Arrastrado pola claque, o vulgo aplaude unha obra pésima. Desde o escenario, a vaidade do protagonista enche a escena. Na deriva imparable do orneo imperante, procuro liñas de silencio. Liñas habitadas por miradas que aínda ousan enfrontarse á riada.
Os donos marchan e eu non sei se lles seguen pertencendo enteiramente, a eles ou á súa prole, as ruínas… Ou se son do tempo ao son do tempo mentres ti te me agochas.
O venres 15 de outubro, no pazo de San Marcos de Lugo, celebrarase a inauguración da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, promovida polo Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada polas socias de dito Instituto, Patricia Coucheiro e Susana Varela Negro.
Trátase dunha exposición colectiva de catorce fotógrafas que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio, con propostas fotográficas que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca da Ulloa.