Santiago de Compostela acollerá este xoves, 27 de novembro, a gala dos I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM

A Asociación Galega de Empresas Musicais, co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego

A Sala Capitol de Compostela acollerá a noite deste xoves, desde ás 19.30h, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer as e os gañadores nas diferentes categorías e se entregarán os galardóns ás e aos premiadas e premiados

A pontevedresa Tamara García Romero será a presentadora encargada de conducir a gala, mentres que a pinchada para clausurar a velada correrá a cargo de Señora DJ

Así o presentou a mañá deste martes 25 a Xunta Directiva de AGEM, que visitou a montaxe do evento na Sala Capitol acompañada polo director da Agadic Jacobo Sutil

*Nas dúas imaxes aparecen: Jacobo Sutil, director de Agadic; Ángel Dieste, secretario de AGEM; Patricia Hermida, presidenta de AGEM; e Josiño Carballo, secretario de AGEM.

Os Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, quentan motores para a celebración da súa gala de entrega de premios este xoves, 27 de novembro, en Santiago de Compostela. O evento terá lugar na Sala Capitol a partir das 19.30 horas. Así o presentou está mañá a Xunta Directiva de AGEM, que realizou unha visita á ontaxe da gala na sala de concertos santiaguesa xunto ao director da Agadic Jacobo Sutil.

Como novidade, AGEM anunciou que a pontevedresa Tamara García Romero será a presentadora encargada de conducir a noite deste xoves a gala: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores no resto de categorías e se entregarán os galardóns a todos os e as premiadas. Pola súa banda, Señora DJ será a encargada da pinchada que peche a velada.

SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA

Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. A iniciativa pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.

En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.

Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás tres finalistas, así como de outorgar os premios finais nas diferentes categorías, que se darán a coñecer este xoves, 27 de novembro, na gala sectorial. A misión do xurado é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.

Os I Premios da Industria Musical de Galicia premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 son outorgadas por este xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionou outras dúas categorías: artista do ano (Carlos Ares) e persoa do ano (Francisco Gómez ‘Gandy’). Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público, que recaeu no Surfing The Lérez.

As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas 14 categorías xerais son:

  • Mellor deseño de iluminación:
    • Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
    • Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
    • José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.
  • Mellor implementación de son:
    • Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
    • Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.
    • Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.
  • Mellor empresa provedora de servizos:
    • Escena Sonora.
    • Luxevan.
    • Vacaline.
  • Mellor profesional de produción:
    • Paco Iglesias.
    • Victoria Blanco.
    • Xabi Carnota.
  • Mellor manager:
    • Aitana Cuétara.
    • Kin Martínez.
    • Manuel Tarrío.
  • Mellor produción discográfica:
    • Iago Pico, por Pouland Studios.
    • Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
    • Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.
  • Mellor posta en escena:
    • Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.
    • Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
    • Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.
  • Mellor promotor/a-programador/a:
    • David Pedrouzo, de Todo Medre.
    • Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.
    • Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
  • Mellor proxecto de comunicación:
    • Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.
    • The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.
    • Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
  • Mellor identidade visual:
    • Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.
    • Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.
    • Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
  • Mellor videoclip:
    • Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.
    • Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
    • Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.
  • Mellor evento cultural / musical:
    • Noites do Porto.
    • Surfing the Lérez.
    • WOS Festival x SON Estrella Galicia.
  • Mellor espazo musical:
    • Sala Capitol.
    • Náutico de San Vicente.
    • Café Torgal.
  • Mellor proxecto de sustentabilidade:
    • Festival Agrocuir da Ulloa.
    • Festival de la Luz.
    • Festival Sinsal SON Estrella Galicia.

A noite deste xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.

AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.

Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.

O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.

MÁS INFORMACIÓN

https://agem-musica.com

2025.11.25.-NP-I-PIMG-AGEM

A Galería NÉBOA presenta a súa proposta no Espazo de Arte do Culturgal 2025

  • A Galería NÉBOA presenta a súa proposta no Espazo de Arte do Culturgal 2025
  • Lugar: Espazo Arte do CULTURGAL, Pazo da Cultura, Pontevedra
  • Datas: 28 ao 30 de novembro de 2025 de 11h a 21h.

A Galería NÉBOA participará un ano máis no Espazo de Arte do Culturgal, que terá lugar entre o 28 e o 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta edición, a galería lucense levará os traballoS  de Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodís.

A proposta da Galería NÉBOA para Culturgal 2025 é un diálogo entre corpos, materiais e imaxes; un encontro de voces que, desde distintos lugares, comparten unha mesma pulsión: comprender o mundo a través da fraxilidade, da transformación e do vínculo. Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodrís convídannos a percorrer ese territorio difuso onde o íntimo confúndese co común, onde a arte convértese en xesto, pel e memoria.

Na obra de Vicente Blanco (Cee, 1974) conflúen dous eixos entrelazados como raíces dun mesmo corpo: a construción da identidade e a interpretación da paisaxe. Desde hai décadas, o artista explora como se moldean os afectos, os desexos e as formas de ser no mundo desde espazos periféricos, invisibles, rurais, aqueles nos que el mesmo habita. A través do debuxo, Blanco constrúe un relato de xestos e miradas no que o humor e a ironía funcionan como formas de resistencia. A paisaxe, cada vez máis abstracta, transfórmase nun espazo doméstico, urbano, decorativo, onde os corpos dialogan, ameázanse ou se recoñecen. Todo na súa obra fala do delicado equilibrio entre vulnerabilidade e poder, entre amor e a súa sombra. Porque, como di o propio artista, no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar.

Nas instalacións de Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) o corpo e a contorna deixan de ser opostos para integrarse nun mesmo sistema vivo. A artista propón unha relación horizontal entre o humano e o non humano, baseada no coidado e na reciprocidade. Davila constrúe unha rede de vínculos entre materia, corpo e paisaxe a través da figura do tubo —forma elemental e principio de tránsito. Nas súas esculturas, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca; respira, absorbe e déixase afectar. A súa práctica escultórica convértese, así, nunha poética da interdependencia: unha maneira de estar no mundo desde a permeabilidade, o coidado e a transformación compartida.

Nas fotografías de Alejandro Rego (A Coruña, 1993), o ceo convértese nun lenzo “en branco”, aínda que de cor azul: un espazo de experimentación onde a cámara actúa como pincel. As súas imaxes exploran a posibilidade de facer pintura a través da fotografía, unha pintura que cambia en cada instante, sempre distinta, sempre nova e, ao mesmo tempo, sempre a mesma. Subir ao ceo é unha serie construída a partir de pequenas polaroids que tentan abarcar o inabarcable: a inmensidade do ceo e o seu fluxo continuo de variacións.

As superficies das obras de Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) son fragmentos dun idioma pictórico en constante mutación, onde o erro, a mancha e o borrado transfórmanse en formas de coñecemento. As cores velan e revelan, as capas respiran e deixan entrever o proceso. Na súa obra, a imaxe convértese en pel que se reconstrúe, unha gramática da incerteza que oscila entre o analítico e o intuitivo.

Información práctica

📍 Espazo Arte, Pazo da Cultura de Pontevedra. Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra. 
📅  28 – 30 de novembro de 11h – 21h.

💡https://cultur.gal/

Representación teatral QUEN OCUPA ESTA CADEIRA?, a cargo do grupo Os Palimoquiños, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación teatral QUEN OCUPA ESTA CADEIRA?, a cargo do grupo OS PALIMOQUIÑOS (ESCOLA PALIMOCO TEATRO), dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado, convocado e financiado pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

O evento terá lugar o vindeiro sábado 29 de novembro, ás 12:00 horas, nos arredores da Casa da Cultura de Vilalba. No caso de climatoloxía adversa, a función levaríase a cabo no interior da Casa da Cultura.

NOTA-INFORMATIVA-QUEN-OCUPA-ESTA-CADEIRA

Concerto de LIDEIRA este sábado, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María

CONCERTO DE LIDEIRA ESTE SÁBADO, ÁS 20 HORAS, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

LIDEIRA, está formado por Gabi Reboredo (voz e percusión), Sara Méndez (saxofón soprano) e Lois Prado (saxofón tenor).

Unha proposta cun son moi persoal das nosas músicas de tradición oral. Son procurado a través da mestura de instrumentos de vento, percusións de man, voz e outras fantasías.

Para asistir ao concerto deste sábado é necesario reservar (billete 5 euros en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621)

Vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=Ro2Uix29Zkw

Familia Caamagno presentará novo disco e espectáculo ao vivo no 2026

  • A banda de Sigüeiro, que navega desde os confíns do garaxe até o power pop e o rock&roll máis delicado, celebrará no 2026 unha ducia de anos de concertos catárticos e himnos poderosos, coma ‘Romper Espagna’, ‘Surfistas nazis’ ou ‘Castromil’, entre outros moitos
  • O quinteto publicará o 27 de novembro ‘De paseo en Portugal’, o primeiro avance do seu novo LP, producido por Raúl Pérez (La Mina)

Hoxe non é outro día máis. Familia Caamagno, o quinteto co directo máis divertido e poderoso da escena galega, regresará aos escenarios a principios de 2026. No mes de xaneiro, o grupo presentará un novo disco producido por Raúl Pérez, do estudio granadino La Mina, coñecido por ser o espazo no que gravan as bandas de pop e rock máis coñecidas a nivel estatal, e que vén de ser galardoado polas súas mesturas nos Latin Grammy.

O primeiro avance da esperada volta da Familia Caamagno logo do seu exitoso álbum ‘O mundo está derrotado’ (2024, Tremendo Audiovisual)  titúlase ‘De paseo en Portugal’. Este sinxelo, o primeiro dos tres que o público poderá escoitar paseniño antes do lanzamento do novo LP,  estará dispoñible a partir do 27 de novembro nas principais plataformas dixitais e contará cun vídeo de animación dirixido por Xaime Miranda. Un tema pop, cun estribillo luminoso e catártico, que dá boa conta de todo o que virá desde o comezo de 2026.


SINXELO ‘DE PASEO EN PORTUGAL’ , DE FAMILIA CAAMAGNO 

Lanzamento: 27 de novembro de 2025
Enlace de pregarda: https://orcd.co/familiacaamagno_paseoportugal

20251120-Familia-Caamagno-novo-disco-2026

O dúo Clo Plas inaugura mañá as gravacións abertas ao público sobre vinilos de cerámica do selo musical ANALOGIK DREAMS

  • O espazo vigués Río Lagares (Falperra, 16) abre as súas portas ás 20.00 horas deste xoves, 20 de novembro, para acoller esta experiencia pioneira impulsada por Sinsalaudio e que conta coa financiación do Ministerio de Cultura
  • ANALOGIK DREAMS conxuga experimentación, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións únicas que contan coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), que desenvolven estas semanas unha residencia artística en Río Lagares

O selo musical analóxico ANALOGIK DREAMS celebrará mañá, xoves 20, a primeira das tres gravacións en directo de pezas musicais en vinilo e discos de cerámica reproducibles. Trátase dunha experiencia pioneira que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música ao vivo e traballo artesán; unha proposta inusual que contará coa colaboración de tres proxectos musicais do país: Clo Plas, Os Lindes e Carme López.

ANALOGIK DREAMS é un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura. O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. 

Da man do musicólogo Aleksander Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro. 

O proceso arrancará mañá, xoves 20 de novembro, coa gravación directa en vinilo con bandas do país. Neste caso será co dúo Clo Plas, conformado por Xiana Arias e Berio Molina. Trátase dun proxecto artístico que explora a oralidade da montaña de Lugo (concretamente da zona da Fonsagrada) con música experimental e midi. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo en Río Lagares.

Estas gravacións levaranse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar pezas únicas e limitadas. En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunhaplataforma dixital.



ANALOGIK DREAMS

Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.
Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público*

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ
* Entrada libre ata completar capacidade

20251119-Clo-Plas-en-ANALOGIK-DREAMS