IV RECITAL POÉTICO SOLIDARIO INTERNACIONAL na Casa da Cultura de Vilalba

IV RECITAL POÉTICO SOLIDARIO INTERNACIONAL na Casa da Cultura de Vilalba

Baixo o lema “Verso, ¿que traes? Esperanza”, o vindeiro venres, 22 de decembro a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase o IV RECITAL POÉTICO SOLIDARIO INTERNACIONAL. Organizado polo portal dixital Culturalia GZ e en colaboración con Cruz Vermella Vilalba e o Concello de Vilalba, tentarase recadar a maior cantidade de fondos para a Campaña de Xoguetes, “Os seu dereitos en xogo”, que anualmente leva a cabo a mencionada Cruz Vermella.

As entradas están a disposición das persoas interesadas na Casa da Cultura. O prezo das mesmas será de 5€, agás para @s nen@s até unha idade de 12 anos, cuxa entrada será de balde.

A listaxe de poetas participantes acadará practicamente a vintena, con nomes coma Marica Campo, Xosé Otero Canto, Toño Núñez, Antón de Guizán, Fátima Fenández, María Xosé Lamas, Beatriz Dourado, Lois Pérez, Pilar Maseda, Daniel Irimia, Xesús Bermúdez Tellado, José Carlos Ulloa García, Adolfina Mesa, Paco Ledo, Ana Vila Portomeñe, Montse González Álvarez… Ademais haberá uns intermezzos musicais a cargo de Néstor González que nos interpretará unha serie de pezas ao piano eléctrico.

Tamén se solicitou aos poetas que van recitar a cesión dun libro propio ou doutra autoría como agasallo para as persoas que resulten gañadoras no sorteo final que se fará entre todas as entradas mercadas polos asistentes.

 

*Autoría da fotografía: Cruz Vermella

ESPERTAR.

Espertar dun soño afastado, detrás dunha porta con chave de anos, versos da lúa en choiva de bágoas, sombras de vellas lembranzas, camiño. ……testemuña dunha mirada.

Música da memoria, aperta dun encontro enfeitizado na alma, ulindo un perfume na pel, gardado nunha salvaxe terra, chamada dunha folla escrita no vidro da auga.

Espertan os secúlos, lembran a promesa, agardan na rúa da aldea a figura durmida, dun amor que esperta.

Arquitectura dunha angustia, que escribe versos.

Ana Mar Fraga Rábade.

Entrega Premios I Certame VILARIÑAS

Entrega Premios I Certame VILARIÑAS

O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.

Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu  a cargo de Regina Polín como alcadesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.

Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.

No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.

Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.

A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.

Medre a Poesía!

 

POEMAS PENDURADOS DE FAROLAS: LUMES NUNCA MÁIS!! por Antón de Guizán

POEMAS PENDURADOS DE FAROLAS: LUMES NUNCA MÁIS!! por Antón de Guizán

Un ano máis, e van tres, nos primeiros dias de 2018, as farolas do concello natal do poeta Díaz Castro lucirán poesía con mensaxe social.

A NPG Nova Poesia Guitirica, a Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños e o portal literário dixital Culturalia GZ organizan a terceira edición de POEMAS PENDURADOS DE FAROLAS.

Se en 2016 supuxo a estrea con poemas da NPG, e na segunda, foi adicada á temática contra a violéncia machista,para este ano 2018 o lema será LUMES NUNCA MÁIS e coa novidade dunha convocatória aberta a quen queira participar.

Como xa levamos feito desde o seu início, um poema de Xosé María Díaz Castro figurará entre o conxunto dos que decorrem as farolas guitiricense de Lagostelle e Parga, e neste caso será o poema ESMERALDA, homenaxe á natureza e á importância das cousas pequenas, que inspirou ademáis o recente #CertameVilariñas de micropoesía que con tanto éxito se ten iniciado.

Num mundo cada dia máis prosaico, a poesia axuda a humanizar e mudar desde o compromiso e neste caso desexando mudar conciencias não só de persoas, senón dos poderes para evitar lacras que ennegrcen o nóso país, que nós empobrecen e deixan un mundo peor ás xeracionalmente que nos sucedan. Por iso a temática da vindeira edición é LUMES NUNCA MÁIS, para axudar a non esquecer, pois a memória é aprender…

#PoemasPenduradosDeFarolas  desde xa mesmo pode recibir poemas para a terceira edición, que serán distribuídos polas farolas de Guitiriz e alarga a comenzos de 2018 e posteriormente editados nos portais dixitáis www.culturaliagz.com e www.galiciadigital.com En formato libro para descargar. A estrutura e rima son livres e a temática deste ano ten que estar relacionada com lema LUMES NUNCA MÁIS. Podedes remitilos en formato word (para homologar imaxe e maquetar, non se alterará o contido nin a estrutura) a

dosvilares@gmail.com

info@culturaliagz.com.

Data limite: 28 de decembro.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

NOMBRES.

Na aba do monte o bosque fai de mesa, ata cando sabe a noite que a mañán chega, a paisaxe ten segredos que ninguén sospeita.

 

Sabe a soidade dun nome, aquel que os nenos lembran, cando de camiño ao monte, os pės a casa chegan, a carga é prezada, sendo fermosa a lenda.

Sol no aposento, diamantes no cabelo, no fondo da alma medo, cando en pinga de amargura gaña un tempo que xa parecía eterno.

Home que ven como mensaxeiro dunha cantiga do inverno, extraño e silandeiro.

Ana Mar Fraga Rábade.

XEMER.

Terra en sombra, versos dun xardín cando a poesía é lenda, inquedanza dun baleiro nunha pel esquecida, cando a tarde deita nun desexo.

Terra mergullada nun paraíso verde, cando o vento mestral trae un aroma de piñeiros.

Xemer dunha gaita en leito de pedra, ollar dunha fada, máis aló da morte.

Galicia…..agasallo dun misterio, néboa nos contos galegos.

Ana Mar Fraga Rábade.