XLIV CERTAME LITERARIO DO CONCELLO DE VILALBA
O Concello de Vilalba vén de convocar unha nova edición do seu Certame Literario, concretamente a 44ª. Cifra que o converte nun dos certames literarios máis lonxevos de Galicia. Ademais, dende a edición do ano pasado, co incremento económico do galardón, tamén acadou a primeira posición en canto aos mellor premiados economicamente no eido da poesía.
Moitas voces poéticas teñen recollido froito na dilatada historia deste certame. No 2017 tocoulle a voz poética da escritora coruñesa Emma Pedreira, que se alzou gañadora co poemario Antídoto.
Velaquí as BASES que rexerán o desenvolvemento do mesmo.
XUSTIZA ABUSADA, por Raquel Díaz Seijas
Xustiza abusada,
que non te sabes violada
porque calas e te deixas facer…
Morta de medo?
Morta de libertade!
Maquillada de burocracia,
hoxe puxéronche a venda de ligueiro
os reises da falocracia.
DIAGNOSE, por Raquel Díaz Seijas
Espondiolise bilateral na cordilleira do corpo
Suxeita no corsé dunha interrogación pechada,
Troquel dista lordose cervical invertida
Rabuñante de desexos afogados na cova desalmada,
Esta dor de ósos no tracto interno que me afonda
Sen máis datos destacabeis que a morte vertical.
CONFERENCIA SOBRE A LÍRICA TRADICIONAL GALEGA E ACTUACIÓN MUSICAL ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
Como valorizarmos a lírica tradicional galega:
o caso de Cantar na Coruña
Sábado, 12 de maio, ás 20 hrs na Casa-Museo Manuel María
Intervirán:
Alberte Ansede Estraviz (secretario da Fundación Manuel María)
Xosé Manuel Sánchez Rei (autor)
Conferencia e presentación do libro “Cantar na Coruña”. Publicación saída recentemente do prelo e que contén máis de catrocentos cantares tradicionais galegos. Compilados durante os séculos XVIII e XIX, estes textos, alén de daren a coñecer unha parte do rico patrimonio inmaterial do país, xurdido e transmitido co pasar das xeracións, serven non só para nos aproximarmos dos modos de vida das galegas e dos galegos da época, mais tamén para sabermos máis un pouco sobre o estado da lingua naquela altura e, igualmente, para recuperarmos desde a actualidade unha forma de manifestación artístico-literaria e de lecer de tanta raizame na Galiza.
Ao finalizar o acto terá lugar unha ACTUACIÓN MUSICAL a cargo dos gaiteiros
PEPE VAAMONDE e UXÍO VAAMONDE MURIAS
*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María
Paseos pola Coruña Literaria – Primavera 2018. Un paseo con Álvaro Cebreiro
Está aberto o prazo de inscrición no terceiro dos paseos pola Coruña literaria desta primavera. Será o sábado 12 de maio, a partir das 12:00, Un paseo con Álvaro Cebreiro guiado por Siro López.
Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.
Paseos pola Coruña literaria é unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coorganizada e co apoio do Concello da Coruña. Son visitas guiadas pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
Cada un dos paseos está limitado a 55 prazas para maiores de 16 anos, e é necesaria a inscrición previa, gratuíta, que se pode facer de xeito presencial na Conserxaría do Centro Ágora (Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña), no teléfono 981 189 888 (a partir das 9:00) ou enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberán constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.
*Información achegada dende a AELG