DEVAGAR. Actividades 8 de Marzo: Herbas das mulleres

Maria Frá, responsable de DEVAGAR fainos a seguinte proposta de actividades de cara ao 8 de marzo:

Chámome Maria Frá e adícome á recompilación e divulgación de saberes tradicionais relacionados coa saúde e co uso das plantas medicinais. Tedes máis información sobre o meu traballo na miña páxina web, www.devagar.eu

O mes de Marzo é moi importante desde esta perspectiva!

Por unha parte, comezan a florear as plantas nas hortas, nos camiños… incluso nos recunchos do asfalto. Un bo momento para iniciarse na aprendizaxe da identificación de plantas silvestres e conectarse con este saber ancestral do coñecemento das plantas medicinais.

Por outra banda, é un mes adicado ás mulleres, ao empoderamento e resignificación da cultura feminina, que en moitas ocasións ficou relegada a un segundo plano. Neste sentido é que revalorizar os coñecementos tradicionais sobre herbas medicinais ten un profundo impacto sobre a nosa conciencia.

Por isto é que vos achego a proposta das “Herbas das mulleres”, para achegármonos desde unha perspectiva de xénero a esta cuestión, xa que só desde aí podemos entender a importancia da nosa tradición medicinal. É un pequeno guión desde onde poder comezar a elaborar unha proposta máis concreta que se adapte aos vosos desexos, dispoñibilidade, recursos, e ao grupo co que traballades.

Andainas do Suso de Lameliña. A MULLER DE PEDRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A MULLER DE PEDRA

Rosa do Muiñeiro, muller respectada e moi apreciada en toda esta bisbarra de Ferramulín, a quen con frecuencia a veciñanza acudía para pedirlle consellos ou ben  curar algunha doenza, (era curandeira, tanto de animais coma de persoas), un día de mediados de agosto desapareceu da aldea sen deixar pegada algunha. 

Foi pasando o verán e malia as cuadrillas que percorreron parte da serra do Courel na súa procura, non houbo maneira de dar cos seus ósos. Xa o tiñan medio esquecido cando Antón, o neno máis novo da casa do Roxo, andando á souta, deu, de súpeto, de fociños con ela. Foi tal o susto que papou que saíu de alí liscando coma se o perseguira o mesmo diaño. Chegou á casa todo fatigado e berrando: “ Topeime con Rosa, topeime con Rosa…”

Ao principio os pais non lle fixeron caso, pero insistiu tanto que acabaron por acudir ao lugar onde dicía estar a desaparecida e, efectivamente, alí se atopaba sentada á sombra dun castiñeiro centenario, pero mudada en pedra.

Pronto se correu a voz por toda a redonda e aquilo converteuse nunha auténtica peregrinación para observar in situ á famosa veciña do Courel, que se atopaba igual có día que desaparecera, iso si, en lugar de ósos e carne, pedra autóctona da bisbarra.

Durante varios días foi noticia nos principais diarios e medios de comunicación. Viñeron científicos de todo o mundo para estudar, o que era un caso único e insólito; ao longo da historia, nunca se dera cousa semellante. Formuláronse moitas hipóteses, que non vén ao caso citar, xa que ningunha delas chegou a confirmarse. Ao final, decidiuse deixar a Rosa no seu sitio. Polo seu labor ao longo da vida, ben merecía unha estatua, e alí a tiñan xa, sen necesidade de encargarlla a ningún mesteiral da pedra. Só era preciso poñer unha placa co seu nome e unha pequena dedicatoria. Iso foi o que fixeron: “ A Rosa, polo seu grande labor desenvolvido nesta comarca a prol dos máis necesitados”.

A Antón, cando non tiña nada que facer, gustáballe moito visitala e falar con ela, momentos que aproveitaba para contarlle as súas cuitas de neno. Pasado xa un tempo, un día, despois de saudala, e ante a súa sorpresa, Sara comezou a mover aqueles beizos de pedra e a falar. O susto que levou aínda foi maior có daquel día que a viu por primeira vez. Saíu correndo cara a súa casa para contarlle aos pais o que lle viña de suceder. Por suposto, non llo creron, pero insistiu tanto, que ao final foi o seu pai con el e unha vez diante da muller de pedra, esta empezou a falar. 

Pronto souberon os veciños do acaecido e desde aquela, cando alguén tiña algún problema, acudía ao castiñeiro centenario a escoitar os consellos da sabia Rosa. Os veciños decidiron non contar a ninguén o que alí sucedía. Pero claro, xa se sabe,  cando a cousa pasa de dous é difícil agochala; alguén se foi da lingua e acabou de novo por ser noticia en todos os medios de comunicación.

Xentes vidas de todas partes comezaron a acudir ao castiñeiro co propósito de sandar as doenzas físicas e psíquicas que padecían. Mais non sempre,  Sara atendía as demandas, só a quen ela tivese a ben. Coma sucede en moitos casos similares, pronto se viu a oportunidade de sacar proveito económico da situación. O dono da cantina da aldea, que era moi espelido e dado aos negocios, falou co alcalde e propúxolle preparar aquilo decentemente, para  atender dun xeito adecuado os visitantes e turistas que cada día que pasaba aumentaba en número. E así se fixo, comezando por unha pista alcatranada, e a construción dun cámping  e un restaurante, que serían xestionados polo cantineiro. Aquilo acabou por converterse nun auténtico formigueiro de xentes vidas, mesmo máis aló dos Perineos. Comezaron a idearse novos proxectos, todo o mundo quería investir e ao concello chegaron numerosas solicitudes de futuros negocios.

Mais, enseguida se foi todo a pique, xa que Rosa, dun día para outro, deixou de falar e de dar consellos. Volveuse en pedra, que xa era, pero agora muda. A xente deixou de ir por alí e ao pouco tempo, cámping e restaurante, acabaron por pechar.

Hoxe só existen catro pedras daqueles tempos de bonanza, comestas polas silvas, sapagueiras e lagartos, mais Rosa segue igual, impoluta, coma o día que desapareceu. Conta Antón, agora xa un ancián, que seguiu acudindo sempre que tiña un momento libre á cita coa sabia para falar con ela; aínda é o día de hoxe que vai polo menos unha vez á semana. As xentes da bisbarra, din que desde que a viu por primeira vez, non volveu ser o Antón de antes.  Desde entón téñeno por un pobre demente e de Rosa non queren nin oír falar.

Suso de Lameliña

Presentación dun estudo de Antón Meilán sobre Caldaloba este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 29 de xaneiro, ás 20 hrs, preséntase, na Casa-Museo Manuel María“Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte”, do mindoniense e profesor emérito da Universidade de Oviedo, Antón Meilán. 

Esta obra, que ten como finalidade contextualizar e dar a coñecer dunha maneira divulgativa os feitos que decorreron na fortaleza de Caldaloba ou Vilaxoán e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza, insírese nunha serie de accións e actividades que veñen desenvolvendo máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes, sob a lenda “Caldaloba. Recuperarmos o noso Patrimonio. Recuperarmos a nosa historia”, coas que reivindican á administración galega que a torre pase a propiedade pública e que se leve a cabo a recuperación e posta en valor dun ben que ten un valor histórico e simbólico importantísimo para a descuberta dun capítulo transcendental da historia de Galiza, frecuentemente agochado e negado. 

Na presentación, alén do autor, estará presente o estudo e divulgador do patrimonio da Terra Chá, Orlando Viveiro. As persoas asistentes recibirán gratuitamente un exemplar e para asistir é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

VIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”


VIII PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”


O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o VIII Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo que será regulado polas seguintes


BASES

  1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
  2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
  3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio
    etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria
    histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
  4. Haberádouspremios:
  • 1o Premio, dotado con 2.000 euros.
  • 2o Premio, dotado con 1.000 euros.
  1. Os traballos deberán ser entregados no rexistro do Concello de Xermade baixo pseudónimo, ou a
    través de correo postal (nunca telemáticamente). En sobre pechado serán incluídos os datos pa
    persoa participante: Nome, enderezo, teléfono…
  2. Coa presentación dos orixinais deberá ser incluída, tamén, a seguinte documentación:
  • Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo…
  • Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org
  1. Deberase entregar o orixinal en papel DIN A4 e copia en CD, en PDF e en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
  2. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
  3. Os traballos deberán ser realizados e presentados e en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 29 de abril de 2022.
  4. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 24 de maio de 2022.
    11.Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
  5. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
    13.
  6. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
    15.As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio. 16.A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.
    As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello dentro do prazo de cinco (5) anos;
    transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do
    caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.

Descargar BASES

A obra teatral “A lúa vai encuberta”, de Manuel María, segue esta fin de semana a súa xira

A obra teatral de Manuel María, A lúa vai encuberta, cuxa adaptación e interpretación levan a cabo as compañías  Incendiaria (Vanesa Sotelo e Davide González) e A Quinta do Cuadrante (Melania Cruz e Tito Asorey), gañadoras do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, segue a súa xira neste 2022 que vimos de comezar despois das 20 exitosas actuacións do último trimestre de 2021. 

-Este venres (sexta feira), 21 de xaneiro, ás 20.30 h, representarase no auditorio do edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo). A entrada gratuíta e pode reservarse chamando ao teléfono 981665597. 

-O sábado, 22 de xaneiro, ás 20.30 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña  (os billetes poden adquirirse na billeteira da praza de Ourense ou https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/gl/teatro/teatro-rosalia-castro/13322–a-lua-vai-encuberta-de-manuel-maria.html?fbclid=IwAR3rZlU9lcY8kDNI3dpUl0L9D0h2BEmLd0PvtHvQSOa9mHshCMnEdtB3jM4).

As próximas serán, polo de agora:

28 de Xaneiro de 2022- O BARCO DE VALDEORRAS

. 04 de Febreiro de 2022- ARTEIXO. 

. 05 de Febreiro de 2022- AS PONTES. 

. 11 de Febreiro de 2022- CARBALLO.

.12 de Febrero de 2022- NOIA.

. 10 de Marzo de 2022- MONFORTE DE LEMOS.

. 11 de Marzo de 2022- AMES.

. 12 de Marzo de 2022- OLEIROS.

. 13 de Marzo de 2022- RIBADEO.

.19 de Marzo de 2022- VIVEIRO.

. 25 de Marzo de 2022- RIBEIRA.

. 26 de Marzo de 2022- BRIÓN.

. 27 de Marzo de 2022- CEDEIRA.

. 02 de Abril de 2022- CANGAS.

.03 de Abril de 2022- CAMBADOS.

. 10 de Xuño de 2022- FERROL.