A 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico acolle homenaxes a Akira Toriyama e Xaquín Marín e suma a Fermin Muguruza entre os seus convidados

Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converterase un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada coa celebración desta cita internacional de referencia, a primeira baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo

O programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas para os seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola

O Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, un total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores

‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario, como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos, como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves

Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín

Disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas cos autores convidados en formato ‘Late Night Show’ no Teatro Colón

A Coruña converterase un ano máis no gran referente das e dos amantes do cómic para celebrar, do 12 ao 18 de agosto, a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico. O autor coruñés Manel Cráneo asume neste 2024 a dirección desta cita internacional, que contará cun total de 18 exposicións, ademais da xa tradicional Rúa da BD e dun rico programa de actividades, que incluirá charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros para profesionais e público infantil. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, que estiveron acompañados pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade Rodríguez, a xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta de Galicia, Rosario Fernández-Albalat Ruiz, e algunhas das autoras e autores galegos participantes.

Como novidade neste 2024, o programa de Viñetas desde o Atlántico presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola.

Manel Cráneo quixo destacar que, na súa 27ª edición «o Salón do Cómic da Coruña acollerá a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos, ademais dun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, unha vintena de editores de toda España presentes na Coruña durante o evento e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contará cun total de 36 expositores». O director avanzou, tamén, que «disciplinas como o cinema, o teatro e a música, sempre relacionadas co universo da banda deseñada, incorpóranse ao cartel deste Viñetas 2024, que contará cunha novidosa serie de entrevistas coas autorías convidadas en formato ‘Late Night Show’ que se desenvolverán no Teatro Colón».

As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marín- súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves.

Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

PROGRAMACIÓN ESTRATÉXICA DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2024

Viñetas Expo

A sección angular do programa desta 27ª edición do festival, bautizada neste 2024 como Viñetas Expo, concentrará 13 exposicións individuais e colectivas de produción propia dentro da sección oficial, comisariadas pola dirección artística do festival, individuais e colectivas, mais outras 5 mostras paralelas organizadas por entidades colaboradoras. As temáticas sociais, a internacionalización —cunha ollada ao mellor cómic chegado de América Latina— e a aposta polas novas voces e a banda deseñada independente e experimental serán as claves da cita.

As sedes oficiais das exposicións de Viñetas Expo serán o Kiosco Alfonso, Palexco, o Palacio de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso e o Centro Ágora. A estes espazos sumaranse, tamén, as seguintes entidades colaboradoras: o Circo de Artesáns, a A. C. Alexandre Bóveda, a Cervezoteca Malte, a Pulpeira de Melide e o Bar 13, que organizarán un programa expositivo especial en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico reunirá a figuras como Genie Espinosa —autora do cartel desta edición da cita—, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, que contarán con exposicións monográficas do seu traballo. O festival quere poñer tamén en valor o rico ecosistema autoral local coas mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023: Paula Mayor e Cristian F. Caruncho. Pola súa banda, a exposición colectiva de autores e autoras galegas Toriyama en Galicia preséntase como un dos grande atractivos deste salón internacional do cómic da Coruña, que contará, ademais, cunha exposición dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, organizada pola Asociación Autobán, na que haberá un espazo para a lectura.

Viñetas Show A BD levada ao espectáculo de entretemento a través de actividades diarias no Teatro Colón: un ciclo de cinema baseado en obras de BD —no que se proxectarán Black is Beltza II: Ainhoa, de Fermin Muguruza, Tungsteno, adaptación da novela gráfica de Marcello Quintanilha, e os filmes para toda a familia Rebelión en la granja e Persélosis—, o show «Viñetas Late Night» con entrevistas aos convidados e convidadas de Viñetas 2024 (Fermin Muguruza, Susanna Martín, Genie Espinosa, Jorge Campos, Kundo Krunch, Lucas Varela, Yeyei Gómez, Marc Torices e Marcello Quintanilla) e un concerto ilustrado de Sangre de Muérdago, con Xulia Vicente e Sekone, en colaboración con Autobán.

Viñetas Rúa BD A parte comercial do Viñetas mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Este ano ábrese tamén unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.

Viñetas quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 24 editoriais (unha de Portugal), 10 librarías, 1 asociación profesional e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

No programa da Rúa da BD haberá firmas con máis de 60 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e dous espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.

No programa da Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que contará, tamén, coa presenza de autores como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba, etc.

Deste xeito, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas. Ademais, a Rúa da BD contará cunha nova carpa de actividades para acoller as presentacións, charlas e sinaturas e mais o concerto infantil de Chuches Amil, no marco de Viñetas Mini.

Viñetas Mini Trátase da sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas desde o Atlántico 2024, que reunirá contacómics, obradoiros e un concerto infantil. Esta sección concentrará, ademais, unha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix’ e outra de ‘Superthings’ nos Xardíns de Méndez Núñez, durante as horas de apertura da Rúa da BD.

Viñetas Ñam! Un festival gastronómico no que varios restaurantes locais dedicarán un prato da súa carta a personaxes e series de cómic. Esta novidosa sección inclúe, tamén, unha foodtruck que, durante a celebración da feira, estará situada na Rúa da BD, con cafés, bebidas e bocadillos dedicados ao mundo do cómic, en horario de 11.00 a 21.30h.

Viñetas Pro Esta sección engloba as actividades para profesionais e estudantes do sector. Concentrará obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais.

Viñetas Inclusivas Neste 2024, Viñetas desde o Atlántico deseñou un plan de inclusión social, que integra lingua de signos no «Viñetas Late Night» no Teatro Colón e que se completará cunha semana de actividades destinadas a colectivos desfavorecidos no mes de setembro.

Viñetas desde a Escola É o plan para centros de ensino con obradoiros de iniciación ao cómic -que tiveron lugar na Coruña o pasado mes de maio- e visitas guiadas programadas no último trimestre do ano.

Viñetas BD Viñetas BD é a nova publicación do festival: un libro en formato cómic que substitúe ao tradicional catálogo para acercar a todos os públicos o programa do festival.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

2024.07.22.NP-Presentacion-Vinetas-2024

PROGRAMA-Vinetas-2024

Programa-Vinetas-2024

O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición

O ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese a choiva que se viviu na cidade a pasada semana

A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos

No seu programa teñen tamén cabida divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega, sesións ‘After Party’ e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2024 rexistrou o seu récord de participación

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

O Atlantic Pride reuniu máis de 25.000 persoas na súa 5ª edición. Deste xeito, o ‘Orgullo do Norte’ celebrado na Coruña do 7 ao 14 de xullo pechou con éxito oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Lucía Pérez, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e ata máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia, pese que a choiva vivida na cidade a pasada semana nalgunha das veladas.

A cita consolídase como un referente dos ‘Orgullos’ que se celebran nesta época do ano ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, e no que se reúnen coloridas propostas para todos os públicos. No seu programa teñen tamén cabida divertidas e explosivas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega, sesións ‘After Party’ e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que neste 2024 rexistrou o seu récord de participación. 

Iván Cervo, un dos directores do Atlantic Pride, quixo transmitir o seu agradecemento a todas as persoas que un ano máis fixeron posible o festival: artistas, público, equipos, patrocinadores e apoios. “Desde a Asociación Orgullo Coruña e o Atlantic Pride queremos agradecer a todas as persoas e colectivos que gozaron deste evento aberto e diverso, que neste 2024 consolidouse como unha das citas de referencia da música no noroeste peninsular”. E continuou: “Grazas, tamén, aos artistas programados, pola súa xenerosidade e polo bo ambiente que crearon ao longo dos oitos días nos que se celebrou o Atlantic Pride”.

Sobre a asistencia, Cervo destacou que, “a pesar deste atípico verán coruñés, as cifras de público do festival foron case récord nos tres escenarios nos que o evento tivo lugar: a Fundación Luís Seoane, a Praza de Pontevedra e os Xardíns de Méndez Núñez”. “Isto é unha mostra máis do interese que o evento xera na cidade da Coruña”, remarcou, concluíndo que, moi pronto, “agardamos anunciar novidades para a edición 2025 do Alantic Pride e, mentres tanto, seguiremos celebrando a diversidade, a inclusión e a integración durante todo o ano”.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volveu ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propuxo oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, que conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Na súa quinta edición, contou coa presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltaron, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacaron, tamén, nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys foi o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correron a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contou, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. 

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.

20240717-NP-balance-Atlantic-Pride-2024

A oitava edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase en 2025

O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai una pausa este 2024 para repensar o proxecto e explorar novos formatos, escenarios e sinerxias

A próxima edición de WOS Festival x SON Estrella Galicia celebrarase no ano 2025. O evento, referente da cultura de vangarda a nivel estatal, fai unha pausa este 2024 para poder repensar WOS en todas as súas dimensións e explorar así novos formatos, escenarios e sinerxias para a súa oitava edición.

A dirección de WOS Festival, recoñecido como o Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards e Mellor Festival Indoor Nacional 2023 nos Iberian Festival Awards, tomou a decisión de pospoñer a celebración da nova edición do evento, prevista para este mes de setembro, para que o proxecto presente a calidade que desexa e que, considera, o público merece.

O aumento dos custos de produción dos eventos musicais así como a redución dos prazos de planificación dos mesmos impiden que o proxecto cultural, merecedor tamén do galardón Mellor Promoción Turística 2019 nos Iberian Festival Awards, poida desenvolverse en condicións óptimas -para asistentes, profesionais e equipo- e ofrecer unha proposta programática multidisciplinar de notable calidade artística, tal e como é habitual na iniciativa promovida pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY.

Na súa última edición, WOS Festival x SON Estrella Galicia programou, na cidade de Santiago de Compostela, 28 espectáculos -3 deles, estreas mundiais- ao longo de catro xornadas de intensa actividade. Nelas, 3.430 persoas -entre asistentes e público profesional- puideron participar, alén da programación musical, en mesas de debate, proxeccións, talleres e eventos de traballo en rede. Figuras internacionais de primeiro nivel como Actress, Laurel Halo ou Midori Takada visitaron o pasado mes de setembro a capital galega para presentar os seus novos directos en espazos de alto valor patrimonial da cidade.

A dirección de WOS Festival quere agradecer tanto ao seu patrocinador principal SON Estrella Galicia como a Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Principal da Coruña -principais institucións públicas colaboradoras do evento- que mostrasen a súa vontade á hora de apoiar a celebración do festival en 2025. Con todo, WOS quere trasladar un agradecemento moi especial ao público que acompañou ao festival desde o seu nacemento e que esperaba con interese a chegada de setembro cunha mensaxe clara e esperanzadora: “Volveremos vernos, con máis ganas se cabe, moi pronto”.

20240717_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_gal

José Ramón Hernández, director artístico de Osikán – vivero de creación, inicia a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Carballo

Desde este xoves, día 18 de xullo, e até o martes 30, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador desenvolverá o seu proxecto de creación escénica ‘Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia’, co que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social

Unha vez finalizada a súa residencia, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Pazo da Cultura de Carballo no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT

Paralelamente, o artista interdisciplinar participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista José Ramón Hernández, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación, inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este xoves, 18 de xullo, en Carballo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Pazo da Cultura da localidade bergantiñá acolle, desde mañá xoves e até o martes 30 de xullo, a sexta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do artista interdisciplinar que ten por título Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia, un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. 

Unha vez finalizada a súa residencia artística, José Ramón Hernández ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mes de outubro de 2024, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT.

Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

Eyilá ashé ebbora – archivo vivo de la resistencia é a segunda investigación da serie escénica Opira, iniciada en Cuba en 2019 e que propón explorar o cruzamento entre o corpo filosófico yoruba, as ritualidades afrocaribeñas e as performatividades contemporáneas.

Trátase dun exercicio de combinación do espiritual e o matérico a partir da escoita profunda e a crítica dos camiños e designios que propoñen cada uns dos doce signos do diloggún, sistema ancestral yoruba de adiviñación na Regra Osha Ifa, practicada en Nixeria, Benín, Cuba, Brasil e outros países do Caribe e AbyaYala, para mirar as problemáticas das nosas sociedades contemporáneas.

SOBRE O ARTISTA 

José Ramón Hernández (Palma Soriano, Cuba, 1988) é un artista interdisciplinar afrocubano graduado do Instituto Superior de Arte de Cuba, fundador e director artístico de Osikán – vivero de creación. A súa práctica desprázase entre a dirección artística, a dramaturxia, a coreografía, o comisariado de artes en vivo, a instalación, a performance, a educación, a mediación e a xestión cultural. A súa investigación creativa pon o foco nas ritualidades afrodescendientes, a performatividade das corporaleidades periféricas, as materias, as espiritualidades, as memorias, as migracións, as cartografías e os desexos. Ensaia os límites entre a ficción e a realidade, o traballo con documentos non ficcionais e as ferramentas do sensible para afectar e intervir procesos sociais e comunidades.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá. 

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.07.17.-NP-Residencias-Paraiso-Osikan

O III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride xa ten gañadoras

Luis Maceira Cid, co relato Instrucións previas, gaña o primeiro premio; mentres que Tamara Jiménez Quirós álzase co segundo, co texto Tan diferentes como iguais; e Laura Souto Queijeiro acada a terceira posición con Como se xestiona unha crise

A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 5ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 21.00h, antes dos directos de Lucía Pérez, Las Ketchup, Raúl, Rosa López e o dj Iván Flashback

Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, rexistrou neste 2024 o seu récord de participación 

O Certamen de Literatura LGTBI+ naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+

As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 € 

O III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride xa ten relatos gañadores. Luis Maceira Cid, co relato Instrucións previas, gaña o primeiro premio; mentres que Tamara Jiménez Quirós álzase co segundo, co texto Tan diferentes como iguais; e Laura Souto Queijeiro acada a terceira posición con Como se xestiona unha crise. As obras gañadoras -en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI- recibirán premios en metálico de 600, 300 e 100 €.

A entrega de premios do certame terá lugar esta tarde, durante a xornada de clausura desta 5ª edición do Atlantic Pride, nos Xardíns de Méndez Núñez, ás 21.00h, antes dos directos de Lucía Pérez, Las Ketchup, Raúl, Rosa López, o Coro Cores e o dj Iván Flashback.

Este concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o Atlantic Pride organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña, rexistrou neste 2024 o seu récord de participación. O Certamen de Literatura LGTBI+ naceu en 2022 para visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+.

SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ORGULLO DO NORTE

A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia de Vengaboys, ademais das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia  e Globalgrafic.

O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240714-NP-ganadores-Certame-Literario-Atlantic-Pride

Nena Daconte, Luna Ki e Sila Lua continúan a festa do Atlantic Pride este venres 12 de xullo

Os Xardíns de Méndez Núñez acollerán os concertos da sexta xornada do festival de 20.30 a 02.20h, na que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s Roi Porto e Dj Licho

Desde ás 21.30h, o público poderá gozar da mestura libre de xéneros de Sila Lua, a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea

Ás 22.30h, Nena Daconte presentará en directo os temas do seu último disco, Casi Perfecto, co que reivindica o seu pasado máis pop-rock para falar de amor, de desamor, da soidade e do paso do tempo

Contra ás 00.00h chegaralle a súa quenda a Luna Ki, un dos valores de futuro da nova música urbana en España, co explosión electrónica do seu álbum Generación de cristal

A festa do Atlantic Pride continúa este venres na Coruña con algunhas figuras de referencia da escena musical actual. De 20.30 a 02.20 horas, o público poderá gozar nos Xardíns de Méndez Núñez da mestura libre de xéneros de Sila Lua, a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; do pop-rock de Nena Daconte, cos temas en directo do seu último disco, Casi Perfecto; e da fusión de sons como o new wave, o eurodance, o afrobeat ou o trap-pop de Luna Ki.Pola súa banda, as pinchadas para abrir e pechar a velada correrán a cargo de Dj Licho e Roi Porto.

Este venres continúan, tamén, as sesións ‘After Party’ do Atlantic Pride no Playa Club da Coruña con Gorllitox unha vez rematados os concertos ao aire libre nos Xardíns (de 02.00h a peche). En www.atlanticpride.es/fiestas é posible consultar os detalles destas festas ‘After Party’ do Atlantic Pride, así como adquirir as entradas anticipadas, a un prezo de 12 euros (consumición incluída). Os pases poderanse mercar tamén o mesmo día na porta do Playa Club (15 euros, consumición incluída).

PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2024

Venres, 12 de xullo

Xardíns de Méndez Núñez

(20.30 a 02.20h)

20.30h Dj Licho

21.30h Sila Lua

22.30h Nena Daconte

00.00h Luna Ki

01.00h Roi Porto

SILA LUA

Sila Lua, artista e produtora galega, leva desde 2017 desenvolvendo o seu son, algo a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; una mistura libre de xéneros froito da súa crianza española e dos seus anos vivindo e estudando produción musical en Londres. As súas cancións, de forte mensaxe lírico, producións detalladas e unha elegancia misteriosa, valéronlle o título de “diva marciana do novo pop escuro europeo” por parte da prensa especializada.

Este talento emerxente logrou o ano pasado un éxito viral cos seus temas Nada e Quiero llorar, parte da banda sonora oficial da cuarta temporada da serie Élite, de Netflix, e que acumula xa +4M streams combinados e +200k Shazams (Nada alcanzou o posto #160 nas listas globais de Shazam na primeira semana da estrea da serie). Isto brindoulle a oportunidade de escribir a encargo Tanta vida, canción orixinal da serie de Atresplayer Premium La edad de la ira.

Agora presenta o seu primeiro álbum, ROMPE, un traballo conceptual que xira en torno ao mar, os seus símbolos, os seus mitos e a súa inmensidade, e que está composto por 11 cortes. Unha mestura moi coidada de música urbana, electrónica e pop na que a artista estivo traballando o pasado ano e medio xunto ao produtor Mumbai Moon e onde contou con varios músicxs, productorxs e colaboradorxs invitadxs de España, Brasil e Ecuador.

NENA DACONTE

Mai recupera en Casi Perfecto, o seu sexto álbum de estudio, a esencia dos seus comezos: volve ao son e á estética dos seus primeiros discos, con dez novas cancións que xiran en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Son cancións compostas novamente por Mai, excepto El verano, que é unha adaptación dun poema do cantautor Marwan. Producidas todas elas por Dani Alcover, teñen un son pop rock dos 90. É Casi perfecto… como a vida, como o amor… Pero, quen quere ser perfecto? 

Mai, Nena Daconte, medrou cos referentes musicais dos seus irmáns maiores: The Beatles, The Byrds, The Who, REM, Nacha Pop, Elvis Costello, Los Secretos… A música atrapouna. Máis tarde, na adolescencia, montou unha banda de pop rock coa que tocaba versións de Led Zeppelin, Radiohead ou The Cranberries, xunto con cancións propias por bares de Malasaña, en Madrid, como Al Lab’Oratorio.  Tras participar na segunda edición do programa televisivo Operación Triunfo, fundou Nena Daconte, marca coa que autoeditou o seu primeiro disco e coa que coñeceu o éxito grazas a temas como IdiotaEn qué estrella estará ou Tenía tanto que darte, compostos pola propia artista, en torno á idea da soidade, a obsesión pola búsqueda do amor ou a perda da ilusión polo paso do tempo. Tras numerosos premios e máis de 400 concertos percorrendo a xeografía española e cidades como París ou Berlín, Nena Daconte apartouse da música ata 2022, ano no que regresa cun novo traballo discográfico, Casi Perfecto, para reivindicar o seu pasado máis pop-rock da man do selo independente Subterfuge. 

LUNA KI

Luna Ki é o nome do proxecto musical da artista cubana Luna Górriz (Barcelona, 1999), quen estase a posicionar como un de los valores de futuro da nova música urbana en España. O seu estilo único, cunha gran variedad de referentes, desde Riff Raf ou Ivy Queen ata Shakira, mistura xéneros tan dispares como o trap o o k-pop. O seu modo de reinventar os sons sumado a unha rechamante imaxe, non deixa indiferente a ninguén, aportando un xiro que concede voz ás novas xeracións. O seu é un exercicio de rebeldía único, que sitúa á persoa no centro do discurso. 

O seu primeiro sinxelo, Septiembre, foi toda unha declaración de intencións, e acadou en poucos meses máis de 5 millóns de reproducións, posicionándose entre os lanzamentos máis virais de Spotify desde o seu lanzamento. 

Tras avanzar os sinxelos Enero e Cuatro Bodas,  Luna Ki presenta agora Generación de cristal, un EP no que homenaxea á súa propia xeración a través de sete pistas musicais. Con Carlos Ares na produción executiva, Generación de cristal concíbese como unha explosión electrónica, unha reinterpretación das bases do pop a través da fusión de sons como o new wave, o eurodance, o afrobeat ou o trap-pop. A produción tamén a firman Raúl Santos (Supernova), Dj Glass (Sexo Electrónico), Chus Santana (Enero), Allnightproducer (Cuatro Bodas e Bizarre Fatalité), Milan Leon e Ricard Galusi (McQueen). 

Un retrato irónico e emocional da Xeración Z, no que Luna Ki reivindica a fraxilidade como fortaleza e a hipersensibilidade como unha arma para expresar sentimentos reprimidos. O traballo explora, entre outros, temas como o poliamor, os impulsos autodestructivos, a construción do ego, o sexo… A dualidade entre a tecnoloxía e a natureza está moi presente neste novo EP de Luna Ki. Riveragento (deseño), Sergi Padial (foto), MNLO (estilismo) e Luna crean un contraste poético onde o artificial e o real poden coexistir á perfección.

20240711-NP-venres-12-Atlantic-Pride