As artistas Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo inician a súa ‘Residencia Paraíso 2026’ en Compostela

A Cidade da Cultura acolle desde este luns, 25 de maio, e até o domingo, 7 de xuño, no marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o traballo en proceso de Stratos (La piedra siempre estuvo allí), unha viaxe sensorial na que se entrelazan a música, o cinema e as artes escénicas

A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 8 ao venres 12 de xuño

Unha vez finalizadas as súas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 12 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As artistas Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo iniciaron este luns, 25 de maio, en Santiago de Compostela, a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. Deste xeito, a Cidade da Cultura acolle, até o domingo, 7 de xuño, a segunda destas residencias artísticas de RPM en 2026, en torno á proposta das creadoras Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo que ten por título Stratos (La piedra siempre estuvo allí), unha viaxe sensorial na que se entrelazan a música, o cinema e as artes escénicas.

A continuación, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego acollerá unha segunda residencia artística do proxecto, do luns 8 ao venres 12 de xuño. Unha vez finalizadas ambas residencias, Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG, en Compostela, o venres, 12 de xuño, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Paralelamente, as artistas participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

SOBRE O PROXECTO

Un encontro fortuíto cun tecnofósil enviado desde unha época futura marca varios acontecementos dunha viaxe na que estableceremos contacto, a través de sistemas de comunicación bioquímica, con seres unicelulares, poñendo de manifesto como o micro afecta ao macro, materia que vibra e nos afecta, creando relacións, efectos e posibilidades.

Unha posta en escena que se articula en diferentes capas que dialogan entre si: música viva, materia vibrante, o non humano, microorganismos como axentes activos no escenario. Voces de pensadores e pensadoras como Bruno Latour, Blaise Pascal ou Lynn Margulis acompáñannos nesta viaxe sensorial.

A música, o cinema e o escénico entrelázanse e unen forzas para crear unha linguaxe común. BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld conflúen para xerar unha forza colectiva maior.

SOBRE AS ARTISTAS

BFlecha é o nome artístico da produtora, compositora e cantante Belén Vidal. Pioneira na escena electrónica iberoamericana, leva máis dunha década combinando vangarda sonora e instinto pop. Desde a publicación do seu primeiro disco, βeta (2013), non deixou de explorar novos sons. Esta evolución fíxose visible en Kwalia (2017) e alcanzou o seu punto álxido con ExNovo (2021), unha investigación entre a persoa física e virtual construída a partir dun ensamblaxe de instrumentos orgánicos e texturas dixitais. Ao longo da súa carreira participou en festivais como Sónar, Primavera Sound ou Documenta Madrid, así como en presentacións en países como Estados Unidos, Xapón, Alemaña e Reino Unido. Tamén destaca o seu traballo en composición cinematográfica en obras de Diana Toucedo como Camille & Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Xunto a Mwëslee, forma parte de Arkestra Discos.

Mwëslee é o alias de Diego Cobo, produtor de música electrónica cuxas creacións combinan RnB futurista, electrónica avanzada e unha sensibilidade próxima ao avant-jazz. Membro fundador do colectivo/selo Arkestra e participante da Red Bull Music Academy (Seattle, 2005), a súa música foi apoiada por artistas como Gilles Peterson, Benji B ou Jackmaster e publicacións como FactXLR8RDazed ou Resident Advisor. Actuou internacionalmente, consolidándose como unha figura clave do hip hop vangardista contemporáneo.

Diana Toucedo é cineasta e montadora, situada na intersección entre o cinema e a investigación. O seu traballo foi seleccionado en festivais como a Berlinale, San Sebastián, Visions du Réel ou DocLisboa. Editou máis de 35 longametraxes e o seu filme Trinta Lumes (2018) obtivo gran recoñecemento internacional. Outros traballos inclúen Camille & Ulysse (2021) e Tatuado nos ollos levamos o pouso (2022). Actualmente, desenvolve a súa primeira longametraxe de ficción e compaxina a súa práctica coa docencia e investigación académica.

Xunto a elas, en Stratos colaborarán, tamén, os creadores Federico Vladimir e Pablo Lilienfeldque traballan como colectivo desde 2014. No seu proceso utilizan a ficción especulativa para crear espazos nos que o doméstico, o marxinal e o desexo poidan converxer. A través de prácticas tan diversas como a natación sincronizada ou os xogos de rol, exploran representacións da colectividade que cuestionan as formas hexemónicas de pertenza e de narrarse. Os seus traballos, que fluctúan entre a monstruosidade e a fantasía transindividual, formalízanse como danza / performance, documental, fotografía e instalación. O seu traballo presentouse en contextos como Kasseler Dokfest (DE); Cinéma du Réel (FR); Queer Lisboa (PT); Santarcangelo Festival (IT); Bâtard Festival (BE); PACT Zollverein (DE); During TEFAF (NL); NAVE (CL); FIDCU (UR); LOOP, Sant Andreu Contemporani, El Grec, El Palomar, MACBA e Salmón Festival (Barcelona, ES); Azkuna Zentroa (Bilbao, ES) ou MNCARS, La Casa Encendida e CA2M (Madrid, ES). Cursaron estudos de Comunicación Audiovisual na Universidade Complutense. Fede oriéntase cara ás artes visuais —completando un MA no Royal College of Arts en Londres e o programa de investigación a.pass, Bruxelas— e Pablo cara á coreografía e a creación musical —estudando danza no RCPD de Madrid e Research Studios en P.A.R.T.S. Bruxelas.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado polo Colectivo RPM ––entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia––, co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.

Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM seleccionou a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. 

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2026.05.25.-NP-Residencia-Paraiso-BFlecha

Presentación do libro “Begoña ou o pracer da amizade”, de Beatriz Maceda, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos programados no mes das Letras Galegas, organiza a presentación do libro BEGOÑA OU O PRACER DA AMIZADE. Unha biografia de Begoña Caamaño, de Beatriz Maceda, publicado por Edicións Xerais.

A autora estará acompañada pola escritora Marica Campo.
O acto terá lugar o venres 29 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

A Galería NÉBOA participa en ARCOlisboa

Andrés Rodís, S/T, 2026. Óleo sobre tela | Oil on canvas. 200 x 300 cm

NÉBOA participa en ARCOlisboa | Opening Lisboa | Stand OP2


A galería NÉBOA (Lugo) participará en ARCOlisboa, a feira internacional de arte contemporánea de referencia en Portugal, que terá lugar do 28 ao 31 de maio de 2026 na Cordoaria Nacional, en Lisboa. 

NÉBOA foi seleccionada para formar parte da sección comisariada Opening Lisboadedicada a galerías e prácticas emerxentes, onde presentará un proxecto cos artistas Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís. Comisariada por Sofía Lanusse, Diogo Pinto, e Sofia Montanha como asistente curatorial, propón un espazo orientado á experimentación e á investigación, favorecendo o diálogo entre novos linguaxes e contextos contemporáneos. O programa reúne unha coidada selección de galerías internacionais, xerando un marco de intercambio entre escenas emerxentes e prácticas diversas.

Para ARCOlisboa, NÉBOA presenta un diálogo entre Andrea Davila Rubio e Andrés Rodís, dous artistas emerxentes que exploran a superficie como espazo de tensión, memoria e transformación. A través da escultura e da pintura, ambos traballan coa materia como algo poroso e inestable, onde se fan visibles estruturas de control, experiencia e tempo.

Andrea Davila Rubio aborda o corpo como un territorio atravesado por sistemas de coidado, disciplina e defensa. A súa obra recente parte da idea do clean look, entendida como un ideal estético asociado á uniformidade e á eliminación da imperfección. En ARCOlisboa presenta Clean Look, unha peza en vidro e aluminio derivada de moldes de máscaras faciais cosméticas, na que o rostro aparece suspendido entre protección e vulnerabilidade, refinamento e alienación.

A obra de Andrés Rodís desenvólvese a través de procesos de tradución, desprazamento e medida. As súas pinturas parten da observación de arquitecturas vernáculas e xeometrías presentes en espazos cotiáns, que transforma en composicións baseadas na repetición e na modulación. Triángulos, rombos e grellas constrúen sistemas espaciais en movemento, nos que óleo, esmalte, cera e restos de estudo funcionan como rexistros dun proceso aberto e acumulativo.

Mentres Davila Rubio cuestiona os réximes de visibilidade aplicados ao corpo, Rodís incorpora á pintura as condicións espaciais e materiais que a rodean. Ambas prácticas propoñen unha reflexión sobre o que pode conter unha superficie e sobre como a forma acumula memoria, experiencia e duración.

Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) é artista e investigadora. Doutora en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, completou unha estadía predoutoral no Boston College grazas a unha bolsa Fulbright-Xunta de Galicia. Actualmente cursa o Máster en Belas Artes no Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW de Basilea, coa bolsa da Fundación María José Jove.

O seu traballo escultórico explora as relacións entre corpo, materia e contorna desde unha perspectiva crítica, abordando cuestións vinculadas ao coidado, a transformación e a convivencia entre o humano e o non humano.

Entre as súas exposicións recentes destacan A sweaty dispersal into the fog na Galería NÉBOA (Lugo, 2025), A Friend of a Friend of a Friend en der TANK (Basilea, 2025) e Corpo, afectos, territorio no Centro de Arte Contemporáneo de Huarte (Pamplona, 2023). Realizou residencias en Matadero Madrid, Residency Unlimited (Nova York) e Atelier Mondial (Basilea), e recibiu diversos premios e bolsas de investigación e creación. As súas obras forman parte das coleccións da Deputación de Ourense e da Deputación de Pontevedra.

Preview

Andrés Rodís (Santiago de Compostela, 2000) desenvolve a súa práctica entre Galicia, Valencia e o País Vasco. O seu traballo céntrase na investigación da linguaxe, a superficie pictórica e a construción da imaxe desde unha perspectiva conceptual e procesual.

É graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València (2022) e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco (2024). Actualmente realiza o seu doutoramento na Universidade de Vigo. Foi residente en Piramidón Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2025) e nas Residencias Artísticas Celestino Cuevas (2025), ademais de seleccionado en programas como SAVIA (Artnueve, 2026).

Nos últimos anos recibiu recoñecementos como o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis (2025), o Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB (2025) e o Premio Gaztea do Concello de Leioa (2024). Participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en espazos como Galería NÉBOA (Lugo), Galería Lumbreras (Bilbao), Sala ABANCA (Santiago de Compostela) ou o Museo da Universidade de Alacante. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección Norte do Goberno de Cantabria, KELLS Art Collection ou a Colección de Arte MANGO.

Máis información: https://www.ifema.es/arco/lisboa/galerias

Presentación do libro SEMENTE DE MENCER. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006, de Darío Xohán Cabana, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro SEMENTE DE MENCER. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006de Darío Xohán Cabana, con edición, estudo e notas de Anxo Angueira. Publicado por Alvarellos Editoradentro da colección Rescate.

O acto contará coa participación de Alexandra Cabana, Chema Felpeto e Henrique Alvarellos, e terá lugar o xoves 21 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

ACORDEIRETA presenta na Casa-Museo Manuel María BAIXO OS REMENDOS, NÓS

Após ‘Loitar cantando’ (2020), Acordeireita volta de novo este sábado, 23 de maio, ás 20 horas, á Casa-Museo Manuel María co seu segundo traballo Baixo os remendos, nós. Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón) parten do remendo co obxectivo de concibir un álbum distinto e innovador, en que se sitúan, literalmente, debaixo das eivas e dos problemas diarios para coselos co canto e a música. Son eles, os remendos, os alicerces.
Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Fillas de Cassandra presenta ao vivo este sábado TERTÚLIA, o seu novo traballo discográfico

  • O Recinto Feiral de Pontevedra acolle este sábado, 9 de maio, a partir das 22.00 horas, a estrea do segundo LP do dúo vigués
  • Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta, Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e Zetak subirán ao escenario pontevedrés; mentres que a DJ Rapante amenizará a entrada do público


Fillas de Cassandra abrirá este sábado, 9 de maio, as portas á gran ‘Tertúlia’. María SOA e Sara Faro presentarán ao vivo o seu novo álbum, publicado o pasado 24 de abril, no Recinto Feiral de Pontevedra. As entradas para a cita, que comezará ás 22.00 horas, están á venda en Woutick.

O dúo vigués, acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro de Cultura da localidade, Demetrio Gómez, deu a coñecer esta mañá os detalles dun evento que porá o poder da palabra e do diálogo no centro. Collendo o relato do seu novo traballo, Fillas de Cassandra transformarán o Recinto Feiral de Pontevedra nunha gran praza para a conversa. A intención non é outra que trasladar, tanto desde a escenografía como desde o movemento e, moi especialmente, a música,  un convite “a desobedecer” para poñer o foco nos afectos, nas liberdades, nas amizades, na xustiza social e no encontro.

Fillas de Cassandra estrearán o seu novo directo acompañadas doutras artistas recoñecidas do panorama galego e estatal, como son Caamaño & Ameixeiras, Çantamarta (coprodutores de ‘Tertúlia’), Ede, Pipiolas, un quinteto da Agrupación Musical do Rosal e o navarro Zetak. No Recinto Feiral de Pontevedra escoitaranse por primeira vez a ducia de temas que conforman a ‘Tertúlia’, mais tamén algúns dos seus grandes éxitos revisitados e actualizados.

O Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as súas portas ás 20:00 horas e , desde as 20.30h, a viguesa DJ Rapante (Paula Somoza) amenizará o acceso do público. A partir das 22.00h, Fillas de Cassandra ofrecerá un poderoso e enérxico directo dunha hora e media de duración que contará coa complicidade de Icía Varela (percusións e voces), Elena Domínguez (percusións, voces e violoncello), e Vicky González na batería. A banda, cunha escenografía do colectivo As dúas e punto e baixo a dirección de movemento de Daniel Rodríguez, arrancará este sábado unha xira que as levará a visitar numerosas prazas e festivais de todo o territorio estatal.



TERTÚLIA

O segundo LP de Fillas de Cassandra, producido polas propias María SOA e Sara Faro con Çantamarta, supón un paso firme na evolución artística das viguesas, que expanden o seu universo sonoro. A electrónica -desde os ritmos rotos ao ambient– convértese na linguaxe protagonista dun álbum que se articula arredor de doce temas nos que colaboran nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O traballo, publicado o pasado 24 de abril, xa está dispoñible tanto en plataformas dixitais coma en tendas físicas. A boa acollida inicial do vinilo situou ‘Tertúlia’ (Altafonte, 2026) entre os 30 discos máis vendidos en España estas semanas. Durante o concerto de presentación habilitarase un espazo no que será posible adquirir tanto o disco coma o novo merchandising de Fillas de Cassandra.   


CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘TERTÚLIA’

Data: Sábado 9 de maio de 2026
Hora: 22.00h (apertura de portas ás 20.30h)
Lugar: Recinto Feiral de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n)

Os medios interesados en cubrir o concerto deberán solicitar a súa acreditación a lucia@tremendoaudiovisual.com antes das 13.00h do venres 8 de maio.

20260507-NP-PRESENTACION-TERTULIA