O Noia Harp Fest convoca o Premio de Composición Portus Apostoli para arpa e orquestra

A obra gañadora do certame, que contará cun xurado conformado por arpistas e directores de distintas nacionalidades, estrearase no 2023 da man da Real Filharmonía de Galicia

A IX edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará concertos singulares e dunha notable calidade artística do 3 ao 7 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar esta mañá na súa páxina web, www.noiaharpfest.gal, as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que nace ao abeiro do festival coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano que vén. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal. 

IX Noia Harp Fest

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

Noia Harp Fest, que dirixe o arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de Outes.

20220518-GAL-Premio-Portus-Apostoli

Arte contemporánea cos cinco sentidos no Museo de Estrella Galicia para celebrar o Día Internacional dos Museos

O apoio ao talento novo e de orixe galega estivo sempre no ADN de Estrella Galicia e así se amosa unha vez máis con Arte cos 5 sentidos, o plan de MEGA para celebrar o Día Internacional dos Museos. Como cada ano, este 18 de maio, os espazos expositivos de todo o mundo organizarán accións especiais para festexar o seu gran día, cuxa temática, este 2022, xira arredor do poder dos museos. MEGA traslada a efeméride á fin de semana para facilitar o acceso a todos os públicos cun novidoso programa.

Así, o domingo 22 de maio, o Museo de Estrella Galicia transformarase, por primeira vez, durante todo un día, nun espazo consagrado á arte contemporánea máis innovador. En colaboración co Festival Intersección, MEGA seleccionou a catro novos talentos para reinterpretar ás súas salas con obras de arte audiovisual de vangarda. Arte cos 5 sentidos consistirá nunha xornada de portas abertas, de acceso gratuíto, durante a cal o museo converterase nun lugar aberto á creación audiovisual máis punteira con catro intervencións artísticas que fusionan arte, gastronomía e cervexa.

O devandito domingo 22 de mayo, de 10.30 a 20.00h, o público poderá desfrutar no MEGA das intervencións artísticas dos galegos Lúa Gándara, David Fidalgo, Colectivo Mariola e David Catá, mentres degusta durante o seu paseo por cada sala intervida, catro variedades de cervexa 1906 e catro pratos ideados especialmente para a ocasión, nunha maridanza perfecta de ideas, sensacións e emocións dunha hora e media de duración. As invitacións para asistir a este novo evento MEGA, Arte cos 5 sentidos están xa dispoñibles a través da páxina web do museo www.mundoestrellagalicia.es. 

UNHA MARIDAXE CON ARTE PARA UNHA INMENSA MINORÍA

Catro novos talentos intervirán en catro salas do MEGA (Orixes, Familia, Silo e Así somos) cunha obra de arte audiovisual contemporánea. Nesta novidosa combinacións, os visitantes poderán gozar das participacións artísticas ao tempo que saborean catro cervexas da casa e catro pratos namentres contemplan as creacións. A entrada -unha oportunidade única para ver o MEGA con outros ollos e coñecer a eses catro talentos e as súas creacións- inclúe:

Unha visita de 90 minutos ás catro salas intervidas polos artistas:

  •  Lúa Gándara coa súa obra Arredor.
  •  David Fidalgo coa súa obra TT.
  •  Colectivo Mariola (Cristina Chiarroni e Roquekes) coa súa obra A.
  •  David Catá coa súa obra Origen.

MÁIS INFORMACIÓN E RESERVA DE ENTRADAS PARA ‘ARTE COS 5 SENTIDOS’

Para acceder a MEGA e celebrar cun evento inesperado o Día Internacional dos Museos, o domingo 22 de maio, en sesións de 90 minutos para un máximo de 14 persoas, cunha experiencia de maridaxe de arte, gastronomía e cervexa, entre as 10.30 e as 20.00h, será necesario reservar previamente as invitacións a través da web do Museo (entrada gratuíta ata completar o espazo): https://mundoestrellagalicia.es/eventos/arte-con-los-5-sentidos/

*Inforamción facilitada polo MEGA

Convocatoria do II Certame de Debuxo Infantil A TÚA CALDALOBA

A Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino convoca, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cospeito, o II Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba”.

A continuación as BASES que rexerán dito certame

Descargar BASES

Descargar Autorización Menores