PARAÍSO CANTO e UXÍA&GERMÁN DÍAZ na Casa-Museo Manuel María

Este sábado e o que vén celebraranse dous concertos ben atractivos na Casa-Museo Manuel María, PARAÍSO CANTO e UXÍA & GERMÁN DÍAZ.

Lembrar que se poden reservar as entradas (billete 5 euros) tanto do primeiro como do segundo escribindo un correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

O primeiro dos concertos, o deste sábado 12 de novembro, ás 20 horas, estará protagonizado por PARAÍSO CANTO, un dúo (Gabi Reboredo e Martiño Malleiro) orixinario das ribeiras do río Verdugo (A Lama e Pontecaldelas) que combina o canto tradicional con outras sonoridades do mundo e do jazz.  Paraíso Canto vén de participar no festival “Soa Bonaval”, organizado polo Museo do Pobo Galego, e en 2022 foi unha das bandas gañadoras do “Concurso Interritmos: sons do rural”.

O segundo dos concertos, será o sábado 19 de novembro, ás 20 horas. A voz de UXÍA e a zanfona de GERMÁN DÍAZ presentarannos a beleza da tradición musical dos camiños a Compostela.

Finalistas do XXI Concurso de Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís” no FIOT

O FIOT celebrará o domingo 13 de novembro a gala final e acto de entrega de premios do XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, certame que procura achegar, dun xeito próximo e entretido, a lectura dramatizada ás novas xeracións, e que estas leven o teatro ás casas a través das ondas radiofónicas.

Este 2022 participaron nenas e nenos de 13 de centros escolares da comarca de Bergantiños. En total, entre alumnado e profesorado, o certame contou coa participación de 216 persoas agrupadas en 31 colectivos. Un xurado escolleu este martes, día 8, as catro propostas finalistas, que tamén se poderán escoitar ao vivo o día 13, a partir das 18.00 horas,  no auditorio do Pazo da Cultura. O acto contará co Mago Teto como mestre de cerimonias. 

1ª CATEGORÍA

– GRUPO: TRALLEIR@S MEDIOAMBIENTAIS, do CPI CABO DA AREA, coa obra Lixum Marítimus.

– GRUPO: AS CONTEIRAS E CONTEIROS , do CEIP FOGAR, coa obra A vaca que puxo un ovo.

2ª CATEGORÍA

– GRUPO: OS VIQUINGOS DO PENDÓN, do CPI AS REVOLTAS, coa obra Atraco no banco.

– GRUPO: TEATREIROS, do IES ALFREDO BRAÑAS, coa obra A verdadeira historia do secuestro de Rapuncel.

Durante a gala do día 13, os grupos volverán intepretar os seus fragmentos teatrais. Tras unha nova deliberación do xurado, o propio domingo, realizarase a entrega de premios nas dúas categorías. A cita pecharase cunha actuación do Mago Teto destinada a público familiar e, ao remate, haberá unha gran chocolatada.

Alén das catro propostas finalistas, todas as iniciativas participantes pódense ver ou escoitar na canle de Youtube do FIOT.  Unha vez teña lugar a gala final, as propostas gañadoras tamén estarán dispoñibles na sección Onda FIOT da web oficial do festival, www.fiot.gal.



CONVOCATORIA

Data: Domingo 13 de novembro
Hora: 18.00 horas
Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura
Acto: Gala Final co XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís

Chega a Pontevedra ‘Inventio’, un espectáculo para todos os públicos inspirado no universo Xacobeo

Chega a Pontevedra Inventio, un espectáculo para todos os públicos inspirado no universo Xacobeo

  • Trátase dunha proposta escénica galega de gran formato concibida para a diversión de toda a familia que mestura circo, maxia e danza
  • Inventio brindará ata cinco funcións no Auditorio Sede Afundación Pontevedra entre os días 11 e 13 de novembro e os billetes están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com
  • O espectáculo está a desenvolver unha intensa xira por España e Portugal que durará ata mediados de xaneiro do 2023

Xa está todo listo para o desembarco do espectáculo familiar Inventio no Auditorio Sede Afundación Pontevedra esta fin de semana. Esta proposta escénica de gran formato que mestura circo, maxia e danza brindará ata cinco funcións entre o venres 11 e o domingo 13 de novembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xosé e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca. Inventio chega a Pontevedra logo da boa acollida recibida no seu paso por Ferrol, Santiago, Salamanca e mais Lugo.

Inventio é un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Pontevedra, a xira de Inventio proseguirá por Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221108-Xira-Inventio-PONTEVEDRA

“Paraíso Canto” en concerto o sábado 12 na Casa-Museo Manuel María

PARAÍSO CANTO, en concerto, este sábado, 12 de novembro, ás 20 horas na Casa-Museo Manuel María

Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, PARAÍSO CANTO, parten da música de tradición oral galega, procurando un son persoal con arranxos propios, e experimentando tamén con outras sonoridades do mundo.

A persoal e expresiva voz de Gabi xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e mais polo acordeón cromático de Martiño. Deixámosvos aquí dúas mostras:

O seu canto é un canto comunitario. O canto do pobo, ese legado marabilloso que nos acompaña sempre: na casa, na aldea, nas tabernas… E eles lévano ao palco deixando que se transforme procurando un son minimalista, mais cun repertorio diverso e emocionante.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (o prezo do billete é de 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Aproveitar este correo para vos comunicar que o sábado, 19 de novembro, á mesma hora, 20 hrs, teremos a posibilidade de desfrutar con Uxía e Germán Díaz que virán presentar un traballo de Alalás e cantigas do Camiño. Para este concerto que vos iremos informando nos próximos días tamén será necesario facer reserva.

Presentación do libro PALMEIRAS, PIUEIROS, de Anxo Angueira, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza o acto de presentación do libro de Anxo Angueira, “Palmeiras, piueiros”, previsto para o xoves 17 de novembro, ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Vilalba. No mesmo participarán o autor da obra, María Xosé Lamas, do colectivo NPG, e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA-INFORMATIVA_LIBRO-PALMEIRAS-E-PIUEIROS-1