• O manifesto da investigadora pon en valor a emoción e a presenza na narración oral fronte ás pantallas
  • O 20M, un día para reivindicar a lingua galega como vehículo vivo de creación e encontro
  • Festival Atlántica, Sete Falares e NOGA impulsan unha xornada para visibilizar a narración oral

20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, Galicia súmase a esta celebración internacional reivindicando a narración oral como unha arte escénica viva, contemporánea e profesional. A xornada está impulsada polo Festival Atlántica, o festival Sete Falares e NOGA (Asociación de Narradoras e Narradores Orais de Galicia), co obxectivo de visibilizar un sector consolidado e reforzar o seu recoñecemento cultural.

Nesta edición, o pregón corre a cargo da investigadora e académica Camiño Noia, unha figura clave na cultura galega: fundadora de Xerais, autora da antoloxía Palabra de muller, entre moitas obras, antropóloga e piar fundamental na investigación da oralidade en Galicia. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu un traballo pioneiro na recollida, análise e clasificación da narrativa oral galega, creando un amplo catálogo que sitúa os contos tradicionais galegos en diálogo coas tradicións europeas e universais.

No seu pregón, Camiño Noia reivindica a forza da palabra viva fronte á “letra morta”, lembrando a emoción única de escoitar un conto na voz dunha persoa. Destaca o papel da narración oral como forma de comunicación esencial que constrúe comunidade, fronte ás dinámicas das redes dixitais que, moitas veces, afastan ás persoas do encontro directo.

A autora subliña tamén a importancia da transmisión oral na infancia e na educación, así como o valor insubstituíble da presenza: “A voz presencial é a mellor pantalla na que nenos e nenas escoiten os contos”.

Nun contexto no que a tecnoloxía multiplica os contidos, Noia lembra que ningunha máquina pode substituír a emoción da voz que conta, e reivindica o papel das persoas que narran como transmisoras de cultura, memoria e afectos.

A celebración do 20 de marzo pon tamén o foco na necesidade de profesionalizar o sector da narración oral, promovendo programacións estables e diversas que non se limiten ao público infantil, senón que inclúan tamén espectáculos para público adulto, recoñecendo así a amplitude e riqueza desta disciplina artística.

Así mesmo, esta xornada é unha oportunidade para reivindicar a lingua galega como lingua de creación, transmisión e encontro, reforzando o seu uso vivo a través das historias compartidas.

Co gallo desta celebración, desenvolverase unha ampla programación de funcións en distintos puntos do país, nas que narradoras e narradores galegos levarán os contos a bibliotecas, teatros, centros culturais e espazos comunitarios, enchendo Galicia de historias.

O Día Mundial da Narración Oral convértese así nunha chamada colectiva a escoitar, contar e compartir, e tamén nun convite, como sinala a propia Camiño Noia, a “darlle voz a este país que moitos pensan pequeno, mais que é moi grande en historias”.

cartel_DNO_manifesto_2026

20260317-Dia-Internacional-da-Narracion-Oral-20M