A Galería NÉBOA presenta a súa proposta no Espazo de Arte do Culturgal 2025
Lugar: Espazo Arte do CULTURGAL, Pazo da Cultura, Pontevedra
Datas: 28 ao 30 de novembro de 2025 de 11h a 21h.
A Galería NÉBOA participará un ano máis no Espazo de Arte do Culturgal, que terá lugar entre o 28 e o 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta edición, a galería lucense levará os traballoS de Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodís.
A proposta da Galería NÉBOA para Culturgal 2025 é un diálogo entre corpos, materiais e imaxes; un encontro de voces que, desde distintos lugares, comparten unha mesma pulsión: comprender o mundo a través da fraxilidade, da transformación e do vínculo. Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodrís convídannos a percorrer ese territorio difuso onde o íntimo confúndese co común, onde a arte convértese en xesto, pel e memoria.
Na obra de Vicente Blanco (Cee, 1974) conflúen dous eixos entrelazados como raíces dun mesmo corpo: a construción da identidade e a interpretación da paisaxe. Desde hai décadas, o artista explora como se moldean os afectos, os desexos e as formas de ser no mundo desde espazos periféricos, invisibles, rurais, aqueles nos que el mesmo habita. A través do debuxo, Blanco constrúe un relato de xestos e miradas no que o humor e a ironía funcionan como formas de resistencia. A paisaxe, cada vez máis abstracta, transfórmase nun espazo doméstico, urbano, decorativo, onde os corpos dialogan, ameázanse ou se recoñecen. Todo na súa obra fala do delicado equilibrio entre vulnerabilidade e poder, entre amor e a súa sombra. Porque, como di o propio artista, no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar.
Nas instalacións de Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) o corpo e a contorna deixan de ser opostos para integrarse nun mesmo sistema vivo. A artista propón unha relación horizontal entre o humano e o non humano, baseada no coidado e na reciprocidade. Davila constrúe unha rede de vínculos entre materia, corpo e paisaxe a través da figura do tubo —forma elemental e principio de tránsito. Nas súas esculturas, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca; respira, absorbe e déixase afectar. A súa práctica escultórica convértese, así, nunha poética da interdependencia: unha maneira de estar no mundo desde a permeabilidade, o coidado e a transformación compartida.
Nas fotografías de Alejandro Rego (A Coruña, 1993), o ceo convértese nun lenzo “en branco”, aínda que de cor azul: un espazo de experimentación onde a cámara actúa como pincel. As súas imaxes exploran a posibilidade de facer pintura a través da fotografía, unha pintura que cambia en cada instante, sempre distinta, sempre nova e, ao mesmo tempo, sempre a mesma. Subir ao ceo é unha serie construída a partir de pequenas polaroids que tentan abarcar o inabarcable: a inmensidade do ceo e o seu fluxo continuo de variacións.
As superficies das obras de Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) son fragmentos dun idioma pictórico en constante mutación, onde o erro, a mancha e o borrado transfórmanse en formas de coñecemento. As cores velan e revelan, as capas respiran e deixan entrever o proceso. Na súa obra, a imaxe convértese en pel que se reconstrúe, unha gramática da incerteza que oscila entre o analítico e o intuitivo.
Información práctica
📍 Espazo Arte, Pazo da Cultura de Pontevedra. Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra. 📅 28 – 30 de novembro de 11h – 21h.
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación teatral QUEN OCUPA ESTA CADEIRA?, a cargo do grupo OS PALIMOQUIÑOS (ESCOLA PALIMOCO TEATRO), dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado, convocado e financiado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro, ás 12:00 horas, nos arredores da Casa da Cultura de Vilalba. No caso de climatoloxía adversa, a función levaríase a cabo no interior da Casa da Cultura.
LIDEIRA, está formado por Gabi Reboredo (voz e percusión), Sara Méndez (saxofón soprano) e Lois Prado (saxofón tenor).
Unha proposta cun son moi persoal das nosas músicas de tradición oral. Son procurado a través da mestura de instrumentos de vento, percusións de man, voz e outras fantasías.
Para asistir ao concerto deste sábado é necesario reservar (billete 5 euros en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621)
A banda de Sigüeiro, que navega desde os confíns do garaxe até o power pop e o rock&roll máis delicado, celebrará no 2026 unha ducia de anos de concertos catárticos e himnos poderosos, coma ‘Romper Espagna’, ‘Surfistas nazis’ ou ‘Castromil’, entre outros moitos
O quinteto publicará o 27 de novembro ‘De paseo en Portugal’, o primeiro avance do seu novo LP, producido por Raúl Pérez (La Mina)
Hoxe non é outro día máis. Familia Caamagno, o quinteto co directo máis divertido e poderoso da escena galega, regresará aos escenarios a principios de 2026. No mes de xaneiro, o grupo presentará un novo disco producido por Raúl Pérez, do estudio granadino La Mina, coñecido por ser o espazo no que gravan as bandas de pop e rock máis coñecidas a nivel estatal, e que vén de ser galardoado polas súas mesturas nos Latin Grammy.
O primeiro avance da esperada volta da Familia Caamagno logo do seu exitoso álbum ‘O mundo está derrotado’ (2024, Tremendo Audiovisual) titúlase ‘De paseo en Portugal’. Este sinxelo, o primeiro dos tres que o público poderá escoitar paseniño antes do lanzamento do novo LP, estará dispoñible a partir do 27 de novembro nas principais plataformas dixitais e contará cun vídeo de animación dirixido por Xaime Miranda. Un tema pop, cun estribillo luminoso e catártico, que dá boa conta de todo o que virá desde o comezo de 2026.
SINXELO ‘DE PASEO EN PORTUGAL’ , DE FAMILIA CAAMAGNO
O espazo vigués Río Lagares (Falperra, 16) abre as súas portas ás 20.00 horas deste xoves, 20 de novembro, para acoller esta experiencia pioneira impulsada por Sinsalaudio e que conta coa financiación do Ministerio de Cultura
ANALOGIK DREAMS conxuga experimentación, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións únicas que contan coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), que desenvolven estas semanas unha residencia artística en Río Lagares
O selo musical analóxico ANALOGIK DREAMS celebrará mañá, xoves 20, a primeira das tres gravacións en directo de pezas musicais en vinilo e discos de cerámica reproducibles. Trátase dunha experiencia pioneira que une experimentación, tecnoloxía analóxica,música ao vivo e traballo artesán; unha proposta inusual que contará coa colaboración de tres proxectos musicais do país: Clo Plas, Os Lindes e Carme López.
ANALOGIK DREAMS é un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura. O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais.
Da man do musicólogo Aleksander Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro.
O proceso arrancará mañá, xoves 20 de novembro, coa gravación directa en vinilo con bandas do país. Neste caso será co dúo Clo Plas, conformado por Xiana Arias e Berio Molina. Trátase dun proxecto artístico que explora a oralidade da montaña de Lugo (concretamente da zona da Fonsagrada) con música experimental e midi. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo en Río Lagares.
Estas gravacións levaranse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar pezas únicas e limitadas. En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunhaplataforma dixital.
OLYMPUS DIGITAL CAMERAOLYMPUS DIGITAL CAMERA
ANALOGIK DREAMS
Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica
Do luns 17 ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde. Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)
Gravacións abertas ao público*
– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS
– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES – Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ * Entrada libre ata completar capacidade
O FESTIVAL DE STONER ROCK E DOOM METAL TERÁ LUGAR OS DÍAS 26 E 27 DE XUÑO NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS
Un dos grandes referentes do Rock e Metal alternativo da Península Ibérica, o festival Fumega Fest, confirma unha nova edición de cara a 2026. Tras a súa primeira entrega, este mesmo ano, que xuntou a grandes nomes da escena europea como Greenleaf, Psychonaut, Monkey3 ou Dvne, o festival anuncia as datas de celebración da súa seguinte entrega. O venres 26 e sábado 27 de xuño, o Parque do Pasatempo de Betanzos vibrará de novo co que xa é un dos eventos máis destacados do Stoner Rock e Doom Metal na Península Ibérica. Os artistas e as entradas verán a luz o próximo luns 24 de novembro, segundo avanza a organización.
Fumega Fest vén de ateigar o Parque do Pasatempo de riffs electrizantes e sons contundentes, devolvendo o espírito rockeiro e metaleiro a un recinto que vivíu grandes noites envolto en acordes de guitarras eléctricas. O evento saldouse coa mellor das sensacións logo de ver a recepción dunha primeira edición que contou co cariño, respecto e sentimento dun público que correspondeu con creces.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como HugoGuezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.