O Encontro Galeusca de 2025 reúne representantes da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), que representan case 2800 autoras e autores no conxunto das tres entidades.
Neste espazo de diálogo póñense en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en temas de actualidade como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.
– 11:05 h. Apertura por representantes das tres asociacións.
– 11:20 h. Relatorio inaugural sobre a traxectoria de Galeusca a cargo de Goizalde Landabaso, acompañada por Sebastià Portell (presidente da AELC) e Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– 11:40 h. Acto aberto de reflexión sobre Galeusca con representantes das tres entidades, moderado por Marta Dacosta.
– 12:45 h. Diálogo sobre Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas, con Rubén Cela, Ania González Castiñeira e Sebastià Portell.
Museo do Pobo Galego. Pola tarde.
– De 16:30 a 17:30 h. Mesa redonda sobre literatura de tradición oral, coordinada por Antonio Reigosa. Con Oihana Arana e Amaia Elizagoien, Joan Borja, Alba María e Rita Sineiro.
– De 17:30 a 17:50 h. Lectura pública das conclusións do Galeusca 2025, por parte das tres asociacións.
Igrexa de San Domingos de Bonaval.
– 18:00 h. Lectura da Declaración de Compostela-Bonaval.
– De 18:30 a 20:00 h. Acto de clausura coordinado por Lois Pérez, con improvisación entre regueifeiras (Alba María e Lupe Blanco), bertsolariak (Oihana Arana e Amaia Elizagoien) e glosadors (Miquel Àngel Adrover e Berta Llos). Peche musical con Ugia Pedreira.
O Instituto de Estudos Chairegos, continuando co desenvolvemento do programa de actividades do mes de setembro de 2025, organiza a representación da obra PROFETAS, a cargo do grupo Ítaca Teatro, que contou co patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a coprodución do Centro Dramático Galego, da Xunta de Galicia, e coa colaboración e apoio do Concello de Vilalba, a Mostra de Ribadavia, o Concello de Lugo e a Deputación de A Coruña.
O acto terá lugar o sábado 20 de setembro de 2025, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.
“A compositora e cantante Cris Román, comezou a súa andaina musical co grupo de Rock Areavasta. En 2014 decide comezar a súa aventura en solitario e en abril de 2016 siu á luz o disco autoproducido A Cuentagotas.
Profesora da USC, Cris Román, reparte o seu tempo entre a investigación e a docencia e a súa paixón pola música. Unha autora comprometida, con alma de roqueira baixo un antifaz de pop aterciopelado. Acompañada dunha banda de grandes músicos como Alexandre Fontán aos teclados; Fran Alonso ao contrabaixo; Alexis Iglesias na guitarra; e Javier Romo na percusión. Entre as súas cancións pódese atopar un amplo abano de estilos dende blues, swing, country, e música de autor, con cancións en inglés, castelán e galego”.
Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba
Non vou negar a miña afección polas novelas de vaqueiros na época de estudante de bacharelato na cidade das murallas. Máis ca un simple entretemento — motivo polo que as lía— foron o caldo de cultivo da miña posterior lectura, que non sei se definir como compulsiva ou convulsiva.
Antes de interesarme polos pistoleiros, pola dura vida na fronteira de Texas ou polos buscadores de ouro de Dakota do Sur, as miñas lecturas estiveran marcadas por Verne, Stevenson ou Enyd Blyton. Mais ao chegar a Lugo estes autores deron paso a Estefanía, e Kane, entre outros. As noveliñas do oeste eran as máis accesibles para o meu peto e tamén para os dos meus colegas de lectura, cos que, naturalmente, intercambiaba as xa lidas. Así evitabamos ter que ir ao kiosko habitual cambialas por unha ou dúas pesetas e, no seu canto, podíamos destinar ese diñeiro aforrado para mercar algún Celta curto, que vendían soltos e, con algo de sorte, incluso algún Ducados.
As rapazas, pola súa banda, seguían un ritual semellante coas novelas gráficas da escritora de Viavelez, Corín Tellado; historias de amor e celos que circulaban con igual intensidade entre as manas das lectoras. Moitas veces me ten tentado o demo mercar algunha, pero dábame vergoña. Que dirían os meus amigos? Naquela época no que o xénero marcaba tanto a nosa vida, era de ousados, un mozo ler unha novela de Tellado ou viceversa, unha moza ler a Estefanía. Acababas sendo sinalado como marica ou marimacho.
A lectura deste tipo de literatura, se así lle podemos chamar, duraría un par de anos, sempre alternada coas lecturas obrigatorias ou aconselladas por parte da profesora de Literatura. Lecturas que te engachan como pode suceder coa droga ou o alcohol e que algúns non foron quen de superar ata que Deus ou o demo —vai ti saber—os veu veu chamar.Tal era o caso de Venancio, un veciño meu. Un caso, podería afirmar, malia non ser psiquiatra, clínico. Cando eu estaba na idade da puberdade el xa era maior, polo menos pasaba do corenta, desde o meu punto de vista de púbere, un ancián.
Venancio sempre ía provisto, como mínimo de dúas novelas asomando nos petos da súa chaqueta ou gabán. Un pouco a imitación do gran escritor de Lugo, Ánxel Fole, que a cotiá levaba a metade do diario “El Progreso”, fóra do peto. Un amigo meu de Oviedo, gran admirador do poeta e cuentista Fole, sempre que falabamos del, lembrábame esa comunión entre o diario de Lugo e o escritor, que por outra parte era articulista do mesmo.
Venancio, amigo da familia, tenme convidado moitas veces á sua casa para presumir de biblioteca. Unha biblioteca única e exclusivamente formada por este tipo de novelas, coa excepción de “El Quijote” e “Los Miserables”. Estefanía, Keith Luger, Silver Kane…, ateigaban os andeis daquel peculiar santuario de letras, arca do saber ou xardín de libros. Calquera desas definicións nos podería valer para describir aquel cuarto con cheiro a humidade, tinta e madeira vella.
Co paso dos anos as historias foron calando tanto na súa alma que comezou a falar e a actuar como un personaxe máis dos seus amados autores. Tan pronto era un forasteiro acabado de chegar a un saloon de Dodge City: —Esta vila está chea de tramposos e buscavidas —berraba ao entrar no café de Vicente e pedir un whisky, que viña a ser unha cervexa San Miguel rebaixada con gaseosa “El Castillo”; gaseosa elaborada na vila, mesturando auga cunha especie de pós na fábrica de Emilio Pol. —A vida é dura na fronteira, amiga —soltaba cando, sentado nunha cadeira tomaba un viño mentres no televisor botaban “El Virginiano”, un ama de casa entraba na tenda de Hortensio mercar garavanzos ou bacallau e se queixaba do prezo. E así, para cada situación sempre tiña algo que dicir.
Aínda se segue a falar hoxe na vila daquela mañá de domingo de feira cando un labrego rifaba cun tratante por un trato de gando e apareceu el co seu elegante gabán. —Aquí só hai unha maneira de resolver isto, un duelo. Eu podo ser unha testemuña, a outra, coida que D. Manuel, o cura, pode ser a persoa máis axeitada. De paso aproveita para suministrar o derradeiro mandamento ao que teña a mala fortuna de caer con honor. Os feirantes miráronse, mirárono, e botáronse a rir. Pero el non ría. Levou a man ao bolso do gabán e sacou… “Leyes de plomo” de Marcial Lafuente Estefanía. —Aquí está a lei do Oeste. A ver se vos instruídes algo. Así saberedes como se resolve unha disputa entre homes de honra.
Venancio, que por certo nunca deu un pau á auga, seguiu no seu mundo de cabalos, pistoleiros e foraxidos. Nunca pisou Kansas nin Texas, pero no seu corazón ata a súa morte, ocorrida pouco antes de rematar o século pasado, seguiu a ser o último cowboy de Castroverde.
Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.
O apartado musical correrá a cargo de CARLOS GÓMEZ OSA.
· SÁBADO 13 DE SETEMBRO – ÁS 20:00 HORAS
NO AUDITORIO MUNICIPAL (Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba)
Imaxe da autora recollida do seu espazo na AELG. Autoría: Distrito Xermar (2022)
A obra da sonense Patricia Torrado Queiruga, que recibirá 7.000 euros e verá publicada a súa creación, foi a elixida polo xurado integrado por figuras de prestixio cultural e académico
O xurado do LI Certame Literario do Concello de Vilalba vén de facer público o seu ditame, proclamando como gañadora a obra Nakba, presentada baixo o lema “Coma quen lambe a ferida”, e cuxa autoría correspondeu á escritora e poeta Patricia Torrado Queiruga.
O certame, o máis antigo de Galicia e tamén un dos de mellor dotación económica, está recoñecido como unha das grandes citas da creación literaria no país. A gañadora desta edición recibirá un premio de 7.000 euros, ao que se suma a publicación da obra.
O xurado estivo composto por figuras de referencia do ámbito cultural e académico galego: Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista; Fidel Fernán, director do Grupo de Radio Principal; Luz Airado, avogada e poeta; e Andrea Fernández Maneiro, poeta e gañadora da edición anterior.
A alcaldesa Marta Rouco destacou “a importancia de manter vivo un certame que forma parte da identidade cultural de Vilalba e que é, ademais, un referente en toda Galicia polo seu prestixio e pola súa aposta decidida pola creación literaria”. Engadiu que “detrás destas cinco décadas de historia hai un compromiso claro co talento, a cultura e a palabra escrita”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura Mónica González puxo en valor a calidade da obra gañadora e da propia convocatoria: “o Certame Literario de Vilalba demostra ano tras ano a súa capacidade de atraer voces potentes e diversas do panorama literario galego. Este premio non só promove a creación, senón que tamén proxecta o nome de Vilalba”.
A traxectoria da gañadora
Patricia Torrado Queiruga (Porto Son, A Coruña) é licenciada en Filosofía pola USC, museóloga e experta en conservación e restauración do patrimonio pola UAH, ademais de contar con mestrados en Xestión Cultural e en Relacións Públicas e Protocolo pola UPO.
A súa traxectoria literaria está avalada por numerosos recoñecementos, entre os que destacan:
Primeiro premio do Certame Manuel Murguía de narracións breves (2020).
Primeiro premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba (2020).
Primeiro premio no III Certame de Caligramas Constanza de Castro (2023).
Primeiro premio no XI Concurso de Poesía Albariza de Artes-Concello de Ribeira (2024).
Segundo premio no XXIX Certame Francisco Añón de Poesía (2025).
Ademais foi galardoada en varias ocasións nos Certames de Microrrelatos do Día do Libro de Vilalba, nos que acadou distintos premios entre 2019 e 2022, así como noutras citas literarias de relevancia.
Sen esquecer as súas colaboracións con artigos de opinión en espazos de información variados como La Voz de Galicia ou na súa sección DEMIURXIA en Culturalia GZ.
Imaxe das persoas integrantes do xurado no LI Certame Literario do Concello de Vilalba, acompañadas da alcaldesa Marta Rouco
*A información para realizar esta nova foi recompilada principalmente na web do Concello de Vilalba