Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.
Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.
O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.
Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.
O FIOT despide esta fin de semana a súa 31ª edición coas voces de Juan Mayorga, Blanca Portillo, Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez e Tito Asorey
As grandes figuras das escenas galega e estatal serán o ramo da última fin de semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
O FIOT ofrecerá o sábado 29 a estrea en Galicia do último éxito da tempada madrileña, ‘La voluntad de creer’, dirixida por Pablo Messiez, e do monólogo ‘Mundo para lelos’, do humorista vasco Óscar Terol; ademais doutras dúas estreas absolutas no marco do Certame Metro Cadrado: ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas, e ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro
O Salón social do Pazo da Cultura acollerá tamén o sábado, a partir das 13.15 horas, a derradeira sesión da primeira tempada do Escola do espectador nas ondas, na que a xornalista cultural Paloma Cortina (Dramedias) conversará con Pablo Messiez e o elenco de ‘La voluntad de creer’
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despedirá esta fin de semana a súa 31ª edición por todo o alto. As grandes voces das escenas galega e estatal daranse cita en Carballo: Juan Mayorga, Blanca Portillo, Grupo Chévere e Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán, os pratos fortes deste #FIOT31, terán un especial protagonismo estes días, nos que o público poderá gozar de ata tres espectáculos do Programa de Sala. O sábado 29 será a xornada central co certame ao acoller representacións de catro montaxes, todas elas estreas galegas ou absolutas; ademais da derradeira sesión ao vivo da Escola do espectador nas ondas.
A primeira das citas terá lugar o venres 28. A Xograresa de Outono 2019, Patricia de Lorenzo,presentará en Carballo -no marco co ciclo OTNI- a súa conferencia performativa ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, un traballo no que aborda, a partir do proceso de construción dos distintos papeis que interpretou co Grupo Chévere, como é a representación de personaxes que, na meirande parte das ocasións, actúan como subalternas e reproducen os imaxinarios do poder. De Lorenzo expón como o traballo de actriz pode ser, ás veces, un modelo de resistencia e testemuño real da xente anónima que nunca é protagonista.
Ao día seguinte será a quenda do máis recente éxito da tempada escénica madrileña: ‘La voluntad de creer’, unha coprodución de Buxman Producciones e do Teatro Español escrita e dirixida por Pablo Messiez. A obra iniciará este sábado 29 a súa xira estatal e a primeira parada será en Carballo, dando pé á celebración da estrea en Galicia desta montaxe, que indaga na relación entre vontade, fe e suxestión a partir da historia dunha familia, cuxo irmán menor sostén ser Xesús de Nazareth. A peza inspírase na película ‘Ordet’, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra ‘La palabra’, de Kaj Munk. A estrea galega de ‘La voluntad de creer’ terá lugar o sábado 29 no Auditorio do Pazo da Cultura contra ás 20.30 horas.
Outra das citas máis esperadas deste #FIOT31 chegará o domingo 30. Será o regreso de Blanca Portillo ás táboas do Pazo da Cultura logo da súa aclamada interpretación no 2015 de ‘El Testamento de María’, a coprodución do Centro Dramático Nacional, Festival Grec e Avance Producciones Artísticas, que resultou gañadora do Premio do Público do FIOT daquel ano. Desta quenda, a actriz volve coa aclamada ‘Silencio’, do recoñecido dramaturgo Juan Mayorga, un dos autores vivos máis representados e a quen se lle outorgou estes días, precisamente, o Premio Princesa de Asturias das Letras; galardón que se suma aos xa recibidos Premio Nacional de Teatro (2007), Premio Nacional de Literatura Dramática (2013), e numerosos Max como Mellor Autor ou Mellor Adaptación.
‘Silencio’ toma como referencia, precisamente, o discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que o dramaturgo converteu en teatro e no que pon de manifesto o valor do tempo e do silencio. Blanca Portillo é a responsable de levar á escena a peza, na que o autor tamén viaxa polos silencios teatrais que aínda soan na súa memoria e no seu corpo.
A última función do Programa de Sala deste 2022 será o 31 de outubro. Chegará, coma no 2019 (edición que se pechou con ‘Fariña’), da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, desta quenda en coprodución co Centro Dramático Galego. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’, que parte dun texto do xornalista Nacho Carretero e que conta con dramaturxia de José L. Prieto, fará a primeira parada da súa xira en Carballo cunha función que porá o broche dourado á 31ª edición do FIOT.
Xornada de estreas e despedidas o sábado 29
Este mesmo sábado 29 o público do FIOT tamén poderá gozar coas dúas últimas montaxes do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Ao igual que na fin de semana pasada, terán lugar dúas estreas absolutas: ‘Viaxar é un pracer’, de Assircópatas, unha comedia do absurdo que reflexiona sobre o noso papel coma turistas e que se poderá ver no despacho do alcalde; e ‘Actriz, chora’, a peza de Cacharela Teatro que critica, desde a comedia, os estereotipos e os desafíos do sector artístico, en especial das mulleres novas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas) e, coma sempre, recoméndase reservar previamente a praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com.
De xeito paralelo, no salón social do Pazo da Cultura celebrarase a derradeira sesión da primeira tempada da Escola do espectador nas ondas, os encontros nos que artistas, xornalistas especializadas en artes escénicas e público comparten conversa e facilitan a comprensión e análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. Desta quenda, a xornalista cultural de RTVE Paloma Cortina (Dramedias) manterá unha conversa aberta ao público co elenco de ‘La voluntad de creer’ e co seu director e creador, Pablo Messiez, quen participará vía telemática na gravación do podcast.
Xa pola noite o Mercado municipal acollerá a última función da XXIII edición do ciclo de narración oral Rúa dos Contos: será coa estrea en Galicia de ‘Mundo para lelos’, a última creación do humorista, actor e director vasco Óscar Terol, quen porá en evidencia un mundo que se asoma incomprensible para todas as persoas e do que sempre tentamos ocultar o noso “eu parvo”.
O espectáculo familiar de gran formato Inventio chega a Lugo o vindeiro 5 de novembro
Esta proposta escénica galega de circo, danza e ilusionismo inspirada no Camiño de Santiago brindará dúas funcións no Auditorio Gustavo Freire ás 17.30 h e ás 20 h do sábado
Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com
O espectáculo Inventiochegará a vindeira semana a Lugo logo do seu paso por Ferrol, Santiago e mais Salamanca. Esta proposta de gran formato concibida para público familiar brindará dúas funcións o sábado 5 de novembro, ás 17.30 h e ás 20 h, no Auditorio Gustavo Freire. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de 24 meses non pagan sempre que non ocupen butaca.
Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
Logo do seu paso por Lugo, a xira de Inventio proseguirá por Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.
O IESCHA organiza a proxección, en formato de autocine, da película de Ignacio Vilar, VILAMOR, que terá lugar o sábado 29 de outubro de 2022, ás 21:30 no Campo da Feira de Vilalba.
O IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a Exposición de LÁMINAS DO QUIXOTE de JESÚS TRASTOY, que se inaugurará o xoves 27 de outubro de 2022, ás 20 h. na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, permanecendo aberta ata o 30 de novembro.
O IESCHA organiza a presentación do libro UNHA NOVA OLANDA, de Antón Baamonde, que terá lugar o venres 28 de outubro de 2022, ás 20:30 h. na Casa da Cultura de Vilalba.