MONDOÑEDO é POESÍA 2022

MONDOÑEDO é POESÍA 2022 (8ª EDICIÓN)

Mondoñedo é poesía chega á súa 8ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) os amantes do verso dito, recitado, cantado, musicado ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre foi, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se veñen celebrando en Mondoñedo desde 1541 (hai xa 481 anos).

O cartel oficial desta edición é da autoría de dous creativos con raíces mindonienses, o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”, e o deseñador Diego Núñez.

RECITAL Nova Poesía

17:00h. Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Adrián A. Vázquez Rodríguez (1º Premio Díaz Jácome 2021), Adrián Maceda Fernández (2º Premio Díaz Jácome 2021) e Branca Trigo Cabaleiro (3º Premio Díaz Jácome 2021).

I RECITAL Poesía Infantil

Alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro

Organiza: Asociación Tanque de Zinc. Colabora: ANPA Chinchaollo.

Presenta: Ton Arenas

RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’

18:00h.

Recitan:

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, Galicia, 1958). Poeta, dramaturgo e editor. Premio Nacional da Crítica Española 1985 e 2005.

Olga Novo (Vilarmao, Pobra de Brollón, Galicia, 1975). Poeta, ensaísta e profesora. Premio Nacional de Poesía 2020.

Xuan Bello (Paniceiros, Tineo, Asturias, 1965). Poeta, narrador, tradutor e ensaísta. Premio Nacional de Literatura Asturiana 2017.

Música: Gelria. Grupo galego-catalán fundado en 2014. 

Formación para este concerto: Rubén Fernández (voz), Federico Mosquera (piano), Mario G. Cortizo (percusión) e Pablo Pérez(contrabaixo).

***

Organizadores: Asociación As San Lucas, Colectivo Mondoñedo É … e Asociación Tanque de Zinc.

Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Mondoñedo e ANPA Chinchaollo.

Imaxe cartel: Ignacio Castro “Nachok”.

Deseño: Diego Núñez.

DA_PTICO-MeP2022

Descargar DÍPTICO

Voadora estreará ‘Hoax Hamlet’, o seu novo espectáculo, no festival Escenas do Cambio

A compañía de teatro de vangarda Voadora estreará o vindeiro 5 de maio, en Santiago de Compostela, a súa nova creación, Hoax Hamlet. A peza, dirixida por Hugo Torres  -intérprete, músico e director artístico da troupe-, e coa que compañía celebra 15 anos sobre os escenarios, terá a súa estrea estatal no marco da nova edición do festival Escenas do Cambio, cuxa programación foi presentada esta semana.

“Hoax Hamlet é unha fábula, un monstro, unha historia de amor, un fillo. É teatro, pero tamén é outra cousa”, avanza Hugo Torres, quen tamén asina, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. “Esta peza é unha homenaxe ao noso equipo técnico, ás persoas que traballan habitualmente con nós e que, en xeral, nunca vemos sobre un escenario”, sinala. 

Así, sobre o texto de Fernando Epelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixe unha peza coral na que participarán, tanto en escena como coa interpretación de música en directo, Montse Triola (distribución), Pablo Chaves Maza (axudante de escenografía), David Rodríguez (son), Iván Núñez Casal (iluminación) e Vicente Conde (administración), entre outros nomes, e que conforman o equipo técnico da compañía. O espectáculo tamén conta coa música orixinal de Hugo Torres acompañado por novas creadoras, como son Mariña Paz Otero e Tom Archi, e a iluminación de Iván Núñez Casal. 

A estrea de Hoax Hamlet será o xoves 5 de maio, ás 20.00 horas, na Cidade da Cultura, espazo no que a propia compañía realizou unha residencia creativa nos meses de novembro e abril. As entradas xa están dispoñibles no web https://escenasdocambio.org/es/venta-de-entradas/.

XIRA DE OTHELLO

Por outra banda, o espectáculo de Voadora Othello, dirixido por Marta Pazos, segue coa súa xira internacional e galega esta primavera. A creación poderase ver, nas vindeiras semanas, no alemán 39º Heidelberg Stückemart (8 de maio), no Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), no Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e, finalmente, no Teatro Principal de Ourense (9 de xuño). Othello é unha visión transgresora da obra de Shakespeare, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena. O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, pretende por o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Unha mirada irreverente e unha coidada posta en escena caracterizan o traballo de Voadora. Baixo a dirección de Marta Pazos, a compañía galega aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas cuxa hibridación resólvese, en cada peza, nun acto de profundo e sinceiro amor pola arte. A visión ética do traballo teatral, o coidado exquisito de cada elemento e unha fonda reflexión sobre a realidade desde as periferias caracterizan a Voadora, capaz de transformar a contorna do público para presentar montaxes únicas nas que a compañía, unha potente máquina de xerar experiencias e preguntas sen resposta, deixa sempre o seu sinal.

Nota informativa do espectáculo.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ARQUIPÉLAGOS

ARQUIPÉLAGOS. Miguel Díaz

Unha explosión de arquipélagos. Unha ponte entre batalla e batalla. Para bicar a epiderme de cada cor. Para desfacer cada liña que trace o medo.
Lin que polo noso organismo transcorren uns noventa e seis mil quilómetros de vasos sanguíneos.
E, ás veces, non conseguimos atopar o camiño.

Proxección o sábado 16 de abril de 2022, ás 20:00, no Auditorio Municipal de Vilalba, da película documental “A VIRXE ROXA”, de Marcos Nine

O sábado 16 de abril de 2022, ás 20:00, no Auditorio Municipal de Vilalba, terá lugar a proxección da película documental “A VIRXE ROXA”, de Marcos Nine, gañadora do Premio Mestre Mateo-2022 ao mellor documental.Esta é a segunda proxección das oito previstas correspondentes ás finalistas nos XX PREMIOS MESTRE MATEO, e que se irán proxectando ao longo do ano 2022, en senllos actos organizados polo Instituto de Estudos Chairegos colaborando nesta ocasión coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba.

Velaquí a nota informativa de dita proxección.

Ferrol acolle a estrea absoluta de “Alma de tigre”, a nova obra de Elefante Elegante

A estrea será no Teatro Jofre este venres, 8 de abril, ás 20.30 h, e as entradas pódense adquirir na web ferrol.es/jofre

A compañía volve apostar pola mestura de teatro físico e danza en Alma de tigre, interpretada por María Torres, Pablo Sánchez, Julia Laport e Mario Domínguez

O director, Gonçalo Guerreiro, mergúllase nunha historia cotiá e universal para dar forma a un espectáculo onírico no que conviven o cómico e o tráxico


A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea mañá venres, 8 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica: Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. As entradas para o espectáculo, que comezará ás 20:30 horas, pódense mercar na web ferrol.es/jofre a un prezo de 5 €.

Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo. Mergúllanos nunha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.

A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro apuntalan esta nova creación de teatro sen palabras que parte da premisa de que a vida é un soño que se pode transformar, doadamente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable.

A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.

“Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.

O teatro físico e a danza, trazos singulares de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.

Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).

ELEFANTE ELEGANTE

Elefante Elegante é unha compañía de teatro de orixe galego-portugués que produce espectáculos visuais baseados na xestualidade e no movemento, tanto para público familiar coma público adulto. As súas creacións buscan a universalidade a través da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.

Gonçalo Guerreiro e María Torres iniciaron en Bélxica a súa andaina como proxecto experimental, no que formaban parte intérpretes de diferentes países europeos. A proposta baseábase no xogo corporal e na súa relación co espazo. Estes anos de investigación foron fundamentais para establecer as liñas actuais de traballo da compañía.

O obxectivo principal de Elefante Elegante é desenvolver unha linguaxe teatral propia que permita tratar cuestións sociais, existenciais e ambientais que determinan a vivencia humana. O seu labor foi recoñecido con varios Premios María Casares nos últimos anos polos seus espectáculos Dreaming Juliet, Patapatum, Danza da choiva, Kassa e Nuncabunga.

Kit de prensa Alma de tigre https://bit.ly/almadetigre

Velaquí a nota informativa.