A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride



De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla súmanse ao ‘line up’ do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo

Na 6ª edición do festival está tamén confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións

O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic


A nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do Atlantic Pride, coa confirmación de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla, que súmanse ao ‘line up’ da 6ª edición do ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025.

O domingo 6 de xullo, as bandas encargadas de dar o pistoletazo de saída á nova edición do Atlantic Pride na Praza de Pontevedra serán De Ninghures e Coolnenas. De Ninghures é unha das formacións referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. No Atlantic Pride, De Ninghures presentará ao vivo os temas do seu novo álbum, Feira, que viu a luz o pasado mes de febreiro. Mentres, as Cool Nenas presentará a súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público, como, sen dúbida, amosarán este verán na Coruña.

O luns 7 de xullo, a cantante e produtora santiaguesa ELBA fará a súa aparición no Atlantic Pride a golpe de sintetizadores, voces atmosféricas e elementos operísticos que dan vida á súa electrónica pop de vangarda. Xa o martes 8 de xullo, chegaralle a súa quenda a Agoraphobia e máis a Rivadulla. A banda de rock alternativo nada en Boiro regresou o pasado mes ás ondas con Eyes Never Lie, o primeiro avance do seu novo álbum, que o público do Atlantic Pride poderá escoitar ao vivo no escenario da Praza de Pontevedra, como testemuña de toda a súa intensidade e as súas letras profundas, nun grito contido entre o medo e o desexo de Agoraphobia de arriscar de novo. O seu potente rock alternará sobre as táboas coas cancións sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, de Rivadulla e a súa mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun concepto que o propio artista define como “parkineo marika”.

Pola súa banda, o mércores 9 de xullo, Alana amosará a súa música tradicional galega con ritmos de base electrónica e pop, nun proxecto novo, diverso e cunha potente posta en escena, vinculada coas raíces e o baile. Finalmente, esa mesma noite, LERIA fará gala sobre o escenario do Atlantic Pride da súa celebrada música indie na nosa lingua, cun directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables. 

Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. 

A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos. 

Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.

Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. A elas súmanse agora, tamén, figuras que pisan forte na escena musical galega do momento, como De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes que completarán o seu line up.

BIOGRAFÍAS NOVAS FIGURAS CONFIRMADAS NO ATLANTIC PRIDE 2025 

De Ninghures

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.

En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e diversos sinxelos despois, en febreiro de 2025, publican Feira, o seu novo traballo, que a banda presentará ao vivo, por vez primeira, na Sala Capitol este xoves, 13 de marzo. 

Neste novo álbum, a banda de multiinstrumentistas segue a revisitar e actualizar o patrimonio musical galego. Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona con Feira na súa sonoridade e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. Este disco é, como o seu nome indica, a carta de presentación dunha “feira” do século XXI.

Coolnenas

Kimberley Tell, dani dicostas e mariagrep unen as súas forzas en Coolnenas coa súa particular rave de debuxos animados que está a revolucionar o concepto de dj set alí por onde pasan, xa sexa en salas ou festivais de diferentes formatos por toda a xeografía española. Nas súas sesións predominan os clásicos atemporais e moitos outros hits do momento, que elas acompañan con coreografías de enerxía pegañosa que contaxian rapidamente a todo o público.

Residentes do mítico Ochoymedio Club de Madrid, nos seus pouco menos de dous anos de historia conquistaron espazos e citas tan relevantes como o FIB, o Low Festival, o San San Festival, o SonRías Baixas, o Warm Up, o VIDA Festival, o Vive Nigrán, o Nachiños Fest, o Polifonik Festival, a Sala Apolo, a Sala Rem…, demostrado que Coolnenas sempre é unha aposta máis que segura.

Agoraphobia

Agoraphobia é unha banda de rock alternativo de Boiro (A Coruña) nada no ano 2013 para satisfacer as inquedanzas musicais das súas integrantes. Moi pronto, iso que comezara como unha distracción pronto converteuse no centro das súas vidas. Foron merecedoras de galardóns tan importantes como o Vodafone Yu Music Talent en 2013 e a súa canción Night of the Living Dead foi parte da banda sonora orixinal de Cerdita, o celebrado corto de Carlota Pereda gañador dun Goya en 2019. 

Cos seus álbums Incoming Noise e Unaligned xiraron de xeito ininterrumpido por diferentes países: España, Reino Unido, Filipinas, Alemaña…, ademais de participar en grandes festivais como o Mad Cool Festival, o Resurrection Fest, o Son do Camiño. O Mallorca Live, Musikmesse ou o Bime. 

O pasado mes de febreiro, Agoraphobia regresou con Eyes Never Lie, o primeiro avance do seu novo álbum, que reivindica os tempos necesarios para crear con profundidade. Trátase dunha declaración de que cada canción ten o seu propio ritmo, e que a espera foi parte do proceso para chegar ao que agora teñen entre mans. Eyes Never Lie é unha explosión musical que captura a complexidade de volver a abrir o corazón despois de reconstruílo peza a peza. Cun son cargado de intensidade e unha letra que amosa as inseguridades que nacen do pasado, este novo tema convértese nun grito contido entre o medo e o desexo de arriscar de novo.

Alana

Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusións e gaita) forman Alana. Un proxecto musical que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A proposta da banda parte das recollidas, un traballo feito coa colaboración de moitas mulleres e homes que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco. Nunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego, Delfina de Cerceda explícalle á musicóloga como dar “o xeito á cántigha” nas melodías das muiñeiras e das xotas. Esa gravación de hai máis de 40 anos é a orixe que dá nome ao álbum.

Alana é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. No seu primeiro ano de vida foron os gañadores do Premios Xuventude Crea 2023 na categoría de música. 

LERIA

LERIA é un proxecto coruñés que xorde no 2021 nas rúas da Coruña. Unha aposta pola música indie na nosa lingua. Algúns dos seus referentes son bandas como Love of Lesbian, Ginebras, Vetusta Morla ou Miss Cafeína. Ofrece un directo sólido, enérxico, intenso e divertido a partes iguais, onde o público pode tanto desfrutar dos seus temas máis íntimos como festexar con aqueles máis bailables. 

Gañadoras do concurso Novos Valores do Festigal en 2023, na primavera de 2024 a banda lanza o seu primeiro disco, Marusía. Un traballo que recolle todos os temas do directo destes últimos dous anos e que lles valeu o nomeamento aos Premios Martín Códax da Música en 2024 na categoría de Mellor Artista Emerxente.

Despois do seu paso por festivais como o Aquí tamén se fala, Corufest, a Laracha Orghullosa, O Son da Aldea, Xurés Son ou O Son da Industria, e de facer a abertura para Rocío Saíz na sala Garufa e para Lisasinson na Guión, LERIA pechan 2024 cun sold out na Mardi Grass da Coruña, acompañadas de Capital Voskov. Este 2025 chegan con novas músicas, como o sinxelo Luces de neón.

ELBA

Tras actuar en festivais como Sinsal, Noroeste, Monkey Week ou Puwerty, a cantante e produtora santiaguesa ELBA constrúe o seu propio selo de identidade marcado polo uso de sintetizadores, voces atmosféricas ou elementos operísticos. O seu primeiro LP, La magia natural, bascula entre a electrónica pop e a escola vangardista, un mash up pluscuamperfecto entre o escapismo místico máis atmosférico e o concretismo de radiofórmula máis certeiro. 

Rivadulla

Rivadulla naceu en 1996 na Coruña. Leva o seu barrio, Monte Alto, como bandeira. Desde moi cativo amosou a súa interese polo arte, o baile e os escenarios. Tralo bacharelato, mudouse a Madrid para estudiar cine. En 2022 atreveuse coa música como vía de escape á súa rabia contida, algo que respiran todas as súas cancións. Entre os seus referentes destacan Lady Gaga, David Bowie, Samantha Hudson e todos eses grandes artistas que saben montar unha boa performance. Rivadulla bebe moito do drag e da cultura pop. O seu primeiro disco, El menú, viu a luz en 2024. Son oito cancións que falan de amor, desamor, autocompaixón, rupturas… Cancións moi sentimentais, pero cargadas de rabia existencial, unha mestura do pop dos 2000, a música electrónica con toques indies e o trap, nun novo concepto que o propio artista bautizou como “parkineo marika”.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’

Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar ácidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. 


20250311-NP-novas-confirmacions-Atlantic-Pride-2025

Bouba presenta este sábado o seu traballo TERMANDO DOS MARCOS na Casa-Museo Manuel María

CONCERTO DE BOUBA ESTE SÁBADO, ÁS 19.30 H,  NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA PRESENTAR O SEU TRABALLO TERMANDO DOS MARCOS

A formación, composta por catro mulleres veciñas da Pontraga (Tordoia), na comarca de Ordes, traerán música de nove pequenos lugares de Galiza que mostrarán o poder do legado cultural transmitido polas nosas maiores e a forza da nosa música e do noso canto. Pezas que salientan polo que contan, pola súa melodía ou polo modo de tocar e que as Bouba interpretan con instrumentos variados (pandeiretas, pandeiras, legóns…). Música para continuar cantando e bailando nun concerto que será moi participativo.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Todos as pezas musicais do disco Termando dos marcos pódense escoitar en aberto na web https://bouba.gal/os-nosos…/termando-dos-marcos/o-disco/

Bouba pandeireteiras presentan este traballo que poderemos desfrutar este sábado da seguinte maneira:

Despois de toda a emoción de Vinculeiras chegou a merecida calma e puidemos erguer con paciencia o que é o novo proxecto das Bouba.
A lume lento e un bocado máis maduras reparamos en nós e no mundo e creamos algo novo, pequeno, local, desde as marxes. Máis ca nunca resituámonos na aldea que nos pariu, a que nos dou o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro.
Non é esta cousa boa de facer nun país cada vez máis asoballado polo capital e a desmemoria. Sabémonos metidas nunha noite de séculos, como cantaban Fuxan os ventos, mais resistir é de xustiza. Agarrarémonos coma carrachas aos marcos porque son nosos, e sabedoras de que precisan novas miradas, irémolos mudando para ter a vida que queremos.
Aquí estamos, 
BOUBA, para seguir sendo, termando dos marcos. Os marcos somos nós.

De Ninghures presenta ‘Feira’ o xoves 13 na Sala Capitol  

De Ninghures convida a Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos á presentación da súa ‘Feira’ este xoves 13 

As entradas para a estrea ao vivo do novo traballo discográfico da banda, que terá lugar na Sala Capitol ás 21.30 horas, están esgotadas desde hai días

A Sala Capitol prepárase para vivir unha auténtica Feira este xoves. De Ninghures subirase ao escenario para presentar o seu novo traballo discográfico, publicado o pasado 25 de febreiro, e contará coa colaboración de compañeiras como Fillas de Cassandra, Juan de Dios, Ortiga, De Vacas e Anxo Pintos. As entradas para a cita, na que o baile e a festa están garantidas, están esgotadas desde hai días.

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 a banda publicou Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar-, De Ninghures lanza Feira é un disco conformado no que a formación traballa coa tradición popular galega dun xeito artesanal, cunha sonoridade e discurso moi característico, para levala á escena actual. 

Ao igual que as feiras populares se transformaron co tempo, De Ninghures evoluciona neste segundo LP e bebe, alén da tradición galega, de influencias latinas ou árabes. Da man do produtor Juan De Dios Martín (Amaral, Xoel López, etc.), a banda revisita, actualiza e reivindica o patrimonio cultural do país para presentar unha Feira do século XXI, tal e como descubrirá o público que asista este xoves á Sala Capitol. 




PRESENTACIÓN ‘FEIRA’, NOVO DISCO DA BANDA DE NINGHURES
Xoves 13 de marzo de 2025
Sala Capitol (Santiago de Compostela)
20.30 horas – Apertura de portas
21.30 horas – Inicio do concerto de De Ninghures.

* Para cubrir o directo será necesario solicitar acreditación a este mesmo correo electrónico antes das 14.00h do mércores 12. As prazas son limitadas. 




Escoita Feira

Videoclips e visuais de Feira en Youtube


20250310-NP-De-Ninghures-_-FEIRA-ESTE-XOVES-NA-CAPITOL

4ª Convocatoria das Residencias Artísticas e Investigación ATOPÉMONOS BAILANDO

4ª CONVOCATORIA DE RESIDENCIAS ARTÍSTICAS E INVESTIGACIÓN “ATOPÉMONOS BAILANDO” PARA PROFESIONAIS DE GALICIA, RESTO DE ESPAÑA E PORTUGAL

Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Lingua do Concello de Lugo, e o apoio de Agadic – Xunta de Galicia presenta as bases da cuarta convocatoria de residencias artísticas e de investigación” ATOPÉMONOS BAILANDO” para profesionais da danza e artes do movemento.

11 novas artistas serán seleccionadas e sumaranse ás residentes das tres últimas convocatorias.

Obxecto da convocatoria

Chámase a profesionais de danza e artes do movemento con sede en España e/o Portugal a presentar os seus proxectos para a realización de 11 residencias artísticas e/o de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de abril a novembro de2025 (seis delas  en Lugo, Galicia, e cinco en réxime de intercambio con estruturas de Portugal, España e Costa Rica):

O programa de residencias artísticas e de investigación “ATOPÉMONOS BAILANDO” 2025 posibilita tamén o intercambio de cinco das residencias seleccionadas a través da presente convocatoria con outros cinco programas de residencias nacionais e internacionais.

Estes intercambios son froito das colaboracións entre as Residencias AB de Lugo con entidades de Portugal, España Costa Rica.

Período de solicitude

Do 11 ao 25 de marzo de 2025 (ata as 23.59h)

Período de realización das residencias

Do 1 de abril ao 30 de novembro de 2025.

Duración das residencias

Residencias en Lugo: entre 5 e 10 días (abril – novembro 2025)

Residencia en intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza: 15 días (outubro – novembro 2025)

Residencia en intercambio con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cine-Teatro Bento Martins – Chaves: 7 días (abril – novembro 2025)

Residencia en intercambio con Portugal – 33.ª Quinzenade Dança de Almada: 7 días (26 setembro – 5 outubro 2025)

Residencia en intercambio con Portugal – teatro mosca – AMAS: 6 días (7 – 12 setembro 2025)

Residencia en intercambio con Donostia-San Sebastián – Festival LaboXL – Gipuzkoako Dantzagunea: 7 días (6-13 novembro 2025)

Tipoloxía das residencias

Residencias de investigación ou creación de profesionais individuais ou equipos que fundamenten o seu traballo artístico arredor do movemento e o corpo.

Espazos destinados ás residencias

-Museo MIHL de Lugo

-Teatro Experimental Flaviense – Cine-Teatro Bento Martins – Chaves – Portugal

-33.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival – Almada – Portugal

-Espazo teatromosca de Portugal: AMAS – AUDITÓRIO MUNICIPAL ANTÓNIO SILVA – Portugal

– Festival LaboXL – Gipuzkoako Dantzagunea –Donostia-San Sebastián 

-Taller Nacional de Danza de Costa Rica

Compromisos xerais do artista

-Realizar a residencia no período acordado por ambas partes

-Firma do contrato antes do inicio da residencia

-Realizar unha actividade de mediación: sesión aberta da residencia para a comunidade local e/ou comunidade artística do territorio ou realizar un obradoiro (a definir pola solicitante)

-Realizar unha memoria descritiva da residencia (máximo 5 páxinas) e entrega nun prazo máximo de 15 días desde a finalización da residencia

-Autorizar o rexistro en vídeo e foto da residencia

-Incorporar os logotipos de ATOPÉMONOS BAILANDO na documentación que xenere o proxecto, así como compartir e etiquetar en redes sociais aos mesmos.

-Respetar as instalacións e o entorno

Compromisos do artista (selección Costa Rica)

-Para concurrir á selección do intercambio coa entidadede Costa Rica é imprescindible ter dispoñible un máximo de 2 semanas consecutivas entre os meses de outubro e novembro de 2025, ademáis de cumplir coas bases xerais

Compromisos do artista (selección Portugal – 33.ª Quinzena de Dança de Almada)

-Para concurrir á selección do intercambio coa entidad de Portugal – 33.ª Quinzena de Dança de Almada é imprescindible ter dispoñible do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, ademáis de cumprir coas bases xerais

Compromisos del artista (selección Portugal – teatro mosca (AMAS – Sintra)

-Para concurrir á selección do intercambio coa entidadede Portugal – teatro mosca AMAS é imprescindible ter dispoñible do 7 ao 12 de setembro de 2025, ademáis de cumprir coas bases xerais

Compromisos del artista (selección Donostia – festival LABO XL)

-Para concorrer á selección do intercambio coa entidade de Donostia – festival LABO XL é imprescindible ter dispoñible do 6 ao 13 de novembro de 2025, ademais de cumprir coas bases xerais

Para o intercambio con Costa Rica – Taller Nacional de Danza Costa Rica 

-Proporcionaranse e xestionaranse os billetes de avión a Costa Rica, ademais dos seus traslados, aloxamentos e manutención durante toda a residencia (2 semanas)

Para os intercambios con Portugal – Teatro Experimental Flaviense – Cine-Teatro Bento Martins, 33.ª Quinzena de Dança de Almada – International Dance Festival e Espazo teatro mosca de Portugal: AMAS – AUDITÓRIO MUNICIPAL ANTÓNIO SILVA – Portugal

-Proporcionaranse e xestionaranse os aloxamentos e manutención durante toda a residencia.

Aportación da entidade a través da convocatoria

-Rexistro audiovisual da residencia

-Remuneración: Entre 700€ e 2000€ (IVE incluido) por residencia. Realizarase o pago nun prazo máximo de 30 días contando desde a entrega da memoria e a factura correspondente ao final do periodo de residencia.

Todos os gastos das residencias correrán a cargo do solicitante, exceptuando as condicións específicas dos intercambios.

Documentación a aportar

1. Dossier descritivo dos obxetivos da residencia, metodoloxía, contidos e links a   traballos anteriores (máximo 5 páxinas)

2. Duración da residencia e estructura do traballo a desenvolver e proposta de actividade de  mediación (contidos, público destinatario e duración) (máximo 2 páxinas)

3. Currículum do equipo artístico e técnico do proxecto (máximo 1 páxina por artista)

4. Datos completos da residencia fiscal do solicitante, relación de DNI dxsparticipantes  na residencia e rol no proxecto

5. Deberá especificar claramente en que modalidade de residencia está interesadx

Toda a documentación aportarase a través do seguinte formulario https://forms.gle/WXsA5pEcPPVE589bA

Poderá ser enviado en galego, castelán, portugués e inglés.

Valoración e resolución da convocatoria

Nomearase unha comisión de valoración de proxectos formada por profesionais do sector. Reservarase aproximadamente un 50% das residencias para profesionais de Galicia.

A resolución será publicada a mediados de abril de 2025 na páxina web de www.atopemonosbailando.com e nas súas redes sociais.

www.atopemonosbailando.com

CONVOCAT.-AB-2025-GAL-1

Estrea do espectáculo “Para que non me deixes aquí soa”, de Julia Laport, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

O 5 de abril do 2025 ás 20:30h., o Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá a estrea de Para que non me deixes aquí soa, unha proposta de Julia Laport que mestura danza, materia e luz para explorar a identidade e os límites do corpo en colaboración coas artistas Martín Gonçalves e Laura Iturralde.

O espectáculo

Esta creación escénica, dirixida pola artista do movemento Julia Laport, parte da interacción entre os corpos, o barro e a luz para construír unha peza que se transforma en tempo real, diluíndo as fronteiras entre a pel e a materia, entre o humano e o natural. A peza explora o concepto da intimidade no espazo público e a vulnerabilidade dos corpos expostos, propoñendo unha experiencia escénica que desborda os límites da danza tradicional e se achega a unha instalación viva en constante mutación. A obra xoga con máscaras e identidades, creando un espazo onde os límites entre o eu e o outro, entre a verdade e a representación, se tornan difusos. A investigación foi desenvolvida a través de diferentes residencias artísticas en Galicia, Tenerife e Costa Rica, cunha exploración centrada na relación entre corpo e materia, integrando disciplinas como a instalación, a performance e a danza.

 A equipa

 Creación e interpretación: Martín Gonçalves, Laura Iturralde e Julia Laport

 Dirección: Julia Laport

 Deseño de iluminación: Laura Iturralde

 Deseño do espazo escénico: Martín Gonçalves

 Espazo sonoro: Julia Laport e outras artistas

 Confección e arranxos: Raquel Crespo

 Distribución: AMARELO Distribución – Lilian Portela

 Produción: Julia Laport

 Subvencionado pola Xunta de Galicia a través das axudas á creación escénica.

 Co apoio de NONONON Lab e Atopémonos bailando

Sobre a compañía

Julia Laport é unha artista do movemento cunha sólida traxectoria na danza contemporánea e urbana, especializada no estilo Waacking. Dirixe o Colectivo D’Elas e codirixe a compañía Elahood, participando en numerosos certames e festivais nacionais e internacionais. Para que non me deixes aquí soa é a primeira creación que presenta baixo a súa propia compañía, consolidando a súa visión artística persoal. Nesta peza colabora con Laura Iturralde, iluminadora e creadora escénica galega cunha importante traxectoria no deseño de espazos lumínicos para espectáculos de danza eteatro, e con Martín Gonçalves, artista plástico multidisciplinar especializado en pintura, escultura e instalación, cuxa obra investiga a conexión entre o corpo e a natureza. A súa colaboración en Para que non me deixes aquí soa xera unha proposta escénica onde a luz, a materia e o movemento se entrelazan para crear unha experiencia inmersiva e transformadora.

O público está convidado a experimentar esta viaxe sensorial e inmersiva na estrea do 5 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, unha oportunidade para achegarse a unha proposta innovadora e arriscada dentro da escena contemporánea galega.

https://www.amarelo.es/pqnmdas

https://www.instagram.com/julialaport

Para-que-non-me-deixes-aqui-soa_nota-de-prensa_-GAL

Estrea do documental “Lévame a idea. Un recoñecemento ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega” no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio municipal de Vilalba acollerá a presentación deste proxecto audiovisual producido por Navíos e Folerpas o vindeiro sábado 15 de marzo ás 19:30 horas

A produtora Navíos e Folerpas anuncia a estrea do documental “Lévame a idea” para o vindeiro 15 de marzo no auditorio municipal de Vilalba, ás 19:30 horas. Un traballo que pretende recoñecer ás mulleres creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega.

No ano no que se dedican as Letras Galegas á poesía popular oral personificada en sete cantareiras e tocadoras destacadas, cómpre reivindicar cunha óptica feminista e interxeracional o papel fundamental das mulleres na preservación da música e a cultura tradicional de Galicia, piar esencial da identidade colectiva. A transmisión oral das letras e músicas que nos vertebran como pobo guían as entrevistas que recolle este documental a mulleres que aportan a súa visión desde distintos eidos, como o musical, o académico, o divulgativo, o artístico ou o antropolóxico.

O documental trata temas fundamentais como a invisibilidade e infravaloración destas músicas e cantares desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, unha lingua fundamental para a nosa cultura. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.

As entradas son de balde e xa se poden retirar, ben na web https://entradasvilalba.es/evento/musica/levame-a-idea ou ben na Casa da Cultura de Vilalba.

As mulleres que participan

A través das súas voces e vivencias, coñecemos a Teresa dos Cucos, veciña de Pontella e informante de varias das tonadas máis coñecidas e versionadas da música actual; Baselisa Romay, fiel compañeira de canto de Teresa e tocadora de pandeireta; Carme de Tines, memoria viva do noso patrimonio inmaterial: a eira da casa onde reside alberga na súa memoria os seráns do lugar de Seaia; Felisa Segade, unha das mestras e artistas máis recoñecidas, piar das históricas Leilía e vocalista do grupo Tres pesos; Sés (Mª Xosé Silvar), cantautora galega coñecida polo seu estilo único, que bebe tamén de fontes tradicionais cunha forte identidade galega e con letras comprometidas e reivindicativas no que atinxe á lingua, á igualdade e á xustiza social; Mercedes Peón, pioneira na divulgación do canto e a pandeireta, multiinstrumentista con traxectoria internacional e parte fundamental da asociación Somos Pandeireteiras; Xulia Feixoo, etnomusicóloga centrada no estudo e transmisión das músicas de tradición oral, percusionista no Cuarteto Caramuxo e na orquestra folk SondeSeu, coautora do libro Mulleres de Gargamala e autora de Maruxa das Cortellas Concha do CanizoBeatriz Busto, mestra e etnomusicóloga, especializada no NO-DO franquista e autora do libro Pandeireteiras de Mens, grupo homenaxeado nas Letras Galegas 2025; Branca Villares, música de tradición oral, mestra e divulgadora cultural, colaboradora no disco que Richi Casás lle dedicou á súa avoa Rosa Casás, referenciada tamén nas Letras Galegas xunto coa súa tía Adolfina; Felicidad Casás, neta de Rosa Casás; Lupe Blanco; pandeireteira e mestra das regueifas de Bergantiños, na actualidade imparte obradoiros en escolas de regueifa e en centros educativos; Isabel Vigo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, onde se recollen todas as gravacións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth realizou no seu traballo de campo e os cancioneiros onde as documentou; Lola López Isolina Rodríguez, fundadoras da Asociación O Teixeiro e impulsoras da Festa da Pandeira do Piornedo; Malvela, un dos grupos que abriu camiño coa gravación de catro discos, evidenciando que a música non entende de idades; Xiana Lastra, vocalista da Banda da Loba e mestra de galego na Educación Secundaria Obrigatoria; Andrea, Alejanda, María e Mariana Montero, referentes da música actual de percusión tradicional no grupo Lilaina, con proxectos compartidos con Baiuca e Aliboria, levando a música popular galega a escenarios como o do Wizink Center; Eva Fernández, membro do grupo de pandeireteiras Ferriñas Bravas e creadora da revista online de cultura tradicional Rebelico; e Julia Marín, de Artesanía JMR, artesá de instrumentos populares que atopou o seu oco nun sector aínda hoxe moi masculinizado.

Todas estas mulleres realizan un percorrido que abrangue desde a transmisión oral dos versos cantados ata a investigación, custodia e divulgación deste tesouro cultural nos eidos académico, artístico e comunitario. Elas fían unha historia colectiva de resistencia, creatividade e amor polas raíces. “As mulleres que nos aprenderon o mundo cantando, cultura viva cun marcado carácter de pasado, presente e futuro”.

Lévame a idea é un documental producido por Navíos e Folerpas e dirixido por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso.