A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) acordou conceder o Premio de Honra Marisa Soto dos Premios María Casares 2026 á actriz ferrolá Luma Gómez, en recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao seu compromiso sostido co desenvolvemento do teatro galego.

O Premio de Honra Marisa Soto, creado en 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), distingue traxectorias consolidadas e de especial relevancia para o desenvolvemento das artes escénicas en Galicia. Trátase dun recoñecemento á contribución sostida de figuras clave do noso teatro, como é o caso de Luma Gómez.

Tal e como sinala Eva Fórneas, presidenta da AAAG,  “Luma é un referente en moitos aspectos”. “Fundou e cofundou tanto esta asociación como compañías teatrais. Sempre estivo concienciada coa profesión, cos dereitos e coas loitas sindicais. Comprometida co feminismo, coas compañeiras e compañeiros, nunca deixou de se dedicar ao teatro”, apunta Fórneas, quen engade que este Premio de Honra chega con Luma Gómez en activo. “Queremos que poida gozar e desfrutar deste recoñecemento cada día, tanto desde o escenario como detrás dos papeis. Luma destaca pola súa luz, obra propia e actos, é digno de xustiza recoñecer a súa predisposición e compromiso”, asevera a presidenta. 

A entrega do galardón terá lugar o 8 de abril no Teatro Rosalía Castro durante a gala de celebración dos XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, e que contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE ou Gadisa.

LUMA GÓMEZ

Nada en Ferrol en 1951, Luma Gómez iniciouse moi nova no teatro da man da compañía amadora Teatro Estudio, participando en 1969 na montaxe Los suplicantes, experiencia que marcou o inicio da súa vocación escénica. Pouco despois trasladouse a Madrid, onde cofundou a compañía Teatro Zoo (1971-1977), e integrouse no movemento do teatro independente, participando tamén en iniciativas clave como a creación da ATIP ou a comisión que impulsou a Seguridade Social do Réxime de Artistas.

En 1977 regresou a Galicia nun momento decisivo para a profesionalización do sector. Participou nos primeiros pasos do teatro galego contemporáneo e, en 1979, fundou xunto a Eduardo Alonso a compañía Teatro Andrómena. Xa nos anos oitenta, implicouse activamente na consolidación das estruturas culturais do país: formou parte do espectáculo fundacional do Centro Dramático Galego, Woyzeck (1984), e foi uhha das socias fundadoras da AAAG (1985).

En 1987, Gómez fundou con Eduardo Alonso Teatro do Noroeste, unha das compañías de referencia do panorama galego, coa que levou á escena máis de corenta montaxes. Entre os seus primeiros traballos destacan Medea (1987), Galicia S.L. (1988) e Rei Lear (1989), configurando unha traxectoria artística sólida, diversa e comprometida.

Ao longo de máis de catro décadas de carreira, Luma Gómez destacou non só pola súa calidade interpretativa, senón tamén polo seu firme compromiso co tecido profesional e asociativo, contribuíndo de maneira decisiva á construción e dignificación do teatro galego. Coa concesión deste premio, a AAAG recoñece en Luma Gómez unha figura esencial das artes escénicas de Galicia, cun labor que resulta imprescindible para comprender a evolución e consolidación do noso sistema teatral.