VINTE: Poesía Argonauta

VINTE: Poesía Argonauta

O sábado 4 de Novembro Recital de Poesía ás 7:30 da tarde na Libraría Biblos e no Local da Sociedade Lar de Unta no que participarán:

YOLANDA PASCUAL, PAS VERES, DANIEL CALVETE, ANTÓN DE GUIZÁN, MARISA GARCÍA, JUDIÑA DE LEA, MARIA PEREIRA, MONCHO BOUZAS, BRANCA VILLAR, JOSÉ CARPENTER E MARTIÑO MASEDA.

 

Presentarase o poemario publicado na rede Vinte: Poesía Argonauta de Moncho Bouzas, ilustrado con fotografías do Biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño e obras da pintora Amalia Costa. É a recompilación de vinte vellos poemas escritos no século pasado, todos eles lidos en recitais do Batallón Literario da Costa da Morte polo autor, e que agora ven a luz en homenaxe ao recentemente falecido poeta e percebeiro Paco Souto.

O recital de poesía, que conta coa participación do poeta vilalbés Martiño Maseda, forma parte dunha iniciativa de dinamización da creación e divulgación da poesía, froito da cooperación de creadores de Betanzos que impulsan a proposta de constitución dun Grupo Poético nas Mariñas coa NPG Nova Poesía Guitirica. A Chaira e As Mariñas baixo o lema Forza e Medre a Poesía!!, concorren nun recital de poesía no Casco Histórico de Betanzos. O recital está organizado pola Sociedade Gastronómica, Cultural, Xuvenil e Deportiva Lar de Unta e conta coa colaboración da Libraría Biblos.

 

*Información facilitada por Moncho Bouzas.

VINTE, novo grupo poético

VINTE, novo grupo poético

O próximo sábado bota a andar en Betanzos um novo grupo poético-VINTE, poesía argonauta- con un recital no espazo literário Bíblos e na Asociación Lar de Unta nun acto poético no que participará poetas do novo grupo, da NPG Nova Poesia Guitirica e o poeta vilalbés Martiño Maseda. A dinámica literária chairega achega o seu apoio a iniciativas da comarca veciña e sentabvias de colaboración cultural para o futuro con esta nova iniciativa, espello da NPG, que xa ten participado de numerosas actividades fora da comarca e que prepara para o 2 de decembro nos Vilares a entrega de prémios do Certame <VILARIÑAS> de micropoemas. Adxuntamos enlace de informação do recital e cartel do mesmo:

 

https://poemasenfollaimpar.wordpress.com/2017/10/24/recital-de-poesia/

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

María Reimóndez gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade por FÓRA DO NORMAL

María Reimóndez gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade por FÓRA DO NORMAL

 A escritora luguesa María Reimóndez Meilán gaña o I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuveil pola igualdade coa obra FÓRA DO NORMAL. Reimóndez, tradutora e intérprete de profesión, é unha escritora consolidada e considerada dentro do panorama literario galego, tanto polos premios literarios acadados como pola cantidade e calidade de libros publicados.

A este certame literario, convocado polo IESCHA e Concello de Vilalba, e coa colaboración de Edicións Xerais, presentáronse mais de 20 obras. E actuaron de xurado: os escritores Marica Campo e Xabier P. Docampo, e o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

*Información achegada polo IESCHA.

Os nomes da terra

Se vou, como fago de cando en cando, desde a casa onde nacín ata a Castro de Zoñán, apenas un quilómetro de distancia, teño que elaborar un mapa mental e rotulalo cunha morea de nomes propios que identifican a contorna do camiño que teño que pisar. Saio da casa de Ambrosio, de Carreiras ou a do Caminero, que está cabo doutras (de Xan do Campo, de Cabanas, de Patricio) no lugariño do Campo, un dos once núcleos que conforman (a maioría deshabitados) Zoñán.  E sigo a orde pola que van aparecendo a dereita e esquerda leiras, prados, sebes, valados… e digo Sucampo, O Carballiño, O Camichao, A Cova, A Areosa, A Zarralla, As Cárcuas (as largas e as curtas), As Valiñas, O Couteiro, A Antigua, O Castro de Riba, A Costa Vella, O Carballo do Rego para, unha vez que cruzo o rego que se apelida como a aldea, e que corre cara as casas de San Cristovo, chegar á Croa que é como se chama de seu a coroa do castro que quero visitar.

Se fixese a viaxe por outro camiño os nomes serían diferentes, e se andase todos os camiños do meu territorio da infancia xuntaría centos, pode que miles destes nomes e con eles rememoraría outros de propietarios, usos, orografía, arboredo … Canta riqueza a pesar de que esquezo os nomes propios particulares que se lles asignan a algunhas das parcelas por razóns de tipo familiar, de herdanza, de compra ou por outro motivo.Estes son os nomes da miña terra que é, coma todas, unha sucesión ininterrompida de microtopónimos.

Hai máis de 40 anos publicouse na colección O Moucho de Edicións Castrelos un libriño de Celso de Baión (Xosé Mª Álvarez Blázquez) con este título “Os nomes da terra”. Desde entón esta parte da onomástica que estuda os nomes de lugar avanzou ata o punto de que hoxe en día contamos con obras de mérito da autoría de consumados especialistas como o desaparecido Nicandro Ares, ou como Carlos Vázquez García, autor do monográfico “Toponimia do concello de Lugo”, de edición recente.

Na Xornada de Literatura de Tradición Oral, celebrada en Lugo o 21 de outubro, contamos coa presenza doutro recoñecido especialista, Gonzalo Navaza, que nos falou dunha parte deses nomes. “Toponimia e lendas”, un corpus inmenso derivado da intensa humanización, cando non dunha auténtica sacralización do noso territorio.

Haberá, por tanto, ocasión para que relator e asistentes poñamos na palestra topónimos vinculados ao imaxinario como poden ser aquí na provincia de Lugo os de Ponte de Gatín, Triacastela, Pena Roldán, Alegrín, Salto do Can … e tantos outros.

A lenda do Demo e o “gatín” que lle dá nome á ponte de Liber (Becerreá) é das máis coñecidas; a da orixe de Triacastela, “tira ca estela”, tamén. Se cadra non o son tanto a orixe de Pena Roldán, Os Vilares (Guitiriz), bautizado así por este heroe cando pasou en persoa por alí, ou a de Alegrín, areal de Suegos (O Vicedo), onde houbo vila agora asolagada por maldición divina.

En Saldanxe (A Pastoriza) hai un lugar que se chama Salto do Can. A nós díxonos Belén Chao, de Bretoña, que hai xa moito tempo houbo unha loita entre cans e lobos, e un dos cans deu un salto tan grande que saltou por enriba de todos os demais. Puidera ser! Por que non!

© Antonio Reigosa

Entrega dos prémios do CERTAME VILARIÑAS

Entrega dos prémios do CERTAME VILARIÑAS

ENTREGA DOS PRÉMIOS DO CERTAME <VILARIÑAS>

Xa temos data para a entrega dos premios do #CertameVilariñas 2017. Será o 2 de Decembro, sábado ás 18:30 na igrexa dos Vilares (Guitiriz). Sandra Sandra Arauxo Carballido, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez serán agasalhados con unha peza única da artista Viki Rivadulla, num acto poético coa participación de representantes da cultura e da poesia chairega na igrexa na que foi bautizado o poeta Díaz Castro.

http://culturaliagz.com/?s=Vilari%C3%B1as

 

*Información facilitada por Antón de Guizán en representación da Asociación Sociocultural OS VILARES, LAREIRA DE SOÑOS e da NPG.

 

Entrega do Premio MONDOÑEDO10 2017 – POESÍA

Entrega do Premio MONDOÑEDO10 2017 – POESÍA

De paso que imos ás #assanlucas861! Quedades convidados!

 

Domingo, 22 de outubro

ACTOS PREVIOS

Ás 11.15 h.: Recepción do CORO CÁNTIGAS DA TERRA da Coruña, diante da casa natal do músico PASCUAL VEIGA (a carón do Seminario).

Ás 12:15 h. Ofrenda floral homenaxe a Pascual Veiga ante o seu mausoleo, no Cemiterio Vello.

Ás 13:00 h.  Auditorio Pascual Veiga.

–Homenaxe á sección mindoniense das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación.

 

ACTO DE ENTREGA PREMIO MONDOÑEDO10 2017

–Auditorio Pascual Veiga.: Acto de entrega a Chus Pato do Premio Mondoñedo10 2017, modalidade Poesía, polo seu libro “Hordas de escritura”, Xerais, 2008. (Premio fallado o 15 de outubro)

Pechará o acto o coro Cántigas da Terra coa interpretación do Himno Galego.

 

*Información facilitada dende as entidades organizadoras do Certame MONDOÑEDO10