O venres 15 de outubro, no pazo de San Marcos de Lugo, celebrarase a inauguración da exposición “A Ulloa. Fotografías centrípetas”, promovida polo Instituto de Estudos Ulloáns e comisariada polas socias de dito Instituto, Patricia Coucheiro e Susana Varela Negro.
Trátase dunha exposición colectiva de catorce fotógrafas que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio, con propostas fotográficas que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca da Ulloa.
A Rede do Patrimonio presentou por rexistro unha solicitude que considera primordial na salvagarda da saúde do noso patrimonio. Que se poñan á disposición pública, na rede, as fichas de catalogación referidas as áreas perimetrais de cada parque
As entidades adheridas a REDE do PATRIMONIO EXPOÑEN:
1. Que é de todos/as sabido que neste momento están en tramitación (en fases diferentes) preto de 200 proxectos eólicos no territorio galego.
2. Que as obras previstas van traer consigo unha grandísima repercusión sobre o patrimonio natural e cultural do país.
3. Que nunca antes se puxeron en marcha dun xeito simultáneo tantas obras de promoción privada e desta magnitude.
4. Que é previsible a irreversibilidade de moitas das accións que se acometan.
5. Que as dimensións tan extraordinarias destes proxectos demandan tamén un esforzo extraordinario na protección do noso patrimonio.
6. Que é dificilmente entendible o silencio da Dirección Xeral de Patrimonio ante todas estas obras e ás posibles agresións que poden supoñer sobre o patrimonio.
7. Que tal e como recentemente se acaba de demostrar co informe do ICOMOS sobre a Candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio Mundial, que obrigou á súa retirada, a instalación de parques eólicos pode impedir futuros desenvolvementos en amplas zonas do territorio ao ficar alterada a súa paisaxe e patrimonio. Citamos:
ICOMOS notes with some concern the visual impact of wind turbines on the proposed Outstanding Universal Value of the nominated property. One large wind farm is located in the buffer zone between two of the nominated property’s components, and three others, while more distant, are also visible.
2021. Evaluations of nominations of cultural and Mixed Properties. Icomos report for the World Heritage Committee.
44 extended session. Fuzhou (China)/ online meeting 16-31 July 2021.
WHC-21/44. COM/INF. 8B1
E é por iso que, en nome das asociacións e colectivos asinantes, SOLICITAMOS:
1. Que se poñan á disposición pública, na rede, as fichas de catalogación referidas as áreas perimetrais de cada parque en tramitación facilitando á veciñanza a elaboración das alegacións.
2. A creación dunha Comisión de asesoramento técnico con carácter multidisciplinar e independente que estude un por un cada proxecto eólico xa nas fases primeiras de tramitación e que advirta das posibles afectacións sobre o Patrimonio cultural.
3. Que esta comisión elabore de oficio informes para cada un dos proxectos.
4. Que a Comisión advirta aos órganos asesores competentes sobre Patrimonio (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes do Rosario, Universidades) daqueles bens do Patrimonio que se atopen ameazados ou en perigo polos proxectos eólicos en tramitación e que, estes órganos, á súa vez tamén se pronuncien ao respecto.
5. Que con carácter preventivo se paralice calquera posible obra sobre a que recaia sospeita de posible destrucción irreversíbel do Patrimonio ata que os tribunais se pronuncien, no caso de estar en litixio, e sempre que as partes demandantes lle comuniquen formalmente á Consellería de Cultura a presentación destas demandas.
6. Que os Servizos Xurídicos da Consellería de Cultura estuden personarse naqueles procedementos xudiciais nos que se dirima a posible destrución de Patrimonio antes, durante ou despois das obras de execución dos proxectos eólicos. — Rede do Patrimonio Cultural
Quince consellos coma quince pétalos que conforman a flor da igualdade. Así se nos presenta este breve ensaio da autora nixeriana, que xa ten constatado en libros anteriores o moito que nos queda por facer, aínda, na loita feminista. Quizais sexa neste volume onde Chimamanda pon o foco, ex professo, na educación das novas xeracións. E é que non podemos pasar por alto o papel fundamental que exerce a formación nos primeiros anos de vida.
Agora que estamos inmersxs na “volta ao cole”, igual é un bo momento para reparar nas reflexións que aquí se recollen: desde rexeitar estereotipos e prexuízos sexistas, pasando pola importancia do traballo en equipo ou a lectura coma actividade ligada ao pensamento até reforzar a autoestima na infancia. Todo isto contado de maneira clara e concisa, achegando múltiples exemplos cos que nos atopamos no día a día, pois nada hai de inverosímil no relato desta escritora.
Con todo, xa se nos advirte nas primeiras páxinas, que estes quince consellos poden non dar os resultados esperados (lembremos que a educación das crianzas non é exclusividade dxs proxenitorxs, toda a tribo educa). Mais o importante é non desistir e intentalo. Algo lograremos no proceso, non hai dúbida. Porque se non vivimos como pensamos, corremos o risco de acabar pensando como vivimos.
1. E se comezamos cunha pregunta de observación. No cromatismo da túa ollada predomina o silencio ou a sonoridade? A rebeldía ou a calma?
En todo este confluír de enerxías e cores que se derraman sobre nós cunha velocidade de vertixe, e onde o tempo parece correr máis rápido que nunca, diría aquela recurrida palabra tan galega de “Depende” xa que cada cousa ten o seu tempo” e a súa propia mirada .Unha mirada que se activa e vive nos submundos do campo visual cuxas formas pasarán a un estado de intermitencia continua.
Se cadra hai silencio rebelde na mira que non cala 😉
2. No momento en que elaboro este cuestionario, o teu perfil de Facebook ten a imaxe de portada dunha Rochi diante dunhas ás pintadas sobre unha parede, en actitude de emprender o voo;mentres na imaxe do perfil aparece unha Rochi ante un micrófono en ademán reflexivo, se cadra. Tomando a referencia desas dúas imaxes, fálame desa impregnación de contrastes que nos habita.
A dualidade do ser ou a dualidade do equilibrio de todo o que nos rodea componse de dúas forzas opostas que se unifican en harmonía para favorecer o movemento e, á súa vez, o cambio. Así, mentres adoro o que simboliza o escuro, a auga, o intuitivo e a capacidade de nutrir a vida, a fantasía constitúe o ímpeto, o luminoso, a expansión e o lume, a franqueza, a enerxía, ao voo sen medo.
Antíteses ou non do marabilloso. No medio deste suxestivo xogo dialéctico e conceptual onde todo parece ter o seu oposto e á súa vez unha parte complementaria, a vida é unha constante evolución , polo que o cambio debe de ser constante. Velaí a transparencia do sentir, cantas emocións temos ao longo do día? Cantas agochamos?
En ambas fotos me recoñezo, e quen ben me sabe de min, tamén. 😊
3. Hai unha escrita (a túa, por exemplo) construída na esencia da terra ou na do ferro e o asfalto? Esa dicotomía mundo rural-mundo urbano.
Escrita híbrida diría sen dubidar.
4. Ese entusiasmo, esa vitalidade que semella constituírte como artista tamén a trasladarás á túa faceta de ensinante?
Tento que así sexa con tódalas miñas forzas, adoro o meu traballo, sigue emocionándome, aprendo a diario na aula, procuro formarme continuamente, de feito volvín á universidade, gozo cada curso escolar, pode haber algo máis fermoso que coñecer as novas xeracións de preto coas suás emocións , inquedanzas e sentires? Mágoa que no noso sistema educativo non prime o desenvolvemento da curiosidade, a creatividade, a experimentación.
O ensino non se consegue transmitindo información que se repite ata memorizala, sen lóxica razoada. Creo que sería máis importante aprender a pensar que memorizar, pero só é unha opinión persoal, gústame o ensino manipulativo e emocional.
5. Deixou escrito o meu paisano vilalbés, Agustín Fernández Paz, a través do título dun libro “O único que queda é o amor”. Tamén lemos/escoitamos aquilo de que “só o amor pode salvarnos”. Que opinas destes e doutros axiomas arredor do concepto amor?
O amor inclúeo todo, é un sentimento enorme que nos permite ir apreciando as emocións pode algúen dubidar do amor? Habería sociedades, se non hai amor? Poder haber algo máis motivador que amar en tódoda-las súas variedades?
6. Como entendes a poesía? Forma parte do teu proceso vital ou disóciala dese devir cotián que nos transita?
A poesía (e a arte en xeral ) é como a auga, como o sol, como o amor, un alimento preciso, a vitamina diaria, o acougo, lugar onde podes ser ti mesma, na versión máis real ao máximo exponente, sen que nada máis importe.
7. Na etapa creadora e creativa empregas, en moitas ocasións, unha simbiose de linguaxes (literatura, música, debuxo, colaxe, etc.). Que atopas nesa maridaxe de linguaxes artísticas?
É que non as concibo individuais, son un todo, un fluír, unha mesma Aorta, un mesmo motor con todas as súas malgamas.
8. A arte, nos seus distintos xeitos de expresión, debe manifestar un compromiso social? Ser artista é unha utopía? Pero unha marabillosa utopía, non che parece?
A arte é infinita, enmarcala é limitala, a arte é precisa para a vida e a vida está tamén chea de inxustizas sociais que se soen reflectir.
As persoas creativas, acaban chegando a Itaca. Ser unha persoa artista na miña opinión , non é unha utopía, é non ser sumisa, ter outra visión, e na maioria das veces ser incomprendida.
9. Na casa íntima das palabras hai que deixar unha porta ou unha ventá abertas para que a súa mensaxe interactúe co/a lector/-a, nese exercicio que nos propicia a denominada estética da recepción? Ou no teu caso, aínda que soe a tópico, escribes para ti mesma?
Son unha persoa egocentrista que escribe para liberarse, fantaseandoque alguén poda comprender e sincronizar coa emoción e a situación concreta.
10. A morte provócache medo?
A morte é o punto e final, a morte no existe para a persoa morta, polo tanto todo desaparece, témolle máis a vida, segundo que ocasións. A morte iguálanos, xa que fai que sexamos todas cadáveres do mundo: un resto, un corpo sen vida, un organismo en proceso de descomposición.
A morte tamén é amor.
Alphonse de Lamartine: “A miúdo, o sepulcro encerra, sen sabelo, dous corazóns no mesmo cadaleito”.