Proxección do documental A Foreign Song (ciclo Mestre Mateo) no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección do documental A FOREIGN SONG, de César Souto Vilanova, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 5 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 20:00H. 

NOTA_INFORMATIVA_A-FOREIGN-SONG

Verónica Codesal, compoñente de IALMA, presenta na Casa-Museo Manuel María o seu proxecto “100 Voltas”

VERÓNICA CODESAL, COMPOÑENTE DE IALMA, PRESENTA, O DOMINGO 12 DE NOVEMBRO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O SEU PROXECTO, 100 VOLTAS

Faino acompañada do acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici

Verónica Codesal presentará o próximo domingo día 12, ás 12:30h, na Casa-Museo Manuel María, o seu recente traballo musical 100 VOLTAS. Estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici.
Verónica Codesal (voz e pandeireta) é compoñente do coñecido grupo galego-belga Ialma, que conta con sete traballos publicados e que está formado por catro mulleres nacidas e residentes en Bruxelas, mais que son de orixe galega e conforman o seu repertorio con música do noso país. Ademais, Verónica Codesal representou a Bélxica no Festival de Eurovisión no ano 2003 formando parte do grupo Urban Trad. Fíxoo coa canción “Sanomi” quedando na segunda posición.
Nesta ocasión, dous músicos de proxección internacional acompañarán a Verónica Codesal. Por unha parte Didier Laloy (acordeón diatónico e stompbox), é un dos mellores instrumentistas de acordeón diatónico do mundo e solista en orquestras sinfónicas de Alemaña, Italia, Cuba e Bélxica. Pola outra, Damien Chierici  (violino e instrumentos electrónicos), intérprete, compositor e arranxista polifacético (música clásica, folk, composicións para cinema…), o que o levou a compartir escenario con artistas internacionais como Glen Hansard ou Lisa Hannigan, a crear bandas sonoras cinematográficas como a serie belga PANDORE ou á realización de xiras con moitos grupos belgas por Europa.
“100 VOLTAS” é un traballo cheo de cultura e tradición galega que conta cun repertorio que preserva a esencia do pasado ao mesmo tempo que incorpora elementos contemporáneos e diferentes instrumentos. Nel recóllese o compromiso de Verónica Codesal como muller feminista, de maneira que moitas das súas composicións realizáronse sobre textos de distintas poetas galegas (Rosalía de Castro, Xohana Torres, Andrea Nunes, María Lado, Lucía Aldao, Yolanda Castaño, María do Cebreiro, Brais Fernández, Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo) a través dos que contan, xunto a textos tradicionais, as súas historias de mulleres, compañeiras, nais, fillas, amigas, traballadoras, artistas, activistas…
O concerto da Casa-Museo Manuel María forma parte da xira por Galiza para a a presentación de “100 VOLTAS” en que o grupo realizará seis concertos entre os días 11 e 16 de novembro, sendo o único na provincia de Lugo.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no whatsapp 698177621 ou en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

Fallo do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

O xurado do III Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO, que convoca a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Cospeito, acordou o seguinte fallo:

1º Premio para a obra ÚLTIMA NOITE EN CALDALOBA, da cal resultou ser autora Patricia Torrado Queiruga, de Porto do Son.

2º Premio para a obra ENGRANAXES, cuxa autoría correspondeu a Laura Sánchez Castro, de Santiago de Compostela.

A entrega dos galardóns levarase a cabo no local da Biblioteca Rural San Martiño de Pino, nunha data que será anunciada proximamente.

PAKOLAS na Casa-Museo Manuel María

Volta Pakolas á Casa-Museo Manuel María, este sábado, día 4 de novembro, ás 17 horas para presentar o seu último traballo “A Ramona pequena vai á lúa”.
Cantará e contará a historia de Ramona pequena que a través da máquina do tempo volta á súa infancia, para nos convidar unha nova aventura cantareira e didáctica.
Cómpre reservar billete (2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
A actividade vai dirixida para nenas e nenos entre 3 e 10 anos.

O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despídese este martes con ‘La comedia de los errores’, dirixida polo Premio Nacional de Teatro Andrés Lima

A versión libre sobre a comedia de Shakespeare, á vez baseada nunha de Plauto, contará con seis actores en escena, entre eles, Pepón Nieto, Antonio Pagudo e Rulo Pardo- que interpretarán 24 personaxes diferentes

A obra, que se poderá ver mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, coas entradas xa esgotadas, será o ramo do Programa de sala do #FIOT32, cuxa derradeira actividade chegará o 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís



O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despídese coa programación do derradeiro espéctáculo desta 32ª edición. Mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que se puido ver no FIOT en pausa de 2020.  

La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha divertida versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis excepcionais actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade. 

Nesta peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. Con esta singular adaptación do texto do bardo inglés, o #FIOT32 pecha unha edición marcada pola diversidade e a excelencia, con voces persoais e singulares e dunha notable calidade artística. 

Alén da programación de exhibición, estes días o público todavía pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura. Finalmente, a actividade desta edición do #FIOT32 pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. Os audios quedarán pendurados na web do FIOT, www.fiot.gal, no apartado Onda FIOT.

AXENDA #FIOT32 | 31 DE OUTUBRO

Martes 31, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
La comedia de los errores, do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo

Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0)
Exposición Zoom FIOT 2022

20231030-NP-FIOT32-La-comedia-de-los-errores

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A BOCA DO FORNO

Miguel Díaz, A BOCA DO FORNO

A rúa de casas sen portas, os vans que conducen á ruína interior. Todo o que un xa non quere ser. A ausencia da brasa no medio da cinza. A boca do forno. A boca sen palabras pendentes. Sen o murmurio da esperanza.

Afogados os momentos de corazón emerxido, brincador en melodía. Anegados todos os tempos nos que un pretendeu ser, amar, plantar. Todo disipado. As faragullas dunhas letras nun caderno, testemuñas dun paso insignificante. O home sente, a pedra permanece. Que importa xa. O papel arde, podrece. O home arde, podrece. Que no conxunto axitado se dilúa un, irrelevante, mentres galopa teimuda unha conxunción de tebras, que pode importar. Que pode importar o que nun habite ou o que nas entrañas se forxe para ser desprezado. Insuficiente, nulo. Que pode importar xa a fornada, a leña de xesta, o rascadoiro. Que pode importar a boca do forno, silenciada, abandonada.