HENKO A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A SILVA

Con que violencia se fai presente a creba nesta descomposición da comunidade, nesta lamentábel disposición das circunstancias. Con que submisión nos empequenecemos, nos permitimos non ser ata transformarnos en monicreques articulados por mans voraces e insaciábeis. Defendemos a creación dun soldado que quizais nunca foi necesario, porque nos sinalan inimigos onde só hai semellantes. Modifícannos o paso, a velocidade, para que absurdamente apurados e axitados, non sexamos capaces de cuestionar quen e como nos manexa.

Aceptamos pobremente unha norma que nos nega, que nos deshumaniza, en beneficio de feras que manipulan seres humanos coma se fosen meras pezas nun taboleiro. E o máis terríbel é que acabamos por asumir como propio o lugar que nos asignan. A fractura convértese nunha fronteira que defendemos, mesmo cando nos separa daqueles cos que compartimos a mesma fraxilidade, incluso cando nos distancia daqueles cos que poderiamos construír unha forza común capaz de pór en cuestión a orde que nos mantén sometidos e coas espadas erguidas contra quen ten feridas similares ás nosas.

Quizais a primeira forma de resistencia, a primeira posibilidade de atopar un camiño de volta e reverter a deriva vixente, sexa parar. Sentar para frear procesos impostos que nos empurran a renunciar á nosa humanidade sen reparar sequera no prezo que pagamos diariamente ao tempo que alimentamos un odio que, irremediabelmente, acabará por aniquilarnos.

Talvez a primeira rebeldía naza de contemplar a beleza que nunca nos detemos a observar, case invisíbel por cotiá.

Se cadra a silva na que prendemos só intenta axudarnos a non diluírnos.

Conferencia sobre Ramón Otero Pedrayo, a cargo de Victorino Pérez Prieto, na Casa da Cultura de Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá o vindeiro xoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, a conferencia Otero Pedrayo e a Xeración NÓS, que será impartida por Victorino Pérez Prieto. A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración co Concello de Vilalba, e con entrada libre ata completar a capacidade.

A charla estará dedicada á figura de Ramón Otero Pedrayo, unha das personalidades máis destacadas da cultura galega do século XX e membro fundamental da Xeración NÓS, o grupo de intelectuais que desempeñou un papel decisivo na renovación cultural, literaria e política de Galicia nas primeiras décadas do pasado século.

NOTA-INFORMATIVA-VICTORINO-PEREZ-PREITO

Exposición «O Herbario de Agustín» na Casa da Cultura de Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá do 23 de outubro ao 10 de novembro a exposición «O Herbario de Agustín», un proxecto que nace dun coidado proceso de lectura e investigación arredor das obras de Agustín Fernández Paz e que busca poñer en valor a riqueza do patrimonio literario e natural a través  das especies vexetais que aparecen nos seus textos.

O herbario é froito do traballo colaborativo do alumnado do Club de Lectura, do equipo da Biblioteca e do Club de Ciencia do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, que se mergullaron nos libros do autor cunha mirada atenta para identificar e documentar cada referencia ás plantas. Unha lectura que foi moito máis alá da interpretación literaria para converterse nunha auténtica exploración botánica, na que cada páxina podía agochar unha nova especie por descubrir.

NOTA-INFORMATIVA-O-HERBARIO-AGUSTIN

Gala de entrega do IX PREMIO AGSUTÍN FERNÁNDEZ PAZ no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade ao escritor gañador, FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, polo seu libro “QUERO SER COMA VERO BOQUETE”, que terá lugar o sábado 24 de outubro de 2026, ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. 

O referido acto, enmarcado nesta ocasión na Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026-2027 “MIRADAS SOBRE AGUSTÍN”,  será presentado por CARMEN HERMIDA e contará coas intervencións de MARISA BARRERO, presidenta do Iescha; MARTA ROUCO alcaldesa de Vilalba; FRAN ALONSO, director de Edicións Xerais de Galicia; MANUEL BRAGADO, membro do Xurado, e FRAN FERNÁNDEZ DAVILA, gañador do IX Premio Agustín Fernández Paz, que irán intercalándose entre as actuacións previstas.

Durante o acto, irán producíndose distintas actuacións relacionadas coa música, co teatro, coa poesía, coa palabra, coa imaxe…

Para elo, contaremos coa participación de:

* GRUPO DO CENTRO OCUPACIONAL TERRA CHÁ DE VILALBA

* CARLOS GÓMEZ OSA

*  MINICORO DE ESMUVI 

*  ALUMNADO DA BIBLIOTECA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DO IES BASANTA SILVA

NOTA-INFORMATIVA-gala-de-entrega

O IESCHA presenta en Vilalba a “Iniciativa Agustín Fernández Paz 2026/2027: Miradas sobre Agustín” na Biblioteca Agustín Fernández Paz

A iniciativa “Miradas sobre Agustín”, promovida polo IESCHA en Vilalba, nace coa vontade de divulgar a obra e o legado de Agustín Fernández Paz, unha figura fundamental da literatura galega contemporánea e da cultura vinculada á lectura, á educación e á creación.

Ao longo do curso 2026–2027, o programa propón encontros, conversas, actividades literarias e celebraciónsarredor das múltiples dimensións de Agustín: a literatura, o cinema, o cómic, a lingua, a renovación pedagóxica e a relación coas novas xeracións. A iniciativa está organizada polo IESCHA, co apoio da familia e coa participación das amizades e das persoas valedoras da figura do autor.Neste marco, o vindeiro venres 23 de outubro de 2026, ás 19:00 horas, a Biblioteca Municipal “Agustín Fernández Paz” de Vilalba acollerá o primeiro evento cultural especial para afondar nesta homenaxe.

Programa da Xornada

  • Apertura da Exposición “O Herbario de Agustín”, realizada polo alumnado do IES Basanta Silva de Vilalba, e que poderá visitarse ata o 10 de novembro.
  • Presentación do proxecto: Marisa Barreiro dará a coñecer de forma detallada as actividades e obxectivos que compoñen esta gran programación para o curso.
  • Lectura do Manifesto: Como acto central de reivindicación e recoñecemento, os escritores Paco Martín e Xavier Senín serán os encargados de ler o Manifesto a favor da figura de Agustín Fernández Paz.
  • Charla inaugural: Isabel Soto analizará a fonda vinculación da traxectoria do autor coa identidade e a sociedade galega impartindo a conferencia “Agustín Fernández Paz: o compromiso cun país e coa terra de nacenza”. 

NOTA-INFORMATIVA-ACTO-INAUGURAL

ButacaZero presenta en Vigo A VELADA DE LONDRES, a súa homenaxe a Manuel Lourenzo

O Auditorio Municipal vigués acolle este venres 16 ás 20.00 h unha nova función do espectáculo, que pendurou o cartel de “entradas esgotadas”

A peza acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo

A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), chega este venres 16 á cidade de Vigo. A cita será no Auditorio Municipal, ás 20.00 horas, e as entradas xa están esgotadas.

A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo

En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.

A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.

Mostra no vestíbulo antes da función

Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa,un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego.  

A de Vigo será a última cita antes de retomar a tríade final de representacións da xira d’A velada de Londres, que terá lugar na sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro). A xira conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros; e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes.

Entradas · Xira ‘A velada de Londres’

Sinopse

A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.

Ficha técnica

  • Dirección: Xavier Castiñeira.
  • Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
  • Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
  • Deseño de luz: Violeta Martínez.
  • Espazo escénico: Beatriz de Vega.
  • Figurinista: Carlos Pinilla.
  • Produción e distribución: ButacaZero.
  • Produción en xira: Rubén Capelán.
  • Axudante de dirección: Nuria Montero.
  • Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.

ButacaZero

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.