A sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase do 14 ao 17 de setembro

Santiago de Compostela acollerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en espazos emblemáticos da cidade

O festival activa hoxe mesmo, a través de www.wosfestival.es, a venda dos primeiros abonos a un prezo especial

O WOS Festival x SON Estrella Galicia regresará a Santiago de Compostela o 14 ao 17 de setembro. A sétima edición do evento, referente na cultura de vangarda a nivel estatal, ofrecerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en emblemáticos espazos dunha cidade que é Patrimonio Cultural da Humanidade.

WOS Festival x SON Estrella Galicia é un encontro multidisciplinar anual con sede en Santiago de Compostela dedicado a promover e fomentar a música e a cultura de vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial da cidade. Impulsado pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY, o festival recibiu ao longo dos anos varios galardóns que o acreditan como un dos mellores festivais ‘indoors’ de España e Europa, coma nos Iberian Festival Awards (2022) ou European Festival Awards (2018).

Deste este xoves 29 de xuño, ás 12:00 horas, están á venda a través da páxina web oficial www.wosfestival.es un número limitado de abonos de 4 días (xoves a domingo) ao prezo reducido de 55 euros, que ofrece ao público un desconto de 10 euros respecto ao abono de prezo normal. Estes abonos de 4 días darán acceso ao programa completo do festival o xoves 14, venres 15, o sábado 16 e o domingo 17 de setembro. Desde hoxe mesmo tamén é posible adquirir os abonos de 3 días a un prezo de 45 euros, cun desconto de 10 euros con respecto ao prezo oficial, e que darán acceso ao programa completo do evento, venres 15, sábado 16 e domingo 17.

WOS, que dará a coñecer os primeiros nomes do seu cartel no mes de xullo, conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio de institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e AGADIC, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Provincial da Coruña.

20230629_NP-GAL_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A LIÑA

Miguel Díaz, A LIÑA

Definímonos co noso ego, polo tanto erroneamente. Acotío. Pero tamén combaténdoo. Trazando, con el ou a pesar del, formas no aire, curvas no espazo.

Definímonos en variadas expresións. En lugares angostos e húmidos tamén. Trazando neles horizontes e reflexos, caricias e anhelos. Nas tebras e nos días solleiros.

Galopamos precipitados en ocasións. Tentamos calmarnos entre o caos. Cinguimos ao tempo ilusións afastadas, plans alcanzables. Nun teimudo exercicio de esperanza.

Debuxamos unha liña que é tamén unha fronteira ante hordas violentas, ante a fereza dun mundo que non comprende e abate. A liña necesaria que sinala o límite. A partir da cal somos e fluímos. A liña sobre a que nos escribimos. En prosa, en poesía, con sutileza ou con atropelo. Unha liña propia que define tamén o respecto que nos debemos. A liña que non permitimos que outros superen.

Estrea da peza teatral O AUTO DO CASTROMIL no Teatro Principal de Santiago

O proxecto gañador da IIIª edición do Certame Manuel María de Proxectos TeatraisO auto do Castromil, de Excéntricas, comeza a súa xira o 7, 8 e 9 de xullo, ás 20.30, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

As tres función son de balde, previa recollida dos convites. Hai dúas maneiras de recoller os convites, quer a través da web www.compostelacultura.gal, quer a través da Zona C (oficina de información cultural e venda de entradas que está situada na praza de Cervantes (Preguntoiro, 1) e que ten un horario de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs, de terza feira (martes) a sábado). 

A recollida de convites, tanto por internet, como presencial, comeza hoxe, día 27 de xuño, ás 11 hrs. Só é posíbel coller dous convites por persoa e para un único día. Os convites son numerados.

O auto do Castromil é un espectáculo con dramaturxia e dirección de Quico Cadaval e que protagonizan Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. O vestiario e a escenografía é de Carlos Alonso, a banda sonora de Piti Sanz e a iluminación de Octavio Mas.

Máis de corenta serán as representacións desta obra teatral que se poderá desfrutar nos próximos meses por distintas localidades do noso país.

XX Ruta Chairega polo Río Requeixo

O domingo 9 de xullo de 2023, o IESCHA organiza a XX RUTA CHAIREGA que recorrerá nesta ocasión as terras de Guitiriz, pola Ruta do Río Requeixo.

Ao finalizar a ruta, terá lugar o xantar, nesta ocasión será servido no restaurante Merendero, nos Vilares. 

A cuota a pagar será de 25  por adulto (menores acompañados, 5€) (inclúe a comida e o autobús).

O traslado dos participantes farase en autobús dende Vilalba ata o inicio da ruta en Roca, saíndo das inmediacións da Casa da Cultura ás 9:30 horas e retornando á tardiña. 

Os/as interesados/as poden apuntarse contactando con calquera membro da Xunta Directiva do IESCHA, ou por correo electrónico (estudoschairegos@gmail.com), como moito, ata xoves, día 6 de xullo, ás 20:00 horas. 

NOTA_INFORMATIVA_XX-RUTA-CHAIREGA

O grupo Exeria actuará no Chiringuito Patapalo

O vindeiro sábado 1 de xullo o grupo Exeria regresa aos escenarios do Chiringuito Patapalo, local situado na paradisíaca Illa de Arousa.
Acaban de resultar gañadores do certame de bandas Trece Roeis Fest 2023, tras unha selección previa entre moitos grupos de toda Galicia e unha batalla de bandas contra outras 6 bandas/artistas. O seu estilo grunge/rock dos 90 en galego, que lembra a bandas coma os primeiros Radiohead, Nirvana ou incluso Oasis, trae de novo as guitarras ao fronte e fará as delicias de todos os fillos da xeración X. 

O sábado 11 de marzo lanzaron o seu primeiro sinxelo, “Un novo nome” acompañado dun videoclip dirixido pola artista multidisciplinar Wences Lamas. A letra trata sobre a transición, a aceptación dos cambios na nosa vida, así como as escollas que esta obríganos a realizar. Neste tema pregúntanse se cando algo remata abruptamente e debemos adaptarnos a una nova realidade, teremos a forza para comezar una vida distinta e renacer? Foi compartido no Zig Zag Diario da TVG e en diferentes medios como “Galiza Metálica”, “Rouco Son”, “Canedo Rock” e “Ábrete de orellas” entre outros.

Neste momento atópanse inmersos na xira de presentación deste tema, con moitas datas en Galicia e nun futuro próximo Portugal.

A casete será a protagonista das actividades divulgativas do Sinsal SON Estrella Galicia 2023

O proxecto divulgativo A Escola Sinsal reivindicará o papel deste soporte sonoro a través dunha exhibición, nomeada ‘Do cinema familiar ás casetes domésticas’  

A artista Sarah Rasines, responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, impartirá un obradoiro de creación de sons e dunha caixa-libro, con materiais reutilizados de Sinsalaudio, que o público poderá levar de recordo

O proxecto divulgativo A Escola Sinsal, impulsado polo festival Sinsal SON Estrella Galicia, presenta as novas actividades paralelas gratuítas que se desenvolverán no marco do evento, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón e para o que xa non quedan entradas dispoñibles. Neste 2023, A Escola Sinsal porá o foco na casete como o principal soporte sonoro do século XX a través de dúas iniciativas nas que terá o papel protagonista: unha exposición, nomeada Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido por Sarah Rasines, artista responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, e na que o público, tamén o máis novo, poderá levar, como recordo do festival, a súa Caixa-libro da Escola Sinsal. 

A Escola Sinsal é o proxecto de Sinsal dedicado á divulgación do rexistro sonoro e da tecnoloxía do século XX, e que parte da colección propia de obxectos de Sinsalaudio. Se ben durante a edición de 2022 o festival centrou a súa actividade no suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos; nesta ocasión reivindicarase o papel da cinta magnética. 

A casete, inventada por Lou Ottens no ano 1963, é o soporte sonoro máis difundido e importante da historia do século XX. Aínda que en España a cultura da casete estivo moi presente fundamentalmente na época dos 80, actualmente o seu formato físico atópase en auxe pola súa sostibilidade, baixo custo e pola capacidade de control que se pode manter sobre a edición, produción e distribución. A exposición Do cinema familiar ás casetes domésticas, apta para todos os públicos e que se poderá visitar todos os días durante a celebración do festival na cafetería de San Simón, inclúe numerosos obxectos, como reprodutores de xoguete, casetes en formatos singulares, gravadoras, partituras, diapositivas e un achegamento a proxectos de diferentes partes do mundo que están a recuperar e protexer estes arquivos. 

A exposición d’A Escola Sinsal completarase cun obradoiro impartido pola artista sonora, xestora cultural e investigadora Sarah Rasines, quen ademais achega parte da súa colección persoal á mostra. A creadora, quen presentará en breve a primeira tese doutoral dedicada á historia e importancia da casete en España, coordinará un taller ideado para parellas (compañeiras, fillas, amigas, etc.), que nace da práctica de Fluxus para nenas e nenos, no que o público aprenderá a xerar sons con casetes e outros soportes, así como crear a súa propia Caixa-libro Escola Sinsal, feita con obxectos reutilizados e exclusivos de Sinsalaudio (como postais, flyers e outros materiais), e que se poderán levar como recordo do Sinsal SON Estrella Galicia.

O obradoiro, gratuíto e apto para todos os públicos -as e os menores deberán estar acompañadas dun familiar ou titor legal maior de idade-, impartirase todos os días na propia exposición d’A Escola Sinsal. Durante unha hora, Rasines revisará a historia da casete, desde o seu papel na creación e difusión da música popular até o seu impacto cultural e social en todo o mundo; descubrirá os seus secretos sonoros e amosará ás asistentes a facer un loop con cinta de casete e xerar sons que transformarán a Caixa-libro Escola Sinsal nun instrumento musical. 

Para poder participar neste obradoiro, as persoas interesadas poden enviar desde hoxe un correo electrónico a sarahrasiness@gmail.com sinalando, no asunto, Taller de casetes Escola Sinsal, indicando os nomes e apelidos das dúas persoas participantes e un teléfono de contacto. Ademais, deberán escoller o día ao que queren asistir: venres 21 (de 18:30 a 19:30 horas), sábado 22 (16:00 a 17:15 horas), ou domingo 23 (16:00 a 17:15 horas). As prazas son limitadas e en cada sesión haberá un máximo de 8 parellas. 

Para máis información sobre a programación de actividades paralelas do Sinsal SON Estrella Galicia 2023, pódese visitar o espazo web http://festival.sins.al/gl/festival/sinsal-son-estrella-galicia-2023/actividades-paralelas 

20230627-NP-GAL-A-Escola-Sinsal_expo-e-obradoiro