Antía Muíño presenta ‘Mientras Sueño y Vivo’ e publica novo disco o 20 de febreiro

Antía Muíño presenta ‘Mientras sueño y vivo’, terceiro avance do seu novo disco

Anfibia Por Veces, editado por Raso Estudio, verá a luz o vindeiro 20 de febreiro en todas as plataformas dixitais

Ás veces, as cousas aparentemente máis pequenas resoan con unha forza inmensa. Iso é o que acontece cando Antía Muiño abraza a guitarra nas súas cancións máis íntimas, e Mientras Sueño y Vivoé unha boa mostra diso: unha peza crúa e emocionante que afonda na vertente máis reflexiva e melancólica dunha das voces máis destacadas da súa xeración.

Antía Muiño presenta este venres, 6 de febreiro, o terceiro e último sinxelo de adianto do que será o seu inminente segundo álbum, Anfibia Por Veces, que verá a luz o vindeiro 20 de febreiro.

O lyric vídeo de Mientras Sueño y Vivo está dispoñible en Youtube https://youtu.be/O00coP_XXok

A artista e compositora galega xa demostrara no seu álbum debut unha capacidade singular para conectar desde o esencial. Cancións como Carta Aberta, Noviembre ou Herba de Namorar converteron aquel primeiro traballo nunha das grandes revelacións de 2022 e nun referente da nova canción de autora galega.

Mientras Sueño y Vivo súmase así ás xa coñecidas A Beleza Augha Desa Fonte, temas cos que Antía Muiño foi debuxando paseniño o universo sonoro de Anfibia Por Veces: un discurso máis amplo, polifónico e transversal, sempre atravesado pola emoción compositiva e interpretativa que define o seu traballo. A artista presentará o disco o vindeiro 5 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Son De Corda presenta este sábado NA CASA DELAS na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 14 de febreiro, ás 19.30 hrs, na Casa-Museo Manuel María o cuarteto vocal SON DE CORDA presenta Na casa delas. Un proxecto para festexar a palabra e homenaxear musicalmente a obra poética de mulleres que naceron ou moraron na provincia de Lugo (Luz Pozo Garza, María Mariño, Olalla Cociña, Olga Novo, Marica Campo e Xela Arias).

Esperanza Iglesias (soprano), Carmen Prendes (contralto), Fernando G. Jácome (tenor), e Antón Castro (baixo), acompañados polo piano de Raúl Rodríguez, e coa proxección de imaxes de Manuel Lucas e Alejandro Gándara, farán gozar o público asistente que se achegue este sábado pola Casa-Museo Manuel María. 

Para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

O IESCHA organiza a exposición ROSALÍA. PROCLAMAR AO MUNDO QUE GALIZA EXISTE na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, co patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputacion de Lugo e a colaboracion do Concello de Vilalba, organiza, dentro dos actos previstos para conmemorar o MES DE ROSALÍA, a exposición ROSALÍA. PROCLAMAR AO MUNDO QUE GALIZA EXISTE, producida por Galiza Cultura e Vía Galega, con textos de Francisco Rodríguez e ilustrada con debuxos de Pepe Carreiro.

A exposicion poderase visitar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba dende o 6 ata 27 de febreiro de 2026, no horario habitual do Auditorio Municipal.

Programación do mes de febreiro, o MES DE ROSALÍA

O FIOT repite un ano máis entre os mellores proxectos culturais de Galicia no Observatorio da Cultura de 2025

O FIOT sobe ata a 3ª posición –xunto ao Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego 

e a Bienal de Pontevedra– na listaxe de mellores iniciativas culturais galegas 

que anualmente elabora a prestixiosa Fundación Contemporánea

Deste xeito, o encontro carballés sitúase de novo como o festival 

de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025

En 2022, o FIOT foi recoñecido neste informe como o mellor 

da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) foi distinguido una ano máis polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como o terceiro mellor proxecto cultural galego de 2025, posto que comparte co Festival Sinsal, o Centro Dramático Galego polo espectáculo A serie clopen e a Bienal de Pontevedra. Deste xeito, o encontro carballés sitúase como o festival de artes escénicas máis valorado da comunidade galega en 2025.

O ‘Observatorio de la Cultura’ elabora, desde fai máis dunha década, unha serie de clasificacións e indicadores relativos á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas, seleccionando e poñendo en valor as institucións e os acontecementos culturais máis destacados do ano. En 2022, o FIOT foi recoñecido neste mesmo Observatorio da Cultura como o mellor da cultura galega e, polo tanto, Insignia Cultural de Galicia, mentres que en 2024 acadou a cuarta posición.

O MELLOR DA CULTURA 2025

A Fundación Contemporánea presentou no Palacio de Festivales de Cantabria o informe ‘Lo Mejor de la Cultura 2025’, elaborado co apoio de CREA SGR. Desde 2009, o informe ofrece unha radiografía anual do estado da cultura en España, e por comunidades, e reúne máis de 500 propostas culturais —museos, centros de arte, teatros, festivais, feiras, bibliotecas, proxectos dixitais e rurais—. En 2025, o estudo foi elaborado a partir da valoración de 443 profesionais do sector e mantén a Galicia como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta, e superando por primeira vez o 20% dos votos.

O informe completo ‘Lo mejor de la cultura 2025’ pódese descargar aquí:

https://lomejordelacultura.com/wp-content/uploads/2026/01/Lo-mejor-de-la-cultura-2025.pdf

A 34ª, UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS DO FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, celebrou a súa 34ª edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, avalado nos últimos anos como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais. A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT.

ESTREA DE ‘TERRITORIO REGUEIFA’

O vindeiro 6 de febreiro, no Pazo da Cultura, terá lugar estrea absoluta do espectáculo ‘Territorio Regueifa’, que tivera que ser cancelada o pasado mes de outubro, durante o desenvolvemento do FIOT, por unha baixa médica dun dos intérpretes. A peza é unha coprodución do FIOT xunto a Ainé Producións e o Centro Dramático Galego, dirixida por José L. Prieto e protagonizada por Manolo Maseda, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. As entradas para a función están á venda en Ataquilla: https://i.gal/entradas-territorioregueifa-fiot

MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.

2026.01.30.NP-FIOT-Observatorio-de-la-Cultura

Palestra sobre CALDALOBA na Casa-Museo Manuel María

O próximo sábado, día 7 de febreiro, ás 19 horas desde a Casa-Museo Manuel María organizan unha palestra, de entrada libre, con Fernán Álvarez, autor do libro A torre de Caldaloba e membro das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego. O autor contará como foi a loita que hai trinta anos protagonizaron as Brigadas pola recuperación da Torre de Caldaloba e da súa memoria.

Aproveitando a celebración da palestra tamén está convidada a participar a deputada de Cultura, Iria Castro, para que informe da situación, a día de hoxe, da torre.

Rap, tradición e orgullo como acto de resistencia: Rebeliom do Inframundo lanza ‘Bate Fado’, terceiro adianto do seu novo disco ‘Orgulho’, nas rúas o 26 de febreiro

Bate Fado (Galunk Producións, 2026) é o novo sinxelo da banda galega, 

que reivindica a música popular e a tradición como espazos de felicidade 

e comunidade fronte quen non nos deixa estar e ser, e que pode escoitarse 

xa nas plataformas dixitais: https://orcd.co/batefadordi

single de Bate Fado ven acompañado dun videoclip que se estreou onte na canle 

de YouTube da banda: https://www.youtube.com/watch?v=UvPjU1uYkZs

Nacidos nas rúas e locais de ensaios de Galicia hai máis dunha década, Rebeliom 

do Inframundo prepara a saída do seu novo álbum, Orgulho, para o 26 de febreiro de 2026, 

do que xa se coñecen os temas SubeBalas e, agora, Bate Fado

A primeira parada do novo tour ‘Orgulho 2026’ de Rebeliom do Inframundo 

en Galicia terá lugar na Sala Capitol de Compostela o venres 8 de maio, tralo seu paso

 por cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid, coas entradas xa á venda

Rebeliom do Inframundo lanza o sinxelo Bate Fado (Galunk Producións, 2026), unha canción que aparece como un berro de liberación e afirmación colectiva antes da chegada do seu novo álbum, Orgulho, previsto para o 26 de febreiro.

Bate Fado é resistencia, orgullo e raíces. Nace do afogo cotián; é un tema que espanta os demos, a crítica, a ira e o medo a arder no lume alleo. Neste terceiro adianto de Orgulho, Rebeliom do Inframundo volve poñer o corpo e a voz para lembrar que a vida é nosa e só nós decidimos sobre ela. O dedo acusador rómpese cando se atreve a sinalar.

O tema reivindica tamén a música popular e a tradición como espazos de felicidade e de comunidade. Fronte ao estrés, á presión, á ansiedade e á depresión que atravesa a cada vez máis xente, Bate Fado propón xusto o contrario: cantar, sorrir, unirse, celebrar o que somos. Tradición e orgullo como resposta política e emocional.

Musicalmente, o sinxelo volve amosar a identidade de Rebeliom do Inframundo: un rap cru e combativo que dialoga coa electrónica e coas raíces galegas, reforzando un discurso que mira de fronte á realidade sen baixar a cabeza.

single Bate Fado (Galunk Producións, 2026) está xa dispoñible para a súa escoita nas plataformas dixitais: https://orcd.co/batefadordi

BATE FADO: TRADICIÓN E ORGULLO CONTRA QUEN NON NOS DEIXA SER

Nervo, voz de Rebeliom do Inframundo, reflexiona sobre o novo sinxelo da banda: “Bate Fado é unha canción que amosa o sentir que temos moitos e moitas nestes tempos nos que o traballo semella afogarnos; tempos nos que parece que nada ten saída e onde non nos deixan ser, non nos deixan respirar, non nos deixan ver. Só, unicamente, cando eles queren. É soltar esas ganas de dicir que non nos gusta ou, a min en concreto, non me gusta nada como está montado isto. Estamos sufrindo e esquecendo quen somos e que queremos ser realmente, que é o que nos fai felices”.

E engade: “Por iso tamén o retrouso de Bate Fado: porque, neste caso, a min, as cancións populares fanme feliz, e fan feliz a moita xente. E isto é un pouco, falando mal e claro, mandar á merda todo iso que nos mete estrés, presión, ansiedade, caídas en depresión de moita xente, cada vez máis… Bate Fado é todo o contrario: é felicidade, é cantar, é sorrir, é unidade, é estar xuntas e xuntos, é por en valor a tradición e o orgullo”.

O sinxelo vén acompañado dun videoclip, cuxa estrea tivo lugar onte na canle de YouTube da banda: https://www.youtube.com/watch?v=UvPjU1uYkZs

Tour ‘Orgulho’ 2026

📢 Primeiras datas en salas:

📍V. 06 marzo ~ BARCELONA ~ @lautconcert

📍S. 28 marzo ~ BILBAO ~ @d8_sorkuntza_faktoria

📍S. 18 abril ~ VALLEKAS, MADRID ~ @salalatrinchera

📍V. 08 maio ~ SANTIAGO DE COMPOSTELA ~ @salacapitol

🏷️ ENTRADAS XA DISPONIBLES AQUÍ EN WOUTICK 🏷️

https://woutick.com/es/listado/rebeliom-do-inframundo-orgulho-tour-2026

REBELIOM DO INFRAMUNDO, MÁIS DUNHA DÉCADA DE MÚSICA DESDE A TRINCHEIRA

Nacidos nas rúas e nos locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración. Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol forman unha alianza que vai máis alá do rap: é unha actitude, unha maneira de entender o mundo.

O seu son bebe do rap hardcore e da electrónica, pero tamén das raíces galegas e da forza dun pobo que nunca baixa a cabeza. Cada tema é un retrato entre o amor e a rabia, entre o orgullo e a ferida.

Dende Caladas Reflexivas ata Amor ou Barbárie, pasando por Lume e Rebeliom e Ilegal, a banda medrou sen traizoar o seu camiño. Hoxe, Rebeliom do Inframundo non é só unha referencia musical: é un símbolo dunha xeración que loita, crea e berra sen pedir permiso.

A banda afronta 2026 cunha forza incontestable… cara a publicación do seu novo álbum, orgulho, que verá a luz a finais de febreiro deste ano, e do que xa se coñecen adiantos como Sube e este novo sinxelo Bate Fado.

Rebeliom vive o seu mellor momento, co respaldo dun público que enche salas e corea cada verso coma se formase parte da banda. Non precisan grandes campañas nin filtros; a súa verdade corre de boca en boca, como corren as boas cousas cando son reais.

No último ano esgotaron entradas en espazos emblemáticos como a Sala Capitol de Compostela —800 persoas entregadas— e confirmaron o que xa se intuía: Rebeliom é unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual.

O seu directo é un estoupido de enerxía, mestura de rap, electrónica e tradición galega, que converte cada concerto nunha experiencia colectiva. É un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdade, comunidade e resistencia. Eles non seguen a moda, créana. 

20260130-NP-Rebeliom-do-Inframundo-BATE-FADO_GAL