A Feira do Libro de Bos Aires acolle a presentación da ‘Guía ninja do ilustrador’

Alberto Guitián, coordinador da obra e un dos seus ilustradores, presentará o manual este martes, 9 de de maio, no stand da Xunta de Galicia

Este manual para combater as prácticas abusivas nos eidos creativos está promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI)

A versión dixital en galego e castelán pódese descargar gratuitamente no micrositio www.guianinjadoilustrador.org

Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) vai presentar este martes, 9 de maio, na Feira do Libro de Bos Aires, a segunda edición, revisada e ampliada, da súa Guía ninja do ilustrador. O acto vaise desenvolver no stand da Xunta de Galicia ás 17.30 horas (12.30 hora española) e o responsable da presentación vai ser Alberto Guitián, un dos ilustradores da guía e o seu coordinador. Este manual “ninja” de apoio a profesionais creativos freelance está dispoñible gratuitamente en formato dixital na web www.guianinjadoilustrador.org e axiña comezará a súa distribución en papel.

A maioría dos profesionais da ilustración son autónomos, o que na práctica se traduce en que operan como miniempresas. Non só teñen que crear, senón que deben afrontar cuestións máis prosaicas como a elaboración de plans de empresa, o negocio de proxectos, a estimación de orzamentos ou a redacción de contratos e facturas. Tamén deben coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística para protexela e poder explotala. E, por se non abondase, han de se manexar nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Para sortearen con éxito estas dificultades, os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja.

En 2016, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido. Así, desta volta incorpóranse dez viñetas ilustradas por José Domingo e Alberto Guitián que xogan coa estética e o imaxinario xaponés. A versión animada destas viñetas estase a difundir nas redes sociais da AGPI como minicápsulas de vídeo.

No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non- éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior. Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.

O lanzamento da primeira edición da guía estivo marcado por unha extraordinaria acollida, da que dan conta as cifras acadadas: superáronse máis de 25 000 descargas da versión dixital e o milleiro de exemplares impresos esgotouse en poucos meses. Ademais, foi moi ben acollida por outras asociacións europeas e mesmo traducida ao italiano e ao turco. O seu lanzamento complementouse con exposicións e charlas en escolas de arte e deseño galegas. As claves do seu éxito vertebráronse nunha comunicación áxil, onde o humor e o tratamento visual se aliaban para tratar problemáticas globais comúns a case todos os creadores freelance.

Agora, sete anos máis tarde, chega esta nova edición, que baixo o lema ‘Máis ninja, my friend’ segue a combater os principais perigos e problemas que rodean a profesión e proporciona ideas sobre como facerlles fronte. A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

As versións en PDF da guía en galego e en castelán están dispoñibles para a súa descarga gratuíta no micrositio www.guianinjadoilustrador.org. A versión impresa, editada en galego, estará á venda a un prezo simbólico de un euro (1 €) en librarías e espazos culturais, e distribuirase de xeito gratuíto nas escolas de arte de Galicia. A lista completa de puntos de venda publicarase a partir da segunda quincena de maio. Alén diso, a páxina actualizarase coas novidades relacionadas cos temas da guía, que tamén se van difundir a través da web da AGPI e as súas redes sociais.

PRESENTACIÓN FEIRA DO LIBRO DE BOS AIRES
Martes 9 de maio ás 17.30 h (12.30 hora española)
Stand da Xunta de Galicia (nº 1601)

20230508-NP-Presentacion-Bos-Aires-Guia-ninja-do-ilustrador

Conferencia de Ricardo Polín, “A QUE FÍA, AMA E ORA. Estampas da muller tradicional na literatura de costumes (e no gravado antigo)”, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA programa, dentro do Ciclo Mulleres Galegas, a conferencia de Ricardo Polín  “A QUE FÍA, AMA E ORA. ESTAMPAS DA MULLER TRADICIONAL NA LITERATURA DE COSTUMES (E NO GRAVADO ANTIGO)”que terá lugar o vindeiro venres 12 de maio de 2023, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA_INFORMATIVA_RICARDO-POLIN

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: REVOLUCIÓN

Temos aínda no fondo do peto un grans de esperanza que rebolen contra todo. Semente insubmisa que latexa como mirada que porfía en abrir cancelas, en acariñar boqueiras.

Na terra, nós. Que proclamamos a valía da tristeza, como ingrediente imprescindible. Que acollemos as achegas da nostalxia. Que lucimos a lama propia nos dentes, que defendemos os sucos que nos habitan e que saltamos os valados entre a desidia e a devastación de tempos escuros que non, que aínda non son quen de derrotar a nosa revolución de margaridas.

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Escritoras

Autora: Carmen G. de la Cueva

Ilustradora: Ana Jarén

Editorial: Lumen

Ano de publicación: 2023

Hoxe traio a este espazo unha das últimas novidades da editorial Lumen: Escritoras. Realmente, non sei ben como definir este libro –se é que iso é algo indispensábel á hora de falarmos sobre lecturas-. A obra narra, parcialmente, a vida dalgunhas destacadas escritoras (Carmen Baroja, María Lejárraga, María de Maeztu, Elena Fortún, Carmen Laforet ou Carmen Martín Gaite, entre outras) sen pretender a exhaustividade da biografía. Mais a narración ten algo especial que nos atrapa desde a primeira páxina. Percíbese nela unha amálgama de sensibilidade e tenrura, perfectamente artelladas a través de cada palabra e ilustración. E é que Escritoras pode abrirse coma unha caixa de costura que vai fiando o pasado e o presente das mulleres que buscaron e buscamos incesantemente un cuarto propio para escribir.

O fío que conecta todas estas vidas, incluída a da propia autora –nai e escritora-, é o da sororidade. Porque se algo queda patente despois da súa lectura é que a historia das creadoras vai ligada á da cooperación e o apoio mutuo entre compañeiras. Sorprendeume enormemente a información recompilada neste volume, que amosa extractos de correspondencia entre escritoras de diferentes tempos, como é o caso do contacto epistolar entre Elena Fortún e Carmen Laforet. Emocioneime moito ao lelo. Sentín que todas compartimos unha resistencia, á de escribir desde as marxes, rebelándonos contra tantos séculos de dogma e imposición.

En definitiva, un libro contra o silencio, un libro para enchernos de azos e alegría. Un libro que nos empurra a crer na nosa valía porque, tal e como sinala Carmen G. de la Cueva, cando unha muller escribe non pertence a ninguén máis que a ela mesma.

Presentación de catro libros (Paulo Naseiro, Mario Paz González, Moncho Paz, AAVV) de artigos recompilados de AVOZDEVILALBA.GAL

O IESCHA organiza o acto de presentación de catro libros (de Paulo Naseiro, Mario Paz González, Moncho Paz, AAVV), que escolman moitos dos artigos publicados na web avozdevilalba.gal e que terá lugar o venres 5 de maio de 2023, ás 20:00 horas, na  CASA DA CULTURA DE VILALBA.

No acto participarán Baruk Domínguez e Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_4LIBROSAVOZVILALBA