Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Non teño voz,
a dor mutiloume a palabra
fíxome refén dos camiños andados.
En cada tropezo un laio
en cada derrota unha aperta
de morriña….
Daquela nena, que choraba
ao carón do pai na carnicería.
Untaba os cepos de negrillo
co sebo de becerro
eran os meus deberes…

“ Trala Porta do Poxigo na Vila… “

Nunha infancia sanguinolenta
de leccións de anatomía forense
animal.
No fío dos coitelos
pasados pola moa e o asperón
asentados logo coa chaira,
entre berros inesquecibles.

Dous días á semana.
Riles encebolados con cachelos…
Martes e Xoves…
Martes e Xoves…
Cada semana…
Un ano…
Outro ano…

Non teño voz,
esgótame a dor…
A nena da carnicería
soñaba poesía con Rosalía…
E voar coma as bolboretas
co seu elegante e sinxelo voo
polinizando flores de futuro.

Mentres esquecía o berro animal
loitando pola vida, espernexando,
colgado na trócola…
Sóubenme cómplice asasina,
aos trece anos, coas mans
tinguidas de sangue…
Cada semana animais en canal.

Fumos asasinos autorizados
con bata branca e coitelos nas mans,
partindo e despezando matanza,
subsistindo a usura bancaria
para autónomos, na transición democrática
de emprestitos ao vinte e dous por cento.

Fun cómplice asasina confeso,
meu pai, o emprendedor pagano,
dos usureiros,homes estudados
tamén autorizados.
Ben vestidos, de traxe e garabata,
con todos os dereitos de embargo.
Cando renunciaron os do Cambio
ao marxismo.

A NOSA AMADA ROSALÍA

A NOSA AMADA ROSALÍA

A NOSA AMADA ROSALÍA.

 

Trobadora da nosa patria.

Labrega da nosa fala.

Es ríos, regatos e montes

Es árbores e montañas.

Es o ar nos verdes vales

Es a estrela que brilla,

Es o vento que zoa.

No laio fúnebre das badaladas

No fondo pesar das entrañas.

 

Quixeron borrar e esquecer a túa labranza

E enterrar o teu labor pola lingua.

Tamén esqueceron o dano que fixeron

¡Aos teus fillos!… ¡teus anxos!… que tanto querías,

morreron todos, coa fame que tiñan.

 

Se o pobo canta, es ti que cantas,

se o pobo chora, es ti que choras.

 

No útero do chan quedan sementadas a fala e a lingua…

E nos corazóns dos galegos cos teus cantares e poesías.

 

Non morre o sol nin morre o día

Se a loita que non se esgota persevera,

E ata a noite a converte en día.

¡E cantar, cantarei!… sementando o teu recordo…

NAI da Matria, lingua e a fala

Nunca morres nin morrerás a nosa amada Rosalía.

 

©Adolfina Mesa – 2018

 

Obra: ROSALÍA DE CASTRO.

AUTOR: Adolfina Mesa

TÉCNICA:  ARTE DIXITAL.

 

Nota:

As persoas interesadas nunha reprodución impresa da miña obra Rosalía de Castro, contactar comigo polo privado para a súa adquisición asinada en orixinal polo autor (A miña persoa) custos da obra e envío. Os prezos varían segundo formato de impresión… Grazas polo voso interese na adquisición da mesma.

Contacto:

adolfina.mesa@gmail.com

info@culturaliagz.com

 

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Acto de presentación de «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833» en Mondoñedo

Este venres, 23 de febreiro preséntase en Mondoñedo «Poder e política na Galiza vilega 1790-1833. Provincias de Lugo e Mondoñedo», un libro de Editorial Bolanda, con autoría do profesor  de Vilaronte (Foz), Xosé Ramón Veiga Alonso.

O acto terá lugar no Centro Comarcal (antigo cuartel), a partir das 20:30 h., e nel intervirá, xunto co autor do libro, o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa.

Xosé Ramón Veiga é doutor en Historia e profesor do departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Ademais é un reputado investigador, cunha longa experiencia, autor en solitario ou en coautoría dunha ducia de volumes sobre historia política e historia agraria, ademais de moitas ducias de artigos que foron vendo a luz en revistas especializadas.

Resume do libro

Entre 1790 e 1833 vívense en Galiza, e no resto do Estado, tempos convulsos, cun mundo antigorreximental decadente mais con forzas dabondo para resistir, e unha alternativa liberal e constitucional aínda en cueiros que turra por ocupar o espazo político. No libro repásase a concreción desta liorta a partires, no fundamental, da análise en clave política e de poder de varias vilas situadas nas daquela provincias de Lugo e Mondoñedo. Os bambeos no poder local e provincial, e a súa concreción en suxeitos históricos con nomes e apelidos, responden á dinámica dun período marcado polo choque entre absolutismo e constitucionalismo, mais en absoluto poden entenderse apelando en exclusiva a factores de carácter xeral que, pola contra, vense obrigados a pasar pola peneira duns microcosmos vilegos que condicionan dun xeito moi importante o resultado e a concreción final das pulsións xeradas no centro.

 

*Información facilitada por Antonio Reigosa

Acto do Iescha: Presentación do libro OS NOMES DO TERROR na Casa da Cultura de Vilalba

Acto do Iescha: Presentación do libro OS NOMES DO TERROR na Casa da Cultura de Vilalba

Velaí a información (arquivo adxunto en PDF) do acto organizado polo Iesha en colaboración con Sermos Galiza para presentar o libro “Os nomes do terror. Os verdugos que nunca existiron” (Represores e represión franquista na Terra Chá), que terá ligar na Casa da Cultura de Vilalba, o vindeiro venres, día 23 de febreiro de 2018, ás 20:30 horas.

Intervirán: Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza  Xosé Ramón Ermida Meilán, coordinador e coautor do volume e Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, coautor do volume e  autor do traballo de estudo sobre a represión no norte de Lugo; pesentará o acto Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA.

Culturalia GZ e NPG editan dous novos libros dixitais, por Antón de Guizán

O soporte dixital e cultural Culturalia GZ e o grupo NPG seguen a editar libros dixitais para a súa descarga gratuita. Despois de ter editado a compilación das edicións #PoemasPenduradosDeFarolas, o #CertameVilariñas 2017, o poemario ARGONAUTA de Moncho Bouzas e as Taboas pictóricas do falecido Anxo Lamas, doadas a Xermolos, publicará este xoves 15, dous ensaios sobre dúas obras do poeta portugués Luís Serguilha (Plantar rosas na barbárie e Kalahari) dos que é autora a portuguesa Ana Maria Rodrigues Oliveira; e ao día seguinte, unha obra colectiva de poetas galegos e portugueses coordinada polo lugués José Estévez (PORTUGALICIDADES Poesía en galego e portugués) coa participación de poetas de ambolos dous países. Está em proxecto tamén a edición nas vindeiras semanas dun poemário de Jesus María Trashorras Nogueira e con portada da artista de Monterroso Adolfina Mesa; ou as intervencións da xornada de nacemento da NPG Nova Poesía Guitirica no 25 cabodano da morte de Diaz Castro en outubro de 2015. Todas estas edicións dixitais son publicadas tamén no portal www.galiciadigital.com na súa biblioteca virtual.

Contribuímos deste xeito á publicación e difusión de obra artística e literária asequíbel a todo tipo de creación. O éxito das actividades promovidas pola NPG e Culturalia GZ que terá a súa próxima iniciativa na homenaxe a Rosalia o dia 24 En Santaballa, manteñen á Terra Chá como está potência poética e literária desde a base, facilitando a participación e difusión da cultura en tódolos ámbitos.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1