Camiño Escena Norte presenta ‘El nadador de aguas abiertas’, con Adolfo Fernández e Markos Marín, no Auditorio Gustavo Freire

Camiño Escena Norte inunda o Gustavo Freire co espectáculo ‘El nadador de aguas abiertas’


CEN desembarca este xoves 17 na capital luguesa cunha obra de teatrosobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizada por Markos Marín e o televisivo Adolfo Fernández 

As entradas para asistir á función, con música de Fernando Velázquez -autor das BSO de Lo imposible ou El orfanato– están á venda a través da páxina web 
www.entradaslugo.es

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Lugo. O xoves 17, a partir das 20.30 horas, o auditorio municipal Gustavo Freire acollerá unha función de El nadador de aguas abiertasdas compañías vascas K. Producciones e Tanttaka Teatroa. As entradas para a cita están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es

El nadador de aguas abiertas é unha obra escrita polo xornalista catalán Adam Martin Skilton e adaptada por María Goiricelaya na que se aborda a amizade e a superación a través da relación que establecen as dúas personaxes protagonistas:  Walrus (que leva á escena o televisivo Adolfo Fernández), un experto nadador que agocha un trauma familiar, e Nilo (interpretado por Markos Marín), un home que aprenderá a nadar aos 48 anos da man do primeiro. 

Unha impresionante escenografía con cubos de auga e area, cun convertido nun oceáno, será o espazo no que se presente este espectáculo, dirixido por Fernando Bernués, e cuxa banda sonora orixinal é obra do compositor asturiano Fernando Velázquez, autor da músicas das películas Lo imposible e El orfanato, ou de series como Patria e Apaches

O programa de intercambio regresará o xoves 24 á provincia lucense para pechar a súa cuarta edición en Viveiro, no Pastor Díaz, coa representación de Ada Byron: la tejedora de números; unha peza gañadora do Premio Jovellanos á Produción Escénica 2023 e que tamén acadou seis galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias 2024, entre eles, o de Mellor Espectáculo. 

20241014-CEN-en-Lugo

O festival ‘Encantos en Compostela’ encherá Santiago de maxia entre o 18 e o 20 de outubro

Unha vintena de espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros e sesións de maxia de preto espallarase por Santiago e a súa contorna durante tres días

O público poderá gozar coa mestría de Xulio Merino, o mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández en actividades en horarios de mañá, tarde e noite, todas elas gratuítas

A información sobre o festival pódese atopar en encantosencompostela.com

‘Encantos en Compostela’ é unha iniciativa de Magia en la Manga que conta co financiamento do Concello de Santiago

Santiago e a súa contorna prepáranse para celebraren a primeira edición do festival de maxia Encantos en Compostela entre o 18 e 20 de outubro. Están previstas unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas en diferentes parroquias e espazos co obxectivo de levar a maxia a todos os recunchos do concello. Xulio Merino, O Mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández serán os responsables dos obradoiros e espectáculos, concibidos para maiores e pequenos, que se desenvolverán en espazos diversos e en horarios de mañá, tarde e noite. Este maratón de ilusionismo está organizado pola compañía Magia en la Manga e conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela.

O programa estrutúrase en grandes bloques: espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros para todos os públicos e sesións de pequeno formato para adultos para viviren a maxia de preto. Polas mañás, os pases solidarios serán os protagonistas, con actuacións en residencias de maiores e na aula pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), mais tamén será o momento dos obradoiros. Neles nenos e mais adultos poderán aprender sinxelos trucos e converterse en magos por un día para logo deixar a súa xente abraiada cos xogos de maxia aprendidos. Nas tardes toda a familia está convidada a gozar con espectáculos de maxia participativa, entretida e divertida. As noites serán o momento das sesión de maxia de preto para adultos, unha oportunidade para experimentar o ilusionismo a escasos centímetros e nun ambiente íntimo.

Ademais, Encantos en Compostela nace coa vocación de achegar a maxia a todos os recunchos da bisbarra compostelá e nesta primeira edición haberá actividades nas parroquias de San Lázaro, Laraño, Busto, Lavacolla, O Romaño, San Lourenzo, Marrozos, Conxo e Carballal, amais de no centro urbano. Ademais, cómpre salientar que o festival persegue tamén a diversidade, así que vai estar presente en lugares como residencias da terceira idade, hospitais, centros socioculturais e locais comerciais colaboradores. Toda a información sobre as 21 actividades previstas e mais as reservas para a maxia de preto están dispoñibles na web encantosencompostela.com.

OS ARTISTAS

Xulio Merino, considerado unha das grandes promesas deste eido, é coñecido pola súa pericia na maxia de preto e máis concretamente coas esponxas. Nos seus 13 anos de traxectoria xa leva pasado por medio cento de festivais dunha ducia de países, por programas de televisión como El hormiguero ou Penn & Teller: Fool Us e por numerosos campionatos, seducindo co seu estilo hilarante e absurdo e sempre armado cunhas poucas boliñas. O seu xeito de adaptar a maxia a calquera condición escénica fai que cada actuación sexa unha experiencia única e extremadamente divertida.

Fran Otero chegou ao mundo da maxia desde o seu traballo como animador infantil. Logo de se formar con mestres en distintas disciplinas como o teatro, a maxia cómica, o clown, os monicreques ou a expresión corporal, converteuse en O Mago Paco, un dos poucos especialistas galegos no eido da maxia infantil. Os seus espectáculos caracterízanse por mesturaren as artes escénicas coa maxia e por alentaren a participación do público. O resultado son sesións únicas cheas de fantasía e de gargalladas para toda a familia.

Sara Rodríguez cultiva unha maxia profesional, coidada e impactante, chea de imposibles que deixan abraiado a calquera espectador. A súa gran paixón é a maxia con cartas e lévaa a outro nivel grazas á súa meticulosidade e atención ao detalle. Detrás da súa aparencia formal, sempre garda un as na manga: un humor cáustico e intelixente no que non falta a retranca.

Óscar Fernández gusta de encher a súa maxia de significado e ten un estilo que se pode describir como vangardista, pero cunha marcada influencia dos grandes mestres da maxia clásicos e modernos. Nas sesións familiares preséntase como un mago moderno e pillabán. Mais cando fai maxia de preto para grupos reducidos deixa ceiba a súa face máis artística, contemporánea e subversiva, buscando provocar o pensamento do seu público.

SOBRE ‘MAGIA EN LA MANGA’

Magia en la Manga é unha compañía profesional de ilusionismo conformada por Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico, tres magos galegos con máis dunha década de experiencia sobre todo tipo de escenarios no territorio nacional. Os tres contan cun estilo propio pero comparten o obxectivo común de difundir e poñer en valor a maxia como arte escénica de pleno dereito.

Dende a súa orixe no 2018, Magia en la Manga especializouse en producións de formatos diversos para público familiar. Un ano despois da súa creación, no 2019, a compañía foi recoñecida no Pont-Up Store 2019 como o mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa orixinalidade, calidade e profesionalidade. No 2023 converteuse na primeira compañía de maxia asociada a Escena Galega e abriu en Vigo a primeira escola de maxia de Galicia.


MÁIS INFO | https://encantosencompostela.com

20241009-NP-Festival-maxia-Encantos-en-Compostela

Ciclo Mestre Mateo.- Proxección do documental CHICHÍ E MAIS EU, de Nico Campos, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da película documental CHICHÍ E MAIS EU, de NICO CAMPOS, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 brindaranos a oportunidade de poder desfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.

Esta terceira proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o XOVES 17 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-CHICHI-E-MAIS-EU

Representación da obra de teatro FORMIGAS NO PETO, por Ítaca Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra FORMIGAS NO PETO, dirixida por JOSÉ CAMPANARI e interpretada por CARLOS REBOLO, a cargo do grupo ÍTACA TEATRO, dentro do CIRCUITO DE TEATRO PROFESIONAL convocado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o presente ano 2024.

A representación terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o SÁBADO 19 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.

NOTA-INFORMATIVA-FORMIGAS-NO-PETO-copia

Parladoiro con… ANDREA FERNÁNDEZ MANEIRO

Nalgún lugar de Bulgaria

“Eu son das que penso que viaxar (non viaxes organizados) é importante si tes a intención de aprender algo, si conservas a capacidade de asombro e a curiosidade por outras culturas, pero sobre todo polas persoas, isto é o que me move; consigue que vaia perdendo prexuízos”

Desde o primeiro momento aceptou manter esta conversa, e non porque sexa amiga (que tamén), senón porque o espírito inquedo de Andrea Fernández Maneiro non lle permite ficar indiferente aos retos que se lle presentan, e este diálogo, sen ser un reto, tampouco quixo deixalo pasar. Feito que lle agradezo ben. Premiada en certames poéticos de referencia no panorama literario galego coma o López Ardeiro no que foi finalista, e gañadora do Leiras Pulpeiro, o Torre de Caldaloba, o Illas Sisargas, o Eduardo Pondal ou o do Concello de Vilalba. Dos cales xurdiron títulos de obras como Migratoria, Inventario dun adeus. Expiratoria, ContraTempos, Edénicas, Voto de silencio ou Meridiano Orixe. Porque esta carrilexa, nacida na madrugada dun martes de entroido, ademais de considerarse unha afoghacristos orgullosa, medrou cos loureiros de Cortegada e os libros.

O primeiro poema de Meridiano Orixe, obra gañadora na 50ª edición do Certame de Poesía do Concello de Vilalba, di: Son gaivota.// Dende terra,/ illa e faro nárranme/ historias de monstros mariños. Como observa a Andrea carrilexa e poeta esas historias que a diario acontecen no mar ou fóra del, cheas de monstros que trafican coa vida humana ou que violentan a súa existencia?

Co mesmo horror que se saíra do mar o mesmo Cthulhu tentando converternos en seres apeghados ás riquezas e á inmortalidade, á que nunca chegaremos afortunadamente.

Hai tantos lughares e mares cheos de cadaleitos de auga e area, dos que non se contan nos informativos porque quedan lonxe, e como non nos afectan directamente carecen de “importancia”. Loxicamente é inviable contalo todo, teriamos telexornais infinitos de desgrazas pero, a min, chégame o runrún e dóeme. Hai xa anos que procuro eludir o ler as novas, mais non podo evitar que me cheghen os estoupidos das bombas de Palestina, de Ucraína ou Iemén. Teño un oído sensible.

Os mares son lughares de traxedias e o peor de todo é que nós afacémonos a vélas, semella que estamos inmunizados e iso para min é case máis agresivo e violento.

Aloxamento familiar, Ubut, Bali

Na túa biografía da AELG dise que a túa vocación e profesión é  locutora de radio. Mais a Andrea poeta ou escritora tamén ocupará un rol moi importante, non?

Claro, todo é importante, pero relativicemos, non é tan relevante o que facemos senón se aquilo que facemos serve de algo, cousa que por outra parte eu descoñezo.

Polo tanto, a min todo o que fago sérveme para superar as frustracións de cotío e empatizar co mundo que me rodea.

Sentes paixón por viaxar, e boa mostra diso é a constatación gráfica que traes de cada lugar que visitas, de cada emoción nacida nesas estadías exteriores. Entenderías (entenderíase) a túa esencia sen esa chamada viaxeira?

Por suposto que non, eu son das que penso que viaxar (non viaxes organizadas) é importante se tes a intención de aprender algo, se conservas a capacidade de asombro e a curiosidade por outras culturas, pero sobre todo polas persoas, isto é o que me move; consegue que vaia perdendo prexuízos, que entenda (aínda que non comparta) outros xeitos de vivir, que, en moitas ocasións, me indigne (cousa ben sinxela para min) pero, por riba de todo , viaxar é o escravo que suxeita a coroa de loureiro sobre a cabeza do César, e que lle bisba na orella: “Memento mori”, para que non esqueza a súa irrelevancia. Se o pensamos ben somos irrelevantes no Universo.

Descanso trala carreira de Búfalos de auga, Jehbang, Indonesia

Xunguido ao anterior e desmitificando ese concepto de morriña, que semella apegado á natureza galega, nalgunha desas viaxes ficarías no lugar visitado esquecendo o anhelo de retorno?

Ás veces penso que si pero, realmente, non. Eu preciso da miña terra, preciso do meu mar, da miña xente, preciso do Nilo, preciso do Corno de Ouro, preciso de Gelidonya… Todo o mundo é a miña casa pero son eminentemente Atlántica, como son “afoghacristos” e non podo reneghar da nosa costa.

Aínda lembro cando volvía á casa dende Santiagho e ao cheghar a Carril dende o tren “ollaba Cortegada deitada no mar”. Teño chorado máis dunha vez da emoción.

Mais o regreso acontece, e daquela o mecanismo da memoria lévate a reproducir o vivido, o sentido, e non só a través da imaxe senón coa suma da palabra. Así aparecen estruturados boa parte dos teus poemarios. Aínda que unha imaxe non vale máis ca mil palabras ou ás veces si?

No meu caso a imaxe e a palabra xorden coma complemento á emoción. Agás en ocasións moi concretas, nas que a imaxe está na miña testa coa palabra, e procuro reproducila logo.

E non, unha imaxe non vale máis que mil palabras porque os matices que non se ven hai que contalos; a imaxe non ole, non ten son, nin tacto; como podería a vista suplir os outros sentidos? Pois coa palabra.

Tenda no Gran Bazar de Istambul

Di o poeta Mieczyslaw Jastrun que a esixencia de que a poesía sexa inmediatamente comprensible para todo o mundo é verdadeiramente absurda. Que opinas diso? E que trazo procuras deixar a través da túa poesía?

Pois como todas as cousas: as matemáticas non son comprensibles para todo o mundo, a astronomía tampouco…

A poesía pode ser un puro xogo de complexa estrutura e entón claro que podería ter difícil comprensión; cada un fai a súa escolla á hora de escribir e á hora de ler. Quen son eu para opinar da escolla de cada quen?

Persoalmente, a miña poesía sempre quere contar algo e desencadear algunha emoción; mais como exercicio de comunicación a poesía para min ten que entenderse, aínda que eu logo adore a Góngora e respecte, enormemente, á xente que opina e exerce o contrario.

Non penso xamais na pegada senón no camiño, á fin o trazo vaino marcar o tempo, está fóra das miñas mans e do meu interese.

A Andrea autora é un transunto da Andrea que vive máis aló da escrita ou cada unha delas ten a súa propia senda? É preciso ese distanciamento para non contaminar a finalidade textual?

Creo que a imaxe católica da Trindade (ou un trastorno de multi-personalidade, depende como o vexas) representa moi ben a cousa.

Nada, do que eu son, vive de xeito totalmente independente, somos un grupo simbiótico. Se non te contaminas, pouco aprendes. Non hai máis proceso que a emoción embuída das cousas que vexo, onde se reproduce un exercicio de empatía absoluto, onde o proceso de escrita supón respirar, case non é consciente.

Nunha aldea de Sapa, Vietnam

Escritora do mes de outubro pola AELG, gañadora de distintos premios literarios e con varios libros publicados, como é iso de ter que valorar outras escritas cando toca a tarefa de xurado? E tendo iso en conta, como ves desde dentro a situación actual da literatura galega? (Non esquezamos nos últimos tempos a traxectoria de premios nacionais en eidos como a poesía, a narrativa, o cómic…).

Cando formo parte dun xurado sei da responsabilidade e asúmoa; entendo que nas miñas mans está o traballo, o esforzo e ata algún que outro soño de alguén. Así que o primeiro para min é o respecto por todo isto e, logo, a avaliación estrita da obra. Escoitar o poemario é fundamental. Falando, non lembro con quen, destas cousas dicíame que había poemarios tecnicamente perfectos pero que nin contaban nin emocionaban, mais estaban tan ben feitos!

É un dilema duro de resolver, creo que ser tecnicamente perfecto está moi ben pero, se non transmite nada, non me serve; para explicalo mellor, un poemario é unha bolboreta, ten que voar, mentres que un poemario tecnicamente perfecto pero que non emociona é unha bolboreta de coleccionista, perfecta pero morta nun cadro.

Falábase, recentemente, de se os premios literarios deberían facerse a plica aberta. Eu respondo, rotundamente, que non. Como persoas temos os nosos afectos e non podemos deixar que iso inflúa na avaliación das obras presentadas a concurso. O que diga que “é rigoroso e non lle afecta”, mente, ademais , que opcións terían aquelxs aos que non coñece ninguén, fronte a xente consagrada? Ningunha!

Eu só publiquei vía premios, non souben facelo doutro xeito pero voulle reprochar (sen acritude) ás editoras a deixación dunha das súas funcións máis importantes, que é a de avaliar os textos que lle chegan sen ler o nome de quen os asina. Non vou abondar nisto, pero a miña pregunta é: canta obra de autoría novel se publica ao ano?

Os premios, se cadra, son a mellor porta de entrada para as voces novas.

Por outra banda, a literatura galega non é que estea nun momento excelente, xa leva moitos anos nese nivel, o que sucede é que se ve agora con estes premios- O meu medo é que acabe morrendo de éxito.

A arte cumpre unha función sandadora, é certo, mais hai outras necesidades vitais que proveer. O cemiterio está cheo de imprescindibles pero, simbolicamente, hai máis dunha lousa neles que pon: Aquí xace a poesía de alguén, de quen xa non lembramos o nome, e ese nome pode ser o noso.

Nun cemiterio de Romanía

Volvendo á temática da primeira interrogante, observo que nos teus textos poéticos sempre gurgulla o compromiso, a empatía, como un acto de comunicación sen fisuras no que mantés acesas azos de emoción e conmoción. O que non impide que ese compromiso se traslade á parte estética da túa linguaxe poética. Pero non deixa de ser unha opinión allea, por iso agradecería a túa sobre este tema.

A esta pregunta vouche responder como dixo Lino Silva (un ARTISTA de Cambados que faleceu recentemente), non teño nin idea. Só sei que, falamos antes de que son un ser simbiótico, o meu compromiso humanista e a miña ollada do mundo están presentes en todas esas faccións de min mesma. A miña obra é diversa e comprometida nalgún caso, pero ás veces xogo, porque quero xogar para non perder a meniña que habita en min e transmitir a importancia desa infancia que latexa en cadaquen.

Cando sae do prelo unha obra literaria, deixa de ser propiedade íntima dxs autorxs e, a interpretación dxs lectorxs, é o que vale.

Como quedaron moitas cuestións das que poderiamos falar, que pregunta te farías a ti mesma? E a súa contestación, claro.

Porque non calarás máis, Andrea?  Pois porque non son quen de facelo, a pesares da advertencia de miña avoa que dicía que quen ten a lingua aguda ten a costela dura. Dura non sei, pero doente seghuro.

*Imaxes facilitadas pola propia Andrea Fernández Maneiro

DEMIURXIA. Por que esGaza a indiferenza? Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Por que esGaza a indiferenza?

Un ano xa e as cifras son aterradoras, mais igual iso de ser unha cifra non lle confire corporeidade ao mundo. Estes días volvín reler ao filósofo e cineasta Guy Ernest Debord, tan actual hoxe e sempre, e logo dunha charla existencial no xantar co meu fillo de dez anos non puiden facer outra cousa que escribir.

Debord ten unha obra magnífica La Société du spectacle (A sociedade do espectáculo) no que sostén que as sociedades modernas evolucionaron ata un modelo onde as relacións sociais son meras imaxes, representacións, o que converten a vida nun continuo espectáculo. Artellándose o poder e a política a través da produción das mesmas, da espectacularización do mundo alienando ás persoas da realidade material, da política.

Partamos pois, neste caso de que os conflitos actuais amplifícanse a nivel global a través das redes sociais e dos medios de comunicación, construíndo un “espectáculo” do conflito, onde as continuas imaxes de bombardeos, ataques e sufrimento son vistas a nivel global no mesmo intre de aconteceren. É pois a guerra, unha narrativa mediática que, na meirande parte dos casos, oculta as causas profundas e estruturais do conflito que nos levan a sacar conclusións a pé de rúa, sen sequera antes informarnos histórica, política e realmente. É por isto que nesta obra, o filósofo francés fai fincapé en que os actores políticos e institucionais tiran proveito dos medios para controlar as narrativas, polarizando a opinión pública e empregando o conflito para consolidar as súas posicións de poder.

Isto condúcenos, sen dúbida, a unha deshumanización das persoas implicadas, véndoas simplemente coma números ou obxectos, estatísticas ou anacos de carne, que como non son os nosos, non os choraremos. Poñámoslles nomes, idades, historias, veredes como muda o conto.

Pois até o de agora a meirande parte da poboación está a “consumir” o conflito coma un mero entretemento, un aspecto un tanto inquedante, como o mesmo Debord expón na súa obra. Observamos impasibles os aconteceres mentres as nosas vidas continúan sen máis preocupación que saber se o noso equipo vai ou non primeiro na liga ou canto pagaremos este ano de contribución.

Caemos nesta política do espectáculo, do terrorismo onde a falsidade pode asumir legalmente o nome do verdadeiro, do xa extinto. Mentres vemos unha terra alienada dos seus donos dende hai tanto tempo que debe sucumbir ante a vitimización dos herdeiros do holocausto, que non son outros que os mesmos que, a día de hoxe, seguen a perpetrar un xenocidio aterrador.

Estamos ante a descomposición catastrófica da sociedade? Probablemente. O domingo iamos a Santiago a miña frangulla e eu, a enchouparnos baixo a choiva, a partillar indignación con quen tivo a ben compartir consigna porque toda vida é unha vida e ter que perdela a mans dun pobo exterminador que partilla en redes sociais as atrocidades que perpetra é algo que me resta alento día a día. Son estes problemas de hipersensibilidade nosa ou de falta de sensibilidade da sociedade na que nos atopamos? Lembrades cando nos manifestabamos contra a guerra en Irak? Onde quedaron as grandes concentracións contra os atropelos aos dereitos humanos e aos tratados internacionais? Faltábame xente!

No día a día, a mais de solidarizarnos co pobo palestino e libanés enviando diñeiro para oenegués que están a pé de conflito pouco máis podemos facer. Ollar o terrible listado de empresas que colaboran dun xeito ou outro co estado sionista e que nos envolven día a día no traballo, na casa, no ocio, que están en todas partes. Visibilizar, como antigamente o facía o loito, unha kufiya en sinal de dó, xuntarse unha presada de persoas unha vez por semana ou por quincena para demostrar que lembramos, que seguimos vixiantes das atrocidades cometidas cando todo o mundo segue o seu quefacer cotiá sen que nada mude. Porque como diría Debord, hai moita xente que o único que sabe do holocausto nazi é o que veu nunha pantalla de plasma, algo que semella irreal, unha película de ciencia ficción, e esa xente é a que logo di que o da memoria histórica é un invento para desviar cartos do Estado a algo que xa non paga a pena lembrar.

Hoxe, un ano despois, facemos reconto de ataques a hospitais, colexios, refuxios, ONGs. Hai 42.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 desaparecidas debaixo dos cascallos do que antes foron cidades, hai máis de dous millóns de persoas desprazadas, o 40% das vítimas foron menores de idade e sempre resistindo, pois lembremos que o pobo palestino leva 76 anos de ocupación e apartheid.

Mentres, o goberno español, autorizou en 2022 exportacións de armas a Israel por uns 9 millóns 200 mil euros, aumentando en 2023 no primeiro semestre a 44 millóns de euros malia que logo do estourido do conflito suspendera temporalmente a venda de armas ao estado sionista.

O mundo gaña cartos a costa das bágoas de milleiros de persoas, o candidato ás eleccións estadounidenses, Donald Trump, dicíalle a Netanyahu que o que tivese que facer que o fixese dunha vez e o fixese ben, amosándolle o seu total apoio e demonizando ao pobo palestino, unha vez máis. E toda a política internacional está chea dos argumentos colonialistas e supremacistas que levaron a outras guerras, mentres a política deixa de ter memoria, mentres o ser humano deixa de ter memoria e sensibilidade e atopamos á ultradereita facéndose con bastións que lle arrebatara a segunda guerra mundial.

Que acontecería se en troques de ser Palestina fose Alemaña, fose Francia, fose España o país agredido por Israel, chamariámoslle por fin terrorismo ou seguiríannos a dicir que é lexítima defensa?

E entre medias, abres un xornal e les que se investiron 363 millóns de euros no proxecto Hera, unha sonda europea para defender a Terra do impacto dun asteroide. Será que merecemos extinguirnos? Non o evitemos pois.

*Autoría imaxe principal: Hosny Salah