por Adolfina Mesa | Feb 13, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Outras Artes, Xeral
A NOSA LINGUAXE
Teño sílabas…
desexando que sexan desarticuladas pola túa lingua,
palabras mudas pola sintaxe da túa presenza.
Hai moitas letras que describen lendas
na páxina da túa pel,
con sons que non son escoitados pola intimidade.
Os espazos…
son reservados na nosa derme,
en monosílabos ardentes,
diptongos feitos de fogueiras,
nunha linguaxe máxica,
no silencio das miradas.
A paixón é o códice
que pon un reto aos nosos sentidos.
As silabas destrozan incoherencias
que estructuran unha nova linguaxe.
O idioma do vértigo,
os latexos cóncavos da paixón,
coma única lingua…
a exclusiva e inclusiva linguaxe da nosa existencia.
© ADOLFINA MESA 2018
IMAXEN: OBRA ORIXINAL DO AUTOR. “POSESIÓN”.
por martinho | Feb 11, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Presentación do libro “GALEGUÍA” de MANUEL MIRAGAIA editado por CHIADO BOOKS, que terá lugar o vindeiro venres, 16 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba. Intervirá o propio autor do libro, MANUEL MIRAGIA, e o poeta chairego MARTIÑO MASEDA.
Velaí a información sobre dito acto facilitada polo IESCHA.
por martinho | Feb 5, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
O 24 de febreiro, no que se comemora o “Día de Rosalia” coincidindo coa data do seu nacemento no ano 1837, a NPG Nova Poesía Guitirica, CULTURALIA GZ e a Liga Santaballesa organizan un acto poético musical na Escola Habaneira de Santaballa ás 19:00 con entrada de balde. O acto enmárcase no programa de actos da Asociacion de Escritores en Lingua Galega AELG que se desenvolverá por todo o país baixo o lema #AbrideAFiestra e con un manifesto redactado pola escritora María Reimóndez e que será lido en Santaballa por unha nena da parróquia vilalbesa. No recital poético de mulleres que estará presentado por Pas Veres, recitarán entre outras, Pilar Maseda, Emília Martínez Fuentes, Luz Airado, Adolfina Mesa, Mar Beres, Luz Darriba, María Pereira, e outras poetas da NPG e convidadas. Despois da actuación musical, farase unha lectura de textos de Rosalia aberta á participación do público.
A escolla da Escola da Liga Santaballesa ten o simbolismo dos poemas adicados á emigración por Rosalia de Castro e a reivindicación do legado da emigración na aposta pola educación como instrumento para sair do atraso.
A Chaira, un ano máis honra a Rosalia de Castro, a nosa poeta máis universal, dende o rural e nun lugar emblemático: A Escola da Liga Santaballesa.
Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares
por Ana Mar Fraga Rábade | Feb 4, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
DRUIDA.
Estrelas bágoas da noite, lembranzas en silencios que falan, versos desterrados con letras que firen, pechar o corazón trala porta de vella aldavra.
Lúa e luz na montaña descansan, cando o vento do Druida espalla un poema, nos cantís do tempo, doutra civilización, recendo de chorima e xesta, bosque fondo en verde terra,música amada en Reino do teu Reino, pola e paxaro, escudo e sombra, guerreiro eterno na fala das rochas, noite en triste cantiga, pegadas sin nome, hóspede compartido.
Ana Mar Fraga Rábade.
por martinho | Feb 2, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.
É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.
As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.
Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.
No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.
por martinho | Ene 31, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Para este 2018, alén de seguir animando a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día (con actos propios -incluíndo a ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres-), a AELG promoverá que os centros de ensino de toda Galiza realicen nos propios centros de ensino ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais desas lecturas da obra rosaliana, outro tipo de actividades sobre a nosa escritora das que imos dando conta nesta páxina da web da AELG. Podes ver o traballo feito neste sentido por esta Asociación desde 2011 aquí.
A AELG propón celebralo baixo o lema #AbrideAFiestra. Así, propúxose aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, convidando a comunidade escolar a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana.
A AELG celebrará o seu acto central o mesmo día 24 de febreiro, sábado, ás 12.00 no Panteón de Galegos Ilustres, acto no que se dará lectura ao Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, este ano elaborado por María Reimóndez e que vos anexamos.
Tamén para o sábado 24 de febreiro promove, a través da súa base asociativa, outros actos en diversas cidades e vilas do país. Se tes interese en organizar ese día unha lectura colectiva da obra rosaliana na túa vila ou cidade, por favor, fáinolo saber antes do 17 de febreiro en oficina@aelg.org; desde a secretaría técnica facilitarémosche un cartel específico, ademais de colaborar na difusión a través da prensa local e redes sociais e web da AELG.
Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número superior a 50, sumándose tamén as Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
Máis información no seguinte enlace.