HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Invólucro

No repouso, atopar un lugar para o agocho e escoller chamarlle silencio. Sentir a frialdade espiñenta da apatía. O desinterese pétreo que estanca a auga. A mirada baleira da cúpula. O peso da man que xa non se estende na procura. O soño deshabitado.

Ser conquistados por unha avalancha de bisontes vacuos e non desexar xa o recendo húmido de ningún acorde.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia suma novos concertos á súa novena edición, que terá lugar do 3 ao 7 de agosto

A arpista Anna Amigó

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia suma novos concertos á súa novena edición, que terá lugar do 3 ao 7 de agosto

A arpista catalana Anna Amigó e os paraguaios Hermanos Corbalán actuarán o domingo 7 na inauguración dun novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque de Albeida, en Outes, un acto que será o ramo do festival

Os dez concertos que conforman a programación deste IX Noia Harp Fest, entre os que se inclúe a apertura co alumnado das Escolas Xuvenís de Arpa de Galicia, serán gratuítos

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único certame de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, incorpora novas artistas e concertos á súa programación. O domingo 7 de agosto as actuacións de Anna Amigo e Hermanos Corbalán serán o ramo desta novena edición do festival. 

A arpista catalana, que participou na pasada edición do Noia Harp Fest (NHF) co seu dúo Formiga and Cigale, incorpórase á programación deste ano para presentar ‘El cançoner r-evolucionat’, un espectáculo de evolución musical e revolución feminina para ser escoitado con todos os sentidos. Amigó extrae do cancioneiro popular catalán numerosas historias de mulleres ás que, no seu momento, acompañaban os labores do campo. Agora estes relatos e melodías inician da man da intérprete un novo camiño. 

Anna Amigó actuará, xunto aos paraguaios Hermanos Corbalán -que ofrecerán o seu primeiro concerto na praza do Tapal o venres 5 ás 23.00 horas-, no evento de clausura desta edición do Noia Harp Fest. Será un concerto especial que terá lugar na noite do domingo 7, ás 22.00 horas, e que suporá, á vez, a inauguración dun novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque no lugar de Albeida, parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello veciño de Outes. 

Esta sesión de peche do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar nunha contorna natural fascinante, será gratuíto e de entrada libre, ao igual que todos os concertos que teñan lugar ao longo de toda a edición do evento. Entre eles está o evento de apertura do festival, unha celebración que terá lugar no Liceo de Noia o mércores 3 de agosto. Será un acto no que participará o alumnado das Escolas Xuvenís de Arpa de Galicia, pero no que tamén haberá ocasión de festexar a benvida cunha foliada de arpistas e bailadores.


FESTIVAIS EUROPEOS VISITARÁN NOIA EN AGOSTO


No marco da celebración do Noia Harp Fest, a dirección do festival reunirase con representantes de citas arpísticas europeas. Co soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española), o Noia Harp Fest programará unha xuntanza o 5 de agosto na que figurarán como convidadas dúas citas internacionais de prestixio: o Zagreb Harp Festival de Croacia, representado pola arpista Tajana Vukelic, e o Arpe del Mondo, de Cerdeña, que contará co arpista Raoul Moretti como convidado. 

A xuntanza, que se celebrará na vila coruñesa, terá como obxectivo a elaboración dun programa común de actividades de colaboración e interrelación entre os tres festivais, dentro da candidatura conxunta que se presentará nos vindeiros meses aos proxectos de Creative Europe que promove a Comisión Europea.

IX NOIA HARP FEST

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística. 

Como é habitual, a veciñanza tamén poderá participar nas clases maxistrais con artistas ou mesmo da construción, en familia, da arpa de San Martiño de Noia. A inscrición previa nestas actividades é necesaria e pódese facer a través do correo obradoiros2022@noiaharpfest.gal. 

Unha das novidades principais desta edición é a convocatoria do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame que nace coa intención de ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano 2023. Todos os detalles da convocatoria, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, están dispoñibles no web www.noiaharpfest.gal.


Noia Harp Fest conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, e o soporte de Acción Cultural Española a través do seu programa PICE. Tamén conta coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, e o apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.

20220714-GAL-NHF-Novos-concertos

O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 amplía as actividades paralelas con exposicións, charlas e paseos guiados pola illa de San Simón

O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 amplía as actividades paralelas con exposicións, charlas e paseos guiados pola illa de San Simón 


Xa están dispoñibles en Enterticket as entradas para asistir aos microconcertos en acústico que a illa de Santo Antón acollerá nas tardes do sábado 23 e domingo 24

O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 avanza novidades da súa programación mais sen desvelar un dos mellores secretos gardados do verán: o seu cartel, que o público só coñece ao desembarcar na illa de San Simón. O evento, un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 de xullo na illa redondelá. 

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará cunha chea de actividades para o público asistente. Ademais das anunciadas iniciativas en pedal surf, os microconcertos de Santo Antón ou os obradoiros familiares de reciclaxe, durante o festival poderanse visitar dúas exposicións, nomeadas ’A escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’ e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, que contarán con visitas guiadas e parladoiros. Por último, celebraranse paseos pola illa co artista Xosé Lois Gutiérrez Faílde e con Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes.

Exposicións 

O público terá a ocasión de visitar, durante a súa estancia en San Simón, dúas exposicións na cafetería da illa. A primeira delas é ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, que recolle o proxecto pioneiro e de divulgación sobre o rexistro sonoro da música posto en marcha por Sinsalaudio e que estivo vixente entre os anos 2008 e 2014. A exhibición percorre a historia do rexistro sonoro do suco de gravación a través de máis de cincuenta obxectos, agrupados en vinte ideas ou conceptos, da colección de Sinsalaudio. Na súa meirande parte son reprodutores e soportes de diferentes épocas e países, pero todos eles teñen no suco mecánico o principio físico común. A mostra estará aberta permanentemente ao público, mais todos os días do festival, de 18.30 a 19.00 horas, o comisario e co-director do festival, Julio Gómez, fará unha visita guiada. Para participar nesta actividade, recoméndase facer inscrición previa a través do email info@sinsalaudio.org co asunto “Visita guiada A Escola Sinsal” 

A outra exhibición que terá lugar no mesmo recinto é ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical. A mostra parte dunha premisa: a chegada da electricidade cambiou tanto a composición como o son da música popular e clásica. A través de sintetizadores, caixas de ritmos, samplers ou efectos que marcaron diferentes etapas e estilos musicais -desde o Theremon até o Autotune-, dando ademais pé á creación de conflitos interexeracionais, expoñerase como o acceso a esta tecnoloxía permitiu que, dun xeito máis independiente ou mesmo accesible, numerosas artistas -sen posibilidade económica ou formación suficiente- tivesen capacidade para compoñer e crear novos estilos musicais. 

Ao fío, o sábado 23 de xullo, entre as 19.00 e as 20.00 horas, celebrarase un encontro con Mateo Mena. O artista realizará unha introdución aos diferentes procesos de construción de instrumentos musicais electrónicos a través de deseños propios, nos cales combina técnicas e recursos dos campos da ciencia, a arte ou a artesanía, ilustrando a súa particular visión da “luthería electrónica”. Durante a charla poderán escoitarse algúns destes instrumentos. Para poder asistir ao parladoiro, recoméndase realizar previamente a inscrición a través do email info@sinsalaudio.org co asunto ‘Encontro con Mateo Mena’. 

Ao día seguinte, o domingo 24 de xullo, no mesmo horario, haberá unha demostración práctica do Theremin con Paulo Pascual. O músico vigués amosará o funcionamento deste instrumento e as súas técnicas para xerar sons ou interpretar melodías. Para asistir á sesión, na que as e os participantes poderán experimentar e descubrir os seus segredos, é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico info@sinsalaudio.org co asunto ‘Theremin con Paulo Pascual’. 

En todos os casos a praza deberase confirmar ao desembarcar na illa, no punto de Administración de San Simón, para garantir a asistencia. De non ser así, as persoas que estean na lista de agarda obtarán ás prazas libres. 

Paseos guiados pola illa de San Simón

Na tarde do sábado 23, ás 16.00 horas, terá lugar un paseo por San Simón co artista, investigador e docente Xosé Lois Gutiérrez Faílde, que presentará ‘Islario Marabilloso’. A través do camiñar e da contemplación, as e os participantes neste roteiro tecerán, en común, un imaxinario particular fiando os relatos e as memorias que compoñen a idea do lugar coa intención de manter a fascinación, e tamén o conflito, na relación co territorio.

O domingo 24, ás 16.00 horas, celebrarase un segundo paseo, nesta ocasión da man de Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes. Con este roteiro, Sinsalaudio propón botar unha mirada á enseada de San Simón desde a experiencia cotiá das mariscadoras e pescadores da parroquia de Cesantes (Redondela). O paseo favorecerá que o público coñeza a diversidade mariñeira do lugar, mais tamén a súa actividade económica, o papel da economía circular e, sobre todo, como o cambio climático está a transformar os recursos naturais da zona.

Para poder participar nestes paseos Sinsalaudio recomenda facer unha inscrición previa a través do email info@sinsalaudio.org, co asunto “Paseo Islario Marabilloso” (sábado 23) ou “Paseo con Amarturmar” (domingo 24), mais a praza deberase confirmar, definitivamente, no punto de Administración da illa de San Simón; de xeito que as persoas interesadas en participar e que estean en lista de agarda poidan optar á praza se finalmente a reserva non se confirma. 

Entradas á venda para Santo Antón Acústico

Entre as actividades paralelas que se celebrarán atópanse os microconcertos en acústico para público reducido, nomeados ‘Santo Antón Acústico’, no que participarán dúas agrupacións galegas de música clásica, o que incide na diversidade estilística que forma parte da filosofía do festival impulsado por Sinsalaudio. Os concertos (cada xornada cunha formación distinta) terán lugar nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 na illa de Santo Antón. Por mor da capacidade limitada destas actuacións, só accesibles para quen xa posúe abono ou entrada de día ao festival, Sinsal abre, a través da plataforma Enterticket, a venda de billetes para estes pases (2 euros cada un), coa intención de favorecer as persoas con interese na actividade poidan garantir a súa asistencia. Aquelas que prefiran mercar as súas entradas ao desembarcar poderán facelo no posto de Administración sempre que queden billetes dispoñibles.

20220715-NP-GAL-Novas-actividades-paralelas-SINSAL

A Noite das Donas 2022 na igrexa de San Salvador de Vilar de Donas

O sábado 23 de xullo  poderase desfrutar da NOITE DAS DONAS 2022 que organiza na igrexa de San Salvador de Vilar das Donas (Palas de Rei) a asociación Orde dos Cabaleiros e Donas do Priorato de Vilas das Donas Os Lobos en colaboración con grupos de teatro e musicais e outras asociacións, entre elas o Instituto de Estudos Ulloáns.

Trátase dun espectáculo de relatorios, música, proxeccións e visita nocturna que comezará a partir das 20,30 h. Unha das relatoras é a historiadora do IEU María José Gómez Alvite.

Tamén hai que lembrar que ás 19 h dese mesmo día realizarase en Antas de Ulla a presentación do libro de Xosé Lois García Achegas á simboloxía do románico da Ulloa no que se estuda tamén a igrexa de Vilar das Donas.

Sinsal SON Estrella Galicia amplía a programación da súa vixésima edición coa celebración dun concerto secreto o 25 de xullo nos estaleiros Cardama de Vigo

O festival, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na Illa de San Simón, festexa neste 2022 vinte anos de difusión das creacións máis estimulantes e vangardistas

A cita terá lugar o luns 25, ás 21.00 horas, e as entradas xa están á venda desde hoxe mesmo a través da plataforma www.enterticket.es

O festival Sinsal SON Estrella Galicia, que conta con todos os abonos e entradas de día esgotadas para este 2022, anuncia novidades de cara á celebración do seu vixésimo aniversario. O evento, promovido por Sinsalaudio, e que se celebrará os días 22, 23 e 24 de xullo na illa de San Simón, amplía a súa programación unha xornada para ofrecer un concerto extra e, por suposto, secreto, nos estaleiros Cardama de Vigo. 

O luns 25 de xullo, festivo en Galicia, o recinto industrial situado nos terreos portuarios -e que foi unha das sedes do Sinsal Litoral 2020- acollerá a partir das 21.00 horas a actuación secreta dunha banda europea que non estará en San Simón, nun sorprendente directo no que conflúen diversas tradicións coa electrónica, e que o público unicamente descubrirá ao acceder ao escenario do estaleiro vigués Cardama Shipyard. A dirección de Sinsal recupera así unha das localizacións máis singulares do festival, todo un símbolo na cidade olívica, o que permite por en relación non só o patrimonio cultural co industrial; senón salientar o valor do sector dos estaleiros e do seu persoal traballador para á economía local. 

As entradas para esta bóla extra en Vigo do Sinsal SON Estrella Galicia 2022, cuxo directo coincidirá co solpor, saen hoxe mesmo á venda a través da plataforma www.enterticket.es. O prezo dos billetes será de 10 euros agás no caso das e dos menores de 16 anos, en cuxo caso a entrada terá un prezo de 5 euros. 

Programación paralela  

O festival Sinsal SON Estrella Galicia celebra este 2022 o seu viséximo aniversario. Os días 22, 23 e 24 de xullo programará na illa de San Simón, en na ría de Vigo, tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto a estilo e orixe das bandas e artistas. Acompañando a súa programación nos escenarios Buxos e SON Estrella Galicia, o festival celebrará, de forma paralela, unha serie de actividades, das que a dirección xa deu a coñecer tres: microconcertos acústicos e para público reducido na illa de San Antón (‘San Antón Acústico’), rutas arredor da illa en pedal surf para todas as idades e obradoiros creativos familiares.


Os concertos acústicos na illa de San Antón terán lugar ao longo da xornada tanto do sábado 23coma do domingo 24, pero serán directos para un número limitado de asistentes. Serán actuacións moi especiais e singulares, con agrupacións galegas de música clásica que se incorporan deste xeito ao cartel de Sinsal SON Estrella Galicia, pero que unicamente ofrecerán actuacións neste formato. Desde xeito, Sinsal avanza no seu obxectivo de ofrecer unha programación cultural inclusiva no marco dun festival que aposta, desde o seu nacemento, por visualizar artistas emerxentes.

A segunda das propostas que ofrece Sinsal SON Estrella Galicia neste 2022 será gozar, desde a auga, do festival. Ao longo de toda a fin de semana terán lugar diferentes rutas en pedal surf arredor do perímetro da illa para coñecer máis de perto o seu patrimonio natural. Trátase dunha actividade náutica innovadora e 100% sostible, duns 30 minutos de duración aproximadamente, que se realizará en grupos reducidos, dun máximo de 10 persoas. A actividade poderase realizar en familia ou grupos e os billetes xa se poden reservar, anticipadamente, a través da web https://galping.com/reservas/. 

Outra das iniciativas que se ofertarán na Illa, de xeito paralelo á programación, será o obradoiro LIMBO de fomento da cultura da reciclaxe. O taller, que estará dirixido ao público familiar -especialmente ao máis novo- terá lugar nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 (entre as 15.00 e as 19.00 horas, cunha duración máxima dunha hora). Durante o seu desenvolvemento, as e os participantes construirán e deseñarán de forma autónoma distintas escenografías a través da reutilización de pezas de madeira e outros materiais de refugallo, de forma individual e colectiva. Todos os elementos que se utilizarán, ademais, proceden de carpinterías e negocios locais, que se transformarán de forma manual especificamente para esta proposta. 

Nos vindeiros días Sinsalaudio dará a coñecer novas actividades que se poderán realizar tanto na illa de San Simón coma na de San Antón durante a celebración do festival.

Sinsal SON Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. 

Ao longo destas dúas décadas, Sinsalaudio xerou un ecosistema único no panorama de eventos musicais e, desde 2010, celebra o Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón, do que salienta o seu cartel: un programa secreto para as e os asistentes, que confían no criterio de Sinsalaudio para gozar das creacións máis estimulantes e vangardistas. Na súa edición de 2022, na que celebra o seu viséximo aniversario, Sinsal SON Estrella Galicia mantén o seu tradicional cartel secreto. Das bandas participantes este ano, chegadas de diferentes continentes, o 90% actuarán por vez primeira en Galicia. 

Sala de prensa Sinsal SON Estrella Galicia http://festival.sins.al/gl/prensa

20220708-NP-GAL-Concerto-estaleiros-Cardama

DILUVIO: así é o terceiro disco de Tanxugueiras

O álbum inclúe dez temas nos que as pandeireteiras cuestionan crenzas  

e presuntas culpas para reformulalas como aprendizaxes vitais transformadoras 

O disco, que estará dispoñible en tendas e plataformas dixitais a partir do 29 de xullo, xa se pode reservar a través da páxina web oficial www.tanxugueiras.gal  

O terceiro disco de Tanxugueiras xa ten título: ‘DILUVIO’. As pandeireteiras desvelan nesta xornada o nome, portada e títulos das cancións do novo álbum, que estará dispoñible nas plataformas dixitais e tendas físicas a partir do vindeiro 29 de xullo, e que xa se pode reservar a través do espazo web oficial  www.tanxugueiras.gal.  

 
Este terceiro traballo discográfico de Tanxugueiras, editado por Calaverita Records, referenda a liña musical de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, na que apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica. Neste sentido, ‘DILUVIO’, cuxa foto de portada é obra de Neelam Khan Vela, nace como unha viaxe de revisión e cuestionamento de crenzas ou presuntas culpas instaladas na sociedade. 

Se con ‘Contrapunto’ as cantareiras propoñían un particular xogo de espello entre o lado bo e malo da vida, co novo álbum pretenden provocar un auténtico ‘DILUVIO’ sobre o establecido: é un camiño que as pandeireteiras percorren a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, lembrar ou apoderar. Apoiadas sobre estes, as músicas apostan por reformular esas crenzas ou máximas e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida. 

  
‘DILUVIO’ inclúe dez temas –e outros dous instrumentais de apertura e peche do disco-, dos que o público xa coñece éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’ ‘Averno’ ou ‘Terra’, ademais dos sinxelos recentemente publicados: ’Seghadoras’, ‘Desidia’ e ‘Pano Corado’. Precisamente estes tres últimos temas dan boa conta da conceptualización do disco e reverte os discursos de odio e a opresión coa dignidade das ‘Seghadoras’, defende o dereito ao autocoidado con ‘Desidia’, ou chama pola defensa do amor libre en ‘Pano Corado’. O venres 29 de xullo, día do lanzamento do álbum, daranse a coñecer os cinco novos temas que pechan o DILUVIO: ‘Treboada’, ‘Arica’, ‘Sorora’, ‘Fame de Odio’ e ‘Acougo’. 

20220701-NP-GAL-DILUVIO-e-o-novo-disco-de-Tanxugueiras