O acto contará coa presenza da autora do libro, LUZ CAMPELLO; con PILAR MASEDA e LUZ AIRADO, poetas da NPG, e con MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.
O fío, que pode sempre romper. Flutuando nos territorios do medo, gaiola infame, anuladora.
E, entre o medo, o lugar desde o que miro e o lugar desde o que son mirado. Ambos construíndo (me). Conformándome no territorio das ilusións fracturadas. No que son non sendo.
As ruínas nas que me recoñezo. E nas que vexo aínda un fogar. Un fogar que me habita.
O Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ, convoca a quinta edición do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2023, para conmemorar a homónima eferméride literaria.
Acabamos de estrear a primavera. Velaí uns poemas que fan alusión á estación florida do ano
NATUREZA EN PRIMAVERA
Xa sei que vés de arribar dunha longa e fría viaxe, que aínda o teu corpo non ten quentura dabondo. Pero noto que comezas a amosar unha nova roupaxe, con esa gama de azuis e verdes que tanto nos engaiola. Un lixeiro nordés bota por terra o teu florido chapeu e deixa albiscar uns brancos e fermosos cabelos. Imperturbable, douta e vella mestra, ensínasnos o ciclo eterno da nosa existencia, e de novo, outra vez máis, amósaste coas túas mellores galas, ti que tan pronto fas entristecernos coma aledarnos. Quero mergullarme de cheo no teu vexado e débil existir, e contigo compartir o rechouchío harmonioso dos merliños, o primeiro cucar do arteiro paxariño, o croar das ras nas charqueiras. Quero volver a ver polas noites as píntegas e os sapos cruzar as corredoiras, escoitar o canto dos grilos e ollar coma a velliña fai o caldo. Hoxe, benquerida e venerada natureza dás os primeiros pasos cara ao teu novo estado, e acios de amarelas e recendentes mimosas acicálanse para mellor engalanar o teu ben lucido verdor, ao tempo que se rompe o silencio polo grallar dunhas pegas rebordás empoleiradas no curuto dunha rebola, ou polo asubío dun árbitro e o bourear de cativos que moi preto se divirten xogando ao deporte rei. Sentado no valo da leira olfacteo o grato cheiro a herba fresca, mentres acariño ao meu asustadizo e inquedo gatiño. Ao fondo, carballeiras espidas, agardan a chegada de novos aderezos e unha fumareda xurdida dun eido lixa o teu estreado traxe azul. Un grupo de mozos e mozas, nas mans uns ramos de flores, entran no camposanto, mentres ao lonxe, soa o estrepitoso ruído dunha motoserra. Érgome e ollando para o ceo diviso un ronsel branco dun reactor que semella converxer co teu cano cabelo. Paseniñamente, con Tigre no colo, camiño cara á casa… Unha saborosa empanada de liscos e un bo Mencía, por min agardan.
……………………………………………………………………..
Procuro nos teus ollos o verdor da primavera, o canto dos paxaros de Vivaldi, as adolescentes chorimas, aquel vinte e cinco do setenta e catro, Grândola Vila Morena… E só atopo a ollada triste da soidade, apenas un fío de esperanza.
……………………………………………………………………………………….
C or amarela H ospitalaria flor O rnato dos nosos montes R aíña da primavera I cona da galeguidade M iña A dorada adolescente. ……………………………………………………………………………………
Primavera, soños de margaridas, axóuxeres na distancia.
Primavera, gacela en celo
na foresta da virxindade.
Primavera en clave de sol, melodía que se extingue.
………………………………………………………………………………..
Bebín da cunca da alba O celme da túa querenza Chegou a primavera Nas ás dun novo amencer Ardendo mais sen queimar ………………………………………………………………………………………………………..
Escribo domingo primavera sinfonía cuarta de Mendelssohn mentres a mañá pasa engorde e unha gaivota alba e solitaria sobrevoa un ceo aínda cinsento. Escribo Florencia Roma Venecia o sol tenuemente comeza a asomar e abro a xanela para imaxinarte desbordante luz do sur. Escribo Andante con moto beldade música Italia Minueto con moto moderato o sol aloumiña o meu rostro e unha lixeira brisa sansanica docemente o folio. Escribo Saltarello acuarela napolitana.
Este venres 31 de marzo, ás 20:30, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro CERÁMICA COMÚN NA GALLAECIA ROMANA, de SARA BARBAZÁN DOMÍNGUEZ, organizado pola ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO MUSEO DE VILALBA-AMUPAV, entidade coa que o IESCHA colabora e apoia nas súas actividades e reivindicacións.
O acto contará coas intervencións de ÁNGEL VILLA VALDÉS (Museo Arqueológico de Asturias); EDUARDO RAMIL REGO (Universidade de León), e SARA BARBAZÁN DOMÍNGUEZ (autora do libro).
Neste terceiro avance, a banda traballa coas texturas electrónicas e os sintetizadores nunha evocadora letra que mestura imaxes medievais e contemporáneas
O vídeo da canción, a cargo de David Silva, xoga coa idea dos retratos filmados situando ao grupo na estrañeza dun recinto ecuestre
Con este sinxelo, Ataque Escampe revela tamén información sobre o LP Cabalgata, con cancións producidas polo Hevi e que estará dispoñible a finais de abril
O Ataque Escampe publicará mañá, venres 31 de marzo, Cabaliño lento, novo adianto do seu álbum Cabalgata, o que será o oitavo traballo de estudio de Ataque Escampe e que estará dispoñible a finais de abril. O tema, producido polo Hevi, acompañarase dun vídeo dirixido por David Silva.
O imaxinario dos cabalos é rico e variado ao longo da historia da arte. Cadros, filmes e cancións teñen xogado con el, levándonos da épica dos westerns ou os retratos ecuestres á realidade do traballo agrario ou a maxia festiva que na infancia nos traen os carruseis e as cabalgatas de Reis. No seu novo sinxelo,Cabaliño lento, Ataque Escampe entra nesta tradición á súa maneira, presentando unha canción delicada, construída sobre texturas electrónicas, na que o cabalo é parte do relato dunha despedida incerta. En troques de épica ou maxia, amosa unha vulnerabilidade tranquila que aparece (igual que as imaxes de cabalos) a miúdo en Cabalgata, o álbum da banda para o que Cabaliño lento serve de terceiro adianto.
Despois do achegamento á música disco de Lamborghini e o synth-funk de Viaxamos a Miami, con este tema Ataque Escampe continúa achegándose a diferentes estilos sen abandonar unha perspectiva pop. EnCabaliño lento a voz achégase ao estilo da canción melódica pero o dominio dos sintetizadores pode levar a banda a un terreo próximo ao dream pop de Beach House, tamén pola repetición minimalista dunha base de caixa de ritmos e baixo que remite tanto a Gorillaz como, na súa estrutura, a algunhas danzas do barroco. A letra, con todo, vai nunha liña diferente á das referencias musicais (e novidosa para Ataque Escampe), utilizando o imaxinario medieval dunha maneira ambigua para afondar con tenrura e serenidade nos momentos, cousas e persoas queridas que quizais quedaron xa atrás no tempo.
Ao igual que nos últimos sinxelos da banda, Cabaliño Lento acompáñase dun vídeo dirixido por David Silva, que nesta ocasión entra tamén no imaxinario hípico desde unha perspectiva pouco común. Ao estilo dos retratos dos ‘screen tests’ de Andy Warhol, o director ralentiza a imaxe nun sutil zoom cara atrás para chamar a atención sobre os mínimos xestos do grupo e de Cacique, o cabalo que os acompaña. Desde a premisa sinxela dun único plano frontal, o clip combina a estrañeza de presentar a Ataque Escampe nun retrato ecuestre coa naturalidade que se impón a través dos pequenos azares incontrolables que a cámara rexistra. O vídeo estará dispoñible desde as 00.00 horas deste venres 31 na súa canle de Youtube.