Presentacións de libros, concertos musicais, homenaxes e apoio ás nosas letras e á nosa lingua, palestras, rutas por Galicia
Venres, 8 de maio20:00 h Presentación libro: Memorias dun porco teixo Xosé M. Felpeto Casa da Cultura de Vilalba
Domingo, 10 de maio 20:00 h Concerto: Na casa delas Son de corda Auditorio Municipal de Vilalba
Domingo, 17 de maio 12:00 h Pasquín na web e redes: Letras Galegas ’26 O IESCHA na defensa da lingua galega E apoiando a manifestación en Santiago de Compostela
Xoves, 21 de maio 20:00 h Presentación libro: Semente de mencer (Obra poética completa) Darío X. Cabana Con Alexandra Cabana Casa da Cultura de Vilalba
Venres, 29 de maio 20:00 h Palestra Letras Galegas’26: Begoña Caamaño Con Beatriz Maceda e Marica Campo Casa da Cultura de Vilalba
Domingo, 31 de maio 9:30 h. Saída de Vilalba hacia Galdo, en Viveiro XIV Ruta por Galicia: Por terras de Viveiro Con Noela Feal Saída desde a Casa da Cultura
Eris Mackenzie publica Laíño, un traballo que combina creación propia e reinterpretación emocional de clásicos da música galega, reafirmando a súa identidade musical entre a tradición e a electrónica contemporánea.
O EP está composto por seis cancións.“Vivir na Coruña”, unha homenaxe á terra de orixe, e “Teño Saudade”, icónica composición de Andrés Do Barro, máis catro cancións orixinais que reflicten o universo sonoro do artista, no que conflúen influencias da electrónica máis pura cunha sensibilidade melódica moi persoal.
Con estas versións, o artista busca render tributo a dúas pezas fundamentais da música galega, mostrando o seu respecto e admiración por un legado que marcou a súa traxectoria persoal e artística. Estas influencias esténdense a figuras como Ana Kiro, Xil Ríos e Pucho Boedo, cuxos repertorios forman parte da banda sonora vital de Eris Mackenzie.
O EP “Laíño” representa unha declaración de intencións: tender pontes entre a memoria musical de Galicia e as correntes electrónicas actuais, xerando unha proposta única que conecta pasado e presente desde unha mirada contemporánea.
O dúo Baraza, composto por Alberte Núñez (acordeón diatónico) e Uxía García (frauta e voz), estará este sábado, día 25 de abril, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María, para presentar o seu proxecto Remelexo. Un espectáculo de música tradicional galega e brasileira combinado con imaxes e narración.
O concerto, que ten como fío condutor a vida de Diniña, unha muller galega que ten de emigrar para o Brasil, fai un percurso polas disintas músicas tradicionais de ambos países, Galiza e Brasil.
Alberte Núñez, músico e mestre, compaxina a súa actividade como acordeonista e arranxista coa de docente en asociacións culturais, entre outras na Tradescola de Lugo, alén de de impartir obradoiros e concertos didácticos sobre o seu instrumento. Como intérprete participa e participa en formacións como Comando Curuxás. Son numerosos os proxectos e traballos discográficos en que ten participado, quer no plano tradicional, quer noutros ámbitos como o jazz, blues, choro, klezmer ou folk.
Uxía García, frautista e filóloga, cursou os estudos profesionais e superiores de música en Santiago e na Coruña. Foi alumna da Escola de Altos Estudos Musicais e ten participado e tocado en numerosas formacións de banda popular. Na actualidade forma parte, tamén, do Coro da Ra.
Este sábado, 18 de abril, ás 21.30 horas, un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Compostela, por primeira vez en vivo, o seu segundo traballo discográfico, publicado o pasado venres, 10 de abril
Con Un saber, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral,coa súa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar
A Sala Capitol bailará esta fin de semana ao son de Alana. Un dos proxectos máis singulares da nova escena musical galega presentará en Santiago de Compostela, por primeira vez en vivo, o seu novo disco, Un saber, que viu a luz o pasado venres, en todas as plataformas dixitais. A cita será este sábado, 18 de abril, contra ás 21.30h.
Neste segundo LP, Alana explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar. E así o poderá confirmar en directo todo o público que acuda ao directo este sábado na Capitol.
No concerto, cuxa posta en escena –de inspiración floral– correrá a cargo de As dúas e punto, Alana estará arroupada por múltiples colaboracións sorpresas. As últimas entradas están dispoñibles na páxina web da sala: https://salacapitol.entradas.plus/entradas/es/alana-capitol
Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical.
Con este novo traballo discográfico, Un saber, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel O xeito á Cántigha, a súa festexada ópera prima.
Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflexa este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”. O proxecto do disco contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Tralo seu paso pola Sala Capitol de Compostela, Alana presentará en directo Un saber, tamén, nas seguintes prazas:
22.05.2026. Festival de Cans (O Porriño).
23.05.2026. Hórreo Vivo (Rianxo).
13.06.2026. Negreira.
27.06.2026. O son da aldea (Pantón).
E moitas máis por anunciar…
UN SABER, UN DISCO PARA BAILAR, CANTAR, GOZAR E EMOCIONAR
“Un saber é unha evolución sobre como empezamos a vivir a música nos primeiros tempos de Alana e como o facemos agora… A nivel rítmico, é un disco moi diverso, xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”.
Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical».
Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”. Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.
ALANA: RAÍZ, RITMO E REVOLUCIÓN
Alana é un dos proxectos máis singulares da nova escena tradicional galega. Unha formación musical á que dan vida Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, e que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. Unha proposta nova, diversa, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile.
O marcado estilo persoal da banda levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas e a participar nalgunhas das principais citas musicais galegas, como o Atlantic Pride ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira; pero, tamén, en programacións noutros lugares da Península Ibérica e de Europa, formando parte de espazos como o Festival Interceltique de Lorient (Francia) ou o Terra fest de Genève.
No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco, mentres que Un saber é o seu segundo traballo.