Convocada a II edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado polo artista Luis Yang, gañador da pasada edición do premio

O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño de 2025 e poderá realizarse a través da páxina web de Autobán

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante

As bases completas do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25

A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán 


A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O II Premio Autobán 2024-2025 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio25.

Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e mais tarde celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2025 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do II Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25.

UNHA PANORÁMICA SOBRE A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO AUTOBÁN

Na súa primeira edición, celebrada o pasado ano, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que dicidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.

Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024. Na web de Autobán e posible, tamén, consultar a información desta Expofanzines 2024: https://www.autoban.gal/expofanzines/expofanzine2024

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN

En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.

As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia. 

2025.05.21.-NP-II-Premio-Autoban-24-25

Sole Felloza contará para público adulto e xuvenil historias de Manuel María


SOLE FELLOZA CONTA ESTE SÁBADO, EN DISTINTAS LOCALIZACIÓNS DE OUTEIRO DE REI, HISTORIAS ESCRITAS POR MANUEL MARÍA. 

Este sábado, día 24 de maio, desde a Casa-Museo Manuel María convidan a un roteiro imaxinario por Outeiro de Rei e a Terra Chá da man da narradora oral Sole Felloza. Un roteiro imaxinario que que se realizará no transcurso dun paseo polo mesmo san Xoán de Outeiro de Rei, parroquia natal de Manuel María e onde se encontra a Casa-Museo. Durante a paseo faranse paradas no adro da igrexa, no campo de Santa Isabel, na desembocadura do regato do Cepelo no río Pequeno…, momentos en que Sole Felloza aproveitará para contar algún dos relatos escritos por Manuel María.

A actividade comezará ás 18 hrs, con saída da Casa-Museo. A dificultade é baixa en relación co itinerario da camiñada e vai dirixida para o público adulto e xuvenil.

Sole Felloza é actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora. Directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén disto, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

A actividade é libre mais é imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621.

Andanzas do Suso de Lameliña O RECITADOR

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RECITADOR

Pascual, o fillo do taberneiro, foi o único da aldea que o viu marchar. Estaba á porta da tasca fumando, cando, ás once da mañá, hora na que o veciño adoitaba tomar o café con puntualidade británica, notou algo estraño. Xusto cando ía entrar para prepararllo, decatouse de que Xenaro, era así coma se chamaba, arrastrando unha maleta continuaba de largo sen tan sequera mirar para el nin saudalo. Estrañoulle o feito xa que era raro que saíra da aldea e menos cunha maleta de viaxe. Irá visitar os parentes de Santiago, pensou. Acabou de fumar e volveu para detrás da barra, quedaba aínda moita xornada por diante.

Pasaron os días e ninguén sabía nada del. Só o que Pascual lles contara daquela mañá en que o viu marchar. Na aldea tíñano coma unha persoa un tanto especial, un pouco rara. Era certo que falaba con todos os veciños cando se cruzaba con eles, pero o xusto, o suficiente para lle permitir levar unha vida solitaria e independente. A súa única rutina social consistía en tomar un café na tasca ás once da mañá e outro ás seis da tarde, sempre puntual. Dez minutos de conversa con Pascual e nada máis. Por iso, a súa ausencia apenas se notou e, co paso dos días, fóronse esquecendo del.

Xenaro era fillo dun médico moi apreciado polas xentes da bisbarra, completamente oposto ao seu fillo. Sociable e falangueiro, sempre estaba disposto a botar unha man a quen o necesitase. Se alguén precisaba dos seus servizos e non tiña recursos, non lle cobraba a consulta. Xenaro, acabou a carreira de dereito en Santiago, pero nunca exerceu de avogado nin se dedicou a outro oficio. A súa vida reducíase a dar longos paseos polos camiños e polo monte, ou a quedar na casa horas e horas lendo.

Á morte dos seus pais quedoulle unha boa fortuna coa que poder vivir o resto da vida sen traballar. O seu pai, como dixen, médico, e a súa nai profesora de Matemáticas no instituto de Melide, levaran unha vida sinxela e sen grandes gastos, deixándolle unha boa herdanza. Por outra parte, tampouco necesitaba moito, con ter para comer, para os cafés de mañá e tarde, e comprar de vez en cando un libro, xa lle chegaba. Gastaba o mínimo en roupa e outros caprichos e carecía de vicios.

Aquela mañá que Pascual o viu pasar por diante da taberna, Xenaro erguérase coma sempre ás sete da mañá. Despois de asearse e tomar o almorzo, soubo que aquel non ía ser un día calquera. Algo lle rondaba polo caletre desde ía uns días, e ao rematar de tomar o seu vaso de cola cao con galletas, foi consciente de que chegara o día, aos seus cincuenta e catro anos, de deixar a aldea de novo e saír polo mundo adiante. Preparou a maleta con só o imprescindible e ao aproximarse as once botouse a camiñar sen rumbo fixo. Tanto lle daba un destino como outro. Durmiría onde lle acaera mellor: hoxe nunha pensión, mañá nun pendello, pasado mañá ao ar libre.

Moitos meses antes de tomar esta decisión adicárase a memoriza todos os poemas de “Viaxe ao país dos ananos” de Celso Emilio Ferreiro, así coma a obra completa de “Cien años de soledad” de García Márquez. Inspirouse nos personaxes de Ray Bradbury en Fahrenheit 451, que, ao prohibirse os libros, decidiron aprender de memoria tantas obras como puideran para preservalas no futuro.

Porén, a motivación de Xenaro non era a mesma. Os libros aínda non estaban prohibidos, todo se andará. Quixo aprender estas dúas obras para, cando lle apetecese, recitalas e compartilas con quen quixese escoitalo.

E iso é o que fai agora. Chega a unha cidade, elixe un lugar axeitado e como os músicos ambulantes, pero sen guitarra nin acordeón levanta a voz. Deixa que os versos de Ferreiro e os capítulos de Márquez reverberen polas prazas, polas rúas ou calquera outro recuncho das vilas e cidades que visita.

O seu único recurso, unha lousa, onde todas as mañás ao erguerse escribe o programa da xornada, que comeza as once e remata sobre as oito da tarde, coas pausas para comer e descansar:

11. A leución

11:15. Capítulo X. Cien años de soledad.

11:45. Digo Viet Nam e basta.

12. Capítulo XI. Cien años de soledad.

19:50. Agardarei

As pandeireteiras apostan pola comunidade e pola creación colectiva para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas

Somos Pandeireteiras aposta pola comunidade e pola creación colectiva como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da transmisión da lingua galega e das falas


O Auditorio de Galicia acolleu este sábado 17, Día das Letras Galegas, a segunda xornada pública Somos Pandeireteiras, na que un cento de tocadoras puxeron sobre a mesa e debateron arredor do seu papel como transmisoras da lingua galega e das súas falas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrou este sábado, Día das Letras Galegas, unha xornada pública de encontro e foliada na que un cento de mulleres tocadoras abordaron o seu papel como transmisoras da lingua galega e das falas e trazos dialectais de cada territorio. Sobre o escenario da sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, as pandeireteiras, chegadas de distintos puntos do país, trataron en colectivo os retos comúns como tocadoras e integrantes de asociacións, e a cuestión de como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua.

A presidenta da asociación Somos Pandeireiteiras, Gisela Sanmartin, foi a responsable de dar a benvida á xornada cunha intervención na que comezou dando as grazas “a todas as mulleres pandeireteiras que mantiveron vivas as nosas falas; pois non temos unha soa, senón tantas como as aldeas e lugares que habitaron e seguen a habitar”. Neste sentido, salientou a presenza nesta xornada de Dina e Otilia, tocadoras de Chaín, así como das pandeireiteiras bergantiñás Carmen e Ermitas, que participaron na primeira edición de Somos Pandeireiteiras celebrada en Carballo no ano 2021. “Grazas a vós, e as que nos precederon, hoxe falamos galego”.

Deseguido, a vicepresidenta de Somos Pandeireteiras, Mercedes Peón, tomou a palabra para expoñer o marco e as cuestións que se tratarían ao longo da xornada. Partindo da afirmación de que as tocadoras foron e son transmisoras de lingua galega, o cento de participantes analizou e compartiu as problemáticas que atopan á hora da transmisión das coplas e especialmente das falas, as metodoloxías que se poden empregar, ferramentas para favorecer a transmisión e o papel da educación e da divulgación nas escolas e nos escenarios. “Hoxe xuntámonos porque queremos saber cales son as mellores prácticas e ferramentas para manter viva a creación colectiva. Queremos crear un marco de como poderiamos facer unha transmisión o máis didáctica e amorosa posible tanto coa lingua galega como con todas as falas”, expresou Peón. 

A continuación, a xornalista Pilar García Rego moderou unha conversa coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas), na que se abordaron os retos individuais e colectivos como tocadoras, e na que se expresou “a necesidade de tecer redes e comunidade”, así como co desexo de que “este subidón de ferreñas por mor do 17 de maio non oculte os preocupantes datos sobre o descenso de galegofalantes”. 

As históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez foron as seguintes en conversar con Pilar García Rego sobre o seu sentir como pandeireiteiras, e salientar experienccias como tradición local das Festas das Casas, logo de botar unhas coplas que emocionaron ás asistentes da xornada.

O encontro, celebrado co apoio do Concello de Santiago co apoio de Compostela Cultura, continuou con catro mesas redondas moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) e nas que participaron as escritoras Lucía Aldao, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Estas foron as responsables de pechar a xornada coas conclusións tomadas arredor dela e que se poderán ler, proximamente, nunha publicación; e dar paso, a unha gran foliada aberta á cidadanía, celebrada no interior do Auditorio de Galicia. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal

20250517-Somos-Pandeireteiras

Presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba e da Editora Alvarellos, a presentación do libro CEREIXAS ROUBADAS, do Colectivo COMADRES DAS LETRAS, con limiar de Marga do Val.

O acto terá lugar o vindeiro venres 23 de maio de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, e contará coa presenza de escritoras do Colectivo Comadres das Letras. Presentará o evento Sabela Figueira, vicepresidenta do Iescha.

NOTA-INFORMATIVA-COMADRES-DAS-LETRAS

Pandeireteiras de toda Galicia festexan en Santiago o Día das Letras Galegas

Somos Pandeireteiras celebra este sábado, 17 de maio, o papel fundamental das tocadoras como transmisoras da lingua galega


O Auditorio de Galicia acollerá no Día das Letras Galegas, en horario de tarde, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país que contará coa participación de recoñecidas autoras como Paula Carballeira, Lucía Aldao, Ánxela Lema, Nuria Vil e Pilar García Rego 

A xornada, que contará con parladoiros e mesas redondas, pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar entre as 20:00 e as 22:00 horas


A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará este sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a xornada pública As tocadoras como transmisoras da lingua galega. O encontro, que terá lugar no Auditorio de Galicia entre 16:00 e 20:00 horas, dará voz ás mulleres pandeireteiras para falar do seu papel fundamental á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. Ao peche dos parladoiros e mesas redondas, celebrarase unha gran foliada aberta a toda a cidadanía entre as 20:00 e as 22:00 horas

A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro e debate para dar voz ás tocadoras galegas para debater ao redor do seu rol esencial na transmisión da lingua e das falas das aldeas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma serán liñas que se traten nos parladoiros e mesas redondas dun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora. 

Á fin de dar conta do seu relato, para a creación dunha publicación, as pandeireteiras estarán acompañadas por autoras coñecidas das letras do país, como son Lucía Aldao -no lugar de Olga Novo-, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria Vil. Na xornada tamén estará presente a xornalista Pilar García Rego, quen abrirá o encontro conversando tanto coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) como coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez. 

Após os parladoiros, será a quenda das mesas redondas, que estarán moderadas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras (Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana) á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Ao peche, ás 20:00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebració. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia. 

SOMOS PANDEIRETEIRAS

Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024. 

Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega. 


II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 16:00h 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Acto: Encontro de tocadoras (inscrión previa en www.somospandeireteiras.gal
Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lucía Aldao, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria Vil, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego. 

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 20:00h 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Acto: Foliada de celebración Somos Pandeireteiras aberta á cidadanía. 

Máis información: www.somospandeireteiras.gal