O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 34ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
O xurado destacou a riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas
O xurado remarcou, tamén, a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que compartevalores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión
Neste 2025, como unha mostra máis da aposta do FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artesá carballesa María Barca, impulsora da Olería CRÚA en Carballo, que será tamén a encargada do deseño do Premio do Público
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.
Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”. O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”.
Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024.
SOBRE ARETA BOLADO
Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!, Panamericana, Elisa e Marcela e As que limpan.
O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra.
Na súa traxectoria recibe numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+.
UN NOVO TROFEO PARA A XOGRARESA DE OUTONO DO FIOT 2025
Como unha mostra máis da aposta do FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, neste 2025, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artista e artesá carballesa María Barca, impulsora do espazo CRÚA en Carballo. A creadora será tamén a encargada do deseño do Premio do Público do FIOT a partir desta 34ª edición da cita.
María Barca é carballesa de nacemento, pero, sobre todo, de corazón. Fala pouco, mais ten mans creadoras. Ela di que non é fotógrafa, oleira ou ceramista, senón que desfruta de afrontar novos retos coas mans sen etiquetas. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, tratando de combinar traballos plásticos e fotográficos. Sinte predilección polos proxectos sociais, solidarios e educativos, a produción artesanal, a cerámica e a fotografía documental. Despois de ter pasado por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, regresou a casa, onde continúa ampliando a súa formación tanto artística como persoal. En agosto de 2022 publicou o seu primeiro libro, Buño de seu, un traballo documental e fotográfico sobre os oleiros e oleiras desta vila, que supuxo o seu achegamento definitivo ao mundo da cerámica. En novembro do 2022 abriu as portas dun espazo que materializa as súas aspiracións creativas: CRÚA, un obradoiro de cerámica en Carballo.
Esta nova colaboración do FIOT con María Barca amosa o desexo do festival de abrirse a novas disciplinas e poñer en valor outras ricas manifestacións artísticas, entre elas, a olería, que ten un peso tan importante na comarca bergantiñá. Con este deseño dos trofeos da Xograresa de Outono e do Premio do Público por parte da artesá carballesa, o FIOT cristaliza unha vez máis a súa aposta pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente e o impulso da creación local, poñendo tamén en valor a nosa raíz, o traballo manual e a tradición baixo un prisma contemporáneo.
SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
O concerto terá lugar o VENRES 29 DE AGOSTO DE 2025, ÁS 22:00 HORAS NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, e forma parte das actividades que o IESCHA programou co gallo das FESTAS DE VILALBA do presente ano.
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo da a coñecer os espectáculos experimentais de pequeno formato seleccionados polo xurado como finalistas do Certame Micro-Escenas M2,que poderán verse este outubro na 34º edición do FIOT
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas son: Domitila, de Amparo Martínez; Só son unha moza com rabia, de Silvia Bátega; O novo, de Dani Blanco; Covers, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, a primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experienciasescénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes
As propostas finalistas poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía e servizos dixitais Interfilm Carballo, o Parque das Camelias, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol
Estas pezas finalistas do IX Certame Micro-Escenas M2 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso
A IX edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados como finalistas do certeme e que poderán verse este mes de outubro durante a celebración da 34º edición do FIOT.
Entre as 25 propostas recibidas, as 6 pezas seleccionadas (das cales, 5 serán estreas absolutas) son: Domitila, de Amparo Martínez;Só son unha moza com rabia, de Silvia Bátega; O novo, de Dani Blanco; Covers, de Corifeo Teatro; Alicia Wants To, de Bengala Teatro; e Gracias por su visita, de Uxía Algarra. Son propostas que xogan coas artes do movemento, o teatro físico, o teatro de obxectos, o teatro inmersivo, o teatro-clown, a performance cerámica…
O xurado de profesionais das artes escénicas desta IX edición do Certame Micro-Escenas M2 estivo integrado por Kirenia Martínez, mediadora cultural, directora, bailarina e coreógrafa; Camilo Franco, escritor, crítico teatral, xornalista e director de Culturgal; Alba Bermúdez, actriz e integrante da compañía Galeatro; Carmen Castro, directora artística do FIOT e xefa do Servizo de Cultura do Concello de Carballo; e Xiana Márquez, membro da organización do FIOT e monitora cultural da concellaría de Cultura o Concello de Carballo, en calidade de secretaria do xurado e sen voto.
O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2025 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT34: a tenda de fotografía e servizos dixitais Interfilm Carballo, o Parque das Camelias, a Residencia de maiores da praza de Vigo, a terraza do Pazo da Cultura ou a rúa do Sol. A entrada é libre ata completar a capacidade de cada espazo.
Sen medo, sen barreiras, sen artificios, sen rede. O Certame Micro-Escenas M2 é teatro mínimo, intenso, en primeiro plano, en cru; teatro que nos asalta desde o cotián, desde a proximidade, desde espazos comunitarios…, nun metro cadrado. Neste 2025, o público do FIOT poderá experimentar unha nova experiencia na que o público pode mirar aos ollos das actrices e dos actores e case tocar, ulir e mesmo saborear a peza, para continuar vivindo intensamente unha experiencia teatral diferente.
Deste xeito, esta IX edición do Certame de Micro-EscenasM2 do FIOT continúa apoiando a creación escénica de novos formatos e a compañías e artistas emerxentes, ofertando un espazo no que poder experimentar e investigar sobre os límites do feito teatral. A 6 pezas finalistas do certame neste 2025 recibirán unha compensación económica de 450 euros, ademais de optar, durante a celebración do FIOT, aos galardóns de Mellor Espectáculo e Mellor Interpretación, recoñecementos que outorgará o público fioteiro finalizado o evento e que suporán outro premio de 150 euros en cada caso. Ademais, unha das pezas será seleccionada para a súa exhibición na programación de artes escénicas de Culturgal 2026.
CALENDARIO REPRESENTACIÓNS IX CERTAME MICRO-ESCENAS M2 NO #FIOT34
Sábado 11 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
AMPARO MARTÍNEZ
Domitila ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Interfilm Carballo (avenida das Flores, 1, baixo)
SILVIA BÁTEGA
Só son unha moza con rabia ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Parque das Camelias (rúa das Camelias, s/n)
Sábado 18 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
DANI BLANCO
O novo ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Residencia de Maiores (praza de Vigo, s/n)
CORIFEO TEATRO
Covers ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n)
Sábado 25 de outubro
Ás 12.00h, 13.00h, 17.30h e 18.30h
BENGALA TEATRO
Alicia Wants To ESTREA ABSOLUTA
Lugar: Rúa do Sol, 46
UXÍA ALGARRA
Gracias por su visita
Lugar: Terraza do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n)
UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA
O Certame Micro-Escenas M2 unha das súas principais liñas de programación do FIOT, que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade. Trátase do primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, nacido ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.
As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, o certame ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos.
O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da novena edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…), prioritariamente en lingua galega, de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non convencional, cun máximo de 25 espectadores, entre o 3 e 26 de outubro de 2025.
As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Este seis pezas finalistas seleccionadaspolo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150€ á mellor interpretación e ao mellor espectáculo.
313 PROPOSTAS EXPERIMENTAIS RECIBIDAS EN NOVE ANOS
Ao longo destes nove anos, o Certame de Micro-Escenas M2 acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (313, sumando ás 25 pezas recibidas a concurso neste 2025) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Na súa traxectoria, Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
WOS Festival x SON Estrella Galicia completa a súa programación musical con novas estreas a nivel estatal e cun fondo compromiso coa diversidade de orixes e de xénero
BFlecha b2b Mwëslee, Carrier, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Grand River & Abul Mogard, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Malandrómeda & Caamaño, Niecy Blues, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki e ZULI pechan o line up
Coas novas confirmacións, WOS Festival suma outras oito premieres de discos, directos ou concertos audiovisuais en España, ademais de catro novas estreas en territorio galego
WOS Festival X SON Estrella Galicia completa o cartel da súa oitava edición con 15 novas incorporacións, que sumarán novos rexistros e experiencias durante a celebración do evento, que terá lugar do 11 ao 14 de setembro en Santiago de Compostela. Do relato compartido de Carrier á fisicidade de ZULI; do encontro sonoro entre Grand River & Abul Mogard ao xesto radical de Klein, este anuncio confirma a aposta de WOS pola diversidade tanto de orixes coma de xénero, e a súa consolidación como o festival do país máis conectado á electrónica de vangarda e exploración sonora.
Desta quenda, WOS Festival suma oito estreas en España. Santiago de Compostela é a cidade escollida por artistas internacionais de referencia para presentar os seus novos traballos e directos con visuais; é o caso de Carrier (Rhythm Immortal, con visuais de Riyo Nemeth), da escocesa KAVARI (premiere estatal do novo EP este outono), da londinense Klein (co seu último traballo thirteen sense), dos norteamericanos Purelink (co seu segundo LP, Faith), da tríade Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori (coa súa performance audiovisual A Forbidden Distance), e dos concertos audiovisuais de Sara Persico & Mika Oki (Sphaîra), do inglés Rainy Miller (Joseph, What Have You Done?) e do exipcio ZULI (Lambda).
Ademais, será a primeira ocasión que se poida ver en Galicia o novo directo do dúo ucraíno Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko, presentando Гільдеґарда, ou o da norteamericana Niecy Blues co seu Exit Simulation. Tamén será a estrea galega da proposta inmersiva In uno spazio immenso, o primeiro proxecto colaborativo entre Grand River & Abul Mogard e que conta co deseño de luces de MFO (Marcel Weber); e do EP LAHAR, dos indonesios KUNTARI.
Finalmente completan o cartel tres propostas galegas sobranceiras do talento de proximidade. Por unha banda, BFlecha b2b Mwëslee, cun dj set deseñado especialmente para WOS polo 15ª aniversario do selo Arkestra. Pola outra, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, unha confluencia americana e galega nada en Barcelona. Completa a tríade Malandrómeda & Caamaño, proxecto musical que Hevi (Malandrómeda) e Sabela Caamaño (Caamaño & Ameixeiras) darán a coñecer en Santiago.
Estes 15 nomes súmanse aos confirmados con anterioridade pola dirección do festival, como son Abdullah Miniawy, aya & MFO present hexed!, Batu, Beatrice Dillon, Carme López, CCL, Djrum, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Masayoshi Fujita, Nazar, Objekt, Simo Cell e Tarta Relena.
WOS Festival X SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é o festival referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal e festexará a súa oitava edición en Santiago de Compostela do 11 ao 14 de setembro. Ao longo de catro xornadas, o evento promovido pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY ofrecerá unha programación coidada, multidisciplinar e de notable calidade artística, na que participarán numerosas figuras recoñecidas internacionalmente en máis de dez espazos emblemáticos da cidade, desde teatros e igrexas ata clubes e lugares inesperados. O vindeiro mes de setembro, o WOS reactivará a cidade cunha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea.
O evento, recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, e que nos Iberian Festival Awards obtivo Mellor Promoción Turistica 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023, conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio institucional da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia -no marco de Concertos do Xacobeo-, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela; ademais de Gadis e Fundación Japón, Madrid.
Novas confirmacións WOS 2025
BFlecha b2b Mwëslee Carrier presents Rhythm Immortal Heinali & Andriana-Yaroslava Saienko present Гільдеґарда Grand River & Abul Mogard present In uno spazio immenso Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez KAVARI Klein KUNTARI Malandrómeda & Caamaño Niecy Blues Purelink Rainy Miller presents Josehp, What Have You Done? Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori present A Forbidden Distance Sara Persico & Mika Oki present Sphaîra ZULI presents Lambda
Espertei. Nada novo, pois é o que levo facendo desde o día en que a miña nai me pariu. Pero hoxe, espertei optimista. Non se me pasou pola cabeza pegarme un tiro ( entre outras cousas porque non teño armas), tirarme da ponte Pepe Blanco, colgarme nun cabanón calquera de Piugos… Non, non pasou nada diso pola miña cabeza, porque como dixen, espertei optimista, mesmo estiven a piques de acender a radio e escoitar as novas por ver se desde que me deitei, ocorrera unha milagre, e o mundo deixara de ser unha merda. Pero non, non fixen tal cousa, non fora que me deprimira, precisamente hoxe, que espertei optimista.
Pensei facer algo mellor, entregarme de novo aos brazos de Morfeo, pero o cabrón non quixo saber nada e literalmente mandoume á merda, como se xa non tivese abonda coa deste puto mundo. Lembreime entón de Juan Carlos Onetti. E porque non ficar na cama sen erguerme ata que a Parca veña a preguntar por min? Non estaría mal, pasar o resto da vida durmindo e lendo contos do Decamerón ou As mil e unha noites. O problema é que, claro, non teño criados para poder facer tal cousa, polo que tiven que desbotar tan magnifica idea. Mágoa! Pero, coma veño de dicir, hoxe espertei optimista polo que determino, e niso ando, poñer un CD de Bob Marley a todo volume, para comezar con bo pé o día. Resoan as paredes do piso que non vexas, os veciños deben estar encantados, ata de agora, toquemos madeira, ninguén baixou a chamarme a atención. Tamén é verdade que teño uns veciños que non os merezo. Creo que algún día xa vos falei deles, do máis variado que vos podades imaxinar a cal máis pintoresco, por dicir algo. Calquera día vos conto algo máis, porque historia, dígovos que hai.
Pero hoxe como me espertei optimista, vou seguir con Marley. Pode que me quede durmido, porque a min a música así alta aletárgame, ou poida que un veciño calquera me tire a porta embaixo. Tanto me ten porque hoxe espertei optimista e xa o mundo non me parece unha puta merda.
Bo día a todas e todos. Ala a vivir, sempre con optimismo, que son dous días.
P.D: Ah, por certo , para que ninguén se asuste por se aluga un piso neste edificio.( hai uns cantos de alugueiro, aquí a xente vai e vén) o de Marley, non o teño a todo volume, aínda que gañas me entran.