Sabela, LODE e Soulmacklein súmanse ao lineup de BIGSOUND Pontevedra, completando unha edición inaugural que reunirá o mellor da música urbana nacional e internacional.
BIGSOUND Pontevedra completa o seu espectacular cartel con tres artistas galegos que representan a nova onda de talento local: Sabela, LODE e Soulmacklein. Estas incorporacións súmanse a Tanxugueiras, o grupo galego más destacado do momento, para poñer en valor o talento da terra. Con esta aposta, o festival non só reforza o seu compromiso coa escena urbana global, senón que tamén impulsa e visibiliza as voces emerxentes do panorama galego. Ademais, desvélase por fin o cartel por días, confirmando así a programación que transformará o Parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025 no epicentro da música urbana en Galicia.
NOVAS INCORPORACIÓNS: RAÍCES E FUTURO DO URBANO EN GALICIA
LODE Cunha proxección imparable, LODE converteuse nunha das grandes promesas do xénero urbano nacional. Desde Narón, o cantante, compositor e bailarín conquistou ao público coa súa mestura de sons actuais e baile. Tras o seu paso por La Voz ou El Hormiguero, prepara un novo EP que presentará este ano na sala Capitol de Santiago de Compostela. En BIGSOUND Pontevedra, promete un directo vibrante que redefinirá o xénero urbano desde Galicia.
SABELA Referente da escena pop-electrónica galega, Sabela chega a BIGSOUND como a gran embaixadora dun son que triunfa no panorama musical actual. Con éxitos comoHi, My Love ou Eu Espero Aquí, producidos xunto ao aclamado produtor Ed Is Dead, a artista presenta en 2025 un novo EP co que inaugura unha etapa na que aposta por un son máis internacional mantendo presentes as súas raíces.
SOULMACKLEIN Pioneiro do hip hop galego e membro fundador do mítico grupo Delahoja,Soulmacklein representa a memoria viva da música urbana feita en Galicia. Tras colaboracións icónicas xunto a Soprano ou Cypress Hill e actuacións históricas como a do Camp Nou ante case cen mil asistentes, está inmerso na súa carreira en solitario, lanzando o seu LP en solitario Welcome to la Isla e preparando novos traballos discográficos para 2025. O festival será unha oportunidade para descubrir a súa evolución artística.
CARTEL COMPLETO POR DÍAS: TODO O QUE VIVIRÁS O 11 E 12 DE XULLO
Venres 11 de xullo
A xornada inaugural de BIGSOUND Pontevedra será unha auténtica celebración do pop urbano, o reguetón e a fusión latina. Grandes estrelas internacionais como Nicky Jam e Maria Becerra compartirán escenario con referentes do panorama nacional como Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee e Marc Seguí. O talento emerxente tamén brillará con nomes como DePol, Luck Ra e Sabela, mentres que a potencia da mestura entre música tradicional galega e a modernidade farase presente da man de Tanxugueiras, nunha noite que promete enerxía, emoción e unha conexión única co público.
Sábado 12 de xullo
A segunda xornada ofrecerá unha proposta máis diversa e alternativa, combinando sons urbanos globais con novas voces do pop, o trap e o rap. O carisma de Rels B e a versatilidade de Omar Montes compartirán protagonismo coa sensibilidade deAmaia e o debut en solitario de Leire Martínez. Completan o día artistas comoJulieta, La Zowi, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, e os galegosLODE e Soulmacklein, nunha xornada que poñerá o broche perfecto ao festival.
UNHA EXPERIENCIA MOITO MÁIS QUE MUSICAL
Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, BIGSOUND Pontevedra busca non só emocionar a través da música, senón tamén xerar un impacto positivo a nivel cultural, económico e social na rexión. Esta primeira edición será un punto de encontro para artistas, marcas, institucións e público, nunha contorna segura, sostible e inclusiva.
___ ENTRADAS ___
A conta atrás comezou e a música está a piques de escribir un novo capítulo inesquecible. Non te quedes fora do evento do ano en Galicia. Consegue os teus abonos e entradas por día enbigsoundfestival.com.
Cartel venres 11:
Nicky Jam, Maria Becerra, Juan Magán, Abraham Mateo, Cali y El Dandee, DePol, Luck Ra, Marc Seguí, Sabela, Tanxugueiras, convidado sorpresa.
Cartel sábado 12:
Rels B, Omar Montes, Amaia, Julieta, La Zowi, Leire Martínez, LODE, María Escarmiento, Ptazeta, Juanjo García DJ, Soulmacklein.
O salto, imprescindible. Para vencer os muros que ergue o medo. Para fuxir da mediocridade que supura deste odio vixente.
O salto, inevitable. Para brincar entre a inconsciencia, o desvarío, a barbarie naturalizada.
O salto, necesario. Para respirar entre a violencia que nos cospen, para esquivar os trapos que nos impoñen.
Agardamos onde houbo fiestra. Cuestionamos para a medra, sentimos para que resista o alento que nos queda. Amamos para que teña sentido o latexo entre a tormenta. Saltamos, saltamos sempre, aínda, na procura da beleza.
A Polavila DoCampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, por volta do 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.
Este ano ten lugar a segunda edición, que se vai celebrar o 3 de abril no Pazo de San Marcos. Deputación de Lugo, na cidade de Lugo.
O Programa previsto é o seguinte: – 19:00-19:15 horas. Apertura da Polavila nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo). – 19:15-19:45 horas: Lectura pública e continuada de textos de Xabier P. DoCampo, en especial da novela A nena do abrigo de astracán, a cargo das súas amizades, nos xardíns (no caso de choiva, na Sala de exposicións do Pazo). – 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila DoCampo 2025, no salón de actos da Deputación de Lugo. Conducida por Lois Pérez e Antonio Reigosa. Contará coa presenza de Pepe Coira e Paco Martín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Beatriz Dourado, Marica Campo e Xosé Miranda. Rematará a gala cunha rolda de contos de Ana Carreira, Celso Sanmartín e Benxamín Otero. A música correrá a cargo da cantora Xiana Lastra, acompañada doutra integrante d’A banda da Loba e Benxamín Otero.
Achégase a Semana Santa e, como cada ano, “Genarín”, de novo, volverá desfilar polas rúas de León, para que celebremos máis có cabodano da súa morte a súa vida de bohemia e o seu amor polo “orujo”. Será unha noite de xoves a venres de xolda, parodia e poesía satírica en homenaxe á vida e milagros do apóstolo da snoites perdidas. Porén, a miña historia con el non tivo lugar nestas místicas e austeras datas senón nun ardente agosto, e xa sabemos como as gasta o astro sol neste mes na cidade do Bernesga.
No camiño a Segovia na compaña duns amigos, decidimos facer unha parada en León. E abofé que resultou longa e fructífera. É o que ten o “Barrio Húmedo”. Hai que ser de pedra para non caer vítima dos seus encantos. E nós por suposto, que de pedra non tiñamos nada e menos naqueles anos de eterna xuventude, deixámonos levar, sen reparo algún, polas tentacións húmidas. O caso é que entre risas, cuncas de viño e, como non, o prezado “orujo”, as horas foron fuxindo sen decatarnos. Ao final, coa noite como única testemuña, atopeime só, vagando polo corazón da cidade, onde as sombras parecían contarme historias de xentes e tempos esquecidos.
Foi así como sentín o espíritu de “Genarín”, ou iso crin daquela. Alí estaba coa botella de licor sagrado ofrecéndome un grolo. Non fun desconsiderado e acepteillo, malia ter saciado abondo a sede nas horas anteriores. E, ao pé da muralla, baixo as tenues luces da cidade co seu halo de misterio, sentín revivir vellas historias e lendas mentres o líquido ardente baixaba pola gorxa. As palabras de “Genarín” resultáronme fermosos versos dunha poesía única que só podían saír dos beizos dun ser como “Genarín”, que tivo o privilexio de morrer baixo as rodas do primeiro camión de lixo de León.
A mañá seguinte escoitei que alguén me chamaba polo meu nome. Eran os meus amigos e eu atopábame ao borde da muralla durmindo a carón dun mendigo e dunha botella baleira.
Ao día seguinte, xa na capitol do acueducto, e un pouco máis sereno, escribín este poema:
A ASEMBLEA XERAL DO IESCHA ELIXE A NOVA XUNTA DIRECTIVA E APROBA A MEMORIA-24, O PLANO DE ACTIVIDADES-25, O BALANCE ECONÓMICO-24 E O ORZAMENTO-25
Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves, 27 de marzo de 2025, aprobáronse por unanimidade das persoas asistentes: a memoria de actividades do ano 2024, así como o plano de actividades previsto para o exercicio 2025. Do mesmo xeito, recibiron o respaldo dos asistentes o balance económico correspondente ao pasado ano e o orzamento para o presente exercicio.
Na Asemblea Extraordinaria, que se levou a cabo a continuación, procedeuse á elección da nova Xunta Directiva. A candidatura presentada formada por
CARGO
NOME E APELIDOS
PRESIDENTA
Mª Luisa Barreiro Mejuto
VICEPRESIDENTA
Sabela Figueira Tenreiro
SECRETARIO
Arturo Gómez Mato
VICESECRETARIO
Xosé M. Felpeto Enríquez
TESOUREIRO
Manuel Castro Santamariña
VOGAL
Manuel Roca Cendán
VOGAL
Constantino Alvite Muinelo
VOGAL
Jesús Trastoy Saavedra
VOGAL
Alfonso Baamonde Fernández
VOGAL
Rebeca Leal Eimil
VOGAL
Iria Currás Gato
foi respaldada por aclamación das persoas asistentes, reflectindo o consenso e apoio das socias e socios ao equipo que dirixirá a entidade nos próximos catro anos.
A presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en nome da nova Xunta Directiva, agradeceu a confianza depositada e comprometeuse a traballar na consolidación dos proxectos en marcha, así como na implementación de novas iniciativas que permitan fortalecer a actividade da organización, expresando o firme compromiso de continuar traballando polo fortalecemento e a difusión da cultura chairega, en particular, e galega, en xeral, mantendo o espírito de colaboración e esforzo que caracterizou ao Iescha durante estes 25 anos de existencia, cuxa conmemoración estará tamén presente no plano de actividades aprobado.