Sabela, LODE e Soulmacklein súmanse ao lineup de BIGSOUND Pontevedra, completando unha edición inaugural que reunirá o mellor da música urbana nacional e internacional.
BIGSOUND Pontevedra completa o seu espectacular cartel con tres artistas galegos que representan a nova onda de talento local: Sabela, LODE e Soulmacklein. Estas incorporacións súmanse a Tanxugueiras, o grupo galego más destacado do momento, para poñer en valor o talento da terra. Con esta aposta, o festival non só reforza o seu compromiso coa escena urbana global, senón que tamén impulsa e visibiliza as voces emerxentes do panorama galego. Ademais, desvélase por fin o cartel por días, confirmando así a programación que transformará o Parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025 no epicentro da música urbana en Galicia.
NOVAS INCORPORACIÓNS: RAÍCES E FUTURO DO URBANO EN GALICIA
LODE Cunha proxección imparable, LODE converteuse nunha das grandes promesas do xénero urbano nacional. Desde Narón, o cantante, compositor e bailarín conquistou ao público coa súa mestura de sons actuais e baile. Tras o seu paso por La Voz ou El Hormiguero, prepara un novo EP que presentará este ano na sala Capitol de Santiago de Compostela. En BIGSOUND Pontevedra, promete un directo vibrante que redefinirá o xénero urbano desde Galicia.
SABELA Referente da escena pop-electrónica galega, Sabela chega a BIGSOUND como a gran embaixadora dun son que triunfa no panorama musical actual. Con éxitos comoHi, My Love ou Eu Espero Aquí, producidos xunto ao aclamado produtor Ed Is Dead, a artista presenta en 2025 un novo EP co que inaugura unha etapa na que aposta por un son máis internacional mantendo presentes as súas raíces.
SOULMACKLEIN Pioneiro do hip hop galego e membro fundador do mítico grupo Delahoja,Soulmacklein representa a memoria viva da música urbana feita en Galicia. Tras colaboracións icónicas xunto a Soprano ou Cypress Hill e actuacións históricas como a do Camp Nou ante case cen mil asistentes, está inmerso na súa carreira en solitario, lanzando o seu LP en solitario Welcome to la Isla e preparando novos traballos discográficos para 2025. O festival será unha oportunidade para descubrir a súa evolución artística.
CARTEL COMPLETO POR DÍAS: TODO O QUE VIVIRÁS O 11 E 12 DE XULLO
Venres 11 de xullo
A xornada inaugural de BIGSOUND Pontevedra será unha auténtica celebración do pop urbano, o reguetón e a fusión latina. Grandes estrelas internacionais como Nicky Jam e Maria Becerra compartirán escenario con referentes do panorama nacional como Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee e Marc Seguí. O talento emerxente tamén brillará con nomes como DePol, Luck Ra e Sabela, mentres que a potencia da mestura entre música tradicional galega e a modernidade farase presente da man de Tanxugueiras, nunha noite que promete enerxía, emoción e unha conexión única co público.
Sábado 12 de xullo
A segunda xornada ofrecerá unha proposta máis diversa e alternativa, combinando sons urbanos globais con novas voces do pop, o trap e o rap. O carisma de Rels B e a versatilidade de Omar Montes compartirán protagonismo coa sensibilidade deAmaia e o debut en solitario de Leire Martínez. Completan o día artistas comoJulieta, La Zowi, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, e os galegosLODE e Soulmacklein, nunha xornada que poñerá o broche perfecto ao festival.
UNHA EXPERIENCIA MOITO MÁIS QUE MUSICAL
Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, BIGSOUND Pontevedra busca non só emocionar a través da música, senón tamén xerar un impacto positivo a nivel cultural, económico e social na rexión. Esta primeira edición será un punto de encontro para artistas, marcas, institucións e público, nunha contorna segura, sostible e inclusiva.
___ ENTRADAS ___
A conta atrás comezou e a música está a piques de escribir un novo capítulo inesquecible. Non te quedes fora do evento do ano en Galicia. Consegue os teus abonos e entradas por día enbigsoundfestival.com.
Cartel venres 11:
Nicky Jam, Maria Becerra, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee, DePol, Luck Ra, Marc Seguí, Sabela, Tanxugueiras, convidado sorpresa.
Cartel sábado 12:
Rels B, Omar Montes, Amaia, Julieta, La Zowi, Leire Martínez, LODE, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, Soulmacklein.
O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.
O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.
O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.
Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda. Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.
A ASEMBLEA XERAL DO IESCHA ELIXE A NOVA XUNTA DIRECTIVA E APROBA A MEMORIA-24, O PLANO DE ACTIVIDADES-25, O BALANCE ECONÓMICO-24 E O ORZAMENTO-25
Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves, 27 de marzo de 2025, aprobáronse por unanimidade das persoas asistentes: a memoria de actividades do ano 2024, así como o plano de actividades previsto para o exercicio 2025. Do mesmo xeito, recibiron o respaldo dos asistentes o balance económico correspondente ao pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.
Na Asemblea Extraordinaria, que se levou a cabo a continuación, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada formada por
CARGO
NOME E APELIDOS
PRESIDENTA
Mª Luisa Barreiro Mejuto
VICEPRESIDENTA
Sabela Figueira Tenreiro
SECRETARIO
Arturo Gómez Mato
VICESECRETARIO
Xosé M. Felpeto Enríquez
TESOUREIRO
Manuel Castro Santamariña
VOGAL
Manuel Roca Cendán
VOGAL
Constantino Alvite Muinelo
VOGAL
Jesús Trastoy Saavedra
VOGAL
Alfonso Baamonde Fernández
VOGAL
Rebeca Leal Eimil
VOGAL
Iria Currás Gato
foi respaldada por aclamación das persoas asistentes, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos.
A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na implementación de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización, expresando o firme compromiso de continuar traballando polo fortalecemento e a difusión da cultura chairega, en particular, e galega, en xeral, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante estes 25 anos de existencia, cuxa conmemoración estará tamén presente no plano de actividades aprobado.
Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra
O segundo avance do universo Hibernarse preséntase como un acto de resistencia. “Fronte á historia oficial, só fica a memoria”, recorda o dúo
Parte da melodía de Quebrantarse está inspirada no Romance do Comandante Moreno interpretado por Severina Murias e inclúe versos de García Lorca
Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra querecuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. “Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei”, canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.
Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: “E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba”.
Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora.
Mondra publicará ‘DE RONDA’ o 6 de maio e a estrea ao vivo será na Sala Capitol o 10 de maio
A sexualidade, o amor propio, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz
A presentación do segundo LP de Mondra e a estrea do novo espectáculo co cal xirará neste 2025 será o 10 de maio na Sala Capitol; e as entradas sairán á venda mañá, xoves 27 de maio, ás 12.30 horas, a través de www.salacapitol.com
Mondra publicará DE RONDA, o seu segundo traballo discográfico, o 6 de maio. O novo álbum do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu exitoso debut con ARDĒN. Desta volta, Mondra propón un disco persoal e íntimo, á vez que irreverente e desenfadado; un traballo autoral, mais sempre en diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.
A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións “ou 11 estados do corpo” de DE RONDA, un traballo que aborda “a sedución, seducir ou ser seducido”, e no que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz).
Mondra publicará o disco o 6 de maio apoiado por Altafonte e, catro día despois, o sábado 10 de maio, o artista presentará o seu novo espectáculo ao vivo, baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Sobre o escenario, Mondra estará acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez, como intérpretes de danza. As entradas para a estrea de DE RONDA sairán á venda este xoves, 27 de marzo, a partir das 12.30 horas, a través da páxina web www.salacapitol.com. O prezo da entrada xeral será de 18 €.
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.
En maio de 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA, un álbum persoal e irreverente, “para seducir ou ser seducido”, e do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e o irreverente Teño caldo quente.
PRESENTACIÓN ‘DE RONDA’, NOVO LP DE MONDRA
Data: 10 de maio de 2025 Lugar: Sala Capitol (Santiago de Compostela) Hora: 21.30 h Entradas á venda partir das 12.30 h do xoves 27 en www.salacapitol.com (18 € + gx).