Todo listo para que a maxia de Inventio tome Ourense

Esta proposta escénica galega de gran formato inaugurará a tempada de Nadal cun total de tres funcións no Auditorio Municipal os días 2 e 3 de decembro

Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal

Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

Xa está todo a punto para o desembarco do espectáculo Inventio no Auditorio Municipal de Ourense os días 2 e 3 de decembro. A maxia, o circo e a danza están garantidos con esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar e inspirada no universo xacobeo. Os billetes para as tres funcións previstas en Ourense oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221201-Inventio-OURENSE1118

Andanzas do Suso de Lameliña. MORTE DOCE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MORTE DOCE

De repente atopouse só en plena rúa do centro da cidade. Coma por ensalmo desapareceron todos os viandantes; non comprendía nada do que estaba a suceder. Continuou o seu camiño, aínda non eran as oito da tarde, e a idea era ir tomar unhas cervexas ao bar do seu parente Xusto. Cambiou de rúa, tamén estaba baleira e todos os locais pechados a cal e canto, por suposto, o do seu parente. Un calafrío percorreu o seu espiñazo, algo grave estaba a ocorrer e semellaba que el era o único descoñecedor.

Decidiu regresar á casa. O silencio era sepulcral, a escuridade total. Estaban a principios de xaneiro e o alumeado público apagado. Nin nas vivendas se vía luz ningunha; talmente parecía que ninguén quedara na cidade. Cando estaba a uns douscentos metros da súa vivenda, pareceulle ver unha sombra nunha xanela que cun aceno lle conminaba a apurar o paso, algo que fixo, poñéndose a correr coma se tras del viñese o demo.

Cando entrou no portal da casa, tampouco había luz comunitaria e, por suposto, non funcionaba o ascensor. Así que tivo que subir ata ao sétimo piso, onde vivía, con serias dificultades, tentando as paredes na escuridade. Xa no piso, o primeiro que fixo foi darlle ao interruptor. Ao ver acenderse a lámpada do corredor, respirou. Dirixiuse, apresurado, ao salón e puxo o televisor. A programación en todos as canles era a habitual; ningunha nova fóra do normal. Cada vez comprendía menos o que estaba a pasar ou a pasarlle —chegou a pensar que era un problema seu, que estaba perdendo a razón—. Puxo en marcha a computadora, por ver se lle aclaraba algo, e ao igual que na televisión, non aparecía ningunha noticia alarmante.

Asomouse á xanela e a rúa seguía completamente deserta, así que decidiu ir ao piso da súa veciña, Amalia, que tamén vivía soa. Premeu o timbre, dúas ou tres veces e non houbo resposta. Á cuarta, cando xa ía meterse no piso, escoitou a voz da veciña: “ Que fas aí?, non sabes o que está a pasar?, métete dentro!”. Por moito que porfiou para que lle contase o que estaba sucedendo, non tivo contestación ningunha. O único que escoitou foi a voz do veciño de enfronte, que moi anoxado, lle ordenaba meterse dentro.

Non lle quedou máis remedio ca entrar no piso e agardar. Algo tería que ocorrer. Espiuse, puxo o pixama e deitouse; perdera totalmente as gañas de cear, o único que desexaba era que rematase dunha vez aquel pesadelo. Puxo a radio, que tiña enriba da mesiña, a súa compañeira de todas as noites. A programación era a habitual en todas as emisoras. Para desconectar un pouco, sintonizou Radio 3.  Juan Manuel Sánchez, acababa de iniciar o seu programa “El vuelo del Fénix”; hoxe, “Leyendas del rock 2”.

Non levaría nin quince minutos e un sono profundo comezou apoderarse del. Foi nese intre cando a viu a carón do leito: Manuela, a Sabia de Refoxo. Manuela levaba morta uns catro anos e na aldea dicíase que tiña tratos co demo, de aí os seus poderes de curandeira. O caso é, que aínda que as xentes do lugar falaban mal da boa muller por non cumprir coma todo o mundo coas obrigas cristiáns, cando tiñan algunha doenza acudían, sen dubidalo, a ela, antes có médico de cabeceira.

Pero chegou o día en que Manuela deixou este mundo, e o crego non permitiu que fose soterrada en lugar sagrado. Tivo que ser Eladio —as malas linguas comentaban que se vían ás agachadas— quen se fixera cargo do corpo e o enterrara ao carón da casoupa da coitada curandeira. Despois agardou medio ano a que lle chegase á hora da xubilación, e marchou para un piso da cidade que conseguira mercar grazas aos aforros de toda unha vida.

Agora, Eladio, recibía a visita de Manuela. Unha Manuela que se lle presentou tal é coma era en vida: A mesma roupa a cores, que ela mesma confeccionaba; o gorro de la, colocado medio atravesado; o sorriso pícaro, que tan ben coñecía, asomando por entre os beizos… E unha voz , un pouco máis rouca do que era a súa en vida, coma vida das entrañas da terra que lle dicía: “Boa noite, Eladio”.

Antes de seguir adiante co relato, cómpre contar o que foi da protagonista tras a súa morte, ocorrida despois de agonizar durante dous días, esquecida por toda a veciñanza, se non contamos a Eladio. Cando a alma se separou do corpo, esta (quen llo dixera ao cura e demais xente da aldea) foi recibida no Paraíso con todos os honores, chegando a formar parte dun selecto clan de espíritos aos que o Ser Supremo acode cando precisa algún consello ou algún tipo de axuda. E iso foi o que fixo esta noite, chamou a sabia de Refoxo e díxolle:

—Necesito que me fagas un favor. Tes que baixar á Terra e axudar a Eladio a morrer, coma el te axudou a ti. O pobre leva dous días agoniando, pero non hai xeito que a alma se desprenda por completo do seu corpo, anda vagando pola cidade sumida na desesperación. Para elo, vou facer que, durante unhas horas, as que precises para levar a cabo a túa misión, que a túa alma volva a formar parte do teu corpo. Non quero que te presentes ante Manuel coma unha pantasma (o habitual por outra parte), quero que te vexa tal e coma fuches en vida.

E niso anda agora. Superada a sorpresa por parte do doente, Manuela, a Sabia de Refoxo, vén de acurruncharse baixo as sabas a carón del e comeza a aloumiñalo. Sabe ben que poucas horas lle restan ao seu Eladio neste mundo, pero está disposta, que Deus a perdoe, a volver facer uso das súas facultades de curandeira para que a morte lle sexa o máis avelaíña e pracenteira posible.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: NA FOLLA

NA FOLLA, Miguel Díaz

Sermos, na confluencia do momento único. Ese ser teu en min, o meu en ti. Por medio da palabra e da escoita, compañeiros na mirada sosegada. O tempo teu no meu oído, o meu en ti escoitado.

Estender na folla a mirada. Percorrernos, entendernos camiños en sintonía. Incapaces, aínda, de despedirnos de todo o amado mentres fluímos entre pegadas de outonal policromía.

Foz acolle a última función da xira de inverno da ópera electrónica ‘Papagena’ coincidindo co 25N

Foz acolle a última función da xira de inverno da ópera electrónica ‘Papagena’ coincidindo co 25N

  • Papagena, inspirada nas persoas-paxaro d’A frauta máxica de Mozart, é un espectáculo con perspectiva de xénero que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica
  • Papagena pretende rachar tamén cos clixés asociados ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público ou o formato
  • A función do venres na Casa da Cultura de Foz vai ser a única oportunidade de ver na provincia de Lugo esta ópera electrónica en galego


Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vai pechar a súa xira de inverno en Foz este venres 25 de novembro, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Logo de itinerar por unha ducia de vilas galegas ao longo deste trimestre, Papagena vai brindar a súa única función na provincia de Lugo este 25N na Casa da Cultura de Foz. O espectáculo comezará ás 20.30 horas e terá entrada gratuíta ata completar o aforo.

Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada na persoas-paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Concibido para público adulto e adolescente, a trama de Papagena expón unha relación marcada polos celos e o control e narra o proceso que leva ao personaxe interpretado por Esperanza Mara a se liberar da súa cárcere vital. Un dos maiores avances político-social dos últimos tempos, a loita contra o sexismo, é a base para analizar e reescribir a Papagena mozartiana e darlle as ás que lle permitan voar e escapar da gaiola. Hai tamén na ópera de ButacaZero unha mensaxe clara que nas redes sociais da compañía condénsase no cancelo #nonsexaspapageno.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptouse a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo deste trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. Ademais, a entrada foi de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

20221122-NP-ButacaZero-Papagena-25N-FOZ