O espectáculo de Fantoches Baj, “Novos Lobos”, este sábado na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 26 de marzo, ás 17 horas, o espectáculo de Fantoches Baj, “Novos Lobos”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir de cinco anos, nel mestúrase a narración oral coa manipulación dos títeres.

Espectáculo baseado en contos da literatura popular adaptados e interpretados desde outras olladas. O espazo en que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña ondeun pastor está a coidar das súas ovellas (o público) 

Ver ligazón do espectáculo: https://www.youtube.com/watch?v=mhvZc6bYn2w&t=104s.

Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro(2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, Os romeiros do caracol, Auga que non vas beber…

É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621 (billete: 2 euros)

Ciclo Mestre Mateo: Proxección da película-documental “O Gran Camiño” no Auditorio Municipal de Vilalba

O sábado 26 de marzo de 2022, ás 20:00, no Auditorio Municipal de Vilalba, realizarase a proxección da película documental “O GRAN CAMIÑO”, de Alba Prol Cid e Raúl García. Esta é a primeira proxección das oito previstas correspondentes ás finalistas nos XX PREMIOS MESTRE MATEO, e que se irán proxectando ao longo do ano 2022, en senllos actos organizados polo Instituto de Estudos Chairegos colaborando nesta ocasión coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba.  

 

NOTA_INFORMATIVA_O-GRAN-CAMINO

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CREBADURA

Miguel Díaz, CREBADURA

A nudez. Toda a, noutrora, posible.

Tremente na entrega. Na dación.

Proba e erro. Aprendizaxe baldía.

A nudez. Case absoluta.

Desfacerse das armas.

Espirse. Da coiraza.

Corazón sen coiraza.

A realidade. Que nega.

A verdade. Silenciada.

Sentir na epiderme a xeada.

Sentir na medula a barbarie.

Trazar no caos

unha utopía

e aniquilarse.

Concerto de ZOELAS este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 12 de marzo, ás 20 horas, a formación orixinaria de Antas de Ulla, Zoelas, estará interpretando, na Casa-Museo Manuel María, pezas do seu traballo Evelaités, así como as súas últimas e recentes composicións.

Zoelas é un proxecto musical en que se mesturan as raíces do canto tradicional con melodías de variados estilos musicais e letras propias que conviven con coplas recollidas. Canto coral feminino con Bea García, Érica García, María Bouzas, Pilar Naveira e Patricia Coucheiro acompañadas de Michel Rivadulla (guitarra), Miguel Varela (percusión) e Bruno Villamor (requinta, zanfona e gaita).

Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) no enderezo electrónico

contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. 

Culturalia GZ presenta “Proxecto IRMÁS” para a conmemoración do 8 de Marzo

Para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Culturalia GZ promove a presentación do Proxecto IRMÁS, onde 8 destacadas voces femininas contemporáneas galegas reivindican a outras 8 mulleres (irmás), que sobresaíron no primeiro terzo do século XX, aínda que, por causa do convencionalismo patriarcal imperante, viron obstaculizada a súa difusión como figuras salientables no eido de distintas disciplinas profesionais (artes, ciencia…) na Galiza.

En palabras de Beatriz Dourado, coordinadora deste proxecto, no que tamén participa: IRMÁS nace como unha xenealoxía feminina en clave 8/8 -tendo presente o 8 de marzo- que pretende reivindicar a figura de mulleres pioneiras na Galiza de 1916-1936, vencelladas ás Irmandades da Fala, a través da escrita e a ilustración de autoras galegas contemporáneas.

As voces participantes neste Proxecto IRMÁS e as personalidades ás que homenaxean aparecen na seguinte relación:

EILÚN DEL PAZO MOA – AMALIA ÁLVAREZ
BEATRIZ DOURADO – OLIMPIA VALENCIA
CECILIA FERNÁNDEZ SANTOMÉ – MARÍA LUZ MORALES
MÍRIAM FERRADÁNS – MARÍA MIRAMONTES
ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ . ELVIRA BAO
PATRICIA TORRADO QUEIRUGA – JACINTA LANDA
LUPE BAO – AMPARO LOPEZ JEAN
TAMARA ANDRÉS – TERUCA BOUZA

Esta presentación virtual, que se realiza a través da web Culturalia GZ e mais nas súas RRSS, supón o adianto dunha publicación en formato plaquette, que frutificará en datas vindeiras, co gallo de estender máis aló da simboloxía que supón cada 8 de Marzo de conmemoración do Día da Muller, e asemade reivindicar o recoñecemento que merecen e que lles foi usurpado a esas personalidades femininas relevantes e coetáneas da etapa das Irmandades da Fala.

En canto á edición en papel deste libro, vaise contar coa arte de Adolfina Mesa para a realización ex professo da imaxe da portada, co ánimo de que sexa representativa do contido global desta breve mais intensa obra.

Velaquí o vídeo que serve de presentación de Proxecto IRMÁS