Tras “Unhas poucas picadelas” producido no 2016, Teatro de Ningures volve ás táboas con “As Gardiás”, un texto de Násser Djemaï dirixido por Cristina Domínguez.
“As Gardiás” estrearase o vindeiro 9 de novembro de 2024 en Cangas e porá en escena por primeira vez no Estado un texto de Násser Djemaï.
O espectáculo
O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se atopa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria textil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade.
Ficha artística
Autoría: Násser Djemaï
Dirección: Cristina Domínguez
Reparto:
Susana: Casilda Alfaro
Ana: Rebeca Montero
Margot: Sonia Rúa
Rosa: Amparo Martínez
Vitoria: Melania Cruz
Tradución: Henrique Harguindey
Adaptación: Vanesa Sotelo
Deseño Escenografía e Vestiario: Carlos Alonso
Deseño Gráfico, Fotografía, Cartel e Programa: Diego Seixo
Espazo Sonoro: Héctor Pazos
Deseño Iluminación: Héctor Pazos/Salvador del Río
Dirección de produción: Salvador del Río
Produce: Teatro de Ningures
Axuda á creación: Xunta de Galicia a través da AGADIC
AS GARDIÁS reflexiona sobre os coidados á vellez, contrastando o mundo das residencias co calor humano da comunidade. O autor francés, Násser Djemaï, narra con sensibilidade a resistencia destas “gardiás” contra a inclemente modernidade. A peza explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, interpelándonos sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
O espectáculo orixinal está de xira en Francia con moi boas críticas dende a súa estrea en 2022. Este é o teaser do espectáculo na súa versión en francés:
A compañía
Despois de trinta e oito anos de teatro profesional, Teatro de Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos técnicos, humanos e materiais que fan desta empresa unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro indispensable para os profesionais e creadores desta zona, así como unha referencia no panorama teatral galego. Conta cun elenco estable formado polas catro socias fundadoras da empresa (Casilda Alfaro, Sonia Rúa, Pepa Barreiro e Salvador do Río), ademais dun amplo número de actores e actrices que de unha forma ininterrompida estiveron traballando nos últimos anos en varias producións teatrais.
Ao longo de toda esta traxectoria leváronse a escena 32 obras de teatro de autores tanto clásicos como contemporáneos, estando presentes nas redes e circuítos de distribución tanto de Galicia como a nivel nacional, en numerosos festivais, mostras e certames en Asturias, Madrid, Castela-León, Euskadi, Valencia, Portugal, etc…
Desde 2017 vense realizando cada ano a produción do macroespectáculo Defensa da Vila. María Soliña, recreación histórica do ataque sufrido pola Vila de Cangas por parte de piratas berberiscos que desencadenou a traxedia de María Soliña, onde interveñen ademais de actores e actrices, bailaríns e músicos profesionais máis de 100 persoas relacionadas coas asociacións culturais da zona.
O noso obxectivo principal é a posta en escena de autores tanto clásicos como contemporáneos, tratando de tocar temáticas de actualidade e ser un espazo aberto de debate e reflexión dos problemas que afectan tanto aos individuos como á sociedade na que vivimos.
O autor
Nasser Djemaï, graduado da École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña, comenzou a traballar con René Loyon, Daniel Benoin e Robert Cantarella. Continuou a súa formación actoral con Philippe Adrien, Alain Françon, Joël Jouanneau, Georges Lavaudant antes de interpretar e dirixir os seus propios textos.
Unha estrela para o Nadal , un espectáculo en solitario inspirado na súa vida, foi creado na Maison des Métallos de París en 2005 e representarase máis de 500 veces en Francia e no estranxeiro entre 2005 e 2012. A seguir Les Vipères se parfument. au jasmin en 2008, logo Invisibles , en 2011, creado en MC2: Grenoble.
Nasser Djemaï recibiu tres nominacións aos premios Molières 2014 nas categorías de Autor francófono, Director de teatro público e Espectáculo de teatro público, así como o premio SACD Novos Talentos de Teatro.
Desde o 1 de xaneiro de 2021, Nasser Djemaï é director do Théâtre des Quartiers d’Ivry – CDN du Val-de -Marne. Les Gardiennes , séptima creación, viu a luz no TQI o 9 de novembro de 2022.
Algunhas cuestións sobre a produción
-O autor Nasser Djemaï non foi aínda levado ás táboas en galego nin en castelán. Como foi o encontro coa súa obra?
Nasser Djmai é un sólido e solvente autor e director de escena francés, que trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares. Foi na procura de materiais de interese para o grupo, e dentro do ámbito xeográfico europeo, que topamos este texto.
-E como decidides a selección desta súa última peza?
Despois dunha primeira tradución, feita por Quique Harguindey, optamos por tentar levar o texto á escena, debido á calidade da escrita, á universalidade do tema e a facilidade para adaptalo á realidade galega.
-A temática está de especial actualidade, quizáis porque nos decatamos agora de que envellecer require coidados ou que somos unha sociedade avellentada?
A temática foi fundamental, á hora de decidirnos a levar a cabo a montaxe., porque procurabamos un tema que estivese pegado á realidade e que fora de interese xeral. E nestes momentos, nos que vivimos unha sociedade envellecida, pero que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, pensamos que era o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez.
-Bullying, maltrato, lgtbiq+, apariencia e consumismo, precarización laboral, … segue sendo unha ferramenta de loita social o teatro? un escaparate da realidade?
O teatro é a ferramenta máis asequible, debido á súa inmediatez, para propoñer conflitos, que nos movan, que nos fagan pensar, e por que non? que nos fagan actuar. Nós, con As gardiás queremos propoñer un debate, abrilo no palco, para que continúe no ámbito público, na rúa, e no ámbito privado, nas nosas casas, nos nosos grupos de amizade, etc.
-Convidaredes á estrea ao autor?
Cremos que sería óptimo topar o espazo axeitado para convidar ao autor, non só a ver a peza, senón tamén abrir un espazo de conversa para compartir os diferentes xeitos de traballar no ámbito escénico en Francia e en Galicia. Ningures leva anos entendendo a cultura coma un dereito, e recoñecendo ao público non só como mero consumidor, senón como protagonista da experiencia escénica. Un encontro co autor supón, pechar o círculo de dita experiencia.
*Na foto: lecturas iniciais durante o proceso de produción.
O tema poderase escoitar a partir das 00.00 do mércores 25 de setembro nas principais plataformas dixitais, dous días antes da chegada do filme ás salas
Fillas de Cassandra publicará o vindeiro mércores, 25 de setembro, o seu novo sinxelo, Cuando nadie ve. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, é a canción orixinal creada polo dúo especificamente para a película Soy Nevenka, cuxa estrea mundial tivo lugar onte, sábado 21, no marco da 72º edición do Festival de San Sebastián. O filme, dirixido por Icíar Bollaín, chegará ás salas de cinema o 27 de setembro.
Cuando nadie ve trátase do debut cinematográfico, como autoras, de Fillas de Cassandra, ámbito no que Sara Faro e María SOA deron os seus primeiros pasos coa creación da música que fiou a celebración dos XXII Premios Mestre Mateo o pasado mes de marzo -un ano despois da publicación do seu primeiro disco, Acrópole-. O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de Soy Nevenka, foi quen falou con Fillas de Cassandra do proxecto, unha proposta aplaudida por Icíar Bollaín, “quen contactou con nós e quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo”, sinalan Sara Faro e María SOA.
A canción orixinal do filme naceu da lectura e do estudo do guión da película, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. “Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revictimización”, di Fillas de Cassandra.
“Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluira, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ”, explica o dúo.
Cuando nadie ve, producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, tamén incorpora uns versos en galego, nos que se fai referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, “que tamén persegue a Nevenka”. “I en tódalas partes me buscas / i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra”, canta o dúo, que na gravación da peza contou coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.
“Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas”, aseveran María SOA e Sara Faro.
O tema Cuando nadie ve poderase escoitar nas principais plataformas dixitais desde o día 25, dúas xornadas antes da chegada da cinta ás salas de cinema, o venres 27 de setembro. A première mundial de Soy Nevenka -unha película orixinal Movistar Plus+ producida por Kowalski Films, Feelgood Media, Nva Peli AIE e produción asociada de Garbo Produzioni (Italia)- tivo lugar esta mesma fin de semana no Festival de San Sebastián, no que o filme de Icíar Bollaín competirá, na sección oficial, pola Concha de Ouro.
Este luns, 23 de setembro, desde ás 10.00h, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, activa a venda das entradas para o público xeral para os espectáculos de Sala e OTNI da súa 33ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 31 de outubro de 2024.
Dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto ou Paula Quintas, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no festival.
Moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.
Deste xeito, este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3.
Por outra banda, este xoves, 26 de setembro, día de inauguración do #FIOT33, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, ás 20.30h, a inauguración da Exposición Zoom FIOT.
Está aberto o prazo de inscrición na XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan, que terá lugar o 19 de outubro de 2024, a partir das 10:15 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8 –como chegar-).
A inscrición será obrigatoria e previa, con matrícula gratuíta, seguindo estes criterios:
– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través https://www.as-pg.gal/ no apartado de Formación.
– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Nel indicarase o nome, apelidos e documento de identidade.
A gran xira de Sabela toca terras galegas despois do seu éxito percorrendo as salas de todo o estado e de arrasar co seu novo single “Hi, My Love”, comezando o vindeiro sábado 28 de setembro e continuando a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un tour por 9 salas nas que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas que empezará o vindeiro sábado en Ferrol pasará tamén por Vigo (sala Masterclub, 12 de outubro), Santiago de Compostela (sala Riquela, 25 de outubro), Lugo (sala Clavicémbalo, 26 de outubro), Melide (Pub Gatos, 9 de novembro), Ourense (sala Auriense, 30 de novembro), Vilar de Santos (sala A Arca da Noe, 1 de decembro), Boiro (sala A Pousada da Galiza Imaxinaria, 1 de febreiro de 2025) e A Coruña (sala Garufa Club, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa celebrados este verán en territorio galego, onde conquistou grandes eventos como o Festival do Pasatempo, o Náutico de San Vicente e o festival SonRías Baixas. As entradas xa están dispoñibles na súa páxina web, sabelamusic.es, e en enterticket.es.
XIRA HI, MY LOVE PART”
28/09 · Sala Ruído · Ferrol 12/10 · Masterclub · Vigo 25/10 · Riquela · Santiago de Compostela 26/10 · Clavicémbalo · Lugo 09/11 · Pub Gatos · Melide 30/11 · Auriense · Ourense 01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos 01/02 · A Pousada Da Galiza Imaxinaria · Boiro 08/02 · Garufa Club · A Coruña
A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Xaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas, a xira de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.
Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar a súa xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do circuíto, a finais deste ano 2024.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o recoñecido O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país, onde tamén fixo oco para levar o seu directo a festivais como o propio SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio de leste mesmo ano, é xa o seu primeiro single. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.
A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable, aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público en directo e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.
Compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra participan na proposta, que conta coa presenza de figuras como Patricia de Lorenzo, XRon, Marta Alonso Tejada ou Mounqup
Anxo Manoel, de Lucecús Teatro, recolle o II Premio Julio Peña, galardón que recoñece os valores de cooperación de CEN
Camiño Escena Norte terá este sábado, 21 de setembro, a súa primeira parada en Outes, coa función de novo circo La casa de los dedos
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra esta semana no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Trátase do espazo de convivencia do CEN onde as compañías dos cinco territorios participantes no proxecto entran en contacto, dun xeito más próximo, á fin de coñecer as liñas de traballo e propostas estéticas dunhas e doutras; mais tamén profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.
Habitación Peregrina PRO comezou este martes cun obradoiro sobre teatro accesible impartido polo Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), no que Patricia de Lorenzo e XRon partiron do traballo realizado na peza Helen Keller, a muller marabilla? Xa pola noite, tivo lugar a entrega do II Premio Julio Peña, outorgado a un profesional das artes escénicas polo seu compromiso e defensa dos valores de cooperación de CEN, e que este ano recaeu no galego Anxo Manoel, de Lucecús Teatro. A escultura foi realizada pola galega Esther Quintas.
Na mañá deste mércores, as e os participantes en Habitación Peregrina PRO recibiron a visitadaDeputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte.
Previamente, as e os asistentes tiveron ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continuará mañá, nunha sesión na que Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) impartirá un taller sobre cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. Ademais da formación, este ano CEN promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!, que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.
Camiño Escena Norte chega a Outes por primeira vez
Este sábado, 21 de setembro, as funcións do ciclo itinerante Constelacións chegarán por vez primeira a Outes. A compañía cántabra El Conejo Salvaje, que aposta por unha creación interdisciplinar na que xunta as técnicas de clown, circo, comedia física e teatro cómico-xestual, interpretará o seu espectáculo La casa de los dedos. A peza, dirixida a público adulto, presenta a historia dunha barraca de feira que, mentres percorre distintas vilas de España, mostra o mundo sorprendente e extraordinario do oculto, do alén, das criaturas fantasmagóricas e inexplicables que viven entre a poboación, mais pertencen ao mundo dos mortos. As entradas para a única función en Galicia -no marco de Camiño Escena Norte- de La casa de los dedos, que terá lugar o día 21 a partir das 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes, pódense adquirir a través da plataforma web www.bandoticket.com