A 12º edición do Noia Harp Fest comeza mañá, mércores 30, cunha gran foliada de benvida e un concerto exclusivo da galega Alba Barreiro
Ana Crismán, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec con Faia e Uxía, Claudia Besné, D’Súpeto, Francesa Romana Di Nicola, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart, Yofre Brito Rivera e a Real Filharmonía de Galicia conforman un cartel que contará cunha vintena de estudantes de arpa das escolas galegas
O evento, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, contará doce actuacións de balde en sete escenarios; ademais dunha xornada especial o 7 de agosto na que estreará Cuatro historias gallegas, gañadora do III Premio Portus Apostoli
A 12ª edición do único festival do noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, comezará este mércores, 30 de xullo. A primeira xornada contará coa actuación da recoñecida intérprete galega Alba Barreiro, quen ofrecerá a partir das 19.00 horas un concerto exclusivo no Noia Harp Fest e, desde as 21.00 horas, terá lugar na Praza do Curro unha gran foliada de benvida aberta á veciñanza, na que se rendirá homenaxe a Emilio Cao.
Noia Harp Fest, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, e que contará cunha programación especial o 7 coa Gala da entrega do Premio Portus Apostoli, reúne cada tempada diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes. O festival ten unha clara vocación divulgativa: pon en relación as artistas e ao público en varios lugares representativos do patrimonio histórico e cultural de Noia, e dá un espazo relevante ao talento máis novo do país.
O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán -a intérprete de arpa flamenca máis importante a nivel internacional-, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec -gañador do World Harp Competition 2024-, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña, Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán, durante a mañá do xoves 31 de xullo, no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
Ademais, neste 2025 o Noia Harp Fest suma unha quinta xornada de actuacións. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se producirá a estrea mundial de Cuatro historias gallegas, a creación de Federico Beilison. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi (profesor violinista da Orquesta Sinfónica de Galicia). O programa -cuxas entradas están á venda en www.ataquilla.com– completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.
Deste xeito, e a partir de mañá, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións, como é o caso da galega D’Súpeto.
A 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
Primeira xornada: concerto exclusivo de Alba Barreiro e foliada de benvida
O Noia Harp Fest comezará mañá ás 19.00 horas na Igrexa Museo Santa María A Nova. A recoñecida intérprete Alba Barreiro presentará Frauta e arpa en Galicia, un concerto exclusivo en colaboración co frautista Fernando Raña. Este programa propón unha viaxe sonora a través do repertorio galego e universal para frauta traveseira e arpa, con especial atención á música de compositores galegos, tanto históricos como contemporáneos.
Alba Barreiro é unha arpista galega cunha sólida formación e ampla experiencia tanto na interpretación de repertorio clásico e contemporáneo como na recuperación de música antiga. Formada en Galicia, ampliou os seus estudos en diversos centros europeos, perfeccionando a súa técnica e sensibilidade artística con recoñecidos mestres da arpa clásica e histórica. Participa regularmente en proxectos camerísticos e orquestrais, colaborando con agrupacións galegas e internacionais, mais destaca tamén pola súa labor pedagóxica e pola difusión da arpa na música galega.
Contra o solpor, ás 21.00 horas, dará comezo a Foliada de benvida do Noia Harp Fest, un encontro festivo aberto, popular e colectivo onde o público é convidado non só a escoitar, senón tamén a participar, bailando ao ritmo da música tradicional reinterpretada a través da delicadeza e potencia das arpas da banda con integrantes da Asociación Noia Harp Fest.
Para abrir esta celebración, o mestre arpista Rodrigo Romaní, presidente da Asociación Noia Harp Fest, fará unha pausa do seu retiro como intérprete para ofrecer unha emotiva homenaxe musical a Emilio Cao, pioneiro na recuperación e posta en valor da arpa en Galicia. Romaní interpretará unha suite que recolle algúns dos temas máis significativos do autor, conectando pasado e presente nun acto simbólico que honra ás raíces mentres abre as portas ao futuro da música galega.
PROGRAMACIÓN NOIA HARP FEST 2025
Mércores 30 de xullo 19.00h | Santa María A Nova Alba Barreiro & Fernando Raña 21.00h | Praza do Curro Foliada de Benvida coa Banda do festival
Xoves 31 de xullo 13.00h | Liceo de Noia IV Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia 21.00h | Teatro Coliseo Noelia D’Súpeto Kevin Le Pennec
Venres 1 de agosto 19.00h | Santa María A Nova Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA) 21.00h | Teatro Coliseo Noela Yofre Brito Rivera Rebecca Hill & Charlie Stewart
Sábado 2 de agosto 12.30h | Igrexa de San Francisco El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA) 20.00h | Claustro de San Francisco Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia 22.00h | Praza do Tapal Quico Comesaña Ana Crismán
Xoves 7 de agosto 20.30h | Teatro Coliseo Noela Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia. Sebastian Zinca, director. Claudia Besné, solista. Francesca Romana Di Nicola, solista.
Unha nova edición das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, bota a andar en Lugo con dous novos proxectos en proceso: por unha banda, a creadora Suevia Rojo traballará na súa iniciativa Incorpórea, mentres que o tándem formado polos artistas Rocío Bello e Javier Hernando afondarán no proceso de traballo de Ensayo
Unha vez finalizadas a súas residencias, as artistas ofrecerán ambas mostras abertas dos seus traballos en proceso, que terán lugar o domingo, 10 de agosto, contra ás 20.00h, no mesmo Vello Cárcere de Lugo, con entrada libre ata completa a capacidade do espazo
Paralelamente, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A creadora Suevia Rojo e o tándem artístico formado por Rocío Bello & Javier Hernando iniciaron esta mañá no Vello Cárcere de Lugo a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.
Así, o Vello Cárcere da cidade amurallada acolle, desde hoxe luns, 28 de xullo, e até o domingo, 10 de agosto, a sexta e a séptima destas residencias artísticas de 2025, en torno ás propostas Incorpórea, de Suevia Rojo, e Ensayo, de Rocío Bello & Javier Hernando.
Unha vez finalizadas as súas residencias artísticas, Suevia Rojo e Rocío Bello & Javier Hernando ofrecerán ambas mostras abertas do seus traballos en proceso, que terán lugar no mesmo Vello Cárcere de Lugo, o domingo, 10 de agosto, contra ás 20.00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, as creadoras participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE OS PROXECTOS
Incorpórea pretende retratar a entrada nun corpo que existe non pola súa imaxe, senón por aquilo que é esencialmente interno. É un chamamento a recoñecerse por dentro, de autoinvestigación e autocuestionamento sobre o que fai definirse a un mesmo. Trátase de mirar esencialmente cara dentro, onde as diferentes capas que compoñen a conciencia sobre un mesmo se revelan como mapas vivos de experiencias, desexos e contradicións constantes, sendo a intersección entre o que sentimos e o que pensamos ser.
O corpo deixa de ser só un espazo que contén información e convértese nun lugar de procura. Convértese nun xesto de vulnerabilidade e poder: vulnerabilidade para afrontar os propios abismos; poder para resignificalos. Unha investigación que invita a transformar eses procesos internos en linguaxe corporal, a darlles luz incluso cando intentan ser agochados. Sobre facer visible o que non pode ser visto salvo por un mesmo. Un xesto que transcende un simple corpo, que busca capturar aquilo que se define como Incorpórea. De recoñecer aquilo que pulsa no silencio, que insiste en existir mesmo cando non é nomeado.
Ensayo é un proxecto de investigación artística a partir dalgúns xestos humildes que pasaron desapercibidos para a historia e que promoven pequenas formas de resistencia baseadas na infracción, a poesía e a recuperación dos tecidos comunitarios. O proxecto trata de inventar xenealoxías e empurrar outras posibilidades para un tempo por vir. “Queremos utilizar o teatro como campo de probas para poñer en marcha prácticas e pensamentos que nos axuden a fundar outra maneira de relacionarnos co noso pasado e imaxinar algún futuro. Poden as artes vivas poñer en marcha propostas que nos axuden a conquistar o bo vivir? Creemos que, dalgún xeito, si”.
SOBRE AS ARTISTAS
Suevia Rojo é unha bailarina e performer freelance, nacida en Santiago de Compostela en 2002. Mudouse a Oporto aos catorce anos para dar continuidade aos seus estudos en danza. Entre 2020 e 2022 estudou en Performact, un programa intensivo de dous anos onde tivo a oportunidade de traballar con varios artistas internacionais e onde comezou a desenvolver a súa propia identidade na danza e na performance.
Entre os seus traballos máis recentes tanto como creadora e/ou intérprete atópanse A Água vai e vem e dança também, en colaboración con Frederica Campos no ámbito de Contrapartituras – Bolsa de creación do Quarteto Contratempus; a presentación do solo Longa Exposición, no Festival Singularidades / Açores, con apoio da DGArtes; a súa participación como bailarina na peza HIDE TO SEEK, de Júlio Cerdeira, no marco de Palcos Instáveis – Teatro Municipal do Porto; a presentación do solo de danza Pensar a Contratempo, no marco do apoio bianual do festival ABANEA – Galicia; e a súa participación como intérprete na peza O que se Esconde no Silêncio, en RÉPTIL, en coprodución co Teatro Constantino Nery e o CineTeatro de Gouveia e co apoio da DGArtes.
A súa investigación artística explora como o corpo pode ser abordado como un espazo de memoria, creando un diálogo interno entre estados físicos e emocionais. A través do movemento, investiga a conexión entre conciencia e instinto, transformando a vulnerabilidade en forza e a experiencia interna en forma física. Actualmente reside en Oporto, onde desenvolve o seu traballo como freelance, en colaboración con outros artistas e compañías como bailarina e performer.
Rocío Bello y Javier Hernando levan facendo cousas xuntos máis de dez anos, tamén con outros artistas. Javier Hernando fundou xunto a Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros. Los Bárbaros desenvolveron proxectos como Las explicaciones (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), Obra infinita (Centro Dramático Nacional) ou Obra imposible (Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque), nos que participou Rocío Bello como actriz, dramaturga e deseñadora de vestiario. Rocío Bello colaborou nas últimas pezas da artista Cris Blanco e a súa obra Mi película italiana estreouse no Teatro Español de Madrid baixo a dirección de Salva Bolta. Javier Hernando publicou libros de poesía como Una clase de escritura (La Uña Rota, 2025).
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
Catro estreas a nivel estatal e outras tres en Galicia, entre as que inclúe unha banda de apertura dos Rolling Stones, daranse cita mañá en San Simón
Isabel Díaz e Pedro Blázquez, dous nomes históricos da cultura de club e das ondas radiofónicas, pecharán este ano as Audicións Malmequeres
O público poderá coñecer o patrimonio histórico e natural do arquipélago co roteiro ‘Descubre San Simón’ e participar nunha visita guiada coas mulleres e homes da asociación mariñeira Amarturmar, na que falarán sobre a enseada e a súa biodiversidade
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia despídese mañá de San Simón cunha ampla programación cultural singular, e que abrangue desde unha das bandas de apertura dos Rolling Stones até unha formación cualificada pola crítica especializada como “purificadora da alma”. Dez bandas e solistas procedentes de Austria, Arxentina, España, Marrocos, Reino Unido, Suecia e Uganda completarán a última grella de programación que queda por descubrir deste Sinsal, e que o público só coñecerá ao desembarcar este domingo 27, a partir das 12:00 horas, na illa.
Na tercera e derradeira xornada desta edición, Sinsal ofrecerá catro estreas a nivel estatal e tres primicias en Galicia; ademais de actuacións de formacións locais que se sucederán desde que o público desembarque na illa e ata que, ao solpor, regrese aos portos de Vigo e Meirande. A cultura de club estará presente desde pola mañá pola presenza, nas Audicións Malmequeres, de dous nomes propios das ondas radiofónicas: Isabel Díaz e Pedro Blázquez. No escenario da praza de San Simón, o dúo coñecido ao seu paso por RNE ou Cadena SER recordará os comezos da chegada da música de baile en España na pioneira Radio Minuto de Barcelona.
As actuacións da grella secreta previstas para os escenarios Sinsal SON Estrella Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock’n’Roll e Malmequeres darán boa conta da rica escena que se está a xerar no marco da creación musical contemporánea. Desde a fusión da tradición andaluza coa electrónica até unha caixa de ritmos “vivinte” cunha imponente despregadura física, pasando por vocalistas excepcionais que se achegan ao idioma aviario desde a tradición oral; tanto formacións marroquís de música gnawa que proporán unha viaxe sonora polo deserto ou mesmo bandas de apertura de concertos dos Rolling Stones: a xornada deste domingo 27, que se completará con sons clásicos do pop independente ou que beben das reminiscencias do post punk, quedará para sempre no recordo das asistentes ao Sinsal.
Programación paralela aos directos dos escenarios oficiais
Alén destas propostas, o público tamén poderá gozar coa actuación sorpresa dun grupo da tradición popular galega, ademais da interpretación que, baixo o título de Rumbantela, un cuarteto de saxofóns da Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá con músicas das festas e verbenas do país de principios do século XX. Esta cita terá lugar na cafetería da illa, na que tamén se sucederán ao longo de todo o día as Sesións San Simón con Aleksander Kolkowski, as gravacións en cilindros fonográficos que rexistrarán as bandas participantes no festival.
A illa de San Simón será un fervedoiro de propostas culturais ao longo de toda a xornada. Por unha banda, a ceo aberto, poderanse visitar tanto os 16 paneis que conforman a Exposición de cómic A Escola Sinsal: A historia da música gravada en Galicia coma as 7 estacións do roteiro independente Descubre San Simón para coñecer a memoria e patrimonio da illa.Pola outra, o público tamén poderá asistir a unha das visitas guiadas máis queridas: a que se realiza coas mulleres e homes da asociación do Mar de Cesantes, Amartumar. Con elas poderanse achegar non só á biodiversidade da enseada, senón coñecer os seus recursos industriais e como o cambio climático está a afectar o seu día a día.
Para o público familiar haberá dúas propostas diferenciadas. A cafetería acollerá as últimas sesións do laboratorio creativo Caderno de bitácora, vinculado á paisaxe natural de San Simón, e o Espazo Gastronomía será a sede do taller de achegamento á produción musicalDo, re, Bip,unha proposta ideada especificamente entre A Escola Sinsal e o artista multidisciplinar Juanma LoDo para as máis pequenas da casa, que poderán facer música con froita e verduriñas.
Finalmente, na tarde do domingo 27, celebrarase a terceira e última das demostracións d’A cociña Sinsal. A cociñeira de Gondomar Arián Lorenzo, propietaria de Arián Chef, ofrecerá un obradoiro de cociña vexetariana con produtos de mar que proporcionará a conserveira especializada en algas de producción ecolóxica Porto Muíños.
Festival Sinsal SON Estrella Galicia
O festival Sinsal é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e un fondo compromiso co medio ambiente e a igualdade son os sinais de identidade dun festival cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa.
Sinsal, que celebra a súa 15ª edición na illa de San Simón, é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio, e conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal. Ademais, o evento ten o apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do programa FEST Galicia, como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.
A principios do catorce nas montañas do Cebreiro o crego deste lugar non cría que pan e viño en corpo e sangue divina se puidesen converter.
Un día de cru inverno por mor dunha gran tormenta os veciños da contorna as obrigacións sagradas non puideron atender.
Estando a igrexa baleira e o padre a misa dicindo, no intre da consagración pola porta asoma un home, o frío nos ósos trae.
Era este Juan Santín, veciño de Barxa Maior, que nunca a misa faltaba, tivese labor á vista, fixese un tempo de raios.
O párroco sorprendido para si isto marmexa:
-Pobre home, meu coitado, poñerse en camiño hoxe con este tempo de raios exposto a morrer de frío por un bocado de pan e un gargalloto de viño!
Segundo o ía dicindo un arrepío no corpo de arriba a abaixo sentiu e asustado viu cá hostia mudaba en carne sanguenta, o viño xa máis vermello a sangue humana cheiraba.
Ao pé do altar de xeonllos caeu repentinamente ficando desvanecido, alí mesmo sobre as gradas. Cando Santín se achegou ao intentalo incorporalo comprobou que estaba morto.
Se algún día visitades esta igrexa do Cebreiro xunto ao altar veredes cáliz e mais relicario contendo o sangue e a carne de Xesús, Noso Señor.
Proba esta, do milagre que aquel día aconteceu.
A DONIÑA BRANCA
De Froilaz, señor de Doiras, era Aldara, filla amada; de salientable beleza por todos era loada.
Quixo o azar que namorara de aposto e honrado galán, fillo doutro gran señor, que na redonda moraba.
Conforme, seu padre amado, consentimento outorgou, data no calendario ben subliñada ficou.
Mais unha aciaga tarde mentres un paseo daba polos bosques da contorna, desapareceu, coitada.
Baldía foi a procura polos montes de Cervantes; ninguén deu noticia algunha da desventurada amante.
Un día, seu irmán Egas, mentres andaba de caza, fermosa cerva albiscou, como a mesma neve, branca.
E cunha certeira frecha a vida lle arrebatou; o inofensivo animal, inerte no chan ficou.
Era tan grande o seu peso, que non puido coa peza; unha pata lle arrincou para dar fe da proeza.
Cando ao castelo chegou, perplexo a padre deixou; man suave de muller do vello zurrón sacou.
Desesperados correron a xunto da cerva branca; no seu canto atoparon á linda doncela, manca.
A lenda asegura que foi encanto de mouro ou fada, e que ao morrer o veado volveu ser, de novo, dama.
Sete propostas formarán parte do programa de Danza no Claustro que terá lugar na provincia de Ourense: Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, Claustro de Santa María de Melón, Claustro do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín e A Casa Vella en Amiadoso( en colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación A Casa Vella).
Son artistas convidados e convidadas:
WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
NURIA SOTELO / GALICIA
ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
KIKO LÓPEZ / COMUNIDADE VALENCIANA
MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
ARNAU PÉREZ e JERÓNIMO RUIZ / CATALUÑA
Danza no Claustro celébrase os días 26 de xullo, 1, 2, e 3 de agosto ás 20:00h:
. 26 de xullo – A Casa Vella – Amiadoso, Allariz. Colaboración co Ciclo de Artes Vivas e Mediación da Casa Vella.
. 1 de agosto – Claustro de Santo Estevo de Ribas de Sil en Nogueira de Ramuín.
. 2 de agosto – Claustro de Santa María de Melón.
. 3 de agosto – Claustro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.
Danza no Claustro é un proxecto da Plataforma Cultural SóLODOS. Paisaxes cheas de historia e singularidade da provincia de Ourense son o contexto para que artistas internacionais e locais, xunto coas comunidades, constrúan un proxecto cultural en común. Os artistas tras un proceso de creación e investigación artística nos diferentes claustros e espazos, realizan unha exhibición do seu traballo creativo. A danza como motor cultural que potencia a historia do lugar, a súa xente, a súa beleza, a súa singularidade…Un xeito diferente de mirar a arquitectura e o patrimonio histórico a través do baile, do movemento.
Algúns datos de Danza no Claustro:
Coa celebración da 13ª edición Danza no Claustro, é o festival de danza máis lonxevo de Galicia.
Formaron parte do programa, nestes 13 anos, artistas de 12 países diferentes.
Danza no Claustro forma parte da Red Acieloabierto, rede de festivais de danza en espazos non convencionais, dende 2021.
Desde 2021 a firma Adolfo Domínguez viste ás e os artistas para as funcións no festival.
Do 2013 ao 2019 naceu e celebrouse no Claustro de San Francisco de Ourense. No 2021 se extende a Xunqueira de Espadanedo e do 2022 ata a actualidade lévase a cabo nos tres claustro actuais. No 2024 A Casa Vella alíase co proxecto propoñendo unha extensión no seu Ciclo de Artes Vivas e Mediación.
DANZA NO CLAUSTRO
PON EN VALOR O PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO A TRAVÉS DA DANZA
26 XULLO / 20h A CASA VELLA
1 AGOSTO / 20h SANTO ESTEVO DE RIBAS DE SIL
2 AGOSTO / 20h SANTA MARÍA DE MELÓN
3 AGOSTO / 20h SANTA MARÍA DE XUNQUEIRA DE ESPADANEDO
26 XULLO / A CASA VELLA
Colaboración Ciclo de Artes Vivas e Mediación A Casa Vella
DOS MINUTOS EN SILENCIO / WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
OBRA PREMIADA POR RACE Residencias Artísticas Creando Escena 2025 / Impulso á internacionalización, Taller Nacional de Danza de Costa Rica + SóLODOS en RED 2025
SUITE / NURIA SOTELO / GALICIA
Violoncello Millán Abeledo / Composición Manuel López / Danza e Coreografía Nuria Sotelo
MONTE / ALBA FERNÁNDEZ COTELO / GALICIA
Preestrea / Creación e Interpretación: Alba Fernández Cotelo
1, 2 e 3 AGOSTO / CLAUSTROS
Claustros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Mª de Melón e
Santa Mª de Xunqueira de Espadanedo
CÓRDOBA DRONE / DANI HERNÁNDEZ / BILBAO
PREMIO Danza no Claustro – Sólodos en Danza Ourense 2024
ONDE POUSA A HUMIDADE / MARCIA VÁZQUEZ / GALICIA
PREMIO INJUVE para participar en SóLODOS en DANZA Costa Rica 2023
DOS MINUTOS EN SILENCIO / WILLIAM RETANA e SHARIFA KARIMAH / COSTA RICA
ESTREA INTERNACIONAL
OBRA PREMIADA POR RACE Residencias Artísticas Creando Escena 2025 / Impulso á internacionalización, Taller Nacional de Danza de Costa Rica + SóLODOS en RED 2025
HONEST / KIKO LÓPEZ / COMUNIDAD VALENCIANA
PREMIO SóLODOS EN DANZA OURENSE 2024 / MENCIÓN XOVE 2024 / Coreografia na RED ACIELOABIERTO 2025
VIBRA / ARNAU PÉREZ / CATALUÑA
Intérpretes Jerónimo Ruiz e Arnau Pérez / Coreografía na RED ACIELOABIERTO 2025
DANZA NO CLAUSTRO recibirá ao Ciclo de Conversas Entre formas e palabras, impulsado pola Fundación Paideia Galiza e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, con “Tecendo redes”, o terceiro encontro do programa, que se celebrará o sábado, 2 de agosto de 11:30 a 13:30 h no Salón de Plenos do Concello de Xunqueira de Espadanedo (Ourense) no marco do Festival Danza no Claustro.
Esta nova sesión centrarase na importancia das redes de colaboración no ámbito da danza contemporánea e contará coa participación de Maruxa Salas e Erik Jiménez, coreógrafos e intérpretes da compañía SóLODOS, e impulsores de proxectos referenciais como os festivais SóLODOS en Danza (Ourense e Costa Rica), Danza no Claustro e Danza no Camiño. A eles súmase Natividad Buil, directora do prestixioso Festival Trayectos, un espazo pioneiro de danza contemporánea en contextos urbanos.
O showcase desta edición correrá a cargo de Clara Ferrao Diz, bailarina, creadora e docente especializada en danza contemporánea, cuxo traballo destaca pola súa delicadeza e exploración poética do movemento. A conversa estará conducida pola bailarina, coreógrafa e xestora cultural Paula Quintas. A inscrición é gratuíta ata completar aforo e pode realizarse a través da web: www.paideia.es
ORGANIZA: SóLODOS. DIRECCIÓN: Erick Jiménez e Maruxa Salas. PRODUCIÓN: Víctor López Carbajales. VESTiARIO: Adolfo Domínguez. FOTO e VÍDEO: Fotografía Salas. COA AXUDA DE: INAEM – Ministerio de Cultura, Deputación de Ourense, Xunta de Galicia a través da AGADIC. COLABORA: Concello de Xunqueira de Espadanedo, Concello de Nogueira de Ramuín, Parador de Santo Estevo, Concello de Melón, Red Acieloabierto, Adolfo Dominguez, A Casa Vella e Taller Nacional de Danza de Costa Rica.