O sábado, 9 de xullo, retómase o CONVIVIO DA CULTURA GALEGA, cun encontro de novo na Carballeira de Santa Isabel (Outeiro de Rei) e onde se fará unha boa festa ao redor da figura de Manuel María e celebrando a cultura de Galiza.
O programa para este día será o seguinte: 11.30 Acollida de participantes diante da Casa-Museo Manuel María ao son da música de Birloque Gaiteiros. 11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María. 12.30 Actuación, en Santa Isabel, da Banda de Música SONS E SOÑOS de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales, e acompañada pola voz de UXÍA. 13.45 Xantar de convivio (cada quen ten que traer a súa comida e bebida) 16.45 Foliada na carballeira coa actuación de PARABÉNS, XURXO SOUTO e RICHI CASÁS, TRADIVIVAS AGRA, BIRLOQUE GAITEIROS, AIRINHOS DO FIOUCO E FOLIADEIR@S DO CASTRO. Guía a festa: Xurxo Souto.
Encontro do asociacionismo cultural de base. As directivas das entidades pertencentes a GALIZA CULTURA (e quen quixer…) reuniranse ás 12,15 no auditorio da Casa-Museo Manuel María para articular a súa actuación en común.
Unha mala decisión, un xe no cadrado erróneo, un descoido ao volante… Un intre de desatención e, de súpeto… Soan campás disonantes e non sabe un a que aterse. O erro, xurdido de puntual distracción, ocupa o momento. O erro. Sempre firme no seu desfile. Sempre abrollando cando non o consideramos, cando obviamos a súa ameaza constante. Cando esquecemos ter presente unha das súas formas. O erro, que nunca perde a colleita. E nós, que aprendemos do temporal que nola estraga. Que convivimos coa nosa condición de seres que se trabucan e que acertan. E que volven espreguizar os dedos cando os días se engurran. Porque aínda hoxe, con outra feitura e con miradas de estrea, o milagre segue sendo posible.
O grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatiros síntomas do tanxumono” ata que o terceiro disco, xa dispoñible en prevenda, chegue as súas mans
O vindeiro venres 24 de xuño, na noite de San Xoán, as pandeireteiras publicarán
ás 00.00 horas en todas as plataformas dixitais o seu novo sinxelo, ‘Seghadoras’
Tanxugueiras xa ten data de lanzamento do seu terceiro disco: o venres 29 de xullo. As pandeireteiras revelan así unha das preguntas máis recurrentes pola súa comunidade de fans, que nos últimos meses tiveron ocasión de escoitar, paseniño, algúns dos sinxelos que formarán parte do mesmo, como ‘Desidia’, ‘Pano Corado’, Averno’, ‘Figa’, ‘Midas’ou ‘Terra’. O novo álbum, que as cantareiras están a avanzar nos directos da súa espectacular Xira Midas, terá a súa presentación oficial nun festival: será o sábado 6 de agosto no marco do SonRías Baixas (Bueu).
No marco deste anuncio, o grupo presenta a Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras,a campaña de prevenda deste terceiro disco e no que Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro animan ao público a reservar e apoiar o seu novo traballo discográfico. “Non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco”, sinalan as músicas.
A plataforma é, ademais, unha chiscadela do trío de cantareiras á súa comunidade de fans para “combatir otanxumono” mentres que o álbum non chega. “Entre os síntomas máis comúns do tanxumono”, segundo sinalan Olaia, Aida e Sabela, inclúese “o tembleque pandeireteiro nunha das mans ou aturuxar máis de tres veces ao día sen motivo aparente”.
A noite meiga é unha data moi sinalada en Galicia. Tanxugueiras quere celebrar este San Xoán presentando un novo tema para “dar a benvida ao novo, ao lume purificador e deixar atrás malos recordos e cargas innecesarias”. Así, o vindeiro venres 24, a partir das 00.00 horas, Tanxugueiras publicará en todas as plataformas dixitais o sinxelo ‘Seghadoras’, tema que se acompañará dun videoclip que terá, de novo, a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro como protagonistas.
Ao longo desde 2022, o grupo deu a coñecer algunhas das súas creacións que estarán presentes neste terceiro álbum. É o caso das recentemente lanzadas ‘Desidia’ ou ‘Pano Corado’, ademais das xa coñecidas ‘Averno’ (que conta coa colaboración de Rayden), ‘Midas’, ‘Figa’ ou ‘Terra’, temas que suman millóns de reproducións e visualizacións nas plataformas.
· Rueda, mestra de contadores con máis de trinta anos de experiencia, brindará unha sesión do espectáculo infantil e familiar ‘Contos cantados, cantos contados’
· O espectáculo será na Biblioteca Pública Juan Compañel este sábado ás 12 horas e terá entrada gratuíta pero cómpre reservar previamente o convite
Os cativos de Vigo van ter a oportunidade de gozar coas historias da colombiana Carolina Rueda, unha das narradoras máis importantes do seu país. O espectáculo familiar ‘Contos cantados, cantos contados’ será na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e chega a cidade olívica grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e mais a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Aínda que a actividade é gratuíta, para asistir cómpre reservar o convite na biblioteca ou ben no teléfono 886 120 445.
En ‘Contos cantados, cantos contados’ Carolina Rueda mestura cantos e historias colombianas e universais. Nun espectáculo divertido e brincador, a contadora establece un dialogo cos nenos e cos pais en homenaxe á memoria, aos medos, á familia e á amizade. Historias da tradición oral caribeña, cashinagua e española alternaranse con contos de Kipling e dos irmáns Grimm, entre outros.
Carolina Rueda ten máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos pero tamén como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres, de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.
Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami, e Denison, pero tamén en institucións de España, Perú e Chile.
Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.
Contos por todas Galicia
O Festival Atlántica vaise inaugurar oficialmente o vindeiro 30 de xuño e desenvolverá un intenso programa de actividades ata o 9 de xullo. Ao longo deste encontro internacional de narración oral, 42 artistas protagonizarán as 94 funcións programadas que chegarán a 24 concellos de toda Galicia. Nesta edición, ademais de Vigo, haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne, Zas e Santiago de Compostela.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.
Ao final descargou e menos mal, pensou Roberto, mentres se erguía da cama onde levaba media tarde tumbado e sen folgos, resistindo a base de auga traída da fonte de Castelo. As elevadas temperaturas, próximas aos 35º, e a humidade relativa do aire por riba do 80% -falou a señorita, malo, díxose. A señorita era a voz do higrómetro, que viña de dicir: “ la humedad relativa del aire ha sobrepasado los límites recomendados”, fixeran do día unha xornada insoportable, e máximo para el, que tiña un principio de EPOC; os excesos pasados, preto de dous paquetes de Ducados ao día, pasaban factura.
Pero por fin refrescaba algo e era o momento, agora que o día comezaba a declinar, de dar a volta diaria, recomendada pola doutora Sabela: uns dous quilómetros circulares bordeando a vila. Así que, despois de pasar polo baño e levar auga da billa á cara, que máis ca estarricalo o que lle fixo foi engruñalo aínda un pouco máis, do quente que saía, botouse ao camiño.
Os paxariños, agora cantaban alegremente, mesturándose os seus cantos, que tan ben coñecía. Gorrións, paporroibos, merlos, mesmo algún xílgaro amenizaban o paseo, ao que se sumaba o monótono son dos cantareiros grilos agochados nas silveiras. Aínda ben non levaba cen metros, comezou a sentir unha forte opresión no peito, e iso que agora tocaba baixar. Pode que teña que chamar ao fillo, non sei se serei quen de rematar o percorrido, pensou, e mentres dicía isto, levou a man dereita ao bolso do pantalón por ver se tiña o móbil. Alí estaba o vello aparello, de máis de dez anos, que só utilizaba para facer chamadas. Eu desas trapalladas de Internet, guasaps, feisbu, non quero saber nada, son inventos do demo, opinaba.
A duras penas conseguiu chegar ao Polígono Industrial e alí, nun banco, sentou a descansar. Ao intre veulle á mente a súa aldea, na que agora xa só quedaba o Federico e a Josefa, pero que cando el era neno e mozo, estaban habitadas todas as casas, unha ducia delas con preto de cen veciños. El e Manuela, a muller, viñeran había uns quince anos, despois de xubilarse, para a vila, á casa do fillo. O ano pasado por estas datas morrera Nola, así a chamaba; un día sentiuse mal e en menos dunha semana, alá se foi. Custoulle tempo superalo e aínda hoxe non levaba ben a súa morte.
Coma nun filme, empezou a pasar a súa infancia por diante dos seus ollos: el cos seus pais axudando na sega, na malla (era unha das tarefas que máis lle gustaban, xuntábase toda a vila, era coma unha festa), nas patacas, alindando as vacas, na souta, na matanza… A escola e aquel mestre, do que prefire esquecer o nome, que o único que lles daba eran paus por calquera motivo, obrigándoos a rezar, a cantar “El Cara al Sol” ou “Prietas las filas” e a beber aquel leite en po, que non había quen o tragase. Despois viñera outro mestre, D. Anselmo; ese si era bo. Rara vez lles tocaba, tiña que ser por un motivo moi grave. Rezaban o mínimo, coma por compromiso, e contadas veces cantaban himnos patriotas, agás que viñese o inspector. Para cando había visita de Inspección, tíñaos ben adestrados para contestarlle o que o funcionario quería escoitar. A D. Anselmo o único que lle preocupaba era que aprendesen a ler e escribir, facer ben as contas e os problemas e que pensasen por eles. Todo o que sabía era grazas a este mestre, a quen lle estaba moi agradecido, ao igual que os seus compañeiros.
Roberto cada vez se atopaba peor, comezou a sentir unha dor na perna esquerda, pero non lle deu importancia, e seguiu enfrascado nas súas lembranzas. Agora víase a carón do río a onde ía, na compaña dos amigos nunha tarde calorosa de agosto: os saltóns brincando polo prado, os cabaliños do demo zumbando augas abaixo, o canto das lavandeiras… Que ben o tiñan pasado! E, de pronto, viuse mozo, de merenda na romaría do Carme (cando se lle declarou a Manuela), o día da voda, a noite en que naceu a súa filla sen axuda de ninguén (cando chegou a comadroa, preto das catro da mañá, xa nacera Elena), o nacemento do seu fillo Nicolás, co que agora vivía… A dor da perna, de súpeto, pasou ao brazo, unha dor insoportable. Quixo berrar para pedir axuda pero non puido, acabou por caer do banco no chan. Todo o que viña de lembrar e outros momentos da súa vida volveron pasar pola súa mente, apenas uns segundos, e ficou completamente ríxido, cos ollos abertos coma mirando ao infinito.
Alí estivo, uns quince minutos, ata que chegou por alí Petra e o seu neto e atopárono. Un infarto acabara coa súa vida, un ano e dous días após a morte de Nola.