Marlango e Estrella Galicia: unha maridanza perfecta en MEGA

O vindeiro  29 de abril volven os grandes plans do Museo Estrella Galicia cunha experiencia única de música e cervexa da man de Leonor Watling e Alejandro Pelayo, cunha degustación a outro nivel a ritmo de jazz, pop e blues en directo

MEGA Museo Estrella Galicia presenta unha velada exclusiva na súa Sala de Degustación que combina gastronomía galega, música e cervexa, coa maridanza, ás 21.00h, de dúas variedades singulares de Estrella Galicia con mexilóns e empanada viaxeira e. a continuación, ás  21.45h, o concerto de Marlango 

A apertura de portas realizarase ás 20.30h para que os asistentes poidan desfrutar maridanza exclusiva con dúas cervezas da casa. A primeira, a nosa favorita e todo un clásico, Estrella Galicia del Camino, acompañada de mexilóns de Galicia ao estilo belga. A segunda, unha novidosa variedade de Estrella Galicia, con empanada de cocido galego de Pablo Pizarro (si, a famosa Empanada Viaxeira). Ás  21.45h dará comezo o directo do dúo de culto que conforman Leonor Watling e Alejadro Palayo, a ritmo do mellor pop, jazz e blues da escena musical española.

Velaquí a nota de prensa de tal evento.

Convocatoria Pase Gráfico de “Alma de tigre”, de Elefante Elegante Teatro

A compañía Elefante Elegante convida aos medios a un pase gráfico de Alma de tigre previo á estrea absoluta deste venres en Ferrol.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, están ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico.

  • Data: xoves 7 de abril do 2022
  • Hora: 10.30 horas
  • Lugar: Teatro Jofre | Praza de Galicia, s/n – Ferrol
  • Acto: Pase gráfico da obra Alma de tigre de Elefante Elegante

Velaquí a nota informativa

CAFÉ DOROTHÉ, un espectáculo para crianzas e familias este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 9 de abril, á 17 horas, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes músicos, o guitarrista Virxilio da Silva e a acordeonista e voz Sonsoles Penadique. 

Eles veñen estrear un espectáculo familiar (crianzas entre catro e doce anos), Café, Dorothé, co que poderemos cantar, bailar e xogar coas lindas cancións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth deixou escritas nos seus libros.

E cales eran esas cancións?

Aquelas que foi recollendo desde finais dos setenta por toda Galiza e que compoñen, coa colaboración de Antón Santamarina, a máis extensa e minuciosa compilación da música popular de tradición oral galega. 

Pois ben, Virxilio e Sonsoles van presentar unhas versións moi persoais destas melodías do Cancioneiro Popular Galego, que Dorothé compilou e escribiu, para escoitar, facer e vivir a música en familia.

Reservas (billetes 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621

A MICE e o Galician Film Forum proxectan NEGRO PÚRPURA no King´s College de Londres

A MICE e o Galician Film Forum proxectan Negro púrpura no King´s College de Londres

●       A estrea no Reino Unido do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva será este venres, 1 de abril, no King´s College London

●       Completará o programa a curta Stockroom de Sol Mussa, autora tamén do clip promocional deste ano da MICE

●       A cita será este venres 1 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London

O Galician Film Forum (GFF) retoma a súa actividade presencial en Londres coa estrea no Reino Unido do documental Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A proxección será no King´s College London e vai ser posible grazas á colaboración entre o GFF e a MICE do Museo do Pobo Galego que se está a desenvolver estes días en Santiago de Compostela. O programa do evento tamén inclúe a proxección da curta Stockroom da directora Sol Mussa, autora do clip promocional desta 17 edición da MICE.

A actividade terá lugar este venres, un de abril, e logo das proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio por videoconferencia coas directoras de Negro púrpura no que tamén vai participar de xeito presencial Sol Mussa.

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta nova edición do GFF conta, ademais da colaboración da MICE, co apoio do King´s College London.

O documental Negro púrpura retrata a Galiza do século XX a través do Cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que agocha historia tan descoñecida como importante no devir da cultura e da economía galega dunha época. Coñecido por nomes como caruncho, cornecelo, dentón, cornello ou grao de corvo, por citar algúns, o Cláviceps purpúrea é o vínculo inesperado entre as historias da casa, as multinacionais farmacéuticas, a CIA, as pragas medievais, a medicina popular e o LSD.

Pola súa banda, Stockroom é unha curtametraxe de xénero documental dirixida por Sol Mussa que mestura imaxes dun almacén de traballo con exteriores de Londres. Retrátanse as dificultades da cidade a través dos traballadores do almacén, os propios pensamentos de alguén que está vivindo o cambio ao novo lugar ou do Brexit. As imaxes están tratadas de forma experimental e permiten falar da memoria e dos cambios.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·         Entradas: https://gff-mice.eventbrite.co.uk

·         Negro púrpura: https://negropurpura.gal/ | Tráiler: https://youtu.be/1-WYTzo4JRY

·         MICE: http://mice.museodopobo.gal/

Fixe Trío en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 2 de abril, ás 20 horas, a formación Fixe Trío, subirá ao cenario do auditorio da Casa-Museo Manuel María para interpretar ao público asistente pezas do seu traballo Sempre Fixe, así como das súas últimas e recentes composicións. Será unha viaxe atlántica a través dun universo de composicións orixinais e temas populares arranxados e interpretados co seu son particular.

Os instrumentos principais deste trío, conformado por Xela Conde, Blanca Marigómez e Joel Fontán, son a voz, o cello e a guitarra; tamén aparecen outros timbres como violíns, frautas e diversos instrumentos de percusión. Con eles e cunha escenografía coidada crean un ambiente que convida as persoas que asistamos a participar do seu emocionante concerto.

Algunhas ligazóns das súas composicións:


Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.