Abre a convocatoria DA MAN 2025 para emerxentes en danza

AMARELO e Manu Lago lanzan a segunda convocatoria de artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2025.
Na pasada convocatoria Da Man realizou o acompañamento ao proxecto “Mesura” da galega Raquel Ferradás que se puido ver en 9 festivais de Galicia e Aragón e ao proxecto “Todo esto para nada” do colectivo madrileño A ras de suelo que se estreará en 2025.

Da Man é un proxecto colaborativo de AMARELO e Manu Lago co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria, cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes. 
As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha peza ou do proxecto de compañía a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos, contactos, etc.

Bases da convocatoria

Que buscamos?

Un proxecto de danza de artista/s emerxente/s galega/s ou residentes en Galicia. Artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, non teñan creados máis de 3 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza, impulsar a súa compañía ou outro tipo de proxecto arredor da danza.

Que ofrecemos?

1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.

2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO, no caso dunha nova produción. 

Que pedimos?

3 documentos en pdf:

1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.

2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación ou do proxecto (tipoloxía, formato, equipo, calendario previsto, e todos os datos que se consideren relevantes). 
Máximo 3 páxinas

3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas. 

Onde e cando?

Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 11 de novembro de 2024. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man.

O día 25 de novembro de 2024 publicarase a resolución en redes e web. 

Quen somos?

Lilian Portela – é a directora de AMARELO

Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música.En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO, un proxecto adicado á distribución, produción e xestión de proxectos de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade.

En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público.

www.amarelo.es

Manu Lago – é asesor de AMARELO e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos. Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002).

No 2017 publicou o  Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia onde se recollían os datos de 357 espectáculos de 82 coreógrafas e coreógrafos de Galicia estrenados entre os anos 1987 e 2021, ademáis dos datos de produción e programación das redes públicas de exhibición.

No 2018 e 2019 publicou entrevistas e crónicas en Isto é danza. 

Actualmente realiza servizos de consultoría e planificación de programas, redacción de proxectos, mediación e asistencia á produción, avaliación e medición de impactos para propostas de mellora do proxecto desde: o catálogo de distribución, produción, impulso e acompañamento (2017-2022)  Galicia Danza ContemporáneaAmarelo Distribución Escénica, Plataforma SóLODOS ou A Casa Vella.

Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021.

www.manulago.com

Axencia Galega das Industrias Culturais. Da Man é un proxecto patrocinado pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego.

www.industriasculturais.xunta.gal

+info: https://www.amarelo.es/da-man

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: BARCO

Galopa. Galopa, si. Unha confrontación conquista o efémero. Galopa a miña boca na túa ausencia. E galopa a túa ausencia na borda en chamas. E eu, que son cinza, berro e pronuncio un barco. E, co barco que declaro, galopa o silencio. E polo silencio agancha unha mirada. E na sombra que che debo, a auga traza un fío, un abismo, unha liña tecida de nada.

Celebración este sábado 26 de outubro do IV Magosto Cal Da Loba

Este sábado 26 de outubro celebrarase o IV Magosto Cal Da Loba, que organiza a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración coas webs Caldaloba e Culturalia GZ, e co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Cospeito.

O PROGRAMA de actividades será o seguinte:

Descargar PROGRAMA (PDF)

Gala-Concerto III Concurso Manuel María de Composicións Musicais

Este sábado, 26 de outubro, ás 17.30 horas, levarase a cabo no auditorio da Casa-Museo Manuel María a gala-concerto da fase final do III Concurso Manuel María de Composicións Musicais

A gala comezará coa interpretación das cinco pezas finalistas a cargo da pianista Noemí Salomón e da mezzosoprano Nuria Lorenzo (concretamente interpretarán O carro, Galiza, Neno, Mito e Galicia, pezas compostas por María Mendoza, Saúl Aguado de Aza, Luis Serrapio Fernández e Francisco José Carbonell Matarredona). Unha vez finalizada esta primeira parte, mentres o xurado realiza a súa deliberación, a mesma pianista e mezzosoprano presentarán en concerto unha serie de cancións dos compositores galegos José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro. 

Para asistir é preciso facer a reserva correspondente, ben dirixíndose ao seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou ao whatsapp 698177621.

Hugo Guezeta publica un dos seus temas máis contundentes, ESPERTAR

HUGO GUEZETA REAFIRMA A SÚA CALIDADE COMO LETRISTA NO SEU NOVO LANZAMENTO, ESPERTAR

HUGO PUBLICA UN DOS TEMAS MÁIS CONTUNDENTES DA SÚA CARREIRA MUSICAL

Baixo unha introdución a cargo da súa avoa Teresa de Balbina, Hugo Guezeta lanza o que xa pode ser considerado como un dos temas máis contundentes da súa extensa carreira. Espertar é xa o sexto adianto do seu próximo disco, primeiro de longa duración da súa carreira en solitario, e que verá a luz a finais de ano. Baixo a pretensión de dar un golpe enriba da mesa, Hugo confirma por que é un dos mellores letristas do panorama galego e toda unha referencia no seu xénero, cunha letra que profundiza no sentimento de superar os bloqueos, pasar por riba do “síndrome do impostor” e saír dese “sono” no que estamos sumidos a nivel persoal e como xeración, impoñéndonos con forza e sacando a enerxía que temos dentro. Este lanzamento é a reivindicación de que Hugo está de volta con máis forza que nunca, disposto a comerse o panorama a base de grandes letras e melodías pegañentas.

Tras publicar os adiantos de O Noso TempoFeridasDe VoltaCantare (xunto ás rapeiras Nadie González e Temible Olivina) e A Toleira, Hugo Guezeta lanza Espertar, a súa consagración como un dos mellores e máis contundentes letristas da escena actual. Cunha base que integra o rap e a electrónica producida por Peter Petrowski, artífice da produción de todo este novo disco de Hugo, e unhas guitarras introducidas por Arón Ferreiro, guitarrista de grupos como Keixa ou Errantes, conforman o son máis potente e enérxico lanzado polo rapeiro, que empasta á perfección coa temática da letra e a cadencia do seu rapeo.

O tema ve a luz xunto cun videoclip gravado por Daniel Pérez (Malraio Audiovisual) na sala Rebullón de Mos. Con este novo tema, que exercerá de apertura potente e enérxica tanto do álbum como do directo, perfila o que será a súa nova etapa, cun novo disco que verá a luz a finais deste ano e que presentará en directo nunha xira que xa conta coas súas tres primeiras datas confirmadas. O 12 de decembro Hugo abrirá a xira na Sala Rebullón (Mos), para continuar o 19 dese mesmo mes na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 na Sala Sónar (Santiago de Compostela). As entradas xa están á venda en enterticket.es.

PRIMEIRAS DATAS DA XIRA O NOSO TEMPO

14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS

19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS

21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024,  e O Noso TempoFeridasDe VoltaCantareA Toleira e Espertar son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.

O FIOT acolle mañá martes, 22 de outubro, as Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024

Imaxe das Xornadas Profesionais da Escena Galega 2022

A actividade, baixo o título “As artes escénicas profesionais e os públicos: do concepto do espectador ao de comunidade arredor da escena”, desenvolveranse de 9.30 a 18.30h no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

As xornadas, que contan co financiamento da Deputación da Coruña, a colaboración do FIOT de Carballo e o patrocinio de Cafés Candelas, é de balde, con inscrición previa a través da páxina web www.escenagalega.gal

As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024 propoñen un total de cinco mesas redondas de conversa  e debate en torno ao concepto dos públicos, pero, tamén, dos non públicos e de como achegarnos a eles e a elas, con recursos e estratexias dende a mediación ata a comunicación cultural

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, acolle mañá martes, 22 de outubro, as Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024. A actividade, baixo o título “As artes escénicas profesionais e os públicos: do concepto do espectador ao de comunidade arredor da escena”, desenvolveranse de 9.30 a 18.30h no Salón de Actos do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n), no marco da celebración da 33ª edición do festival. As xornadas, que contan co financiamento da Deputación da Coruña, a colaboración do FIOT de Carballo e o patrocinio de Cafés Candelas, é de balde, con inscrición previa a través da páxina web www.escenagalega.gal

As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024 propoñen un total de cinco mesas redondas de conversa  e debate en torno ao concepto dos públicos, pero, tamén, dos non públicos e de como achegarnos a eles e a elas, con recursos e estratexias dende a mediación ata a comunicación cultural. As sesións centraranse nas eivas para o sector, reflexionando sobre como achegar, nesta sociedade multipantalla e multicanal, a información sobre a escena galega profesional dun xeito efectivo e directo. Tamén da necesaria, e apenas desenvolvida en Galicia dun xeito global, relación entre a escena e a escola, con accións para escolares diversas que vaian máis alá da exhibición de espectáculos e sirvan para crear públicos de futuro.

Ao longo das cinco mesas proxectadas para o día, as persoas asistentes poderán reflexionar sobre as distintas perspectivas e realidades dos públicos das artes escénicas e cuestións vencelladas á mediación, á escena -tanto amadora como profesional-, o medio rural, o ámbito educativo ou a comunicación cultural.

Máis información en: 

www.escenagalega.gal

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.

Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.

MÁIS INFORMACIÓN

2024.10.21.NP-Xornadas-Escena-Galega-FIOT33