OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo, Chimamanda Ngozi Adichie

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo

Autora: Chimamanda Ngozi Adichie

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2017

Quince consellos coma quince pétalos que conforman a flor da igualdade. Así se nos presenta este breve ensaio da autora nixeriana, que xa ten constatado en libros anteriores o moito que nos queda por facer, aínda, na loita feminista. Quizais sexa neste volume onde Chimamanda pon o foco, ex professo, na educación das novas xeracións. E é que non podemos pasar por alto o papel fundamental que exerce a formación nos primeiros anos de vida.

Agora que estamos inmersxs na “volta ao cole”, igual é un bo momento para reparar nas reflexións que aquí se recollen: desde rexeitar estereotipos e prexuízos sexistas, pasando pola importancia do traballo en equipo ou a lectura coma actividade ligada ao pensamento até reforzar a autoestima na infancia. Todo isto contado de maneira clara e concisa, achegando múltiples exemplos cos que nos atopamos no día a día, pois nada hai de inverosímil no relato desta escritora.

Con todo, xa se nos advirte nas primeiras páxinas, que estes quince consellos poden non dar os resultados esperados (lembremos que a educación das crianzas non é exclusividade dxs proxenitorxs, toda a tribo educa). Mais o importante é non desistir e intentalo. Algo lograremos no proceso, non hai dúbida. Porque se non vivimos como pensamos, corremos o risco de acabar pensando como vivimos.

A LÚA VAI ENCUBERTA, texto teatral de Manuel María, que representan A Quinta do Cuadrante e Incediaria nunha xira por Galicia

A lúa vai encuberta, texto dramático escrito por Manuel María, levado ao cenario por A Quinta do Cuadrante e Incediaria, representarase este sábado 2 de outubro, ás 20 h, en VILALBA. Este proxecto teatral foi o gañador do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais que convoca a Casa-Museo Manuel María e o pasado 10 de setembro estreouse en Ourense, comezando, así, a xira por todo o país (achegamos cartaz coas datas de representación neste último trimestre 2021).

Para asistirdes á representación en Vilaba podedes retirar as localidades (son numeradas) na Casa da Cultura de Vilalba ou a través do portal https://entradasvilalba.es

En 1977 celébranse as primeiras Eleccións Xerais despois da ditadura franquista.

Ese mesmo ano, o grupo teatral da Asociación Cultural Auriense trata de continuar cos ensaios de A lúa vai encuberta de Manuel María pero, no medio do proceso, o colectivo desfaise definitivamente e o tempo queda en suspenso até que, corenta e catro anos despois, dúas novas compañías se unen para retomar o traballo no punto en que o deixaron co obxectivo de levar a escena a obra e descubrir as razóns da disolución.

Na procura dunha verdade oculta, a mestura de tempos e a combinación de realidade e ficción permitirá identificar o descoñecemento programado da nosa historia máis recente e a súa consecuente falta de conciencia de identidade nacional galega.

A lúa vai encuberta é unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvelando un discurso que hoxe en día está sendo, senón ocultado, moitas veces silenciado e que explica, en certa maneira, as razóns de por que hoxe en día o noso país ten os trazos políticos, sociais e económicos que o caracterizan.

Como di Edward Hallet na cita do inicio, o estudo do pasado é a única maneira de poder entender o noso presente, así como só podemos entender o pasado coa luz que nos achega a nosa análise do presente. Tamén neste sentido, Marc Bloch, un dos historiadores máis importantes do século XX, sostén que “toda historia é historia contemporánea”. Así é como Incendiaria e A Quinta do Cuadrante levamos a escena o texto de Manuel María, como unha fonte esencial para, a través dela, entender as diferentes forzas sociais e políticas que nos conformaron como país, e polo tanto, como persoas que o habitamos.

Achegamos con esta mensaxe o trailer do espectáculo https://vimeo.com/615012780 

e un artigo de Manuel Xestoso sobre o mesmo https://www.nosdiario.gal/articulo/escena/o-silencio/20210922184836129129.html

Concerto da Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero, o 25 de setembro na horta da Casa-Museo Manuel María

O próximo 25 de setembro, sábado, ás 17 horas, na horta da Casa-Museo Manuel María celebrarase a actuación da Orquestra de Cámara Galega, dirixida por Rogelio Groba Otero. O concerto encádrase na entrega de Rogelio Groba Groba, o compositor galego de música clásica vivo máis relevante, á Casa-Museo Manuel María de tres cantatas da súa autoría, baseadas en poemas de Manuel María, que forman unha triloxía sobre Galiza.

O concerto é gratuíto mais é imprescindíbel reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.