OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O verán no que miña nai tivo os ollos verdes

Autor: Tatiana Țîbuleac

Tradución: Andreea Birsanu

Editorial: Rinoceronte

Ano de publicación: 2022

Nada máis ver o libro sobre a mesa da libraría, a vista repara nese título que desprende poesía. Case sen querelo –ou querendo, quen sabe- penso en miña nai, nos seus ollos castaños case verdes, que van adquirindo esa cor cos primeiros raios de sol. 

Precisamente, do que máis gustei desta lectura é do desvío que toma a narrativa para levarnos ao territorio do poético. Imaxino que algunhas cousas só poden ser transitadas –que non contadas- desde ese lugar.

O inicio é especialmente duro. Nel asistimos a unha relación materno-filial convulsa, desgastada, cargada de odio e desconfianza. As palabras que emprega o protagonista, Aleksy, para referirse á súa nai, desde unha evidente violencia, chegan a sacudir a quen le. Coido que eses primeiros capítulos, dalgún xeito, constitúen unha proba de fogo para decidir se seguir ou non coa trama, co risco que iso supón para calquera obra.

A medida que avanzo e coñezo máis aos personaxes, que van  amosando os seus matices, comezo a sentirme máis cómoda na lectura. Non porque mingüea intensidade da devastación do relato, senón porque dan en brotar algunhas sementes no ermo que existe entre nai e fillo. E a beleza vai aflorando, aos poucos, coma o xirasol da portada, mergullándonos nun verán infinito a través das pradeiras francesas.

En pouco máis de duascentas páxinas podemos viaxar por diferentes emocións e, mesmo, recoñecernos nalgúns recunchos do drama, malia que cada familia, como escribiu Tolstói, é infeliz á súa maneira. Talvez sexa este unha especie de libro- bala: impacta, fire, mais deixa espazos en branco para atoparmos algunha senda cara ao propio encontro.

A Comunidade Galega de Cataluña leva ao Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo ”Unha Xeración. Dous Mundos”

A Comunidade Galega de Cataluña leva ao Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”

A gala de teatro musical é unha homenaxe á emigración galega chegada a Cataluña nas décadas dos 60 e 70

A Comunidade Galega de Cataluña presentará o próximo 10 de decembro ás 18.00 horas, no Gran Teatre do Liceu de Barcelona o seu espectáculo “Unha Xeración. Dous Mundos”.

“Unha Xeración. Dous Mundos” é unha gala de teatro musical que explica varias historias da Emigración Galega en Cataluña desde a década dos 60 e 70 ata os nosos días, unha época na que se crearon a maioría de Centros Galegos e Casas de Galicia, así como institucións sociais e empresariais, contribuíndo a construír e mellorar a nosa sociedade e a terra de acollida, Cataluña.

Por iniciativa da Casa Galega de L’Hospitalet e Xuntanza de Catalunya, “Unha Xeración. Dous Mundos” é unha realidade grazas á suma de máis de vinte entidades galegas colaboradoras (Comunidade Galega de Catalunya) e ao apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Deputación de Barcelona, así como AEGA-CAT (Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña).

“Unha Xeración. Dous Mundos” conta cun elenco de máis de 250 participantes, actores e músicos, que darán vida a un guión escrito por Xosé Carlos García e Manuel Prados. Os recoñecidos artistas galegos Artur Puga e Xisco Feijoó son, pola súa banda, directores artísticos da obra, cuxa dirección teatral e musical recae en Cote González e Xurxo Gándara, respectivamente. Por outra parte, Fidel Vázquez é o responsable da iluminación do espectáculo, mentres que Alberto Quintá é o responsable de son.

Música, baile, teatro e emoción daranse cita neste espectáculo, que levará Galicia á capital catalana, para homenaxear a todas aquelas persoas que tiveron que vivir “entre dous mundos”.

O espectáculo ASTROLABIOS, con Carmen Conde, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 10, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María programarase ASTROLABIOS, un espectáculo cósmico de narración oral para crianzas (a partir de 6 anos) e público familiar.

“Astrolabio” é unha palabra que vén do grego que significa “buscador de estrelas”. Durante unha hora, coa axuda da narradora oral e actriz CARMEN CONDE, converterémonos en buscadores de estrelas nunha viaxe ao espazo exterior con cohete e todo!
Nesta sesión de contos, Carmen Conde vainos facer un percurso para coñecer o ceo desde as diferentes culturas, mitos e lendas da Terra.
Grazas a elas saberemos onde queda o norte, aprenderemos sobre algún planeta, descubriremos como din que se creou este en que vivimos nós. Entenderemos as fases da lúa, para que serviron no seu día os eclipses, que a Vía Láctea é en realidade o camiño das estrelas e que se reúnen en constelacións, igual que as familias se reúnen nas festas.
Baixaremos a lúa do ceo, teremos o Sistema Solar completo nas mans e mesmo veremos nebulosas de perto.

Para asistir é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

Todo listo para que a maxia de Inventio tome Ourense

Esta proposta escénica galega de gran formato inaugurará a tempada de Nadal cun total de tres funcións no Auditorio Municipal os días 2 e 3 de decembro

Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal

Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

Xa está todo a punto para o desembarco do espectáculo Inventio no Auditorio Municipal de Ourense os días 2 e 3 de decembro. A maxia, o circo e a danza están garantidos con esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar e inspirada no universo xacobeo. Os billetes para as tres funcións previstas en Ourense oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221201-Inventio-OURENSE1118

Andanzas do Suso de Lameliña. MORTE DOCE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MORTE DOCE

De repente atopouse só en plena rúa do centro da cidade. Coma por ensalmo desapareceron todos os viandantes; non comprendía nada do que estaba a suceder. Continuou o seu camiño, aínda non eran as oito da tarde, e a idea era ir tomar unhas cervexas ao bar do seu parente Xusto. Cambiou de rúa, tamén estaba baleira e todos os locais pechados a cal e canto, por suposto, o do seu parente. Un calafrío percorreu o seu espiñazo, algo grave estaba a ocorrer e semellaba que el era o único descoñecedor.

Decidiu regresar á casa. O silencio era sepulcral, a escuridade total. Estaban a principios de xaneiro e o alumeado público apagado. Nin nas vivendas se vía luz ningunha; talmente parecía que ninguén quedara na cidade. Cando estaba a uns douscentos metros da súa vivenda, pareceulle ver unha sombra nunha xanela que cun aceno lle conminaba a apurar o paso, algo que fixo, poñéndose a correr coma se tras del viñese o demo.

Cando entrou no portal da casa, tampouco había luz comunitaria e, por suposto, non funcionaba o ascensor. Así que tivo que subir ata ao sétimo piso, onde vivía, con serias dificultades, tentando as paredes na escuridade. Xa no piso, o primeiro que fixo foi darlle ao interruptor. Ao ver acenderse a lámpada do corredor, respirou. Dirixiuse, apresurado, ao salón e puxo o televisor. A programación en todos as canles era a habitual; ningunha nova fóra do normal. Cada vez comprendía menos o que estaba a pasar ou a pasarlle —chegou a pensar que era un problema seu, que estaba perdendo a razón—. Puxo en marcha a computadora, por ver se lle aclaraba algo, e ao igual que na televisión, non aparecía ningunha noticia alarmante.

Asomouse á xanela e a rúa seguía completamente deserta, así que decidiu ir ao piso da súa veciña, Amalia, que tamén vivía soa. Premeu o timbre, dúas ou tres veces e non houbo resposta. Á cuarta, cando xa ía meterse no piso, escoitou a voz da veciña: “ Que fas aí?, non sabes o que está a pasar?, métete dentro!”. Por moito que porfiou para que lle contase o que estaba sucedendo, non tivo contestación ningunha. O único que escoitou foi a voz do veciño de enfronte, que moi anoxado, lle ordenaba meterse dentro.

Non lle quedou máis remedio ca entrar no piso e agardar. Algo tería que ocorrer. Espiuse, puxo o pixama e deitouse; perdera totalmente as gañas de cear, o único que desexaba era que rematase dunha vez aquel pesadelo. Puxo a radio, que tiña enriba da mesiña, a súa compañeira de todas as noites. A programación era a habitual en todas as emisoras. Para desconectar un pouco, sintonizou Radio 3.  Juan Manuel Sánchez, acababa de iniciar o seu programa “El vuelo del Fénix”; hoxe, “Leyendas del rock 2”.

Non levaría nin quince minutos e un sono profundo comezou apoderarse del. Foi nese intre cando a viu a carón do leito: Manuela, a Sabia de Refoxo. Manuela levaba morta uns catro anos e na aldea dicíase que tiña tratos co demo, de aí os seus poderes de curandeira. O caso é, que aínda que as xentes do lugar falaban mal da boa muller por non cumprir coma todo o mundo coas obrigas cristiáns, cando tiñan algunha doenza acudían, sen dubidalo, a ela, antes có médico de cabeceira.

Pero chegou o día en que Manuela deixou este mundo, e o crego non permitiu que fose soterrada en lugar sagrado. Tivo que ser Eladio —as malas linguas comentaban que se vían ás agachadas— quen se fixera cargo do corpo e o enterrara ao carón da casoupa da coitada curandeira. Despois agardou medio ano a que lle chegase á hora da xubilación, e marchou para un piso da cidade que conseguira mercar grazas aos aforros de toda unha vida.

Agora, Eladio, recibía a visita de Manuela. Unha Manuela que se lle presentou tal é coma era en vida: A mesma roupa a cores, que ela mesma confeccionaba; o gorro de la, colocado medio atravesado; o sorriso pícaro, que tan ben coñecía, asomando por entre os beizos… E unha voz , un pouco máis rouca do que era a súa en vida, coma vida das entrañas da terra que lle dicía: “Boa noite, Eladio”.

Antes de seguir adiante co relato, cómpre contar o que foi da protagonista tras a súa morte, ocorrida despois de agonizar durante dous días, esquecida por toda a veciñanza, se non contamos a Eladio. Cando a alma se separou do corpo, esta (quen llo dixera ao cura e demais xente da aldea) foi recibida no Paraíso con todos os honores, chegando a formar parte dun selecto clan de espíritos aos que o Ser Supremo acode cando precisa algún consello ou algún tipo de axuda. E iso foi o que fixo esta noite, chamou a sabia de Refoxo e díxolle:

—Necesito que me fagas un favor. Tes que baixar á Terra e axudar a Eladio a morrer, coma el te axudou a ti. O pobre leva dous días agoniando, pero non hai xeito que a alma se desprenda por completo do seu corpo, anda vagando pola cidade sumida na desesperación. Para elo, vou facer que, durante unhas horas, as que precises para levar a cabo a túa misión, que a túa alma volva a formar parte do teu corpo. Non quero que te presentes ante Manuel coma unha pantasma (o habitual por outra parte), quero que te vexa tal e coma fuches en vida.

E niso anda agora. Superada a sorpresa por parte do doente, Manuela, a Sabia de Refoxo, vén de acurruncharse baixo as sabas a carón del e comeza a aloumiñalo. Sabe ben que poucas horas lle restan ao seu Eladio neste mundo, pero está disposta, que Deus a perdoe, a volver facer uso das súas facultades de curandeira para que a morte lle sexa o máis avelaíña e pracenteira posible.