Camiño Escena Norte achega esta fin de semana propostas de artes escénicas para públicos de todas as idades en Arzúa e Mondoñedo
Portamundos, da navarra Cia. Levelibular (Navarra), e Luna, da compañía asturiana Luz de Gas Teatro, son os espectáculos dos que o público poderá gozar, de xeito gratuíto, na xornada do domingo 24
Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana a dúas novas localidades galegas. Concretamente, na xornada do domingo 24, CEN ofertará, no marco da súa programación, a posibilidade de gozar de dous espectáculos dixiridos a públicos de todas as idades, especialmente o familiar.
Por unha banda, ás 13:00 horas, a compañía de Navarra Cia. Levelibular presentará en Mondoñedo Portamundos, unha proposta de novo circo que fará sorrir e soñar a todos os membros da familia coas súas acrobacias e humor. En horario de tarde, ás 18:00 horas, a asturiana Luz de Gas Teatro presentará en Arzúa o seu espectáculo Luna, no que pon o foco, desde o escenario, sobre as diversidades a través do baile, dos monicreques e do teatro. A cita será na Capela da Madalena e o acceso será libre ata completar a capacidade do recinto.
Camiño Escena Norte (CEN), que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mantén esta semana a súa actividade na provincia de Lugo, logo da celebración, entre o martes 19 e xoves 21, da cuarta edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Nesta iniciativa, unha das actividades máis salientables da programación expandida do CEN, xuntáronse case 40 compañías de artes escénicas -das cinco comunidades participantes no proxecto- no centro cultural O Vello Cárcere. O encontro serviu tamén para outorgar, publicamente, o primeiro o recoñecemento ‘Julio Peña’aos valores de cooperación de Camiño Escena Norte, que este ano recaeu no dramaturgo e xestor cultural Carlos Troyano.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | 24.09.2023
13:00 horas | Praza da Catedral, Mondoñedo [en caso de choiva: Auditorio Municipal Pascual Veiga. Praza Jaime Cabot, s/n] Portamundos, de Cia. Levelibular (Navarra)
Público infantil e familiar | Entrada libre e gratuíta ata completar capacidade Da nada, ao todo. Un escenario case baleiro é o cómplice dun artista que o dá todo para que o público goce de rir e tamén poida ver rir os que están ao seu redor. Sigimundo é clown, é acróbata e é poesía. Xunto co público, arma o elemento para tocar o ceo coas mans, aínda que non ten as instrucións de como se arma. A confianza existe! Iso permite cruzar todas as pontes…
18:00 horas | Capela da Madalena, Arzúa Luna, de Luz de Gas Teatro (Asturias) Luna
Público infantil e familiar | Entrada libre ata completar capacidade
Luna quérenos contar todo. Quere que saibamos como acadou os seus soños, como chegou a ser a muller que é hoxe en día. Luna naceu cun déficit severo de audición, o que lle puxo as cousas un chisquiño máis difíciles que ao resto, ou talvez non? Luna quere bailar, pero… pode bailar unha nena xorda? Luna é un espectáculo repleto de luz, de movemento, de palabras, de signos, de obxectos, de “capacidades diferentes”, de “intelixencias múltiples”. Porque non sempre ser diferente é unha desvantaxe.
O primeiro traballo discográfico do cantareiro e bailador, producido por Berto e editado por Altafonte, publicarase este mércores nas principais plataformas dixitais e tamén estará dispoñible en tendas físicas en formato CD de edición limitada e única
A posta de largo do LP ARDĒN será o 29 de setembro en Santiago de Compostela e as últimas entradas para o directo están dispoñibles a través de www.salacapitol.com
Mondra, unha das voces máis singulares e prometedoras da nova escena musical galega, publica mañá, 20 de setembro, o seu primeiro LP: ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023). Producido por Berto e editado por Altafonte, o traballo estará dispoñible nas principais plataformas dixitais e en formato CD de edición limitada e única.
Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra é o cocreador, xunto con Berto, dalgúns dos temas máis coreados e escoitados este verán en Galicia, como é o caso de PUNHETA!, no que tamén participa Fillas de Cassandra, RUMBAMBĀ ou o máis recente RUANDO, o novo sinxelo do artista xunto a Aida, de Tanxugueiras, que viu a luz o pasado 1 de setembro. Todos estes temas formarán parte de ARDĒN, o álbum debut de Mondra, unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola rebordante dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega.
ARDĒN é unha celebración, un apoderamento da liberdade, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor. O cantareiro exprésao así no Manifesto ARDENTE que acompaña a publicación do LP:
En ARDĒN hōnranoso resistir na terra.Hōnranoso orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario.
Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrīas. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece.
Resoe o berro ardente tanto, tanto como as chocas na Picota. Reluza tanto coma o satēn de Carmela.
Estes cantares van por ti, ARDENTE. Porque ARDĒN é un apoderamento da nosa liberdade.
ARDENTES, a ruare!
O REPERTORIO DE ARDĒN
O disco debut de Mondra estará composto por dez temas, nos que destacan as colaboracións de Fillas de Cassandra, Aida e Brassica Rapa, ademais da producción de Berto.
ARDĒN
TRōUPELE
Sepultura (TICOTĪ)
PUNHETA! (con Fillas de Cassandra)
SACOdePULGAS
Berce
RUANDO (con Aida)
beijos de LK
RUMBAMBĀ
CARMELA (con Brassica Rapa)
DISCO EN DIXITAL E NAS TENDAS FÍSICAS
Ademais de poder conseguir o LP nas plataformas dixitais, ARDĒN poderá degustarse tamén en formato físico. Cada copia será única e irrepetible. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interviu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.
A CAPITOL ACOLLE O CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ARDĒN O 29 DE SETEMBRO
ARDĒNé unha celebración, un apoderamento da liberdade. Este espazo libertario de Mondra alcanza a súa máxima expresión na FOLĪA das ARDENTES, o vibrante directo do artista que chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primera -e singular- presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora. “Preparamos unha actuación única, con máis forza que nunca”, avanza o artista. As últimas entradas para a cita están dispoñibles na web oficial www.salacapitol.com.
MONDRA Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. Este outono presenta ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico. Producido por Berto, ARDĒN é unha experiencia musical, visual e performativa que dialoga coa música tradicional galega. Unha proposta electrónica, luminosa e reflexiva, que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa ateigada de liberdade, afectos e apoderamento. Os primeiros cortes que xa se coñecen de ARDĒN son SACOdePULGAS, Beijos de LK, PUNHETA! (con Fillas de Cassandra), RUMBAMBĀ e RUANDO (con Aida).
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película LIVE IS LIFE, de Dani de la Torre, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta cuarta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 24 DE SETEMBRO DE 2023, ás 20:00H.
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu a estrea mundial de Japan On Film, o novo espectáculo da icónica percusionista xaponesa Midori Takada. A artista, de 71 anos, é recoñecida mundialmente como pioneira da música ambient e minimalista. En Japan On Film, Midori Takada musica películas inéditas restauradas polo British Film Institute para a ocasión. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin, e a concelleira de Capital Cultura, Míriam Louzao, asistiron ao concerto.
Tamén as imaxes adxuntas recollen momentos dos concertos do WOS celebrados na noite do sábado, 16 de setembro, na nova sede deste ano do festival: a Fundación Laboral da la Construcción. WOS 2023 estreou este espazo no que dúas das súas naves se transformaron, desde as 22.00 e até as 06.00 horas, nunha pista de baile, con actuacións de artistas como Dj RUM, Kia, Black Rave Culture ou o santiagués JUAIT.
Xa non me urxe atopar o debuxo entre os puntos. Todo ficará derruído. Pero antes será desprezado, taxado, vendido. E o home continuará coa súa velocidade mentres enceto un caderno. A primeira palabra: amodo. Porque sei que non hai ningún lugar ao que chegar.
WOS Festival expándese por oito escenarios da cidade no día grande do evento, que inclúe a estrea da nova sede na Fundación Laboral de la Construcción
DjRUM, Croatian Amor, Black Rave Culture ou Loraine James, entre otros nomes, actuarán na noite do sábado 16 nas naves do complexo arquitectónico
A programación arrancará ás 13.00 horas cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro no Parque de Bonaval, e coa conversa na sede Afundación entre o músico Aho Ssan e o comunicador Phil Bloomfield
A Igrexa da Universidade, Fundación Eugenio Granell e o Teatro Principal acollerán diferentes lives ao longo da tarde; mentres que o CGAC celebrará a segunda e derradeira xornada do parladoiro ‘O son electrónico de Galicia’
A sala de cinema NUMAX acollerá a estrea española do documental ‘Expedition Content’, un traballo predominantemente sonoro sobre a relación entre antropólogos estadounidenses e nativos de Hubula, en Papúa Nova Guinea
O WOS Festival x SON Estrella Galicia supera o ecuador da súa sétima edición chegando ao seu día grande: o evento expandirase este sábado 16 por toda a cidade de Santiago de Compostela, ofrecendo concertos e actividades, desde as 13.00 e até as 05.00 am, en oito localizacións diferentes. O Parque de Bonaval, a sede Afundación, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a sala de cinema NUMAX, a Igrexa da Universidade, a Fundación Eugenio Granell, o Teatro Principal e a Fundación Laboral de la Construcción celebrarán a vangarda e a experimentación por todo o alto.
Un dos principais fitos desta edición é a estrea coma pista de baile de dúas das naves do complexo no que, hoxe en día, se atopa a Fundación Laboral de la Construcción. Situado na zona norte da cidade, o recinto combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. A obra acadou, no 2018, o garladón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia.
Nestas naves actuará un dos cabezas de cartel deste WOS: DjRUM, quen pechará a noite cunha sesión que comezará ás 03.30 horas. Antes, no complexo arquitectónico, o público poderá gozar dos directos de Heith ft. Declino, Bruce, Puce Mary, Croatian Amor, Loraine James (quen presentará Gentle Confrontation), JUAIT, objet blue & Natalia Podgorska (na estrea española de Pearl Forest); así como das sesións de Kia e Black Rave Culture.
A terceira xornada do WOS arrancará ás 13:00 horas na sede Afundación coa conversa entre o músico Aho Ssan -quen actuará pola tarde no Teatro Principal- e o comunicador Phil Bloomfield, nun encontro no que abordarán o proceso creativo do artista. Á mesma hora, a actividade comezará no Parque de Bonaval, cun live de Marlene Ribeiro & Inês Malheiro. Pola tarde, no mesmo espazo, Lamin Fofana e Akazie ofrecerán sendas sesións ás 16:00 e ás 18:00 horas, respectivamente.
Ás 16.00 horas, simultaneamente, terán lugar dúas actividades paralelas: a proxección de Expedition Content na sala de cinema NUMAX (na que será a súa estrea en España) e a segunda e derradeira mesa redonda arredor d’O son electrónico de Galicia, a proposta interxeracional na que colectivos, promotores e artistas comparten as súas visións e experiencias sobre a escena do país. Desta quenda, no CGAC, conversarán Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Frankie Pizá e Víktor Flores serán os responsables de moderar o encontro.
Esta intensa actividade desencadeará nunha chea de concertos e directos que comezarán ás 17:30horas e que, practicamente, non pararán até o amencer. Así, a Igrexa da Universidade acollerá o directo de Patricia Wolf, mentres que a Fundación Granell fará o propio con Loke Rahbek & Frederik Valentin (18:00 horas) e ABADIR (20:00 horas). Á vez, o Teatro Principal dará a coñecer a estrea mundial de Transmutation, o live AV de Alex Aller & Margarida Mariño e, por primeira vez en España, poderase ver Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes.Chegada a noitiña, contra ás 22:00 horas, a música trasladarase á beira do Sarela, onde o público poderá gozar na vangarda nas naves da FLC.
WOS Festival conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio doutras institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña e Fundación Japón.
13:00 horas | Sede Afundación (entrada libre) Conversación con Aho Saan. Participan: Aho Ssan e Phil Bloomfield.
16:00 horas | Auditorio do CGAC (entrada libre) O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional (parte 2). Participan: Must Be On Wax, Neo2000Klub, RetroFuture, Russ, Sisters of Rave, TR3MOR. Moderan: Frankie Pizá e Víktor Flores.
16:00 horas | NUMAX Expedition Content(2020)*, dirixida por Ernst Karel e Veronika Kusumaryati.
17:30 horas | Igrexa da Universidade Patricia Wolf (Live)
Desde 18:00 horas | Fundación Eugenio Granell 18:00h – Loke Rahbek & Frederik Valentin (Live) * 20:00h – ABADIR (Live)
Desde 18:00 horas | Teatro Principal 18:00h – Alex Aller & Margarida Mariño present Trasmutation (Live AV) ** 20:00h – Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevski present Rhizomes (Live AV) *
18:15 horas | Sede Afundación (CONVOCATORIA PARA GRÁFICOS) O conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e polo director do festival, Iván Arias, percorren distintos espazos polos que transcorre a sétima edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia.
Desde 22:00 horas | Fundación Laboral de la Construcción (FLC) 22:00h | Sala 2 – Heith ft. Declino (Live AV) * 22:30h | Sala 1 – Bruce (Live) * 23:00h | Sala 2 – Puce Mary (Live) * 23:30h | Sala 1 – Croatian Amor (Live)00:00h | Sala 2 – Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV) * 00:30h | Sala 1 – JUAIT (Live) * 01:00h | Sala 2 – object blue & Natalia Podgorska present Pearl Forest (Live AV) * 01:30h | Sala 1 – Kia (Dj) * 02:00h | Sala 2 – Black Rave Culture (Dj) * 03:30h | Sala 1 DjRUM (Dj)