por martinho | Nov 8, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol o venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas
‘As damas de Ferrol’ é un texto en clave feminista dirixido por Clara Gayo, protagonizado por Mónica Camaño e Casilda Alfaro, con música orixinal de Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso
Trátase dunha comedia de humor negro a ritmo de jazz onde dúas irmás maiores repasan a súa vida entre disputas e absurdos, cunha morte como trasfondo e coa cidade de Ferrol como protagonista
A lonxeva compañía regresa a Ferrol cunha proposta que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio abrindo agora unha renovada liña de traballo
As entradas para ver ‘As damas de Ferrol’ xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro
Teatro do Noroeste dá un xiro á súa liña de traballo coa estrea absoluta do espectáculo As damas de Ferrol. A peza poderase ver os días 1 e 2 de decembro, ás 20.30h, no Teatro Jofre de Ferrol. Trátase dun texto en clave feminista, que está dirixido por Clara Gayo e que conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso. A veterana compañía presenta así unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, entón baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, abrindo agora unha nova senda estética e escénica.
As damas de Ferrol é unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Dúas irmás, xa maiores, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable… aínda que quizais todo é froito da súa imaxinación. Absurdos e disputas danse a man nunca peza cunha marcada crítica social, na que unha morte e a cidade de Ferrol protagonizan tamén a historia.
Producida por Teatro do Noroeste, trátase dun espectáculo no que a compañía conta cunha directora externa ao fronte, Clara Gayo. Eduardo Alonso asina o texto, protagonizado nesta nova posta en escena por Mónica Camaño e Casilda Alfaro. O equipo complétase cunha escenografía e vestiario a cargo de Carlos Alonso, mentres que Eduardo Alonso é o responsable do deseño de iluminación e a produción é de Eva Alonso.
As entradas para ver As damas de Ferrol están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.
SOBRE O ESPECTÁCULO
As damas de Ferrol é unha comedia onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar. As personaxes son Lourdes e Maruxa, dúas supostas irmás, xa maiores, que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser a súa fantasía ou a verdade máis cruel e implacable. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terrible morte.
Ambas as dúas establecen as súas disputas tratando de comer, ou quizais de devorar, todo o que ante elas sitúase, realidade ou ficción, cunha ansia só posible nos límites da demencia. E como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas.
O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo. O diálogo por veces caótico, por veces melódico, que tradicionalmente establecen os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como nos máis íntimos. Sobre el, a compositora Chefa Alonso apunta: “baseadas esencialmente no dúo musical, o mínimo, o agudo e o ferruxento está representado nas texturas sonoras das cordas do kechapi e do contrabaixo, que inspiran motivos musicais abstractos. E engade que “a humanidade da vellez, a desmemoria, o amor e a familia exprésanse en temas máis melódicos e tonais coa dozura da kalimba e a melancolía do saxo soprano”, forxando “ unha música para un texto desapiadado en un mundo sen esperanza”.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.
Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, tamén de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outras das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiría os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboy alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.
NP_As-damas-de-Ferrol
por Patricia Torrado Queiruga | Nov 6, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, DEMIURXIA, Literaria, Xeral
DEMIURXIA
Patricia Torrado Queiruga
Pisáronche os pés algún día ao bailar?
Cando era pequena apuntáronme a ballet, tiña os pés planos e había que compensar esa tara, domear eses pés que medraran salvaxemente e sen aterse ás normas establecidas, eu sempre fun de medrar na marxe, sen aterme ao que o mundo esperaba de min. No pouco tempo que botei naquelas clases descubrín que sempre hai quen poida pisarte incluso sen querer, polo mero feito de que entrou no teu espazo de execución.
Hoxe entraron nese meu espazo de conforto para dicirme o que se esperaba de min no meu posto, que non opinase cando non se me pedise, que non fose crítica (algo intrínseco a min dende que abrin os ollos ao mundo), que non estaba en posición de modificar nada, que as cousas eran así porque así tiñan que ser e eu… pois limiteime a ser eu, a sacar a katana de paseo, afiada e a non deixarme pisar, porque se hai algo que non sei ser é hipócrita, dáseme bastante mal e procúrame males que non estou disposta a soportar.
Os piropos foron dende “sindicalista”, “defensora de preitos pobres” a “bruta” no xeito de falar, porque se son un lindo gatiño non podo rabuñar. Síntese, os felinos rabuñan de sempre, é intrínseco a eles, vai na pelaxe, no xeito de estar no mundo, na especie.
Tiven que explicar que se unha persoa me falta ao respecto telefónicamente non vou ser eu quen lle ature os seus desatinos e se teño que dicir “porque me sae da cona”, dígoo coa mesma fachenda de quen se sabe de sangue violeta. Porque tampouco teño porque soportar de ningunha maneira que cando se fala do meu traballo se me faga a comparativa de “podes facer moi ben o teu traballo, por poñerche un exemplo: é como se lle comes o potorro ou lla chupas ben pero non sacas produción” e quedar calada, non podo, porque non son así, e porque non son prostituta, porque probablemente aínda que el me diga que ese comentario llo podería facer a un compañeiro home non é un comentario que se lle deba facer a ninguén. A katana veu de volta para a casa, ensanguentada, lévoa sempre comigo, apertada ao corpo, porque nin os domingos se pode deixar sobre a mesa, porque nunca se pode baixar a garda, porque se o meu carácter fose outro, probablemente o encontro de hoxe me fodese o domingo, mais… deume para escribir. A miúdo penso que se a xente coa que topo fose consciente de que o que di a retrata, de que está cunha francotiradora da palabra, seguro andarían con máis tino, porque unha só baila con quen lle sabe sacar o punto na fiada e xa hai tempo que decidimos que non é agora o home quen ten que levar o paso, así que dansemos. E ti, se me les, agradecida polo monólogo, mais neses casos non se aprende moito.
por martinho | Nov 6, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), organiza o ACTO DE ENTREGA DA PLACA COA MENCIÓN DE HONRA DO IESCHA A TÍTULO PÓSTUMO A DARIO RIVAS CANDO, acordada por unanimidade na Asamblea Xeral Ordinaria do presente ano, entre outras razóns, “por activar as xestións en memoria democrática con relación a seu pai Severino Rivas, fusilado no 36, resultando ser o primeiro querellante do Estado na causa contra os crimes franquistas na Arxentina”
O acto, presentado por Sabela Figueira, vice-presidenta do Iescha, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o SÁBADO 11 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 19:00 e contará coa presenza de:
- Mª Jesús Rivas, sobriña de Darío Rivas
- Carmen García Rodeja, voceira da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH)
- Baldomero Iglesias Dobarrio “MERO”, amigo da familia
NOTA_INFORMATIVA_DARIO-RIVAS
por martinho | Nov 5, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba e a Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o vindeiro venres 10 de novembro, ás 20:00 h. a proxección do documental “XOVE, DEMOCRACIA NUCLEAR”, de PEDRO LECHUGA, que recolle a loita das veciñas e veciños da comarca da Mariña contra a central nuclear de Xove na década dos anos 70. Proxectarase no Auditorio Municipal de Vilalba.
O propio director, Pedro Lechuga Mallo, xornalista leonés, será o encargado de guiar o coloquio posterior á proxección do documental.
A entrada é de balde, pero haberá que facer a correspondente reserva na paxina do Concello https://entradasvilalba.es, directamente na Casa da Cultura, ou o mesmo día da proxección na billeteira do Auditorio.
NOTA_INFORMATIVA_XOVE-DEMOCRACIA-NUCLEAR
Adxuntamos cartaz e nota.
por Suso De Lameliña | Nov 4, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
ELVIS PRESLEY SEGUE VIVO
Hai historias que te resistes a contar porque son tan fóra do común que temes que te traten de tolo. Isto foi o que me pasou este pasado mes de abril e que hoxe, despois de darlle moitas voltas, atrévome a compartr con vós.
Quedara cun amigo de Santalla de Ozcos a xantar no Cantábrico, na Fonsagrada. Mentres esperaba por el, tomando uns viños pola vila, recibo unha chamada súa dicíndome que por un imprevisto non podía acudir á cita.
Seguín de peregrinación polos bares e, segundo entro no Avenida, atópome cuns amigos que levaba tempo sen ver, co que iso supuxo de beber unhas cantas cuncas de máis. Xa sabedes como é ir á Fonsagrada.
Preto das dúas e media e co apetito minguado polo exceso de etílico, por fin estou no restaurante. Xusto na mesa de en fronte, tres homes e unha muller, todos eles arredor dos oitenta anos. Fico ollando para un que me soa de algo, pero non acerto a lembrar de que. Déixoo pasar, pero xa cando estabamos na sobremesa, nun momento dado, cruzámonos as nosas miradas. Foi como unha aparición sobrenatural. Aquela mirada e aqueles ollos azuis non podían ser máis ca del. Polo xeito como me mirou souben que se decatara de que o recoñecera. Terminei de xantar e, cando me ía marchar, ergueuse e achegándose a min, case nun murmurio, díxome:
—Xa sei que sabes quen son, pero por favor non digas nada. De todos modos, se o contas, ninguén che vai crer, pero por se acaso cala a boca. Agradeceríacho, levo anos de incógnito. Todos cren que son un inglés acaudalado, que foi o que inventei para a miña nova vida.
Saín de alí sen dar creto ao que me viña de pasar. Era o mesmiño, Elvis Presley. Que razón tiñan os que aseguraban que non morrera. O que ninguén se imaxinaba era que se agochara na Fonsagrada. Despois preguntei por el e contáronme que era un inglés que vivía nunha aldea preto da vila, desde ía para máis de vinte anos. Que enseguida se adaptara e que mesmo, moi rápido, aprendera falar galego. Do que vivía, ninguén o explicaba, pero debía ser de boa familia, pois cartos non lle faltaban.
Nada dixen, coma el me pedira, ata hoxe, que xa non aguantei máis e tiven que contalo, iso si, sen dar máis detalles, que xa din abondos. Agora chamádeme tolo, se queredes, pero eu xa me desafoguei.
por martinho | Nov 2, 2023 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Dios Ke Te Crew esgota todas as entradas da celebración ‘Tremendos Anos 20’, na que festexará dúas décadas sobre os escenarios
A cita será nun mes, o sábado 2 de decembro, e contará con Hermano L, High Paw, DJ Mil, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa, Rico Suávez, Chicho Selector, Padre Murdock e Croma
Dios Ke Te Crew vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a celebración das súas dúas primeiras décadas sobre os escenarios. Xa non quedan billetes dispoñibles para asistir á xornada maratoniana de directos que terá lugar o 2 de decembro en Santiago de Compostela e na que a banda, ademais de revisar os seus grandes éxitos, se acompañará de numerosos artistas do país para festexar vinte anos de rap en galego.
Co gallo da efeméride, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas, e 20 remixes de dúas decenas de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O disco-fanzine, que se editará en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol o propio 2 de decembro, e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC.
FESTA TREMENDOS ANOS 20
Nun mes, o vindeiro 2 de decembro, a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musical. A festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras de DKTC, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, festexará vinte anos de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”. A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas.
Os festexos continuarán na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selector, Padre Murdock e Croma, e outras sorpresas adicionais.
20231102-NP-DKTC-entradas-esgotadas-para-Tremendos-Anos-20