Teatro do Noroeste estrea ‘As damas de Ferrol’ no Jofre, unha traxicomedia negra en clave feminista

Clara Gayo dirixe a posta en escena desta obra a ritmo de jazz que ten a Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas

O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol este venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas

As entradas seguen á venda na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro

A obra está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic e a colaboración do Concello de Ferrol

Teatro Jofre xa está listo para recibir de novo, dúas décadas despois, a obra As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste, desta volta revisada e actualizada baixo a dirección de Clara GayoO venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas, as actrices Mónica Camaño e Casilda Alfaro tomarán o escenario con esta traxicomedia escrita por Eduardo Alonso na que a cidade ferrolá ten tamén un papel protagonista. As entradas para asistir á obra seguen á venda na web de Ataquilla con prezos que oscilan entre os 10 e 12 euros máis gastos de xestión.

Esta mañá, mércores 29, os medios puideron albiscar o humor negro que destila As damas de Ferrol nunha presentación que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre, Eduardo Alonso, Clara Gayo e de boa parte do equipo artístico do espectáculo.

En As damas de Ferrol dúas supostas irmás xa maiores, Lourdes e Maruxa, noutrora vinculadas á clase acomodada, viven agora soas e na miseria, vítimas do seu delirio e entre os cascallos dese pasado perdido que choran. A obra desenvólvese como unha comedia circular na que se mesturan a realidade e a fantasía. Absurdos e disputas danse a man nunha peza en clave feminista cunha marcada crítica social.

Nesta posta en escena de Clara Gayo, que confesou que tivo “plena liberdade creativa” no seu labor, hai unha revisión estilística do texto orixinal e mais a introdución de elementos simbólicos e surrealistas a través da escenografía de Carlos Alonso. A trama ideada por Eduardo Alonso hai vinte anos segue a estar vixente e respéctase na montaxe, xa que a historia destas damas de Ferrol pode ser a doutras mulleres en calquera cidade hoxe en día. Como salienta Gayo, “o que mudou, o que evolucionou neste tempo é a mirada do público”.

Mención á parte merece a música composta por Chefa Alonso, que, a ritmo de jazz, atravesa dun xeito orgánico toda a obra. O diálogo por veces caótico, por veces melódico que adoitan establecer os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e para reforzala. O resultado, en palabras da compositora, é “música para un texto desapiadado nun mundo sen esperanza”.

As damas de Ferrol está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Concello de Ferrol. O equipo da obra está integrado por Clara Gayo (dirección), Mónica Camaño e Casilda Alfaro (elenco), Eduardo Alonso (texto e deseño de iluminación), Chefa Alonso (música orixinal), Carlos Alonso (escenografía e vestiario) e Eva Alonso (produción). Logo da súa estrea en Ferrol comezará unha xira que xa ten datas confirmadas no Carballiño.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha morea de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camus; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, entre outros.

Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, con autoría de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outra das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiu os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboyalzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.

20231129-NP-Estrea-As-damas-de-Ferrol

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: ESPIÑA

Miguel Díaz, ESPIÑA

Sometidos non, de ningún xeito derrotados. Convencidos somos pola acollida do silencio. Negándose á capitulación, a fortaleza da escrita. O abrigo neste reduto de resistencia. Sermos aínda, no escenario ignorado polas olladas violentas. A carón do lume que non ameazan as présas. Nesta minoría necesaria, neste recanto apartado da rabia, que anhela terreos que lle acoutamos. Vixentes aquí, na raxeira do sorriso cómplice, que nos sostén ante a barbarie.

Por conseguinte, que hoxe teime o latexo en non someterse, en porfiar na utopía. Que insista a vida en contarse e descontarse, en diluírse plena, enfrontando días murchos, miradas exánimes. Rexeitando desde o alto os monstros que aganchan ávidos polos muros. Conspirando, malia todo, dan man da beleza, que traza en nós o esbozo dunha caricia salvadora. Dun aloumiño que agarda, se cadra na propia espiña.

Fallo VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Integrantes do xurado e da organización do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

O VI Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.

O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:

1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra “Non deixedes na mesa nin leite nin pan”, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.

2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra “Vaira e Cristal”, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.

Acto de Entrega do VI Premio Agustín Fernández Paz a Pablo Nogueira

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do VI Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade ao escritor gañador,PABLO NOGUEIRA, polo seu libro “RINGO. MEMORIAS DUN COELLO FEDELLO”, que terá lugar o sábado, día 2 de decembro de 2023,ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.

NOTA_INFORMATIVA_ENTREGA-PREMIO-AFP2023

Publicación da obra dixital 25 N VOCES CONTRA O MACHISMO en Culturalia GZ

Como a realidade é terriblemente teimosa en impedir que deixemos de conmemorar a data do 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, desde Culturalia GZ tamén teimaremos en enfrontar esta continxencia negativa a nivel social, que ten como vítima principal á muller, coa palabra loitadora que representantes do eido literario, artístico ou educativo achegan para armar unha publicación diversa e comprometida como a que conforma esta pequena obra dixital.

25 N Voces contra o machismo xunta nun único berro a vontade e o compromiso de nove autoras que desde a súa perspectiva singular buscan afianzar a forza colectiva necesaria para rematar de maneira definitiva contra a lacra secular do machismo. A arte, a través da imaxe ou da palabra, de Andrea Fernández Maneiro, Lourdes Maceiras, Mariña Maceiras Segovia, Adolfina Mesa, Carlota Millor, Silvia Pardo Galdo, Clara Pino, Silvia Tasende e Patricia Torrado Queiruga.

GRAZAS!

25-N-VOCES-CONTRA-O-MACHISMO

Enlace á obra 25 N VOCES CONTRA O MACHISMO

O espectáculo “Fabulas e o ladrón de paraugas” e a webserie “Un ronsel de futuro, historias soterradas”, esta fin de semana, na Casa-Museo Manuel María

Esta fin de semana celebraranse dúas actividades na Casa-Museo Manuel María.

A primeira é un espectáculo para nenas e nenos maiores de tres anos e leva por título Fazulas e o ladrón de paraugas. Esta actividade é unha narración oral con monicreques e música que preparou Fran Campos, de Bandullo Azul, e que será o sábado, día 25 de novembro, ás 17 h. Está baseada no libro “O ladrón de paraugas” de Xosé Lueiro e conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para dar resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura, collido da empuñadura dun paraugas.

Para asistir a este espectáculo é necesario facer reserva (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A segunda actividade será o domingo, día 26 de novembro, ás 12.30. Trátase da presentación da webserie Un ronsel de futuro, historias soterradas, un filme de Señor López Producións, que trata de achegar a través do cinema toda a inmensidade dos catro museos que fan parte da Rede Museística provincial de Lugo. A historia de ficción ten o seguinte fío argumental: Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

Esta webserie que se presentou nos Cines Númax e en Bos Aires, da man da Universidade Nacional Tres de Febrero, agora preséntase cun formato espectáculo en distintas localidades da provincia de Lugo. A primeira localidade será Outeiro de Rei, e en concreto a Casa-Museo Manuel María, para posteriormente e en próximas datas pasar por Barreiros, O Courel, Sarria, Meira, Lugo…. 

Esta actividade vai dirixida para todos os públicos, é de entrada libre mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621