Estar en ti, sen un sentido de pertenza. Sinxelamente definido á beira dos teus trazos. Nos límites dispostos polo teu movemento. Nese territorio no que a túa sombra se expresa. No que me golpea a luz que che cae das mans.
A banda de rock galega avanza en exclusiva na súa plataforma de YouTubeo corte número catro do seu traballo ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records 2023), que verá a luz o vindeiro 18 de marzo
‘Vaia onde vaia’ é un ska clásico que invita ao bo rollo e ao baile e no que salienta a voz da baixista Xulia Fuentes como cantante
A banda de rock galega Ruxe Ruxe vén de estrear este luns, 27 de febrero, novo tema e novo videoclip. ‘Vaia onde vaia’, que se pode escoitar en exclusiva no perfil de YouTube do grupo, é un novo avance do seu disco ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), que verá a luz en todas as plataformas o vindeiro 18 de marzo.
‘Vaia onde vaia’ é un novo aperitivo do que o público poderá escoitar ao vivo na Sala Capitol o sábado 25 de marzo, no concerto de presentación do novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe. Trátase dun ska clásico que invita ao bo rollo e ao baile, e no que a banda sorprende ao público cun xiro de de guión: desta quenda, a voz é a da súa baixista, Xulia Fuentes. Gravado na Unitaria de Santiago de Compostela por Alberto Lora (Galunk Producións), a nova pista conta coa dirección de Marcos PTT e os bailes de Smara, Hugo, Sandra Camalea, Ruth, Cris e Alexis.
‘VAIA ONDE VAIA’
Hoxe espertei con ganas de escapar.
Botarme a correr e non mirar atrás.
Largarme de aquí e non volver nunca máis.
Pero o mundo está tan derruído
vaia a onde vaia.
Todo é igual de deprimente
vaia a onde vaia.
Así que eu voume pra a taberna
ata que me caia.
Entrei, sentei ao fondo da barra.
Soaban os Clash e a xente toda bailaba.
Risas e cheiro a marihuana.
Pero o mundo está tan derruído
vaia a onde vaia.
Todo é igual de deprimente
vaia a onde vaia.
Así que eu voume pra a taberna
ata que me caia.
RUXE RUXE
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego nacido en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996, da man de catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda. A baixista Xulia Fuentes incorporouse á banda no ano 2019. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. Nas súas letras, en galego e de temática moi variada, predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. Ademais de 13 LP’s, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documentario sobre o grupo e incontábeis colaboracións, sumando concertos durante máis de dúas décadas por toda España, Portugal e Italia. O seu 25 aniversario celebrouse no ano 2021 cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao mesmo tempo, 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo ‘25 anos ruxindo’.
Tras 26 anos de carreira, Ruxe Ruxe ven de pechar un 2022 cheo de concertos e festivais con tanta sona coma o Resurrection Fest, o Surfing the Lérez ou o Festival de la Luz, entre moitos outros. E iso foi porque, como todos saben xa, a banda de Aríns está a facer os mellores directos da súa dilatada historia.
Este 2023, o grupo presenta o seu esperado novo disco, ‘Unha noite no interior dunha faísca’ (Lobicán Records, 2023), que verá a luz en todas as plataformas o vindeiro 18 de marzo e que promete unha evolución, un cambio significativo no son da banda e moitas sorpresas.
Ruxe Ruxe é, sen dúbida, un referente do rock galego, movéndose á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do politicamente correcto. “Co espírito de loita por bandeira, do rock do país, do rock libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sincero, directo e emocional”, a esencia do ADN dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96. “Ser de aquí e dun tempo”, que diría Celso Emilio Ferreiro; “rapaces da aldea máis non uns ninguéns”, que diría Xosé Neira Vilas.
O mércores 1 de marzo, ás 20:15 horas na Librería Biblos, celebrarase a presentación do libro Nós / Álbums de guerra, de Alfonso Rodríguez Castelao, editado en Ediciones Akal. e contará coa intervención de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco García, que ofrecerán a súa visión sobre esta obra literaria e o seu autor.
As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.
As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron.
Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.
O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.
O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.
Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou por calquera das nosas redes sociais.
Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.