00.30 horas, e na que tamén terá un protagonismo especial o talento galego, da man das bandas De Ninghures e Coolnenas
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado en 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, que celebra a súa 6ª edición do 6 ao 13 de xullo de 2025 na Coruña
No seu cartel danse cita figuras tan queridas como Judeline, Edurne, David Civera, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA, Rivadulla, Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed ou Sofía Cristo e Cascales DJ, entre outras
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, o apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
O espectáculo drag WICKHÉ?!, de Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, inaugura este domingo, 6 de xullo, por todo o alto a 6ª edición do Atlantic Pride. O ‘Orgullo do Norte’ coruñés bota a andar esta fin de semana cunha xornada inaugural que terá lugar na Praza de Pontevedra, das 20.00 ás 00.30 horas, e na que tamén terá un protagonismo especial o talento galego, da man das bandas De Ninghures e Coolnenas.
Arantxa Castilla-La Manchas & OnyX Unleashed son dúas das figuras máis queridas e innovadoras do universo drag español, grandes estrelas de Drag Race España, coñecidas tanto pola súa creatividade como polo seu carisma, como ben poderá comprobar o público do Atlantic Pride na primeira xornada da cita, onde presentarán o seu novo espectáculo inspirado no fenómeno de Wicked.
Xa contra ás 21.30h, chegaralle a súa quenda a De Ninghures, unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. De Ninghures é un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, Feira, que viu a luz o pasado mes de febreiro.
Mentres, as Coolnenas presentará a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público, como, sen dúbida, amosarán este domingo na Coruña.
DIVERSIÓN E INCLUSIÓN DURANTE 8 VELADAS DE MÚSICA EN VIVO ABERTA E DIVERSA
Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, David Civera, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.
Os directores do Atlantic Pride, Luis Pazos, César Pérez e Iván Cervo, queren convidar a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés do 6 ao 13 de xullo: “Desde a súa primeira edición en 2019, o Atlantic Pride naceu coa vontade firme de situar A Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración. Neste 2025, reafirmamos ese compromiso apostando por grandes liñas estratéxicas que definen a nosa identidade como festival: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.
Desde a Asociación ORCO, organizadora do festival, destacan: “O Atlantic Pride traballa para ofrecer un espazo aberto, seguro e diverso, onde todas as persoas, con independencia da súa identidade ou orientación, se sintan representadas e benvidas. Así, o Atlantic Pride 2025 aposta por un cartel vibrante e diverso, no que conviven grandes divas do pop español co mellor talento da nova escena galega e artistas icónicos da cultura LGTBIQ+”.
E engaden: “A programación do Atlantic Pride está pensada para todas as xeracións e sensibilidades, onde teñen cabida os sons eurovisivos, o pop contemporáneo, as actuacións drag, as propostas electrónicas máis punteiras ou a música con raíz galega. Esta diversidade non é só unha elección artística, é unha declaración de principios: somos un festival que celebra a pluralidade e a liberdade tamén desde os escenarios”.
Esta nova edición do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha semana repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible. O programa por días do festival, que pódese consultar na web www.atlanticpride.es.
Entrega de premios do IV Certame de Literatura LGTBIQ+
DJ Flashback
Anabel Conde
Kuve
David Civera
GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO, ICONAS LGTBIQ+ e DRAGS NO ORGULLO DO NORTE
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.
A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic. O encontro nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria para recibir relatos ata este sábado, 31 de maio.
Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
A elas súmanse, tamén, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, como son Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales. Turista Sueca poñerá a súa boa dose de festa, petardeo e humor, mentres que aos pratos estarán, tamén, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS.
Ademais, o mellor talento drag queen estatal e galego, de Drag Race ao Claro Boba!, sumaranse este verán á festa do Atlantic Pride, que neste 2025 contará co maior elenco drag da súa historia. Así, polas táboas do ‘Orgullo do Norte’ desfilarán grandes iconas queer como Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Yasmine Lutar, Liteah, RRRITA, Escarlatina Pier, Ariel REC & Gaylicia y Kelly Amethyst. Finalmente, a xornada de clausura do Atlantic Pride será un auténtico revival eurovisivo coas voces de David Civera, Anabel Conde e Kuve.
En paralelo á programación deste Atlantic Pride 2025, o sábado 12 de xullo, o local Claro Boba! e o programa da TVG Raíña-me! Organizan a ‘Afterpartie Raíña-me!’, con entrada libre e actuacións de Alexa Evans, Marisa Prisa e Kim Miller a partir das 02.30h.
O FESTIVAL CELEBRA HOXE A SÚA SEGUNDA E ÚLTIMA XORNADA CO CONCERTO DESTACADO DA BANDA SUECA GREENLEAF
Comezou o festival Fumega Fest cunha primeira xornada na que destacaron tres dos catro grandes nomes internacionais desta edición. Psychonaut, Dvne e Monkey 3 reinaron acompañados de Mano de Piedra para completar un venres que abriu esta primeira edición do festival. O Parque do Pasatempo foi testemuña do nacemento deste novo evento que vén para afianzarse como referencia dentro da Península Ibérica no seu estilo.
O grupo galego Mano de Piedra foi o encargado de abrir o festival, caldeando un público sempre predisposto, aínda que o sol non dese tregua. Acto seguido foi a quenda dun dos grandes reclamos do día, Psychonaut prendeu o Parque do Pasatempo coa súa innovadora proposta de stoner e post-metal, completando un espectáculo que levou unha das maiores ovacións do día. Tras eles, o incombustible e contundente directo dos escoceses Dvne conquistou pola súa ambición e posta en escena, despregando o seu post-metal progresivo. Pecharon a noite os suízos Monkey3, sacando un arsenal de riffs electrizantes que mergullou aos presentes nunha viaxe musical que coroou a primeira xornada do festival.
A xornada deste sábado 5 de xullo está encabezada por outro dos grandes nomes desta edición, Greenleaf, que aterraron dende Suecia, lugar onde crearon o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. A aposta por grandes nomes consagrados da escena estatal chega da man dos cataláns Exxasens, que levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. Neste caso dende terras madrileñas, chega para esta última xornada unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África. Pechando o cartel desta segunda e última xornada, o festival trae dende Lugo o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, un dos grandes grupos galegos que se destacou en festivais de toda Europa.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
Santiago, Teo, Ferrol, Ribeira, Vilalba, Chantada, Alfoz, Dodro e A Pobra do Caramiñal acollen os últimos contos dunha edición que celebrou a narración oral como ferramenta de conexión e memoria
A clausura oficial estará a cargo de Celso Fernández Sanmartín e o seu espectáculo ‘Contara’ en Santiago de Compostela
Historias viaxeiras, voces singulares e encontros únicos marcarán a xornada de peche dun festival que demostra que a tradición oral está máis viva ca nunca
O Festival Atlántica pon o ramo á súa edición 2025 este sábado 5 de xullo cunha xornada que promete emoción, identidade e memoria compartida. Dúas funcións en Santiago de Compostela e unha en Teo marcarán o peche dun certame que, ao longo de días intensos, espallou a palabra viva por múltiples escenarios, conectando públicos de todas as idades coa forza da narración oral.
Ponte Narrativa entre o País Vasco e Galicia
A mañá en Santiago arrincará ás 12.30 h no Museo do Pobo Galego cunha proposta para público familiar a partir de 5 anos: Historias de ida e volta, da contadora Larraitz Urruzola, vasca de orixe e galega de corazón. Cunha maleta cargada de contos viaxeiros, Urruzola ofrece un espectáculo que transita entre dúas culturas irmás, tecendo pontes entre a tradición oral vasca e a galega con humor, tenrura e moita imaxinación. A través de relatos populares, mitos ancestrais e tradicións compartidas, Larraitz constrúe unha ponte narrativa onde o humor, a tenrura e a cosmovisión feminista teñen un papel protagonista. Un espectáculo cheo de raíces e alas, pensado para sorprender, emocionar e facer reflexionar tanto a pequenos como a maiores.
A verdade nas historias pequenas
Xa pola noite, será a clausura oficial do festival ás 21.00 horas, no CSC A Rocha, con Celso Fernández Sanmartín que estreará Contara, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega á Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.
Memoria, pracer e rebeldía
En Teo, tamén ás 21.00 h, a aldea de Penelas (Cacheiras) converterase nun escenario ao aire libre co espectáculo Vicio houbo sempre de Atenea García, unha voz destacada da escena galega actual. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
Atlántica despídese cun sábado cheo de historias
Pero alén de Santiago e Teo, o sábado o Festival Atlántica espállase tamén por toda Galicia cunha xornada intensa e descentralizada, levando a narración oral a espazos naturais, patrimoniais e rurais cargados de identidade. En Chantada, ás 18.00 h, o inconfundible Anxo Moure ofrecerá en Garabelos (Mariz) as súas Historias para coidar a terra, unha proposta familiar que mestura ecoloxía e imaxinación para cultivar conciencia desde a infancia. Xa pola noite, ás 21.00 h, sete concellos acollerán espectáculos para público adulto: desde as Novas historias de filandar do zamorano Don Guti no máxico Castro de Posmarcos da Pobra do Caramiñal, ata a proposta de Carmen Conde (O que non estaba escrito) en Alfoz, pasando pola narración directa e mordaz de Quico Cadaval (Autoestradas e corredoiras) na eira de Dodro, ou os Patios de luz de Su Garrido Pombo en Ferrol, que mesturan palabra e música. En Ribeira, Miguel Gouveia e Aida Cobas unirán linguas e culturas con Vénme ao bico un conto, mentres en Vilalba, o italiano Simone Negrin ofrecerá Fare le corna, un espectáculo cargado de humor e identidade en castelán e galego. Un serán diverso, polifónico e vibrante que amosa o espírito atlántico na súa máxima expresión.
Vermú de contos: peche oficioso
A clausura oficiosa e festiva deste XIII Festival Atlántica será o domingo, 6 de xullo, co tradicional Vermú de contos que xunta aos artistas e o público a redor dun xantar colectivo onde uns e outros están convidados a compartir historias (A Estrada, lugar de Riobó, a partir das 13 h).
Con estas propostas, o Festival Atlántica despídese ata o vindeiro ano reafirmando o seu compromiso coa diversidade de voces, a memoria oral e a emoción compartida. Historias de aquí e de acolá, contadas ao vivo, que seguirán a resoar máis aló do último aplauso.
O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba, Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O pasado venres 27 de xuño tivo lugar a xuntanza do xurado deliberador no VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025, que convoca o Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ. Dito xurado estivo integrado por Emma Pedreira, Mercedes Queixas Zas e Silvia Tasende, acompañadas por Mónica González Fernández e Sonia García, que actuaron como presidenta e secretaria, respectivamente, con voz mais sen voto. Tamén estivo presente na deliberación Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ. Despois do proceso de deliberación acordaron emitir a seguinte listaxe de premios.
(Véxanse as imaxes que aparecen a continuación)
O xurado, ademais de referirse á calidade dalgunhas das obras presentadas; chegou a propoñer a posibilidade de crear un obradoiro de microrrelatos.
A entrega de premios está prevista que se celebre a comezos de setembro.
Carme Varela, Quico Cadaval, Carolina Arabia, Carmen Conde, Miguel Gouveia e moitos máis protagonizan un día cheo de emocións e narración viva
Os CSC centran a actividade do festival con funcións no Aurelio Aguirre, Bando e Laraño e mais un na Escola Semente para o seu campamento
Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Ferrol, Mugardos, Dodro, Cedeira, Vilalba, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, A Capela, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
O Festival Atlántica continúa a súa viaxe polos camiños da oralidade cunha intensa xornada este venres, 4 de xullo, que espallará contos, memorias e emocións para públicos de todas as idades en Santiago de Compostela e Teo.
A xornada comezará cedo, ás 10.30 h, nas rúas compostelás coa exitosa andaina narrada para adultos A pegada de Castelao, guiada por Carme Varela e Quico Cadaval. Esta actividade é a segunda edición que se desenvolve logo de esgotarse todas as prazas da primeira nun tempo récord. A pegada de Castelao é máis que un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.
A programación matinal continúa en diversos centros socioculturais de Santiago cunha oferta ampla e diversa pensada para os máis pequechos. Ás 11.00 h, na Escola Semente, o portugués Miguel Gouveia levará ás crianzas do campamento as súas historias co espectáculo Esquecín como se chama e outras historias que non lembro. Ás 12.00 h, tres escenarios simultáneos encheranse de contos para públicos infantís e familiares. No CSC Aurelio Aguirre, Inés Álvarez Villa traerá as lendas dunha Escocia de conto. No CSC de Bando, Loreto Socorro ofrecerá o divertido Crocodilo, directamente desde Canarias. E no CSC de Laraño, Paula Carbonell presentará os seus Divinos animais nunha viaxe desde Valencia.
Cando a música une especies
Xa pola tarde, a palabra segue a encher Compostela de emocións. Ás 19.00 h, no Museo do Pobo Galego, a arxentina Carolina Arabia compartirá co público adulto De cantos e animais, un fascinante percorrido oral e sensorial por culturas que cantan aos animais para convivir con eles. Desde as chairas de Colombia e Venezuela ata os campos de Bután ou as montañas de Marrocos, a voz humana dialoga coa natureza nun idioma ancestral feito de melodías e intuición.
Durante oito anos de viaxes e escoita atenta, Arabia recompilou historias, cantos e saberes que testemuñan unha relación íntima e esquecida entre humanos e animais: cántase para minguar a soidade, para muxir, para arar, para guiar ou simplemente para estar. As frautas imitan os sons das criaturas, os instrumentos están feitos co que a terra ofrece, e a música convértese nun vínculo de entendemento máis aló das palabras. De cantos e animais opera como un exercicio de memoria viva das culturas rurais e un convite a preguntarnos se, algunha vez, compartimos con outras especies un mesmo idioma. E se ese idioma común non era, quizais, o verdadeiro paraíso.
Homenaxe ás vidas anónimas
A xornada pecharase con forza nos Xardíns do CSC Maruxa Coralia, ás 21.00 h, co espectáculo galego O que non estaba escrito de Carmen Conde, unha oportunidade para mergullarse nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Carmen Conde estará acompaña por unha das voces emerxentes da narración oral do pais: Aida Cobas. Ademais, o espectáculo contará con interpretación en lingua de signos para garantir a accesibilidade.
Historias inesquecibles en Teo
En Teo, tamén será un día cheo de historias que comezará ás 12.00 h no CEIP de Ramallosa (Lucí) onde Aida Cobas levará a súa Fada do saco verde ao campamento de verán e ao público infantil e familiar. Ás 21.00 h, a Antiga Escola de Nenas de Oza acollerá o contacontos Vénme ao bico un conto do portugués Miguel Gouveia, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
FOTO PORTADA | De esq a dereita: Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia, Inés Álvarez, Loreto Socorro, Paula Carbonell, Carolina Arabia, Carmen Conde e Aida Cobas
Noia Harp Fest activa a venda de entradas para o concerto que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o 7 de agosto como peche do festival
O Teatro Coliseo Noela acollerá o 7 de agosto a Gala de Entrega do Portus Apostoli coa estrea mundial da obra de ‘Cuatro historias gallegas’, do arxentino Federico Beilison, na que actuarán como solistas Claudia Besné e Francesca Romana di Nicola
Esta quinta xornada de programación, cuxas entradas xa están á venda en Ataquilla.com, será a única de pago do festival, que contará cun total de doce actuacións de balde en sete escenarios do 30 de xullo ao 2 de agosto
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (NHF) estreará, da man da Real Filharmonía de Galicia, Cuatro historias gallegas, a creación do arxentino Federico Beilison gañadora do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A cita, na que participarán coma solistas as arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola, terá lugar o 7 de agosto no Teatro Coliseo Noela ás 20.30 horas e porá o ramo á 12ª edición do único festival do noroeste dedicado ao instrumento.
O Noia Harp Fest decorrerá do 30 de xullo ao 20 de agosto, mais este ano suma unha quinta xornada de actuacións na que se producirá a estrea mundial da obra gañadora do III Premio Portus Apostoli. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi. O programa completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.
As entradas para esta quinta e derradeira xornada de programación da 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia -organizado por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña- están á venda desde esta mañá a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia é unha cita especial para as amantes tanto da arpa como da diversidade musical. Trátase do único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento e reúne cada tempada diferentes bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes; mais sempre cunha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país. A localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións.
O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha cita que contará coa Real Filharmonía de Galicia.