Libro POEMAN

Libro POEMAN

Para conmemorar o Día Internacional da Poesía 2018, Culturalia GZ e NPG Nova Poesía Guitirica publican un libro dixital de poemas manuscritos, moitos deles acompañados de debuxos realizados a man polos propios autores dos poemas.

Velaí o enlace onde podemos visualizar dito libro.

Medre a Poesía!

Celebración do Día do Libro 2018 no Concello de Vilalba

Celebración do Día do Libro 2018 no Concello de Vilalba

Unha edición máis, o Concello de Vilalba e Culturalia GZ convocan á cidadanía á celebración do Día do Libro.

Levaranse a cabo as seguintes actividades:

“UN LIBRO POR UNHA CITA”

Entre o martes 20 de marzo e o venres 20 de abril de 2018, estarán repartidos na Biblioteca Municipal e na Casa da Cultura de Vilalba 24 libros variados destinados a distintas idades (infantil, xuvenil e adultos). Atoparanse numerados e a súa identidade será unha incógnita, posto que estarán perfectamente envoltos. Cada un terá no exterior do envoltorio un papeliño cunha cita pertencente ó mesmo. Solicitamos ós veciños e veciñas de Vilalba que se acheguen a ler estas citas para tratar de descubrir a súa identidade.

Para consultar as bases prema en: Bases Un libro por unha cita

CONCURSO “LIBRO, CÁMARA E ACCIÓN”

Concurso destinado a todos os públicos que consiste na elaboración dun vídeo nun formato estándar (dun máximo de tres minutos de duración) no cal se dramatizará ou escenificará un fragmento dunha obra literaria de calquera xénero. Haberá un GRAN PREMIO para o vídeo gañador!

Para consultar as bases prema en: Bases concurso Libro, cámara e acción

Para obter o Anexo da autorización prema: Anexo autorización

ANÍMATE E PARTICIPA!

Medre a Cultura!

Libro Creación NPG Nova Poesía Guitirica

Libro Creación NPG Nova Poesía Guitirica

O 3 de outubro de 1990 celebrouse no cemiterio de Guitiriz o enterro do poeta Xosé María Díaz Castro.
Imaxe do enterro de Díaz Castro
Cortexo fúnebre con Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, González Tosar e Manuel María entre outros

Ao seu funeral asistiron numerosas figuras de relevo da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Paco Martín. A cerimonia relixiosa foi oficiada polo seu amigo Alfonso Blanco Torrado, quen, entre outros textos do autor protagonista do Día das Letras Galegas 2014, recitou o seguinte:

¡Esta sede de lus, mentres o vento
da morte zúa darredor das cousas
que están no noso corazón, cincento……!

25 anos despois, o 2 de outubro de 2015 conmemorouse o cuarto de século do seu pasamento no cimeterio de Guitiriz e posteriormente na igrexa da súa parróquia natal, Os Vilares, con una acto na sua memória con amigos, estudosos, veciños e admiradores, e sobre todo poetas novos da sua vila que Armando Requeixo nomeou para aquela ocasión Nova Poesía Guitirica. Daquel acto, xurdiron novas iniciativas poéticas e o grupo foi medrando. Hoxe, dous anos e médio despois, CulturaliaGZ e a própria NPG recuperaron as intervencións daqueles poetas que chamaron ao evento “Afilhad@s de Pepe” para salvaguardar as palabras daqueles que con tanto agarimo prenderon a luz deste vento poético activo que desde o Vilariño sopra en toda a Chaira. Ademáis, naquela tarde de inverno, anunciouse a creación do prémio Diaz Castro de poesia. Amigos de Pepe como Xulio Xiz, familiares como Man Castro, estudosos e amantes da súa obra como Armando Requeixo, defensores e herdeiros do seu legado como Alfonso Blanco, a alcaldesa das homenaxes das letras, Regina Polín e sete afillad@s poétic@s, a desde aquela NPG, afillada de Pepe para que a poesía se asentara no Vilariño, nos Vilares, en Guitiriz, na Chaira e no mundo para sempre, publican en formato dixital o documento que acompañado dos vídeos de cada intervención, inmortalizan aquela data.

Podedes descargalo no ENLACE.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

FOLLETO POÉTICO. Día Internacional da Muller 2018

FOLLETO POÉTICO. Día Internacional da Muller 2018

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller 2018, Culturalia GZ e NPG decidiron publicar unha serie de textos poéticos de distintos autores, onde a temática se centra na figura da muller dentro da sociedade. Ditos textos, que non acadan a calificación de libro, nin iso pretenden, si amosan a fondura que suscita a urxencia pola reivindicación da igualdade e dos dereitos da muller.

Neste enlace podemos visualizar os versos que compoñen o FOLLETO POÉTICO.

Medre a Poesía!

REFLEXIÓN EN FEMININO DENDE A CHAIRA

REFLEXIÓN EN FEMININO DENDE A CHAIRA

 

Hai unha pandemia de ignorancia espallada polos camiños do progreso,

polas fiestras abertas nos mundos virtuais, nas habitacions pechadas sen respiros.

Onde o machismo e o patriarcado dominante, dende hai séculos, podre, polas dominacións bélicas e o rendemento económico da escravitude, negociando coas mulleres e cos diferentes, denominándonos seres débiles. Ao abeiro de Imperios, e das distintas relixións e correntes de pensamento máis opresoras ao longo da

historia.

Que van deixando un tufo a podremia e a gangrena machista onde só queda lugar para membros amputados.

Hai tempo que se vén notando dende os diferentes escaparates de cotío ese cheiro

fedorento que odia á liberdade, á igualdade que segue a mallar e abusar por norma,

sobre todo ás mulleres en tódolos aspectos da vida, incluso facéndonos a nós mesmas ofrecernos coma o produto ou subproduto á carta.

Con esa falsa impostura nos fotocools facendo imprescindible ler nos corpos femininos a súa firmeza e tersura para soñadores onanistas, coas imaxes das súas iconas.

E nos garitos do común, calquera beodo abafento pode calcular as medidas dos corpos femininos faltándolles ao respecto.

 

Hai un tufo nalgúns intelectuais que fai pensar que os narcisos están en flor todo o ano, que as rúas vístense de gala e alfombras vermellas para chamala atención das deprimidas, faltas de Serotonina e de espellos. Seguindo os estudos de mercado.

Por onde os adolescentes van pisando para ir ao instituto, aburríndose nas sestas de metodoloxías do século XX… coas programacións programadas do século XX…nos libros do século XX…

Cando a gramática perde toda a esencia entre sinónimos, hiperónimos e a sintaxis de aborremento.

Porque os quebrados racharon coas calculadoras e a álxebra e cousa de vellos, que non saben interrogar ao smarphone polo resultado dun problema, sen dar tantas voltas…

Preguntábame, por que, algún rapaz pasa horas facendo preguntas e logo di que non atura a filosofía…de nomes e anos, nomes e datas…de “chapatoria” sen diálogo socrático.

E agora… Só sei que non sei nada.

Mentres, nas prácticas do laboratorio os futuros homes, na súa idiotez adolescente, lles mandan fregar os cacharros ás cativas, porque os machos adoutrinados teñen que demostrar o seu poder cos puños e coa súa entreperna.

Agora… entendín que xa sei algo.

Logo de ter eu, vivido dúas xeracións, as mulleres aínda temos que loitar pola igualdade até que moitos individuos non usen os miolos, que están dentro do cranio. É o corazón, que está dentro do peito, protexido pola caixa torácica. Porque son os nosos bens máis prezados.

Sabendo que só temos unha vida propia, única, intransferible, nun corpo propio, que se vai delatando en queixa fría co tempo e que este, pasa máis rápido cun meteoro.

Que os séculos da nosa existencia como especie, xa van acadando o tramo final e non somos quen de defender a nosa igualdade coma seres humanos , só podo concluír nesta reflexión.

Que formamos parte dun fracaso, un grande fracaso social e vivencial.

                     …..PILAR MASEDA